ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 5/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, para a contratación temporal de persoas beneficiarias do Programa de Activación para o Emprego, e se procede á convocatoria para o ano 2015.

I. ANTECEDENTES
O día 3 de febreiro de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, xunto co cal remite proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, para a contratación temporal de persoas beneficiarias do Programa de Activación para o Emprego, e se procede á convocatoria para o ano 2015, e solicita, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas e subvencións que baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro sinaladas no artigo 3º, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas beneficiarias do Programa de Activación para o Emprego regulado polo Real Decreto-lei 16/2014, do 19 de decembro (BOE nº 307, do 20 de decembro de 2014), para a realización de servizos de interese xeral e social, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.
Segundo a Exposición de motivos deste proxecto normativo, o Acordo sobre o Programa Extraordinario de Activación para o Emprego, asinado o 15 de decembro de 2014 entre o Goberno do Estado e os Interlocutores Sociais ten como obxectivo o de facilitar a reinserción laboral das persoas desempregadas de longa duración con cargas familiares e con maiores dificultades de colocación e cun contido específico de orientación, formación, recualificación e/ou recoñecemento da experiencia laboral, xunto a unha medida de protección, a través dunha axuda económica que lles acompañe durante a súa duración e que lles permita o mellor aproveitamento posible das medidas de activación que se deseñen para dar resposta as súas necesidades específicas. Este Acordo se concreta coa publicación do Real Decreto-lei 16/2014, do 19 de decembro, polo que se regula o Programa de Activación para o Emprego,  que se configura como un programa específico e extraordinario de carácter temporal, dirixido a persoas desempregadas de longa duración. A Xunta de Galicia e os Interlocutores Sociais presentes no Dialogo Social en Galicia - Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT-Galicia) e o Sindicato Nacional de Comisiones Obreiras de Galicia (SN de CCOO de Galicia)- os efectos de posibilitar que o efecto destas medidas en Galicia sexa máis rápido e eficaz, teñen asinado en data 14 de xaneiro de 2015, un Acordo sobre as  Liñas Básicas para o Desenvolvemento en Galicia do Programa de Garantía Xuvenil e do Programa Extraordinario de Activación para o Emprego.
Ao tratarse dun programa novo, o borrador non ten antecedentes noutras anualidades, non obstante a regulación que se fai do programa e prácticamente idéntica á que figura na Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á convocatoria para o ano 2015 (ditame 32/2014). Aínda non temos coñecemento da publicación oficial da referida orde, polo que non é posible saber se tiveron en conta as consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:
Trátase dunha nova convocatoria dirixida a contratación de persoas traballadoras desempregadas beneficiarias do Programa de Activación para o Emprego, para a realización de servizos de interese xeral e social, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.
Destácanse as novidades con respecto a Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á convocatoria para o ano 2015 (ditame 32/2014).
O importe do crédito dispoñible para esta convocatoria (artigo 2º) é de 2.000.000 €
No artigo 5º, relativo a contía da subvención, engádese un novo apartado 3 no que se dispón que da subvención concedida para os custos salariais, no momento do pagamento  descontarase a cantidade correspondente á axuda económica mensual prevista no Programa de Activación para o Emprego pendente de percibir e mentres coexistan a percepción da axuda e a contratación subvencionada pola orde.
No artigo, relativo ao procedemento (artigo 10º), substitúese no parágrafo terceiro do número 3 a redacción anterior de “secretario/a” pola xenérica de “secretaría”.  
No número 4 do artigo anterior, relativo a criterios de valoración específicos, engádese unha nova letra a), na que se valora o ámbito sectorial das entidades solicitantes segundo as fins recollidas nos seus estatutos e en relación co contido do servizo que se vai realizar. Así mesmo, engadese un novo apartado 6 no que se dispón que o órgano instrutor poderá modificar á baixa na proposta de resolución o número máximo de persoas traballadoras e o tempo a subvencionar, segundo entenda xustificado adecuadamente o obxecto e necesidade do proxecto, así como as funcións a levar a cabo polos traballadores ou traballadoras e o número de persoas e colectivos beneficiarios.
Polo que se refire a resolución, regulada no artigo 11º, modifícase a porcentaxe de cofinananciamento do FSE neste programa, que pasa a ser do 92,5% ao 80% ao encadrarse no Programa Operativo Adaptabilidade e Emprego 2007-2013. Engádese tamén un novo apartado 5 que establece que os incrementos de crédito, así como o crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, destinaranse á concesión de subvencións, se é o caso, para aqueles servizos que, por insuficiencia de crédito, non chegaron a obter subvención e, no suposto de que unha vez concedidas todas as subvencións solicitadas non se esgotase o crédito, poderá exceptuarse a aplicación dos límites máximos establecidos no apartado cinco do artigo anterior e destinar dito crédito á concesión de novas subvencións. Finalmente modifícase a redacción do apartado 6 (antes 5), que engade a referencia a outros textos normativos, Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Nesta convocatoria inclúese un novo artigo 12º, destinado a regular os requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras, no que se dispón que as persoas traballadoras que sexan contratadas para a realización dos servizos polos que se outorgue a subvención deberán ser, en todo caso, persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes de emprego e beneficiarias do Programa de Activación para o Emprego. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no do inicio da relación laboral. A entidade beneficiaria da subvención é a responsable de comprobalo, mediante a presentación de oferta específica do programa de contratación de beneficiarios do Programa Activa na oficina pública de emprego en modelos normalizados e fará referencia aos requisitos e características que deben reunir os traballadores e traballadoras que se contratarán para o adecuado desempeño das funcións inherentes aos postos de traballo ofertados. Deberá presentarse unha oferta por cada categoría profesional dentro de cada ocupación, que deberá responder á codificación prevista no Catálogo Nacional de Ocupacións (CNO).
Polo que se refire a xustificación e pagamento, regulados no artigo 14º, inclúese unha nova letra c) no número 2, relativo a documentación a presentar, os orixinais ou copia compulsada do documento acreditativo do período e a contía da axuda económica recoñecida ou da Resolución do Servizo Público de Emprego estatal que recoñece a admisión ao Programa e o pagamento da axuda económica de acompañamento, correspondente ao programa Extraordinario de Activación. Na letra d), engádese tamén, dentro do certificado do órgano competente da entidade beneficiaria, a formulación da correspondente oferta de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, que debe especificar o número identificador desta e a relación nominal das persoas traballadoras desempregadas facilitadas por aquel, así como das persoas candidatas finalmente seleccionadas e contratadas.
Entre as obrigas das entidades beneficiarias recollidas no artigo 15º, elimínase a relativa a realización dunha valoración do nivel de competencia profesional por requirimento dos órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar, así como un informe global en que se describan tanto os puntos fortes como as carencias dos demandantes de emprego sen titulación de tipo profesional que se incorporen ao mercado de traballo a través dos programas regulados na convocatoria.

