ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 9/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas beneficiarias do Programa de Activación para o Emprego regulado polo Real decreto- lei 16/2014, do 19 de decembro correspondente ao exercicio de 2015.

I. ANTECEDENTES

O día 19 de febreiro de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, xunto co que remite proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas beneficiarias do Programa de Activación para o Emprego regulado polo Real decreto- lei 16/2014, do 19 de decembro correspondente ao exercicio de 2015 e solicítase, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo a exposición de motivos do proxecto normativo, o obxecto desta orde pola que se convoca a programación de accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas beneficiarias do Programa de Activación para o Emprego regulado polo Real decreto- lei 16/2014 é concretar os principios xerais contidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no relativo ás axudas para os cursos de formación profesional para o emprego, que teñen por obxecto a cualificación profesional dos traballadores e traballadoras.

Todas estas accións de formación profesional para o emprego conforman un dos elementos máis salientables das políticas activas de emprego, como medida de mellora da empregabilidade dos desempregados dentro da Estratexia Europea de Emprego acordada polo Consello Europeo extraordinario de Luxemburgo, e da estatal, de acordo co Plan Nacional de Acción para o Emprego.

Na referida exposición de motivos, establécese que a Xunta de Galicia e os interlocutores sociais presentes no Dialogo Social en Galicia - Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT- Galicia) e o Sindicato Nacional de Comisiones Obreiras de Galicia (SN de CCOO de Galicia) - conscientes da situación na que se atopan as galegas e galegos que forman parte destes colectivos especialmente afectados pola dificultade de volver a acceder a un emprego, ou mesmo pola falta de oportunidades para acceder ao seu primeiro posto de traballo, están dispostos a acordar un conxunto de actuacións concretas que acompañen e complementen o programa de garantía xuvenil e o de activación para o emprego, de maneira que se procure e posibilite que o efecto destas medidas en Galicia, sexa se cabe, máis rápido eficaz e profundo, asinando en data 14 de xaneiro de 2015, un Acordo sobre as liñas básicas para o desenvolvemento en Galicia do programa de garantía xuvenil e do programa extraordinario de activación para o emprego.

Entre as medidas acordadas figura a prevista neste proxecto normativo, que regula a convocatoria de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas beneficiarias do Programa de Activación para o Emprego regulado polo Real decreto – lei 16/2014, do 19 de decembro.

A regulación desta convocatoria é substancialmente concordante coa contida na Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2015  (DOG Núm. 10, 16.01.2015) é que foi obxecto de ditame polo Consello con data 15 de decembro de 2014 (Ditame 36/14) agás nos seguintes aspectos:

O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos dos programas 11.03.323A.460.1 (760.000 €) 11.03.323A.471.0 (780.000 €), 11.03.323A.481.0 (760.000 €), que figuran na Lei 11/2014, de 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

As axudas previstas na presente orde poderán ser cofinanciadas polo Fondo Social Europeo de acordo coas disposicións xerais establecidas no Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello e pola Administración Xeral do Estado, e están incluídas no programa operativo plurirrexional Adaptabilidade e Emprego 2007ES05UP0001, imputables ao período de programación dos fondos estruturais 2007-2013.

En materia de procedemento (artigo 4 e outros), o órgano instrutor xa non é a Dirección Xeral de Emprego e Formación senón a Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar correspondente ao domicilio do centro ou entidade onde se vai impartir a formación.

No número 18 do artigo 10, relativo ás obrigas das entidades beneficiarias, introdúcese a de incorporar, na xustificación dos gastos efectivamente realizados, unha auditoría de conta xustificativa cun informe asinado por un auditor rexistrado. Paralelamente, o número 2 do artigo 15 recolle, entre os custos subvencionables, os derivados da realización da conta xustificativa con informe asinado por un auditor rexistrado.
As persoas traballadoras desempregadas que non sexan beneficiarias do Programa de Activación para Emprego poderán participar sempre e cando as prazas non se cubran por persoas traballadoras desempregadas beneficiarias do antedito programa, segundo recolle o número 3 do artigo 28 do proxecto normativo.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas beneficiarias do Programa de Activación para o Emprego regulado polo Real decreto- lei 16/2014, do 19 de decembro correspondente ao exercicio de 2015” consta de: Exposición de motivos, 55 artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 9 de marzo de 2015 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén nove consideracións xerais e corenta e catro específicas sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a empresarial.

Contén, así mesmo, como anexos as consideracións de carácter non unánime seguintes:

• Tres específicas manifestadas polas organizacións sindicais que integran o Consello (Anexo I)
• Catro específicas manifestadas polos sindicatos UGT e CC.OO e a CEG (Anexo II)
• Unha xeral e catro específicas manifestadas polo sindicato CIG (Anexo III)
• Doce específicas manifestadas pola CEG (Anexo IV)



DITAME 9/2015




En relación coa solicitude de ditame sobre o “proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas beneficiarias do Programa de Activación para o Emprego, regulado polo Real decreto- lei 16/2014, do 19 de decembro correspondente ao exercicio de 2015”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 19 de febreiro de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de marzo de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
Debido ás circunstancias actuais e a problemática do noso mercado de traballo, é imprescindible unha dotación suficiente que permita poñer en marcha as accións de formación necesarias e de calidade, que sirvan para integrar no mercado de traballo á poboación desempregada, que cada vez ten maiores dificultades.

Polo contrario os fondos para as diferentes liñas de formación para o emprego son cada vez máis reducidos e os límites na imputación de gastos camiña cara un modelo de cofinanciación da formación subvencionada con fondos públicos.

