ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 8/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2015.

I. ANTECEDENTES

O día 19 de febreiro de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, xunto co que remite proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2015, e solicita, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na Lei 31/1995, de 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, recóllese o mandato de que as administracións públicas competentes promoverán a prevención e o asesoramento, incluídas a asistencia e a cooperación técnica, a información, divulgación, formación e investigación en materia preventiva, coa finalidade de promover melloras nas condicións de traballo dirixidas a elevar o nivel de protección e da seguridade e saúde laboral das persoas traballadoras.

A Lei 54/2003, de 12 de decembro, que modifica a anterior, establece o obxectivo de combater activamente a sinistralidade laboral e integrar a prevención de riscos laborais nos sistemas de xestión da empresa, para o que se precisa instrumentar mecanismos que faciliten ás empresas galegas o cumprimento deste novo marco normativo.

Segundo a exposición de motivos, o obxecto desta orde é convocar axudas para o fomento da prevención de riscos laborais entre as persoas traballadoras galegas mediante accións de formación, así como de promoción, difusión e comunicación sobre a normativa e aspectos máis relevantes da seguridade e saúde laboral entres os distintos sectores afectados, co obxecto de impulsar a presenza de recursos preventivos na empresa e fomentar unha auténtica cultura de prevención de riscos laborais no traballo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 28 de marzo de 2014 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 12 de febreiro de 2014 (ditame 2/14), obsérvase que non se tivo en conta a consideración xeral única manifestada polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

O importe das axudas mantense en relación coa convocatoria de 2014, tanto para a liña 1 (300.000 €)  como para a liña 2 (1.190.000€) (artigo 2).

No artigo 3, relativo a entidades beneficiarias, engádese un novo parágrafo que establece o seguinte: “En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou entidades vinculadas co beneficiario, salvo que concorran as seguintes circunstancias: a) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e b) Que se obteña a previa autorización da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, presentando unha memoria xustificativa a tal efecto”.

Neste mesmo artigo, no seu apartado 4 regúlanse os supostos nos que as entidades beneficiarias poderán constituír agrupacións polas que terán tamén a condición de beneficiarias.

No proxecto de orde obxecto de ditame establécese -no apartado 1.b).4º do artigo 4- que, en todas as accións subvencionables e na súa xustificación, esixirase unha calidade mínima  que poderá ser informada, a petición do órgano tramitador, por persoal técnico na materia. Neste mesmo artigo 4 disponse -no seu apartado 6- que non se permitirá a ausencia a máis dun 20% do tempo total da acción formativa e, no caso de desenvolverse esta por módulos, non se permitirán ausencias de máis dun 10% en ningún dos módulos.

No artigo 12, “Avaliación”, no seu apartado 2.b).4º, a valoración do cofinanciamento do proxecto pasa a ser de 0 a 1 puntos, cando na anterior convocatoria era de 0 a 3.

No artigo 16, relativo a obrigas das entidades beneficiarias, inclúese na letra a) do apartado 1, a obriga de comunicar ao órgano competente as modificacións das condicións tidas en conta para a concesión de subvencións.  No caso de cursos de formación, unha vez iniciada a actividade a subvencionar, a dita comunicación deberán facela no prazo máximo de cinco días naturais desde que se produza o feito.

Inclúense dúas novas disposicións: o artigo 17, relativo a consentimentos e autorizacións e o artigo 18, relativo aos datos de carácter persoal.

A anterior disposición adicional terceira, relativa á “Remisión normativa”, pasa a ser agora a disposición final primeira.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2015” consta de: Exposición de motivos, vinte e dous  artigos, unha disposición adicional e tres finais.

O día 4 de marzo de 2015 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dezaoito consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo un anexo cunha consideración específica de carácter non unánime manifestada polas organizacións sindicais.





DITAME 8/2015



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2015, con data de rexistro de entrada neste Consello o 19 de febreiro de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de marzo de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. Artigo 3.- Entidades beneficiarias.
Este Comité considera, en relación co previsto no apartado 1 deste artigo, que  debería enunciarse tamén o previsto na letra a) ao respecto dos “membros asociados do beneficiario”.