No artigo 16º, relativo ao cofinaciamento do programa polo FSE dentro do Programa Operativo Adaptabilidade e Emprego PO 2007 ES 05U PO 001, para o período 2007-2013, recóllese a normativa comunitaria aplicable e dáselle unha nova redacción o apartado II en relación cos sistemas de xestión e control establecidos no artigos 13, 14 e 15 do Regulamento (CE) Nº 1828/2006, polo que de acordo co recollido na letra b) deberase manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, ata a anualidade de 2021 e, en todo caso, durante un mínimo de tres anos a partir do peche do Programa Operativo Adaptabilidade e Emprego 2007-2013 en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
Finalmente no artigo 17º, relativo a revogación e reintegro, engádese un novo número 2 no que se recolle, de acordo co disposto na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, que o importe a reintegrar determinarase de acordo cuns criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión.
Polo que se refire ás disposicións adicionais e finais, ordénanse dentro dun título xeral de “disposicións adicionais” e “disposicións finais” respectivamente e as disposición finais deixan de denominarse “derradeiras”.
Engádense dúas disposicións adicionais novas, a terceira e a cuarta. A terceira dispón que por resolución da persoa responsable da Dirección Xeral de Emprego e Formación poderanse establecer os criterios necesarios para que, a través desta orde, en canto aos colectivos prioritarios, se poidan cumprir os obxectivos establecidos polo Servizo Público de Emprego de Galicia, de acordo coas directrices de emprego e as que poidan emanar do Dialogo Social e Institucional en Galicia e a demais normativa e acordos que, se é o caso, resulten de aplicación. Pola súa parte, a disposición adicional cuarta establece que para os efectos de que poidan ser tidas en conta na valoración de solicitudes de exercicios posteriores, as oficinas de emprego comunicarán á Subdirección Xeral de Emprego as incidencias que se poidan producir nos procesos de selección, así como a relación de entidades que non lles comuniquen os resultados da selección, de conformidade co establecido no artigo 12º.  
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, para a contratación temporal de persoas beneficiarias do Programa de Activación para o Emprego, e se procede á convocatoria para o ano 2015” consta de: Exposición de motivos, dezasete artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.