Son algúns exemplos:
• Límite do 10% para os alugueres de instalacións e maquinaria
• Límite dun 15% de imputación de custos asociados,
• Límite para a imputación nos conceptos doutros gastos asociados, que non sexan os explicitamente recollidos na orde: como teléfono, mantementos….
• Límite de certos conceptos nas nóminas dos docentes e persoal (por exemplo baixas por IT, vacacións pagadas…..)….
A esta limitación orzamentaria súmase a consolidación da redución dos anticipos, o que pon en grave perigo a posibilidade de impartición das accións formativas e a viabilidade das propias entidades beneficiarias.

Aínda coñecida a limitación imposta pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, este Comité suxire que a Xunta de Galicia aprobe unha norma específica para subvencións en materia de formación para o emprego que permita os anticipos de ata o 100 por 100 ou, como mínimo, o 50% que establece a norma estatal.

Finalmente, este Comité propón que, en todo caso, teñan a consideración de custos elixibles os gastos financeiros.

Segunda.
Para atenuar o impacto dos retrasos nas liquidacións das subvencións, este Comité propón que se estableza algún instrumento financeiro que posibilite a execución das accións formativas, como, por exemplo, un aval do IGAPE que implique que as entidades solicitantes poidan acceder a créditos con condicións financeiras especialmente favorables que cubran o 100% da cantidade subvencionada.

Terceira.
O carácter prioritario dos novos certificados de profesionalidade debe tomarse con cautela, pois aínda que o Decreto 106/2011, de Inscrición e acreditación, foi publicado en xuño de 2011, a administración non está a responder de xeito áxil ás solicitudes de novas homologacións, máxime no momento actual, que están a saír publicados un volume importante de novos certificados de profesionalidade e se derrogan moitas das especialidades que as entidades tiñan acreditadas. Así mesmo, deberíanse ter en conta, con carácter prioritario, todas aquelas accións que, sen estar asociadas aínda aos novos certificados, teñen éxito polo seu nivel de demanda e polo seu grao de inserción laboral.

Por outra banda, este Comité reclama da Administración unha maior axilidade nos procesos de inscrición de centros e acreditación de especialidades.  

Deberíase considerar a posibilidade de reprogramar as accións, nos termos e prazos establecidos pola Administración, e ter en conta a posibilidade de reprogramar aquelas accións que aínda que non estean na solicitude inicial, poidan ter demanda.

Deberíase poder adiantar o inicio das actividades formativas de modo que os cursos con maiores horas lectivas se poidan desenvolver sen ter que sobrecargar de horas ao alumnado.

Ademais, debería contemplarse a posibilidade de facer convocatorias de carácter bianual, co obxecto de facer unha programación máis axeitada en horarios e necesidades de formación.

Cuarta.
Este Comité considera que se debería continuar a traballar na mellora da aplicación SIFO para simplificar os procesos, coa finalidade de axilizar os traballos nos centros e garantir o seu funcionamento en todo momento, e evitar a introdución manual de calquera tipo de dato por parte dos centros.

No que se refire á xestión administrativa, é necesaria unha maior axilidade na xestión e unha simplificación das obrigas administrativas que leva consigo a execución das accións e evitar que os centros teñan que remitir a documentación esixida nos artigos 4º e 8º, que debe remitirse vía SIFO e tamén en papel.

Quinta.
Este Comité considera que, con independencia de que o alumnado poida non participar nalgún dos módulos da acción formativa, deberíase garantir e concretar expresamente na orde o financiamento total da acción formativa á entidade, independentemente do número total do alumnado que participe en cada módulo.

Sexta.
Á vista das datas nas que se está a ditaminar este proxecto de orde e os prazos de execución que se regulan nela (límite de execución 30 de novembro e excepcionalmente o 15 de decembro de 2015), este Comité considera que o prazo de execución na práctica é moi reducido e vai determinar o tipo de especialidades que se poidan programar, que serán elixidas en función da súa lonxitude e non do seu interese ou necesidade formativa ocupacional.

Sétima.
Este Comité solicita -tal e como xa fixo no ditame da orde do plan AFD15- que, para a mellora da xestión e impartición das accións formativas, a Administración Laboral debería unificar o ficheiro de docentes validados nos diferentes Certificados de Profesionalidade para todo o subsistema de formación profesional para o emprego en Galicia, tanto nos plans de formación para persoas traballadoras preferentemente ocupadas, como nos plans de formación de persoas traballadoras preferentemente desempregadas, o que permitiría axilizar as xestións e unificar criterios.

Oitava.
Este Comité observa que persisten algunhas incorreccións ortográficas puntuais en materia de xénero, principalmente as relativas ao uso reiterado das barras presente, entre outros, nos artigos 28 e 29 do proxecto normativo (na utilización de alumnos/as), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero. Debe terse en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan o uso das barras só para os formularios.

Novena.
Este Comité propón unha revisión da clasificación no texto do proxecto normativo, xa que se observan saltos na numeración de artigos, así como  repeticións e saltos nos apartados e subapartados.







CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira. – Artigo 2º. Entidades beneficiarias.
Este Comité considera que debería incluírse entre estas vías de acceso, unha vía específica para as organizacións sindicais e empresariais e as súas entidades prestadoras de formación, co obxecto de garantir o cumprimento da obriga de cooperación da Administración cos interlocutores sociais.

Segunda. - Artigo 2º. Entidades beneficiarias.
Este precepto considera entidades beneficiarias a todos aqueles centros e entidades de formación acreditados no rexistro de centros e entidades de Formación para o Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, naquelas especialidades formativas en que estean inscritos ou acreditados á data de publicación desta orde.

Este Comité considera que debería permitirse participar tamén aos centros naquelas especialidades que estean en proceso de inscrición ou acreditación á data de publicación da orde.

Terceira. - Artigo 3º. Solicitudes, documentación e prazo.
No apartado, 2.f) indícase que cando as especialidades formativas se correspondan cos novos certificados de profesionalidade, deberán achegar convenio ou acordo coa empresa ou empresas onde se realizarán as prácticas.

