ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 7/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE) e a igualdade nas pequenas e medianas empresas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2015.

I. ANTECEDENTES

O día 19 de febreiro de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, xunto co que remite proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE) e a igualdade nas pequenas e medianas empresas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2015, e solicita, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo a exposición de motivos, a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) é un movemento  que promove nas  empresas a conciencia de velar pola satisfacción e cumprimento das  expectativas de todos os grupos de interese cos que interactúa. Establécese naquela que estamos ante un concepto en pleno desenvolvemento no tecido económico e social actual, que sen dúbida é moi beneficioso para o progreso da nosa sociedade e contribúe á mellora da calidade e competitividade das empresas. É unha forma de actuar moi eficaz para a mellora do modelo produtivo, xa que combina, ao mesmo tempo, criterios de eficiencia, sustentabilidade e igualdade de oportunidades.
Esta Orde conta con programas que están cofinanciados co programa operativo FSE Galicia 2007-2013 que recolle, no seu eixe 2 tema prioritario 65, a sensibilización en materia de igualdade na xestión empresarial e a promoción da implantación de sistemas de xestión de responsabilidade social empresarial nas empresas.

As axudas que contempla a Orde agrúpanse en dúas Liñas, a Liña I: axudas para implantar a RSE e a Liña II: axudas para o fomento da igualdade laboral, que a súa vez, se desagrega en 3 programas: programa 1: elaboración e implantación de plans de igualdade, programa 2: Axudas para  investimentos tendentes a garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral, e programa 3: Axudas para investimentos tendentes á eliminación da infrarrepresentación feminina nos eidos laborais ocupados predominantemente por homes.


Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde do 12 de xuño de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE) e a igualdade nas pequenas e medianas empresas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2014. e tendo en conta o ditame emitido polo Consello o 26 de febreiro de 2014 (Ditame 11/14), obsérvase que só se tivo en conta, parcialmente, unha das consideracións de carácter unánime manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Constátase unha leve minoración nas contías do importe total das axudas, que pasa de 397.737 € no exercicio do 2013 a 250.000 €  no 2014 e a 248.636 € no actual exercicio (artigo 3).

As solicitudes das axudas agora so poderán ser presentadas por medios electrónicos (artigo 23).

Engádese un novo artigo, o 26, relativo aos datos de carácter persoal.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE) e a igualdade nas pequenas e medianas empresas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2015” consta de: Exposición de motivos, sete capítulos, trinta e oito artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 2 de marzo de 2015 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén cinco consideracións xerais e dezaséis específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.

Contén así mesmo, en anexos, as consideracións xerais e específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma:

• 2 consideracións xerais e 11 específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I)
• 9 consideracións específicas manifestadas pola CEG (Anexo II)
• 1 consideración xeral manifestada pola CIG (Anexo III)


DITAME 7/2015




En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE) e a igualdade nas pequenas e medianas empresas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de marzo de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Este Comité amosa unha opinión contraria á unificación das normas de responsabilidade social empresarial e igualdade nunha soa orde, pois iso supón vincular o concepto de RSE á igualdade, cando aquel é un concepto moito máis amplo.

Isto, unido á progresiva redución de orzamento para estes programas, implica que a norma para impulsar a RSE nas empresas galegas se reduce a unha única liña de actuación para a elaboración das memorias de RSE e esquece todo o relativo á implantación desta e á consecución da cultura da responsabilidade social.

Ao mesmo tempo, sitúa nun lugar insignificante a consecución da igualdade entre homes e mulleres no mercado laboral, cando todos os indicadores económicos e sociais reflicten a necesidade de redobrar os esforzos para superar as desigualdades.

Segunda.
Dado que se está a ditaminar un proxecto normativo en materia de responsabilidade social empresarial e igualdade, este Comité considera que a Administración debería poñer unha especial énfase en recomendar ás empresas solicitantes que a documentación a presentar sexa redactada atendendo a unha linguaxe non sexista.

Terceira.
Aínda que se mellora a redacción con relación á anterior convocatoria, neste proxecto normativo obsérvase que seguen a manterse expresións de linguaxe sexista, polo que este Comité propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero.



Cuarta.
Sinálase nalgúns artigos do texto da orde (8, 32 e 37, entre outros) que a documentación se aportará en orixinal ou copia compulsada.

