ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 6/15

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE REGULA O RÉXIME DE SUBVENCIÓNS ÁS CENTRAIS SINDICAIS PARA O ANO 2015

I. ANTECEDENTES

O día 12 de febreiro de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, co que remite proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2015 e solicita, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo a exposición de motivos, este proxecto de orde ten como finalidade fomentar a realización das funcións propias das organizacións sindicais e a promoción do funcionamento dos seus gabinetes técnicos así como o apoio aos plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

As subvencións reguladas na referida orde son de dous tipos:
• Programa I: Axuda para o desenvolvemento das actividades ordinarias das centrais sindicais durante o ano 2015.
• Programa II: Axudas para promover o funcionamento de gabinetes técnicos das centrais sindicais e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 21 de xuño de 2014 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 4 de marzo de 2014 (Ditame 8/14), obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións de carácter unánime manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destacan as seguintes modificacións con respecto á orde do ano anterior:

Obsérvase, na exposición de motivos, unha diminución continuada do importe das axudas, que foi de 1.244.500 € no exercicio de 2013, de 1.170.000 € en 2014 e nesta convocatoria pasa a ser de 1.099.800 €.

Desta cantidade, o crédito para o programa I pasa de 830.500 a 780.200 € (artigo 4º) e o crédito para o programa II pasa de 340.000 € a 319.6000 € (artigo 8º).

Polo que se refire a denominación do programa II, obsérvase que varía a súa denominación, xa que na exposición de motivos e no número 1 do artigo 1º é a de “axudas para o funcionamento de gabinetes técnicos”, mentres que no número 3 deste artigo e no título do capítulo III é “axudas para promover o funcionamento de gabinetes técnicos”.

O artigo 5º, apartado 2, relativo ao programa I, especifica as  actividades que  serán subvencionables e cales non. O mesmo obsérvase respecto do programa II no artigo 8º, números 2 e 3.

Modifícase a forma de presentación de solicitudes (art. 10º), que agora poderá realizarse unicamente por medios electrónicos, cando anteriormente podía ser presentada en formato papel.

Na regulación da resolución no artigo 15º, elimínase no proxecto normativo o que figuraba ao final do numero 1 na anterior convocatoria, no relativo a que “as resolucións deberán ser sempre motivadas”.

Inclúese un novo artigo 16º, relativo á regulación dos datos de carácter persoal e modifícase a titularidade do ficheiro de datos que pasa do Cixtec á Secretaria Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar.

Polo que se refire á forma de pagamento e xustificación, o artigo 17º detalla agora, no seu número 5 letra e), a necesidade de achegar documentación adicional no caso de presentar nóminas como xustificación de gastos de persoal. Na letra l) deste mesmo artigo inclúese unha nova disposición, no seu número 3, no relativo á relación detallada dos cursos e demais actividades formativas desenvolvidas; agora é preciso especificar a porcentaxe mínima de asistencia esixida e ademais, no caso de formación, deberán achegarse os controis de asistencia de cada alumna ou alumno.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2015” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e dous artigos, dúas disposicións adicionais e tres disposicións finais.







O día 23 de febreiro de 2015 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres anexos coas consideracións xerais e específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma:


• Anexo I, que contén tres consideracións xerais e doce específicas de carácter non unánime manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia.

• Anexo II, que contén unha consideración xeral de carácter non unánime manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.


• Anexo III, que contén  unha consideración xeral de carácter non unánime manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia.





DITAME 6/15




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2015, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 12 de febreiro de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de febreiro de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:








ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

Consideracións xerais:

Primeira.
No ditame desta norma para o exercicio de 2008, as organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais manifestaron que non podían deixar de significar que persisten importantes diferenzas con respecto aos créditos orzamentarios de programas similares existentes na maior parte das restantes Comunidades Autónomas, polo que propoñían que se consignasen incrementos significativamente superiores ao IPC.