Este Comité considera que debería achegarse un compromiso da entidade de realizalas, pero os convenios deberían presentarse cando a acción formativa estivera concedida para non comprometer ás empresas sen necesidade.

Cuarta.- Artigo 3º. Solicitudes, documentación e prazo.
O apartado 3 deste precepto establece que: “para cada número de censo poderanse solicitar, como máximo, unha edición dunha mesma especialidade”.

Este Comité propón a supresión do devandito apartado xa que impón unha limitación sen xustificación algunha do alcance desta medida

Quinta.- Artigo 4º. Procedemento.
Para a elaboración do Anexo III referido neste artigo, este Comité considera que se debería ter en conta a participación das organizacións sindicais e empresariais máis representativas na determinación, con criterios obxectivos, das especialidades priorizadas a incluír no citado anexo.



Sexta.- Artigo 4º. Procedemento.
No apartado 5.5º deste artigo establécese que “A inserción deberá realizarse nunha ocupación relacionada coa familia profesional á que pertenza a especialidade impartida. Non se considerarán inserción as baixas por colocación que tiveran lugar ao longo do curso”.

Este Comité considera que se debería substituír este texto por: “Consideraranse inserción as baixas por colocación que tiveran lugar ao longo do curso.”

Sétima.- Artigo 4º. Procedemento.
No apartado 5.7º deste artigo valórase con 2 puntos a acreditación da entidade en norma ISO de calidade ou plan de mellora EFQM.

Este Comité propón que a valoración sexa de 5 puntos pola ISO-9001 e se suprima o contido referido aos selos de excelencia.

Por outro lado, debería valorarse con 2 puntos a aquelas entidades que acrediten documentalmente estar en proceso de obtención de certificados ou selos en xestión de calidade.

Oitava.- Artigo 4º. Procedemento.
O apartado 6 deste precepto sinala que: “As comisións de valoración determinarán o número de cursos a realizar en cada comarca, en función da poboación desempregada, e o número de cursos a realizar por especialidade formativa atendendo á diversificación da oferta formativa. Terase en conta tamén que as especialidades sexan relativas á internacionalización da empresa, ao emprendemento, á innovación, ao desenvolvemento tecnolóxico dos procesos produtivos ou dirixida a anticipar as necesidades de cualificación”.

Este Comité propón eliminar a segunda parte dese apartado,  xa que os aspectos  mencionados xa están incluídos no Anexo III e son, polo tanto, baremables.

Novena.- Artigo 4º. Procedemento.
O apartado 7 deste artigo fixa en 25 puntos dos 80 posibles a puntuación mínima necesaria para acceder á programación, o que esixe un 31,25 % da puntuación posible total.

Este Comité propón que se fixe unha puntuación mínima requirida que sexa equivalente ao 35% da puntuación máxima posible.

Décima.- Artigo 4º. Procedemento.
Este artigo establece como criterios de valoración a xestión de centro e a experiencia na impartición da formación profesional.

Co obxecto de que as entidades poidan traballar na mellora continua, este Comité propón que a Administración traslade as suxestións de mellora que considere convenientes derivadas do informe técnico de seguimento, aínda mais cando este puntúa no baremo.

Neste sentido, tamén deberían clasificarse neste artigo os criterios de baremación relativos ao informe técnico de seguimento (ata 10 puntos) e á xestión administrativa e contable (ata 10 puntos).

Décimo primeira.- Artigo 7º. Resolución.
O apartado 3 deste artigo recolle, para a resolución dos expedientes, un prazo de cinco meses.

Este Comité propón que este prazo sexa de tres meses.

Décimo segunda.- Artigo 10º.-Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 2º inclúese un parágrafo segundo o cal: “Os docentes(...) deberán acreditar 150 horas de formación en materia de xénero ou de experiencia profesional ou docente en materia de xénero”.

Este Comité propón eliminar a preposición “de” da redacción, xa que parece dar a entender que con 150 horas se adquire experiencia profesional ou docente en materia de xénero, cando esa referencia alude só á formación.

Décimo terceira.- Artigo 10º. Obrigas das entidades beneficiarias.
Obsérvase que na documentación que se relaciona na letra e) do apartado 3 deste artigo esíxense os extractos do libro maior no que se reflictan todas as operacións contables realizadas para a execución da acción formativa.

Este Comité entende que debería eliminarse esta obriga por considerar xa suficiente a documentación que se esixe. E, de manterse, debería engadirse “ou ben extractos da contabilidade analítica onde se reflictan todas as imputacións realizadas para a execución da acción formativa”.

No caso específico das entidades sen ánimo de lucro constátase, por exemplo, que na xestión de plans subvencionados de formación para o emprego, non se poden desglosar as subcontas por tipos de plans debido a súa complexidade, polo que a imputación dos custos para cada plan formativo realízase a través da contabilidade analítica que está cadrada coa contabilidade financeira.

Décimo cuarta.- Artigo 10º. Obrigas das entidades beneficiarias.
No último parágrafo do apartado 3 deste artigo establécese que a data límite para a presentación da xustificación final dos cursos será o 30 de novembro de 2015.

Este Comité considera que os prazos, na práctica, resultan moi axustados, polo que entende que se debería flexibilizar o período de xustificación, sendo este como máximo de 15 días despois de finalizado o último curso.




Décimo quinta.– Artigo 10º. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 9 establece a obriga de dispoñer dun sistema de control biométrico para o seguimento e control do alumnado e do persoal docente, compatible co sistema establecido polo Servizo Público de Emprego de Galicia.

Este Comité considera que se trata dun método excesivamente custoso, polo que se debería optar por un sistema de control menos gravoso.

En todo caso, este Comité quere chamar a atención sobre a posible colisión deste sistema de control biométrico cos dereitos recoñecidos á cidadanía na Lei de protección de datos de carácter persoal

Décimo sexta.- Artigo 10º. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 16 deste artigo establécese a obriga de dispoñer de libros contables, coa identificación en conta separada ou epígrafe específico da súa contabilidade de todos os ingresos e gastos de execución das accións formativas.