Segunda. Artigo 4.- Accións subvencionables.
Establécese neste apartado que se esixirá unha calidade mínima que poderá "ser informada" por persoal técnico na materia.

Este Comité solicita que se clarifique que se entende por "calidade mínima" xa que pode introducir marxe á discrecionalidade. En todo caso, parece dar a entender que as accións poderán ser verificadas "in situ"; se isto é así, sería máis correcto incluír a mención a que poderán ser comprobadas na súa execución. Por outro lado, as organizacións concorrentes presentan os seus proxectos cuns estándares de calidade obxecto de baremación, polo que parece máis acertado falar de comprobación das actuacións nos termos aprobados para a concesión da subvención.

Terceira. Artigo 5.- Gastos subvencionables.
Con respecto ao apartado 1 deste artigo, este Comité considera que debería incluír os gastos financeiros, xa que segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estes gastos poden ser subvencionables.




Cuarta. Artigo 5.- Gastos subvencionables.
No apartado 2, letra c), que fai referencia aos gastos de persoal técnico propio da entidade beneficiaria, establécese que a súa porcentaxe máxima non poderá exceder o 30% do custo mensual empresarial.

Este Comité propón que se suprima a palabra “empresarial”, por considerala unha puntualización innecesaria, tanto no apartado mencionado, como no Anexo IV no que se observa a mesma redacción.

Quinta. Artigo 5.- Gastos subvencionables.
A letra e) do apartado 1 recolle os custos indirectos que son subvencionables, que inclúen gastos como electricidade ou teléfono, sempre que se correspondan cos locais nos que se realizan as accións.

Este Comité considera que debería especificarse que se trata dos locais nos que se realizan as accións en calquera das súas fases, para permitir a imputación de gastos tamén nos locais en que se leve cabo, por exemplo, a planificación das accións, polo que se propón engadir “en calquera das súas fases” á expresión “locais nos que se realizan as accións”.

Sexta. Artigo 5.- Gastos subvencionables.
En relación co importe máximo subvencionable deste gastos recollidos na letra e) do apartado 1 deste artigo, este Comité propón que a porcentaxe do 10% sexa aumentada ata un 15%.

Sétima.- Artigo 5. Gastos subvencionables.
No apartado 3 deste artigo establécese que o cobramento das subvencións será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza para a mesma actuación.

Este Comité considera que se debería admitir a compatibilidade con outras axudas ata alcanzar o 100% da contía do gasto, co fin de facilitar o maior número de proxectos.

Esta consideración é igualmente aplicable ao artigo 20, no que se recolle como causa de modificación da resolución de concesión a obtención concorrente de axudas, polo que este Comité propón, consecuentemente, a modificación desta causa para adecuala a este criterio.

Oitava. Artigo 8. Documentación.
Este Comité suxire a inclusión dun apartado máis neste artigo co seguinte texto: “As entidades que xa tiveran participado con anterioridade nestas accións, estarán exentas de presentar a documentación esixida nas letras a), b), c), d) e f) do apartado 2 deste artigo. No suposto de que se producise algunha modificación na documentación que conste en poder da Administración, estas entidades deberán remitir a dita documentación convenientemente actualizada”.

Novena.- Artigo 11. Instrución.
O Comité considera que a posibilidade establecida no número tres deste artigo, de que o órgano instrutor poida solicitar informes técnicos para a axeitada valoración dos proxectos, debe circunscribirse unicamente á fase de avaliación e non á de xustificación, xa que nesta última o proxecto xa está valorado e executado.

Décima.- Artigo 12. Avaliación.
Neste artigo fíxanse os criterios para avaliar as solicitudes por parte da comisión de valoración.  

Este Comité entende que non se debería primar a capacidade de cofinanciamento por parte da entidade fronte á súa representatividade social, número de persoas destinatarias da acción, achega innovadora, transferibilidade da acción e calquera outro dos restantes criterios que se sinalan neste artigo. Neste senso, o Comité avalía positivamente a redución da puntuación máxima de 3 a 1 puntos. Non obstante, proponse a eliminación do apartado 2, letra b. 4º, que outorga entre 0 e 1 puntos pola participación da entidade beneficiaria no financiamento da acción.