Este Comité propón que se admita tamén a posibilidade de copia cotexada.

Quinta.
No Capítulo IV, relativo ás “Axudas para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral”, regúlase, no artigo 16, a contía destas axudas.

Este Comité considera insuficientes as contías máximas por entidade beneficiaria que figuran no referido artigo: 6.000 € para o caso de habilitar lugares axeitados para repouso de traballadoras embarazadas, salas de lactación ou instalacións análogas e 10.000 € cando se trate de habilitar servizos de comedor e gardaría.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 2. Liñas e programas.
O apartado 1 deste artigo establece que a orde cubre as accións que se realicen entre o día 1 de xaneiro e o 31 de agosto de 2015.

Este Comité considera que debería ampliarse o prazo establecido no dito apartado.

Segunda.- Artigo 3. Financiamento e normativa reguladora.
No apartado 3 deste artigo faise referencia á liña I ou ao programa da liña II.

Este Comité considera que existe un erro e a referencia debe facerse á liña I ou ao programa I da liña II.

Terceira.- Artigo 3. Financiamento e normativa reguladora.
No apartado 6 deste artigo figura a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015 xunto á demais normativa de aplicación.

Este Comité considera que a referida lei debe identificarse como Lei 11/2014, do 19 de decembro.

Cuarta.- Artigo 5 . Requisitos específicos para as empresas beneficiarias.
No apartado 2 deste artigo obsérvase unha discordancia nos formatos das datas da publicación no DOG das disposicións, que debería ser corrixida.

Quinta.- Artigo 8 . Documentación.
Obsérvase un erro no apartado 10 deste artigo, polo que se propón corrixir a referencia ao artigo 30, que debe facerse ao artigo 29 do proxecto normativo.




Sexta.- Artigo 9 . Requisitos das empresas beneficiarias.
Á vista da memoria explicativa deste proxecto normativo que foi remitida ao Consello, este Comité considera que debería xustificarse o criterio polo que se establece a obrigatoriedade de que as empresas, para seren beneficiarias destas axudas, conten cun mínimo de 10 persoas traballadoras, recollido no apartado 2 deste artigo 9.

Sétima- Artigo 25. Consentimentos e autorizacións.
En relación co disposto no apartado 2 deste artigo, este Comité propón que se invirta a súa redacción para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Proponse a mesma consideración respecto do apartado 3 en relación co sistema de verificación de datos.

Oitava.- Artigo 29. Criterios de avaliación.
No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar secundario para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité considera que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Novena.- Artigo 29. Criterios de avaliación.
Así mesmo, este Comité advirte da existencia dun erro na numeración deste artigo 29, polo que se debería eliminar o apartado 1 por ser o único.

Décima.- Artigo 31. Forma de pagamento e xustificación.
No apartado 3 deste artigo sinálase que o pagamento efectuarase con carácter único e pola súa totalidade.

Este Comité propón que debería contemplarse a posibilidade de anticipos e pagamentos parciais.

Décimo primeira.- Artigo 32. Documentación acreditativa.
Neste artigo recóllese que o pagamento das axudas queda condicionado á presentación antes do 31 de agosto da documentación que se relaciona.

Este Comité entende que este prazo de presentación resulta de difícil ou imposible cumprimento. Esta imposibilidade acentúase neste exercicio aínda máis, en contra do criterio deste Comité, ao ter modificado o prazo límite para a presentación da documentación que no anterior exercicio era o 31 de outubro.





Décimo segunda.- Artigo 32. Documentación acreditativa.
Por outra banda, este mesmo artigo recolle a posibilidade da presentación da documentación nunha data posterior ao 31 de agosto, establecida na resolución de concesión.

As organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello consideran que esa nova posibilidade na resolución e non no texto da orde pode introducir elementos de discrecionalidade.

Décimo terceira.- Artigo 32. Documentación acreditativa.
Segundo o disposto neste artigo, non poderá realizarse o pagamento das axudas se a empresa beneficiaria non está ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social ou ten calquera débeda pendente coa administración.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a débeda en tanto en canto pode que non sexa coñecedora da súa existencia.

Décimo cuarta.- Artigo 32. Documentación acreditativa.
O apartado 4 deste precepto sinala os casos en que non se poderá realizar o pagamento da subvención, entre eles,  o suposto en que a empresa beneficiaria sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro.

Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible.

Décimo quinta.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic], respecto a que veñan encaixadas baixo un título común.

Décimo sexta.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, polo que propón a súa corrección.













ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Consideracións xerais:

Primeira.
As organizacións sindicais que integramos o Consello Galego de Relacións Laborais consideramos, unha vez máis, que é preciso vixiar o proceso de negociación dos plans de igualdade nas empresas, xa que temos constancia de que, en moitos casos, non se conta coa participación da representación legal das traballadoras e dos traballadores en ningunha das fases da súa elaboración e se carece de información ao respecto da elaboración da diagnose e incluso das accións recollidas no plan, así como das axudas solicitadas para elaboralo e aplicalo.

Por outra banda, consideramos necesario incluír como obrigatoria a solicitude dun informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social relativo á existencia dunha sinatura do plan, e cremos que debería ser obrigatoria a constitución dun órgano de seguimento do plan coas organizacións sindicais, de xeito que poida ser informado das axudas solicitadas pola empresa, así como da aplicación do plan. Ademais hai que ter en conta a este respecto que moitas das empresas que solicitan estas subvencións non teñen representación sindical, polo que desde as centrais sindicais non podemos facer un seguimento nin constatar a traslación do recollido no plan á realidade laboral desta empresa.

Segunda.
As organizacións sindicais que integramos o Consello Galego de Relacións Laborais manifestamos a nosa disconformidade coa política de subvencións a consultoras privadas, dado que a maior parte dos plans de igualdade, elaborados por estas, manteñen un “formato tipo” con accións e obxectivos xenéricos que valen para empresas de calquera sector, sen atender á realidade sociolaboral da empresa. E porque en boa parte da análise de datos, compróbase que carecen da formación técnica precisa para elaboralos. Por iso, solicitamos que, máis que ofrecer a posibilidade de facer escolla entre persoal propio ou consultoras privadas, se abra unha nova vía de colaboración con entidades de carácter público para a elaboración dos estudos e diagnoses, así como para a proposta do plan, sen necesidade de recorrer a financiar os custos da realización da actividade por parte dunha empresa privada.


Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 9. Requisitos das empresas beneficiarias.
En relación coa consideración específica unánime oitava, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que o emprego do galego debería utilizarse como criterio de avaliación con puntuación directa.

Segunda.- Artigo 9. Requisitos das empresas beneficiarias.
As organizacións sindicais consideran que só se deberían subvencionar aqueles plans que se elaboren de xeito voluntario polas empresas que non teñan a obriga legal ou convencional de elaboralos.

Os plans de igualdade que se subvencionen deberían ser os acordados coa representación legal do persoal e que prevexan a participación desta representación no seu desenvolvemento.

Terceira.- Artigo 9. Requisitos das empresas beneficiarias.
De acordo co segundo parágrafo da letra b) do apartado 1 deste precepto: “os plans de igualdade elaborados deberán ser acordados coa representación legal do seu persoal, no caso de habela, ou coas persoas traballadoras, e prever a súa participación no seu desenvolvemento”.

As organizacións sindicais consideramos que esta regulación debería estenderse ao conxunto dos programas en materia de igualdade.

Cuarta.- Artigo 10. Actividades subvencionables.
No apartado 1.a) deste artigo considérase gasto subvencionable a realización  dunha diagnose da realidade da empresa  desde a perspectiva de xénero para a elaboración dun plan de igualdade e se indican os aspectos necesarios que debe conter a diagnose.

As organizacións sindicais consideramos que o informe de diagnose debería ser máis exhaustivo que o que recolle a orde. Por iso propoñemos incluír que o informe de diagnose deberá aportar datos cuantitativos e cualitativos en relación ás seguintes categorías:

- Características xerais da empresa e estrutura organizativa (organigrama, funcións, linguaxe empregada na documentación interna e externa, incluíndo as ofertas de emprego, a rotulación dos postos e dos cargos, linguaxe empregada nas campañas de publicdidade, boletíns internsos, páxina web, etc).

- Características do cadro de persoal (sexo, idade, nível de estudos, categorías profesionais, tipos de contrato, tipos de xornada, niveis xerárquicos, movementos de persoal, antigüidade, responsabilidades familiares, solicitudes de excedencias e permisos retribuídos, traslados, medidas tomadas para protexer a maternidade e a lactación, representación sindical desagregada por sexo, configuración do comité de empresa desagregado por sexos...)