En liña co disposto na consideración décimo sétima, este Comité considera que deberían engadirse os termos “contabilidade financeira ou analítica”.

Décimo sétima.- Artigo 10º. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este Comité considera que, con respecto ao establecido no apartado 22 deste artigo e para conseguir unha maior axilidade, sería conveniente que o propio Servizo Público de Emprego detallara na súa carta ás persoas candidatas os requisitos que estes deben cumprir para acceder á especialidade correspondente

Décimo oitava.- Artigo 15º. Custos subvencionables.
No apartado I regúlanse os custos directos da actividade formativa. Este Comité considera que a estrutura de gasto proposta en relación a estes custos socava a xa exigua capacidade de imputación do gasto relativo á coordinación, preparación e titoría e impide na práctica a aplicación duns criterios e estándares mínimos de calidade neste importante apartado.

Isto provoca un descenso cuantitativo nas posibilidades de imputación destes custos entre un 5% e un 9%, naquelas accións formativas de maior alcance técnico e maior demanda por parte do sistema produtivo.

Polo exposto, proponse un incremento dos custos directos de coordinación, preparación e titoría.

Décimo novena.- Artigo 15º. Custos subvencionables.
O apartado I.1.a deste artigo establece un custo hora en concepto de docencia estipulado no 35% do custo da acción formativa, con carácter exclusivo.

Este Comité suxire que se formule unha redacción nova, na que se estableza unha modulación da porcentaxe da docencia en relación coa valoración económica do módulo.

Vixésima.- Artigo 15º. Custos subvencionables.
No apartado I.1.a) regúlanse os custos directos da actividade formativa relativos á docencia que son subvencionables.

Este Comité propón que se supriman os seguintes parágrafos, por tratarse dun tema de administración laboral da entidade:

“A remuneración mensual habitual percibida polo persoal propio da entidade beneficiaria, non poderá ser incrementada durante o período de execución da acción formativa, agás que por norma ou modificación do convenio colectivo así se estableza. Non obstante, non serán admisibles aqueles custos salariais que por vía de convenio ou acordo entre a entidade e o traballador prevexan unha maior retribución en función do importe da subvención.

Non serán subvencionables os complementos ou pluses salariais non previstos na lexislación laboral, nos convenios colectivos que resulten de aplicación ou no contrato da persoa traballadora.

No suposto de baixas por IT e maternidades non se poderán imputar as retribucións dos formadores correspondente ao tempo que permaneza de baixa.

Tampouco serán subvencionables, as vacacións pagadas, pero non disfrutadas”.

Vixésimo primeira.- Artigo 15º. Custos subvencionables.
Respecto do apartado I.3, este Comité considera que debe preverse a posibilidade de realizar amortizacións aceleradas, previa solicitude motivada á administración debido a que o equipamento, as instalacións e a maquinaria, que supoñen unha elevada inversión, poden estar afectados por necesidades de renovación para adaptarse continuamente aos requirimentos de actualización tecnolóxica.

Vixésimo segunda.- Artigo 15º. Custos subvencionables.
Segundo o apartado I.4 deste precepto: “A imputación de alugamentos entre os conceptos de instalacións e maquinaria non poderá superar o 10 % da subvención concedida para a impartición da acción formativa”.

Este Comité propón establecer o límite no 20%.

Vixésimo terceira.- Artigo 15º. Custos subvencionables.
O apartado I.4 remata co seguinte parágrafo: “No caso dos contratos de arrendamento que non conteñan unha opción de compra e cuxa duración sexa inferior ao período de vida útil do activo ao que se refire o contrato, o arrendatario deberá poder demostrar que o arrendamento financeiro era o método máis rendible para obter o uso dos bens. Se os custes houberan sido mais baixos de terse utilizado un método alternativo os custes adicionais se deducirán do gasto subvencionable”.

Este Comité propón que se elimine este parágrafo, por constituír unha intromisión na liberdade de empresa. Subsidiariamente, para o caso de que esta consideración non fose atendida, propón que se especifique o que acontece nos supostos de arrendamento con opción de compra en que non se executa esa opción de compra.

Vixésimo cuarta.- Artigo 15º. Custos subvencionables.
O apartado II.1 regula os custos de persoal de apoio relaciona, en particular, unha serie de gastos que se inclúen.

Este Comité considera que a expresión “en particular” debería substituírse por “a título de exemplo”, de maneira que non limite as tarefas incluídas e deixe claro que simplemente son exemplos e que non supón, en ningún caso, unha lista pechada.

Vixésimo quinta.- Artigo 15º. Custos subvencionables.
O apartado II.1 inclúe, como custos asociados, os custos de persoal de apoio, definidos como os custos de persoal de apoio interno necesarios para a xestión e execución da actividade formativa.

Este Comité propón que se elimine o inciso “interno”, xa que esa redacción impide a posibilidade de contratar persoal de apoio externo.

Vixésimo sexta.- Artigo 15º. Custos subvencionables.
No apartado II.3 relaciónanse outros custos: luz, auga, calefacción, mensaxería, correo, limpeza e vixilancia asociados á execución da actividade formativa,

Este Comité entende que esta redacción impide a imputación doutros custos asociados como, por exemplo, a telefonía, polo que se propón incluír a expresión “ e outros custos non especificados anteriormente”.

Por outra banda, este apartado establece como límite dos custos asociados o 15% do custo xustificado nos apartados 1 e 2 deste artigo, polo que este Comité solicita que o mínimo sexa dun 20% sobre a subvención concedida, ao considerar que este límite prexudica enormemente ás entidades beneficiarias, fundamentalmente ás entidades sen ánimo de lucro, que non teñen actividade mercantil para manter as súas estruturas formativas.