Malia isto, vense observando un descenso continuado dos importes globais das axudas obxecto deste proxecto normativo, pois entre 2010 e 2015, foise producindo unha minoración das contías constante:

2010: 2.125.000 €
2011: 1.913.500 €
2012: 1.758.900 €
2013: 1.244.500 €
2014: 1.170.000 €
2015: 1.099.800 €

A organizacións sindicais consideran que a porcentaxe de redución aplicada a estes programas (49,2%) resulta moi superior á media do descenso do orzamento xeral producida entre 2010 e 2015 (16,2%).

Segunda.
Este proxecto normativo, ao igual que nos dous exercicios anteriores, suprime o programa II de axudas ás centrais sindicais para a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais non comprenden a desaparición das axudas a estes gabinetes, que poden constituír un importante elemento anti-crise mediante o seu asesoramento en temas como, por exemplo, o autoemprego cooperativo.

Terceira.
En relación coa consideración xeral que  expresa  a CEG neste ditame, as organizacións  sindicais consideran que a súa base argumental está certamente desenfocada e, ademais, lembran a existencia de múltiples partidas orzamentarias que se entregan en exclusiva as organizacións  empresariais, que suman un montante moi superior ao previsto nesta orde.
As centrais sindicais queren poñen tamén de relevo, a este respecto, que mentres esta orde de subvencións ás centrais sindicais  sofre un novo recorte do 6%, outras partidas orzamentarias das que a CEG recibe a metade, non sofren merma algunha.

Consideracións específicas:

Primeira.-  Artigo 5. Entidades beneficiarias e actividades subvencionables.
Este artigo remítese incorrectamente ao artigo 2 da convocatoria (condicións xenéricas para os dous programas) cando a remisión debería ser feita ao artigo 1 (obxecto).  

Segunda.- Artigo 9. Entidades beneficiarias e actividades subvencionables.
No primeiro parágrafo deste artigo suprimiuse a alusión á Lei 11/1985 referida á representatividade das centrais sindicais, recollida na orde do exercicio de 2011, que consideramos debería manterse.

Terceira.- Artigo 12. Consentimentos e autorizacións.
Proponse que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Cuarta.- Artigo 14. Documentación específica.
No segundo parágrafo deste artigo esíxese xuntar copia compulsada dos contratos de traballo do persoal adscrito ao gabinete.

Proponse que se admita tamén a posibilidade de copia cotexada.

Igual consideración formúlase respecto do artigo 18, apartado 5, letras b) e f), así como respecto do artigo 13, apartado a).

Quinta.- Artigo 16.- Resolución.
O artigo 13 da orde do exercicio anterior, no seu primeiro parágrafo, establecía que as resolucións deberán ser sempre motivadas.

Considérase que debe manterse a redacción da orde anterior e que as resolucións deberán estar sempre motivadas.

Sexta.- Artigo 18. Forma de pagamento e xustificación.
Dado que os programas teñen por obxectivo subvencionar a actividade ordinaria e esta desenvólvese ao longo de todo o ano, considérase que se debería habilitar a posibilidade de xustificar gastos ata o 31 de decembro ou, en todo caso, por períodos anuais completos.




Sétima.- Artigo 18. Forma de pagamento e xustificación.
Neste artigo utilízanse na clasificación as letras j e k).

Considérase que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.

Oitava.- Artigo 18. Forma de pagamento e xustificación.
O apartado 5, letra b) deste precepto obriga a presentar facturas orixinas ou copias compulsadas seladas pola entidade emisora.

Na práctica, moitas facturas achéganse por correo electrónico e non veñen seladas pola entidade emisora.

Por iso, as organizacións sindicais propoñen que se admitan, como xustificación, as facturas emitidas por vía electrónica así como, para a xustificación do pagamento, a documentación aportada por banca electrónica.

Novena.- Artigo 18. Forma de pagamento e xustificación.
Segundo o apartado 9 deste artigo, non poderá realizarse o pagamento da subvención se a central sindical beneficiaria non está ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintrego ou teña calquera débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma.

As organizacións sindicais propoñen que se recolla a posibilidade de permitir á empresa beneficiaria subsanar a débeda en tanto en canto pode que non sexa coñecedora da súa existencia e que, se é debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro, que sexa firme a resolución e a débeda teña relevancia.