- Instalacións e condicións de traballo na empresa (baños de mulleres, baños de homes, vestiarios de mulleres, vestiarios de homes, EPIS adaptados para mulleres, EPIS adaptados para homes, vestiario adaptado a mulleres embarazadas, zonas destinadas á lactación, comedores, salas de descanso, garderías, servizo médico, adaptación da ergonomía do mobiliario, das máquinas e utensilios profesionais, aparcamentos adaptados a mulleres embarazadas, aparcamentos adaptados a persoas con mobilidade reducida, adaptacións específicas para a eliminación de barreiras arquitectónicas para persoas con discapacidade...)

- Datos referentes á retribución (distribución do cadro de persoal por bandas salariais, clasificación profesional, antigüidade, salario bruto, complementos e pluses)

- Datos referentes ás accións de formación continua levadas a cabo polas traballadoras e polos traballadores (especificando se foron levadas a cabo en horario de traballo, as categorías ou departamentos aos que se lles deu a formación...)

- Datos relativos ás medidas de conciliación existentes na empresa e ao emprego desta (permisos concedidos e denegados, especificar o tipo de permisos, se son excedencias, reducións de xornada, lactación acumulada, coidado de familiares, acompañamento a familiares para asistir a consulta médica, flexibilización horaria, etc.)

- Datos relativos á promoción do cadro de persoal (haberá que especificar os motivos polos cales promocionaron, de que departamento, sección ou posto, a antigüidade e formación da traballadora ou traballador promocionado, que tipo de promoción, etc.)

- Política de recursos humanos (linguaxe e contido das ofertas de emprego, perfil profesional, criterios de selección, composición das equipas, obxectivos da formación, criterios da avaliación para valorar a promoción, avaliación das capacidades, criterios para decidir os aumentos salariais, salarios das ocupacións maioritariamente levadas a cabo por homes e mulleres, beneficios sociais, incentivos, etc.)

- Opinións e suxestións do persoal (grao de aceptación e implicación do persoal no Plan, opinións sobre o rol da muller no traballo, necesidades expresadas polas propias mulleres, proposta do conxunto do cadro de persoal).

Quinta.- Artigo 10. Actividades subvencionables.
Consideramos que podería puntuarse positivamente a aquelas empresas que, en lugar de contratar a unha consultora privada para elaborar o Plan de igualdade, contraten a unha persoa experta durante o tempo que dure a elaboración e posta en marcha dese Plan.

Tamén podería puntuarse positivamente ás empresas que fagan uso do organismo oficial posto ao seu servizo para o desenvolvemento de medidas e plans de igualdade que recolle a Lei de igualdade.




Sexta.- Artigo 10. Actividades subvencionables.
En liña co anterior e á vista do disposto no apartado 1.d) deste artigo, que contempla como gastos subvencionables os derivados da contratación da empresa ou entidade externa especializada en materia de igualdade para o asesoramento na implantación e aplicación do plan de igualdade, consideramos que sería de grande axuda que o departamento da Consellería especializado en Igualdade elabore, para os efectos desta orde, un sistema de acreditación das consultoras efectivamente especializadas para o asesoramento en materia de igualdade.

Sétima.- Artigo 12. Contía das axudas.
As organizacións sindicais consideramos que a contía das axudas por asistencia a curso de formación que recolle o apartado 2 deste precepto (ata 600 euros por persoa) é demasiado elevada para unha formación de 30 horas, tendo en conta que o Instituto da Muller ofrece cursos online de 65 horas de formación básica e superior en materia de igualdade con carácter gratuíto.

Oitava.- Artigo 12. Contía das axudas.
O apartado 4 deste precepto establece que a contía da axuda acadará ata o 50% do importe satisfeito pola contratación da empresa ou entidade externa especializada en igualdade.

Consideramos que debería esixirse que a empresa contratada figure acreditada como consultora especializada polo organismo competente, de acordo co manifestado na consideración sexta deste anexo ao ditame, referida anteriormente.

Novena.- Artigo 13. Documentación da Liña II.
No apartado 2, d).2º esíxese acompañar unha relación dos traballos de diagnose ou de elaboración de plan de igualdade realizados pola empresa nos tres anos anteriores.