Vixésimo sétima.- Artigo 15º. Custos subvencionables.
No apartado III recóllense, como outros custos subvencionables, os custos de avaliación e control da calidade da formación, ata o 5% do custo xustificado nos apartados I e II.

Este Comité considera que ese límite do 5% non debería vencellarse aos custos xustificados, senón ao custo subvencionado.


Vixésimo oitava.- Artigo 15º. Custos subvencionables.
O apartado 10.9 establece a obriga de dispoñer dun sistema de control biométrico para o seguimento e control do alumnado e do persoal docente, compatible co sistema establecido polo Servizo Público de Emprego de Galicia.

Este Comité considera que o custo relacionado co establecemento deste sistema debería subvencionarse e ser incluído neste precepto.

Vixésimo novena.- Artigo 16º. Pagamento.
Respecto ao establecido no apartado 1 deste artigo, onde se esixe á entidade que para o abono do anticipo deberá constituír garantía a favor da Consellería, este Comité considera que, para que o centro poda soportar os gastos xerados tanto polo persoal pedagóxico como polos provedores, etc., así como todos os gastos financeiros que se lle ocasionan, como os xuros debedores ou calquera modalidade de garantía válida en Dereito como o seguro de caución, estes gastos deberían estar cubertos polo orzamento do curso, dado que teñen unha clara relación coa acción formativa a impartir.

Para o caso de que se esixa aval bancario, este Comité solicita que se aclaren as condicións de levantamento dos avais aos que se refire este artigo.

Trixésima.- Artigo 21º. Xustificación dos custos directos.
Tanto respecto deste precepto, como do artigo 22º, este Comité propón que se adapten os requisitos documentais e xustificativos ás propostas de modificación feitas ao artigo 15º.

Trixésimo primeira.- Artigo 28º.- Persoas destinatarias da formación.
O apartado 2 relaciona os colectivos de persoas desempregadas que terán preferencia para a participación nos cursos e inclúe, no número 1º, ás persoas que teñen superados un ou varios módulos dun certificado.

Este Comité propón que, no caso de programar un certificado completo, se permita a posibilidade de superar o número máximo de alumnado previsto de 15 persoas, para que esa persoa que xa superou un ou varios módulos poida incorporarse no momento en que se vaia desenvolver o módulo que ten pendente. Esta incorporación iría asociada a un incremento económico no módulo ou módulos.

Trixésimo segunda.- Artigo 28º.- Persoas destinatarias da formación.
Debido á situación e dimensión do desemprego na actualidade, este Comité considera que no apartado 2, a preferencia establecida no borrador da Orde debería modificarse, para situar en primeiro lugar ás persoas desempregadas de longa duración e recolocar os ordinais de preferencia en función deste cambio.

Trixésimo terceira.- Artigo 28º. Persoas destinatarias da formación.
O apartado 4 deste artigo establece que poderán participar ata un 25% de persoas traballadoras ocupadas en cada unha das accións.

Este Comité propón substituír “en cada unha das accións” por “no conxunto do plan formativo”.

Trixésimo cuarta.- Artigo 29º. Selección do alumnado.
No apartado 1.b) deste artigo regúlase o xeito de realizar a preselección do alumnado pola oficina de emprego correspondente.

Este Comité considera que co obxecto de axeitar a sondaxe entre as persoas demandantes de emprego, estas deben convocarse de acordo co perfil establecido no programa do curso e ter en conta o interese do alumnado.

Trixésimo quinta.- Artigo 29º. Selección do alumnado.
No apartado 1.c) deste artigo permítese a participación nas probas ás persoas traballadoras ocupadas que o tiveran solicitado.

Este Comité considera que non se debería limitar esta participación só ás persoas traballadoras ocupadas, polo que se suxire a eliminación do termo “ocupadas”.

Trixésimo sexta.- Artigo 29º. Selección do alumnado.
Respecto ao establecido no apartado 1 letra e) epígrafe i deste artigo, sobre que a selección do alumnado que se realice mediante un anuncio en prensa deberase publicar en domingo, agás que a xefatura territorial correspondente autorice a súa publicación nun día distinto, este Comité propón que se poida acudir a esta posibilidade “sen necesidade de autorización previa”.

Trixésimo sétima.- Artigo 29º. Selección do alumnado.
No apartado 3 recóllese a posibilidade de substituír o alumnado que non se incorpore ou se dea de baixa. No caso das accións formativas vinculadas a certificados de profesionalidade, esa posibilidade só se dá durante os primeiros cinco días lectivos.

Este Comité considera que debería permitirse esa substitución máis aló dese prazo de 5 días, e fixar unha porcentaxe en función da duración da acción (xa que non ten a mesma repercusión nun certificado de 300 horas que nun de 600), cun máximo do 25%.

Así mesmo, debería terse en conta esta circunstancia no cálculo de alumnado subvencionado.

Trixésimo oitava.- Artigo 32º. Módulos transversais.
No apartado 4 deste artigo dise que aquelas persoas que xa tiveran realizado algún módulo transversal, “non poderán volver a realizalo”.

Este Comité considera que, dado que pode haber alumnado que teña interese en volver realizar o módulo, debería dicir: “poderán quedar exentos se así o solicitan”.

Igualmente, considérase que se debería incluír a posibilidade de solicitar os módulos optativos regulados na orde AFD 2015, aos que debe querer referirse o contido do apartado 2 deste artigo, así como o seu apartado 5.


Trixésimo novena.- Artigo 33º.- Dereitos e deberes do alumnado.
Segundo o apartado 2 deste artigo: “O alumnado terá dereito a percibir as axudas ou bolsas que se establezan regulamentariamente pola Consellería de Traballo e Benestar para as accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas”.

Este Comité considera que debería especificarse neste punto en que consisten estas axudas e como van a xestionarse, así como concretar quen as financiará.