Décima.- Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 2 deste artigo disponse que cando se trate de axudas destinadas a promover o funcionamento de gabinetes técnicos das centrais sindicais, achegaranse antes do 10 de febreiro de 2016 os boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social onde figuren os traballadores e traballadoras con adscrición ao gabinete durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro do 2015 ou desde a data da súa creación, se esta fose posterior, ata o 31 de decembro do 2016.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran excesiva esta esixencia de achega documental, cando xa no artigo 14 se require, especificamente para este suposto, a achega de copia dos contratos de traballo do persoal adscrito ao gabinete de que se trate (ademais da documentación que recollen no artigos 13 e 18).


Décimo primeira.- Disposicións adicionais.

Obsérvase que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Décimo segunda.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais”, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.





ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA-


A Confederación de Empresarios de Galicia manifesta o seu total desacordo coa falta de equilibrio e ponderación de intereses que representa o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2015.

O proxecto normativo que se somete a ditame proporciona unha cobertura xurídica para o outorgamento de subvencións ás centrais sindicais  con representación na Comunidade Autónoma de Galicia, para o desenvolvemento das súas actividades ordinarias durante o ano 2015, para o funcionamento dos seus gabinetes técnicos e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Ao non ofrecer, no marco desta regulación ou noutra “ad hoc”, a posibilidade de concorrer á convocatoria por parte das asociacións empresariais en equilibrio coas organizacións sindicais, estanse a conculcar os principios de igualdade e paridade que deben observarse na sempre delicada composición de intereses que representan as relacións laborais.

A Confederación de Empresarios de Galicia, como asociacións empresarial máis representativa en Galicia, representa os intereses económicos e sociais dos seus asociados, de conformidade co establecido no artigo 7º da Constitución Española: “Os sindicatos de traballadores e as asociacións empresariais contribúen á defensa e promoción dos intereses económicos e sociais que lles son propios”.

As asociacións empresariais desenvolven actividades nas que o interese público está claramente presente (diálogo social e institucional, prevención de riscos laborais, fomento da creación de empresas, por poñer algúns exemplos sen carácter exhaustivo) e que deben ser apoiadas e fomentadas igualmente pola Administración Laboral.

Neste sentido, tanto o carácter como a función que ás asociacións empresariais lles encomenda o artigo 7º da Constitución, leva a consideralas como asociacións de relevancia constitucional que cumplen unha función de importancia de acordo coa propia Constitución e como importantes pilares dentro do Estado social e democrático de Dereito.

Que no texto da Constitución se incluíra o dereito de asociación empresarial ao lado do dereito dos sindicatos de traballadores á defensa dos seus respectivos intereses, é un correlato lóxico de trasladar ao noso ordenamento os Convenios 87 e 98 da OIT, que se refiren indistintamente a ambos tipos de organizacións sindicais e empresariais. Así mesmo a Carta Social Europea do Consejo de Europa de 1961, no seu art. 5, define o Dereito Sindical como a libertade dos traballadores e empregadores para constituir organizacións locais, nacionais ou internacionais para a protección dos seus intereses económicos e sociais, establecendo o compromiso de que a lexislación nacional non menoscabe esa liberdade nin se aplique de maneira que poda menoscabala.

É incuestionable o papel fundamental que cumpren as organizacións sindicais, pero exactamente no mesmo nivel é necesario situar ás organizacións empresariais. Deste modo, se as organizacións sindicais e empresariais cumpren unha función fundamental no noso sistema ata o punto de estar recollida a súa existencia no Título Preliminar da Constitución Española como garantes da defensa e promoción dos intereses económicos e sociais de persoas traballadoras e empresas, resulta totalmente inxustificado que existan subvencións específicas unicamente para unha das dúas partes.

































ANEXO III

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CC.OO. DE GALICIA:

As organizacións sindicais UGT- Galicia e SN de CCOO de Galicia solicitan que as expresións “centrais sindicais con representación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia” e “centrais sindicais intersectoriais” que aparecen recollidas no texto do proxecto normativo sexan substituídas por “organizacións sindicais intersectoriais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia”, tal como asinou o Presidente da Xunta no Acordo de Diálogo Social.