As organizacións sindicais consideramos que a relación debería ser dos catro anos anteriores e esixirlle á empresa que estea provista da acreditación da Consellería como consultora especializada en temas de igualdade.

Décima.- Artigo 20. Contía das axudas.
Obsérvase unha minoración nas porcentaxes de compromiso de contratación feminina respecto da orde para o exercicio de 2012, o que resulta contrario ao espírito da norma.

As organizacións sindicais reiteramos o dito na consideración específica unánime cuarta do ditame 4/2012 con máis énfase, dada a redución de porcentaxes, polo que se insiste en levar a cabo un esforzo por aumentalas, polo menos nas empresas de máis de 50 persoas traballadoras.

Tamén consideramos que a cifra mínima de contratación debería ser maior, tanto nas empresas de menos de 50 persoas traballadoras como nas de máis de 50.

Décimo primeira.- Artigo 29. Criterios de avaliación.
A taxa de estabilidade superior ao 20%, que se esixe no criterio 3º deste artigo, considérase excesivamente baixa, dada a porcentaxe de precariedade contractual que existe, polo que propoñemos que este requisito se incremente substancialmente, sen que en ningún caso sexa inferior ao 75%.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 4. Requisitos xenéricos das empresas beneficiarias desta orde.
Esta organización suxire que se inclúan as entidades sen ánimo de lucro como entidades beneficiarias.

Segunda.- Artigo 4. Requisitos xenéricos das empresas beneficiarias desta orde.
A CEG considera que a Liña II de axudas debería ampliarse a todo tipo de empresas como medida de estímulo á implantación de plans de igualdade.

Terceira.- Artigo 4. Requisitos xenéricos das empresas beneficiarias desta orde.
Á vista dos resultados do informe da última convocatoria, a CEG propón que, para impulsar as medidas recollidas nas liñas I e II deste proxecto de orde, se permita que os organismos intermedios poidan desenvolver accións que promovan a adopción destas medidas por parte das pequenas empresas.

Cuarta.- Artigo 4. Requisitos xenéricos das empresas beneficiarias desta orde.
No parágrafo segundo deste artigo establece que as empresas beneficiarias deben ter contratado un mínimo dun 10% do seu persoal en Galicia e, cando menos, 10 persoas.

A CEG considera que debe manterse o disposto na orde para o exercicio 2011, na que o mínimo de persoas contratadas era catro, xa que non se xustifica este incremento e, ademais, reduce o impacto destas axudas.

Quinta.- Artigo 6. Actividades subvencionables.
A CEG considera que debería contemplarse tamén como gastos subvencionables aqueles derivados da posta en marcha de medidas que se refiren á memoria de RSE ou memoria de sustentabilidade.

Sexta.- Artigo 10. Actividades subvencionables.
Respecto ao disposto no apartado 1.a).2º deste artigo, a CEG propón que se substitúa a referencia a “categorías profesionais” pola de “grupos profesionais”.

Sétima.- Artigo 10. Actividades subvencionables.
En relación co disposto no apartado 2 deste artigo, a CEG propón que non se rextrinxan as axudas ás empresas que resultasen beneficiarias noutras convocatorias desta orde.

Oitava.- Artigo 10. Actividades subvencionables.
En relación co establecido no apartado 5.a) deste artigo, a CEG propón que se amplie ao persoal da empresa con competencias no eido da igualdade e dos recursos humanos.

Novena.- Artigo 15. Actividades subvencionables.
A CEG considera que debería contemplarse como actividade subvencionable a adaptación do centro de traballo para poder realizar teletraballo.




ANEXO III

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLO SINDICATO CIG:

A CIG considera que a política de fomento da adopción de medidas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE) e a igualdade nas pequenas e medianas empresas, que se persigue con esta Orde, podería derivar en que o obxectivo das posibles beneficiarias sexa a simple obtención dunha axuda pública, ao centrarse en subvencións ás empresas, sen suficientes garantías e compromisos de previa negociación coa representación legal do persoal e de execución e seguemento do acordado, pervertíndose deste xeito a finalidade da norma. Neste senso, a CIG considera desacertado o réxime de subvencións para a elaboración de Plans de Igualdade, sen que estes constitúan un documento vinculante para a empresa e o cadro de persoal.