Cuadraxésima.- Artigo 34º. Diplomas.
Coa finalidade de dotar de máis claridade ao previsto no apartado sobre a entrega de diploma oficial a quen asistise “como mínimo ao 75% das horas lectivas”, este Comité considera que se debería facer constar expresamente se ese 75% se refire ás horas lectivas totais do curso ou ao 75% das horas lectivas totais con excepción das horas dos módulos transversais.

Cuadraxésimo primeira.- Artigo 35º.Prácticas non laborais.
En relación ás prácticas incluídas no programa formativo do curso, sería desexable establecer unhas instrucións  para o correcto desenvolvemento das prácticas e atender aspectos como o calendario de execución, lugar (mesmo concello ou outro), circunstancias para a renuncia e, en xeral, todos aqueles aspectos derivados da posible casuística.

Cuadraxésimo segunda.- Anexo IV. Compromiso de inserción de alumnos.
Consideramos este anexo pouco realista, xa que na situación económica e empresarial actual, deberíase poder traballar ao longo do curso na inserción laboral do alumnado. A esixencia de comunicar na solicitude ás empresas nas que se vai realizar a inserción, os postos e a duración do contrato, representa unha seria limitación para as entidades solicitantes e pouco realista, xa que as empresas non teñen por qué manter ese compromiso. Debería substituírse por unha declaración de intencións, con xustificación posterior do grao de cumprimento, e atender as alegacións expresadas no artigo 4º.

Cuadraxésimo terceira.- Disposición Adicional Terceira.
Nesta Disposición Adicional faise referencia á obtención concorrente de subvencións ou axudas “outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacionais” debería substituírse por “estatais” en coherencia co disposto no apartado 6 do artigo 13º deste proxecto normativo.

Cuadraxésimo cuarta.- Anexo III.
Este Comité considera que as organizacións sindicais e empresariais máis representativas deberían participar na determinación dos criterios de elaboración do Anexo III e presentar as propostas de especialidades a incluír nel.
ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO DE GALICIA:


Primeira.- Artigo 1º. Obxecto e ámbito de aplicación.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, aínda que comparten a lóxica excepción da concorrencia competitiva, consideran que se debería realizar unha fiscalización eficaz sobre a que entidades se lles conceden axudas e en que condicións.

Segunda.- Artigo 4º. Procedemento.
O apartado 5.8º deste precepto valora con 5 puntos o emprego da lingua galega na realización das accións formativas.

As organizacións sindicais propoñen que se outorguen ata 15 puntos cando se use o galego en todos os trámites e procesos formativos.

Terceira.- Artigo 10º. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 18 deste artigo establece a obriga de incorporar, na xustificación dos gastos efectivamente realizados, unha auditoría de conta xustificativa cun informe asinado por un auditor rexistrado.

As organizacións sindicais consideran que o control e supervisión da xustificación de gastos é un cometido que compete directamente á Consellería de Traballo e Benestar e aos órganos autonómicos, estatais e da Unión Europea, no seu caso, encargados da súa fiscalización e control. Polo exposto, non se comparte a previsión de que se resolva o control mediante auditorías privadas por encargo da entidade beneficiaria.




ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS CENTRAIS SINDICAIS UGT-GALICIA E SINDICATO NACIONAL DE CC.OO DE GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Primeira. Artigo 4º.- Procedemento.
As organizacións UGT-Galicia, S.N. de CC.OO. de Galicia e máis a CEG consideran que a valoración da experiencia na impartición das accións debería ter en conta o caso dos certificados de máis recente aprobación e, polo tanto, de menor percorrido no que a experiencia se refire, para deste xeito evitar que se xeren diferenzas na puntuación atribuíbles a outras circunstancias.

Segunda. Artigo 24º. Forma de xustificar a pagamento.
Este precepto regula os distintos soportes que permiten xustificar o pagamento.

As organizacións sindicais S.N. de CC.OO. de Galicia e UGT-Galicia, así como a CEG consideran que debería substituírse o parágrafo relativo ao pagamento en efectivo por outro no que se inclúa, como xustificante de pago, os tickets ou facturas que inclúan o CIF do provedor, á vista do dispsosto na normativa de carácter xeral que existe sobre esta materia.

Terceira. Artigo 28º.- Persoas destinatarias da formación.
Este artigo relaciona os colectivos que terán preferencia para a participación nos cursos, sinalando no seu apartado 4 que poderán participar ata un 25% de persoas traballadoras ocupadas en cada unha das accións.

Estas organizacións propoñen que se aclare se a citada porcentaxe inclúe aos traballadores autónomos e, de non ser así, que se inclúan.

Cuarta. Artigo 35º.- Prácticas non laborais.
As citadas organizacións consideran que non compete a esta norma a esixencia da documentación requirida no apartado 1.2 deste artigo para o inicio das prácticas, relativa á propia actividade da empresa, como a licenza de apertura, ou o cumprimento da normativa en PRL, xa que de non estar ao día a autoridade competente non permitiría que a empresa desempeñase a súa actividade.

Debería ser suficiente con presentar unha declaración.

ANEXO III



CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CENTRAL SINDICAL CIG.

Consideración xeral.

A grave problemática das persoas desempregadas de longa duración, en risco de pobreza e exclusión social, non se vai solucionar porque a unha parte delas (as que teñen responsabilidades familiares directas) se lle ofreza unha axuda condicionada de 426€ ao mes durante medio ano, que agora se pretende “reforzar” con esta Orde mediante a programación de accións formativas para a súa cualificación profesional.

Consideramos que este colectivo necesita urxentemente a garantía dun salario de inserción laboral mentres non atopen emprego en condicións dignas, ao tempo que se implementan polos gobernos políticas radicalmente distintas das actuais, que sirvan para reactivar a economía real e para crear emprego.