O día 16 de febreiro de 2015 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén once consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, como anexos, as consideracións sobre a valoración da norma de carácter non unánime seguintes: unha xeral e dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN. de CC.OO. de Galicia (Anexo I), catro específicas manifestadas pola CEG (Anexo II), unha específica manifestada pola CEG e o SN de CCOO de Galicia (Anexo III), dúas específicas manifestadas polo SN de CCOO de Galicia e UGT- Galicia (Anexo IV) e unha xeral e unha específica manifestada pola CIG (Anexo V).





DITAME 5/15



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, para a contratación temporal de persoas beneficiarias do Programa de Activación para o Emprego, e se procede á convocatoria para o ano 2015”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 3 de febreiro de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 16 de febreiro de 2015, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 3º.- Entidades beneficiarias. Requisitos.
O apartado 3 deste precepto recolle unhas presuncións da capacidade técnica e de xestión suficiente das entidades e inclúe, na letra b), o feito de ser titular dun contrato de telefonía fixa no local que se pretende habilitar ao efecto destas axudas.
Este Comité considera que debería ser indistinto se se trata dun contrato de telefonía móbil ou fixa, polo que propón que se suprima a especificación.

Segunda.- Artigo 5º. Subvención: Contía.
No apartado 2 deste artigo establécese unha escala respecto da contía da subvención en función do grupo de cotización das persoas traballadoras contratadas.

Este Comité considera que, en lugar da referida escala, se debería manter a redacción que figuraba nos apartados 2 e 3 da orde do exercicio de 2011, nos que a contía da subvención se establecía segundo uns módulos por grupo de cotización que tomaban como base o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).

Terceira.-.- Artigo 5º. Subvención: Contía.
En relación co establecido no apartado 4 deste artigo, este Comité considera que debería incluírse entre os conceptos subvencionables a indemnización prevista polo artigo 49º.1 c) do Estatuto dos traballadores, xa que forma parte do custo que supoñen esas contratacións para a entidade e non se trata dun custo de carácter voluntario, e posto que, ademais, noutros programas si ten o carácter de subvencionable.

Cuarta.- Artigo 5º. Subvención: Contía.
O inciso final do apartado 4 deste precepto exclúe da consideración de custos salariais elixibles aos incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

Chama a atención esta regulación xa que, desde a entrada en vigor do Real decreto-lei 16/2013, a meirande parte dos complementos son cotizables e, polo tanto, deben ser obxecto de subvención.

Quinta.- Artigo 6º. Presentación de solicitudes.
No apartado 6 deste artigo recóllese que só poderá presentarse unha solicitude por entidade beneficiaria.

Este Comité considera que a cualificación de “beneficiaria”a unha entidade no momento da solicitude é anticipada, polo que propón que figure soamente que só poderá presentarse unha solicitude por entidade.

Sexta.- Artigo 10º. Procedemento.
No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase no apartado 4, parágrafo final,  como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.
Este Comité entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.
Sétima.- Artigo 11º. Resolución.
O prazo de cinco meses que se establece no apartado 2 deste artigo para resolver as solicitudes presentadas parece excesivo, polo que este Comité propón que se reduza a tres meses, prazo que se considera suficiente.




Oitava.- Artigo 13. Contratación dos traballadores e traballadoras.
Este Comité entende que, en coherencia co disposto no artigo 4º d) deste proxecto normativo, na referencia que se fai á modalidade de contrato de traballo temporal, deberíase especificar que este deberá ser “de 6 meses”.