Décimo primeira.- Artigo 12. Avaliación.
No apartado 2, letra a), punto 1, establécese como se determinará a representatividade das organizacións sindicais e empresariais, e faise referencia ao “ámbito territorial ou funcional”.

Este Comité propón que se modifique esa redacción, substituíndo “ou” por “e”, xa que non son termos excluíntes.

Décimo segunda.- Artigo 15. Xustificación do pagamento.
Este Comité propón a regulación no texto da orde da posibilidade de anticipos, por un importe do 80% da totalidade da axuda, con análogo criterio ao que se establece noutras ordes  reguladoras de Formación para o emprego.

Décimo terceira.- Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 1 deste artigo, letra c), esíxese ás entidades beneficiarias dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, “así cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios”, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

Este Comité propón que se elimine a expresión que figura entre comiñas “así cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios”, por considerar suficiente a obriga de dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados.

Décimo cuarta.- Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias.
Bótase en falta a inclusión formal neste artigo, entre as obrigas das entidades beneficiarias, a de realizar as accións para as que aceptasen a subvención concedida. Neste sentido, propoñemos que se inclúa ademais expresamente a obriga de realizar na súa totalidade a acción para a que a subvención foi concedida.

Décimo quinta.- Artigo 17. Consentimentos e autorizacións.
En relación co disposto no apartado 2 deste precepto, este Comité propón que se invirta a súa redacción para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal, e que se estableza primeiro a obriga de aportar as certificacións pola entidade solicitante e, en segundo lugar, a opción de que a solicitante autorice expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Décimo sexta. – Artigo 20. Modificación de resolución de concesión.
Neste artigo emprégase a expresión “nacionais”.

Este Comité considera que se debería substituír a dita expresión pola de “estatais”, en coherencia co que se sinala no artigo 16.1 a).

Décimo sétima. – Anexo 4. Guía de xustificación económica e técnica.
En relación co establecido no apartado 10 a) deste anexo, este Comité considera que se debería incluír no proxecto normativo un modelo estándar do parte do control de asistencia que debe asinarse polo alumnado.

Décimo oitava. – Anexo 5. Cadro de cantidades máximas subvencionables.
O cadro recolle algúns dos gastos subvencionables pero non todos, polo que este Comité considera que debería aclararse no seu título que se refire a cantidades máximas dalgunhas tipoloxías de gasto.

Ademais, o cadro de cantidades máximas subvencionables precisa algunhas aclaracións e matizacións para dotalo de coherencia en atención aos gastos subvencionables establecidos no artigo 5 do proxecto normativo.

Polo exposto, este Comité propón as seguintes cuestións:

1ª. Os custos de desprazamento deberían extenderse a todo o persoal recollido no cadro, en coherencia co establecido no artigo 5.2 do borrador da orde.

2ª. O custo horario do persoal técnico propio estableceuse en 22,00 €/ hora, mentres que o custo de coordinación interna e os técnicos de traballos de investigación é de 18,00 €/hora, polo que se solicita a unificación de criterios e que se estableza en todos os casos o custo de 22,00 €/hora.

3ª. No caso do aluguer de medios técnicos debería aclararse se o custo de aluguer de sala establecido en 120,00 € e o aluguer de medios para as xornadas é por hora, por día, por acción formativa, por xornada,…

4ª. Debería especificarse que material é subvencionable nos traballos de investigación.

5ª. Finalmente, para a redacción de libros e manuais no referente ao autor, deberíase aclarar se as cantidades están establecidas para todos os autores dun libro ou manual, ou se pode tratarse de varios autores en cuxo caso se aplicaría este límite a cada un deles.














ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA:


Artigo 6.- Remate e xustificación das accións.
Nos artigos 6 e 15 establécese a mesma data límite (31.10.2015) para o remate das accións e para a presentación de documentación xustificativa.

As organizacións sindicais CIG, S.N. de CC.OO. de Galicia e UGT- Galicia suxiren que se diferencie a data límite do remate das accións, que podería ser a do 31 de outubro de 2015, da data límite da presentación da documentación xustificativa, que se propón que sexa a do 30 de novembro de 2015, para posibilitar así que as nóminas, facturas, así como os documentos de cotización á Seguridade Social e os documentos xustificativos de pago aboados ao final do período de execución, poidan ser enviados coa xustificación final.