As denominadas políticas activas de emprego, que se veñen centrando fundamentalmente en investir en formación e en adicar inxentes recursos do Erario a subvencionar a contratación mediante unha multiplicidade de vías, téñense demostrado insuficientes e ineficaces para crear emprego e serven realmente para surtir de man de obra barata, ou mesmo regalada, a certas empresas.

A panoplia mediática da que se revestiu a presentación pública das medidas que inclúen esta convocatoria, só atopa lóxica explicación no feito de atopármonos nas vésperas de varias convocatorias electorais. A este respecto, resulta rechamante que o goberno galego do Partido Popular agora requira e obteña o apoio dalgúns dos sindicatos máis representativos, cuxo concurso ven sendo desprezado nas políticas máis transcendentais dos gobernos dese partido, como son a contrarreforma laboral permanente, os recortes nas pensións, nos servizos públicos elementais e nas prestacións por desemprego, ou as agresións ao idioma nacional, por poñer algúns casos significativos.

No caso da Orde que hoxe ditaminamos, concorren ademais outras circunstancias:

Trátase dunha convocatoria con previsible escaso impacto, debido á limitación dos recursos previstos (os cales, por certo, non son novos recursos, senón que son detraídos dos orzamentos globalmente previstos para a realización de accións formativas para persoas desempregadas), tendo en conta que as persoas potencialmente beneficiarias serían 21.121 en Galicia (segundo datos do goberno central, referencia do Consello de Ministros do 07.03.15), e considerando ademais que, como se recolle no Art. 28º desta Orde, poderán participar tamén nas accións formativas persoas desempregadas que non sexan beneficiarias do programa de “Activación para o Emprego” e, así mesmo, ata un 25% das prazas pódense asignar a persoas traballadoras ocupadas.

Hai que resaltar tamén, que o texto desta Orde, que se presenta como froito do denominado “diálogo social” é sen embargo practicamente idéntico a parte da Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na C.A. de Galicia correspondente ao exercicio de 2015. A este respecto, habería que engadir e lembrar que o criterio unánime do Consello Galego de Relacións Laborais, segundo se fai constar na Consideración Xeral Primeira do seu ditame 18/2014 é que “non atopa moito sentido nin xustificación á segregación desta Orde, cando podería quedar perfectamente regulada a través da orde xeral antes mencionada, como vía de programación específica”.

Finalmente, compre sinalar a incongruencia do que se sinala na exposición de motivos a respecto de que esta Orde sexa produto dese denominado “diálogo social”, diante da profusión de críticas de índole xeral e específica que se formulan unanimemente ao seu texto neste Ditame do CGRRLL.


Consideracións específicas.

Primeira. Artigo 4º.- Procedemento.
Regúlanse neste artigo os criterios avaliativos de “Capacidade acreditada da entidade” (Apartado 5.2º, con ata 15 puntos) e a “Metodoloxía innovadora” (Apartado 5.4º, con ata 10 puntos).

A CIG considera que os criterios deben tender a ser o máis obxectivos posibles, para evitar discrecionalidade no outorgamento da puntuación, e que deberían ser coñecidos polas entidades solicitantes os parámetros que poden dar lugar ás diferentes asignacións, polo que propón que se detallen neste precepto os criterios de aplicación para a asignación concreta de cada puntuación.

Ademais, considera que o criterio do apartado 5.2º debería avaliarse con ata 25 puntos .

Segunda .- Artigo 4º.- Procedemento.
Respecto do apartado 5.6º, a CIG propón que se recupere a previsión da convocatoria de ADF do exercicio 2013, segundo a cal: “Se a especialidade solicitada está incluída no anexo III e se programa na súa totalidade, outorgaranse 20 puntos”, xa que no borrador actual se valora con 10 puntos.

Terceira.- Artigo 13º. Determinación das subvencións para a acción formativa.
O apartado 3 deste artigo establece que o importe das accións formativas concretarase no produto de horas do curso polo número de alumnos e polo importe do módulo que lle corresponda á especialidade.

Esta organización propón a eliminación do modelo proposto para a cuantificación das subvencións destinadas a cada acción formativa, que entendemos desvencellado da realidade, xa que non ten en conta os custos reais que ten cada especialidade formativa en función das súas características e esixencias materiais de execución.

Cuarta.- Artigo 32º. Módulos transversais.
En relación coa formación en materia de Prevención de Riscos Laborais, a CIG considera que a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia debería impulsar a elaboración de Catálogos Formativos nesa materia, para os sectores da Construción e do Metal, dado que as limitacións impostas nos procesos vencellados á obtención das denominadas “Tarxetas Profesionais”, especialmente no primeiro sector mencionado, imposibilitan na práctica a homologación para poder impartir con medios propios estes concretos módulos transversais.



ANEXO IV

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Primeira.- Artigo 4º. Procedemento.
Respecto á previsión do apartado 1.a deste precepto, a CEG considera que a resolución das entidades que sexan solicitantes e conten con centros acreditados en máis dunha provincia, debería facerse pola Dirección Xeral de Emprego e Formación, en aplicación dos principios de racionalidade administrativa e eficiencia.

Segunda.- Artigo 4º. Procedemento.
O compromiso de inserción laboral regulado no apartado 5.5º debe ser máis flexible no tempo (duración), xa que dadas as actuais circunstancias do mercado de traballo, a inserción laboral faise máis complicada. Tamén debería terse en conta a inserción durante todo o ano natural anterior á solicitude das accións, a inserción por un período mínimo de tres meses, as baixas producidas ao longo do curso por colocación, a inserción de persoas desempregadas que se constitúen como autónomos ou eliminar a esixencia de que a inserción teña que realizarse nunha familia profesional relacionada coa especialidade impartida.