Novena.- Artigo 15. Obrigas das entidades beneficiarias.
Neste artigo recóllese un apartado primeiro. Dado que non existen mais apartados, este Comité entende que debería suprimirse a numeración.

Décima.- Artigo 16º.- Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.
No apartado 2. II.a) deste artigo establécese que as entidades beneficiarias das axudas deberán manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados polo FSE, referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión.

Este Comité considera necesario que se especifique neste apartado que gastos son os que deben asentarse na contabilidade separada, se soamente aqueles que son subvencionables ou todos os que se produzan como consecuencia da prestación do servizo.

Décimo primeira.- Artigo 16º.- Cofinaciamento polo Fondo Social Europeo.
Este artigo dispón no seu apartado II, letra c) da necesidade de presentación de orixinais ou copia compulsada da documentación. Este Comité propón que se admita tamén a posibilidade de copia cotexada.



























ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA
Consideración xeral:
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais observan que, no texto do proxecto normativo, non se especifica que as entidades destinatarias non poidan recibir contraprestacións económicas das persoas usuarias ou destinatarias dos servizos prestados coa actividade das persoas contratadas. Entenden que o proxecto de orde debería ser taxativo ao respecto e prohibir expresamente a recepción de calquera contraprestación económica.
Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 4º.- Requisitos dos servizos a prestar.
Na letra b) deste artigo establécese que os servizos que se desenvolvan mediante a actividade deberán cumprir o requisito de que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e práctica profesionais das persoas desempregadas a contratar.
As organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CC.OO. de Galicia e a CIG propoñen substituír a expresión “favoreza” pola de “garanta”.

Segunda.- Artigo 10º.-Procedemento.
En relación coa consideración específica sétima, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar , a maiores, o seguinte:
A Administración ten explicado a substitución do criterio que outorgaba puntuación ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.
É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.


ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
O apartado 3 deste precepto recolle unhas presuncións da capacidade técnica e de xestión suficiente das entidades e inclúe, na letra c), o ter contratado por conta allea por máis de seis meses algunha persoa traballadora nos últimos tres anos, sen que se poidan computar os contratados mediante as axudas e subvencións correspondentes aos programas e medidas das Políticas Activas de Emprego.

A CEG considera que se debe aclarar a razón desta exclusión.

Segunda.- Artigo 3º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
Co obxetivo de proporcionar una maior seguridade xurídica ás entidades beneficarias, proponse a sustitución do apartado 4 a) deste artigo por esta nova redacción:

a) Que por mor de denuncias ou reclamacións, en ambos os dous casos por escrito, se teña acreditado no correspondiente expediente administrativo incoado ao efecto, o incumprimento por parte da entidade solicitante da obriga de satisfacer ao seu vencimento, as obrigas económicas derivadas do funcionamento dos servizos subvencionados en exercícios anteriores por causa imputable á entidade beneficiaria, especialmente as de carácter salarial.

Así mesmo, o criterio establecido no apartado 4.b), relativo a outros programas xa extintos, non garda relación coa presunción de capacidade que a entidade debe ter para aceder ás axudas aqui reguladas. Por este motivo se solicita a súa eliminación.

Terceira.- Artigo 6º. Presentación de solicitudes.
A CEG considera que o prazo de presentación de solicitudes de 1 mes, recollido no apartado 3 deste artigo, é demasiado reducido, polo que solicita que sexa ampliado.

Cuarta.- Artigo 16º. Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.
Na letra b) do apartado II deste artigo establécese a obriga de mantemento dunha “pista de auditoría suficiente”. A CEG considera que se debería de clarificar o concepto de “suficiente” dada súa indeterminación.







ANEXO III
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA E O SN DE CCOO DE GALICIA:

Artigo 12. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e as traballadoras.
No número 2 deste artigo faise referencia ás categorías profesionais. A CEG e o SN de CCOO de Galicia entenden que xunto a categoría debería engadirse a referencia a “e/ou grupo profesional”.





