Terceira.- Artigo 4º. Procedemento.
Respecto ao apartado 5.2º , a CEG considera que a valoración da experiencia en formación profesional debe asociarse ó CIF da entidade e non debería circunscribirse ao centro, xa que unha entidade con experiencia pode adquirir un centro novo e polo tanto non obter puntuación.

Así mesmo, a experiencia non debe circunscribirse unicamente á formación de carácter presencial financiada con fondos públicos senón que tamén debe abarcar toda a formación incluíndo outros métodos admitidos como a teleformación e independentemente da súa financiación, sobre todo ao ter en conta que ante a progresiva redución de fondos públicos moitas empresas de formación con ampla experiencia implementaron a oferta privada nestes últimos anos.

Cuarta.- Artigo 4º. Procedemento.
O apartado 5.8º valora o emprego da lingua galega na realización das accións formativas con 5 puntos.

A CEG considera que a utilización da lingua galega na impartición das accións debe estar supeditada ao coñecemento que os alumnos e o profesorado teñen da mesma, polo tanto debe ter carácter potestativo polo profesorado e o seu uso por este non debe ser o motivo exclusivo da baremación. Así, a priorización que se lle da ao uso do galego na impartición a través da baremación debe estar sempre supeditada ao mantemento da calidade atendendo ao colectivo a formar. Por este motivo, solicítase a substitución da oración “O compromiso do emprego da lingua galega deberá referirse á súa utilización polos docentes na impartición das accións formativas” por outra que permita varias opcións alternativas para as entidades impartidoras sobre a base de garantir a calidade da formación (elaboración de materiais, docencia,...etc.,) , de tal forma que non quede centrada exclusivamente na súa utilización polos docentes na impartición das accións formativas.

Quinta.- Artigo 8º. Execución das accións formativas.
No que atinxe á contratación de persoal docente para a impartición da acción, sen ter a consideración de subcontratación, provoca a discriminación na contratación do persoal docente a través dun servizo externo e prima a figura dos empresarios individuais fronte aos colectivos. Aínda máis, cando estes en moitos casos, son os que proporcionan un colchón financeiro ante a falta de axilidade nos pagos por parte da administración.

Moitas empresas de formación prestan colaboración a través dos seus docentes, proceso que se fai con todo o rigor e a transparencia que esixe esta orde.

Con este motivo, a CEG propón que se permita a subcontratación da docencia tamén con empresas independentemente da súa forma xurídica.

Sexta.- Artigo 13º. Determinación das subvencións para a acción formativa.
A contía estipulada para cubrir os custos do titor de prácticas no apartado 3 deste artigo, establecida en 1,5 € por alumnos/hora, é insuficiente polo que a CEG propón que sexa incrementada para cubrir polo menos o custo laboral do titor do tempo dedicado ás horas de titoría.

Sétima .-Artigo 15º. Custos subvencionables.
O apartado I.4 deste precepto establece que: “No caso dos contratos de arrendamento que non conteñan unha opción de compra e cuxa duración sexa inferior ao período de vida útil do activo ao que se refire o contrato, o arrendatario deberá poder demostrar que o arrendamento financeiro era o método máis rendible para obter o uso dos bens. Se os custes houberan sido mais baixos de terse utilizado un método alternativo os custes adicionais se deducirán do gasto subvencionable”.

A CEG considera que debería precisarse que se entende por “máis rendible”, xa que se o circunscribimos á orde fará referencia a un menor custo imputable, o que pode limitar a opción do aluguer que, na maioría dos casos, é maior que a porcentaxe de imputación da amortización no caso da compra ou das instalacións nas datas nas que se desenrola a acción formativa.

Se a interpretación da norma é esta, que prima a amortización sobre o aluguer, as dificultades para as empresas de formación son maiores, xa que deberán facer fronte a unha inversión nun momento de incertidumbre económica e dunha dubidosa rendibilidade a longo prazo.

Oitava.- Artigo 32º. Módulos transversais.
A CEG considera que deberían revisarse as materias a impartir nestes módulos, e incluir outras materias de interese para as persoas destinatarias e os criterios para homologalos, posto que provocan duplicidades de xestión.

Novena.- Artigo 32º. Módulos transversais.
Debería recuperarse a obrigatoriedade da realización do curso de prevención de riscos laborais. Isto ven motivado porque nas familias profesionais mencionadas no citado artigo é un requirimento imprescindible e necesario de acceso ás prácticas que as empresas esixen, para poder garantir e velar pola seguridade dos traballadores/alumnos dados os riscos específicos derivados das tarefas a desempeñar.

Décima.- Artigo 33º. Dereitos e deberes dos alumnos e das alumnas.
No apartado 6º establécese que: “A xustificación das faltas deberá facerse mediante documentos ou calquera outro medio que acredite de modo fidedigno o motivo da non asistencia.

A CEG considera que é necesario aclarar qué se entende por “calquera outro medio”, en tanto en canto o alumnado debe estar advertido do modo de xustificación das ausencias.

Décimo primeira.- Artigo 35º. Prácticas non laborais.
Polo que se refire ao período de presentación da documentación que se precisa para a realización das prácticas, co motivo de facilitar a participación das empresas na xestión de toda a documentación administrativa que se xera e sobre a cal as entidades beneficiarias dependen de terceiros, a CEG solicita unha redución dos tempos de entrega que se traduza en cinco días hábiles de antelación á data de inicio das prácticas e non os dez días hábiles que se recollen no actual proxecto normativo, tal e como se viña establecendo anteriormente.

Décimo segunda.- Artigo 35º. Prácticas non laborais.
No apartado 1.7 deste artigo establécese que as empresas deberán comunicar aos representantes legais das persoas traballadoras na empresa unha relación do alumnado que vaia realizar as prácticas, as datas e horario de realización.

A CEG considera que as entidades non deberían establecer os procedementos internos das empresas, co cal serán elas mesmas as que decidan o que nas súas empresas deben comunicar, a quen e como.