ANEXO IV
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA E AS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS SN DE CCOO DE GALICIA E UGT-GALICIA:

Primeira.- Artigo 15º. Obrigas das entidades beneficiarias.
Na letra c) do número 1 deste artigo disponse que as entidades beneficiarias deberán cumprir, entre outras, a obriga de “aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes á súa categoría profesional e titulación e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais e de Seguridade Social totais”.

A CEG e os sindicatos UGT-Galicia e CC.OO. de Galicia consideran conveniente armonizar a redacción do disposto nesta letra c) do apartado 1 co disposto no apartado 2 e) do artigo 7º e incluir a expresión “de ser o caso”:

c) “(…) e asumir, de ser o caso, a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais e de Seguridade Social totais”.

Segunda.- Artigo 15º. Obrigas das entidades beneficiarias.
A letra c) do número 1 deste artigo dispón tamén que as entidades beneficiarias deberá “aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan”. A organización empresarial e sindicais propoñentes consideran mais clarificador substituír a expresión “convencionalmente” pola de “por convenio de aplicación”.























ANEXO V

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG

Consideración xeral:
A grave problemática das persoas desempregadas de longa duración, en risco de pobreza e exclusión social, non se vai solucionar porque a unha parte delas (as que teñen responsabilidades familiares directas) se lle ofreza unha axuda condicionada de 426€ ao mes durante medio ano, que agora se pretende “reforzar” con esta Orde mediante subvencións ás entidades empregadoras, e non coa mellora das axudas ás persoas en desemprego.
Consideramos que este colectivo necesita urxentemente a garantía dun salario de inserción laboral mentres non atopen emprego en condicións dignas, ao tempo que se implementan polos gobernos políticas radicalmente distintas das actuais, que servan para reactivar a economía real e para crear emprego.
As denominadas políticas activas de emprego, que se veñen centrando fundamentalmente en investir en formación e en adicar inxentes recursos do Erario a subvencionar a contratación mediante unha multiplicidade de vías, téñense demostrado insuficientes e ineficaces para crear emprego e serven realmente para surtir de man de obra barata, ou mesmo regalada, a certas empresas.
No caso da Orde que hoxe ditaminamos, concurren ademáis outras circunstancias:
A panoplia mediática da que se revestiu a presentación pública das medidas que inclúen este programa, só atopa lóxica explicación no feito de atopármonos nas vísporas de varias convocatorias electorais. A este respecto, resulta rechamante que o goberno galego do Partido Popular agora requira e obteña o apoio dalgúns dos sindicatos máis representativos, cuxo concurso ven sendo desprezado nas políticas máis trascendentais dos gobernos dese partido, como son a contrarreforma laboral permanente, os recortes nas pensións, nos servizos públicos elementais e nas prestacións por desemprego, ou as agresións ao idioma nacional, por poñer algúns casos significativos.
Trátase, por outra parte, dun programa de previsible escaso impacto, pois apenas afectaría a dous centos de persoas, no hipotético caso de que se apliquen a totalidade dos recursos orzamentados (Dous millóns de €), é dicir, a menos do 1% das persoas potencialmente beneficiarias.
O deseño  e regulación desta Orde, que se identifica como complementaria do programa estatal denominado “Activación para o Emprego”, implican a disposición de persoal durante seis meses a custo salarial CERO para as entidades non lucrativas que contraten para a realización de servizos de interese xeral e social. Á vista de certos precedentes, procede preguntarse se os restantes 8 millóns de € previstos nos acordos que dan cobertura a esta norma, vanse adicar tamén a subministrar man de obra gratuíta a certas empresas privadas ou a determinados concellos.
Hai que resaltar, por último, que o texto desta Orde, que se presenta como froito do denominado “diálogo social” é sen embargo practicamente idéntica a outra Orde anterior, relativa a persoas mozas incluídas no chamado Plan de Garantía Xuvenil.

Consideración específica:

Disposición adicional terceira.
Na disposición adicional terceira, vencéllase o establecimento de criterios en canto aos colectivos prioritarios, ás directrices, entre outras, que poidan emanar do Diálogo Social e Institucional en Galicia. A CIG considera que debería suprimirse esta referencia, por resultar improcedente no articulado dunha norma legal.