ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 11/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, das entidades asociativas de centros especiais de emprego e das entidades asociativas de empresas de inserción laboral, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

I. ANTECEDENTES

O día 10 de marzo de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, xunto co que remite proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, das entidades asociativas de centros especiais de emprego e das entidades asociativas de empresas de inserción laboral e se procede á súa convocatoria para o ano 2015. Solicítase, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos do proxecto normativo establécese que o traballo autónomo constitúe un sector de importancia fundamental na creación de emprego e riqueza e no que descansa boa parte da estabilidade do sistema económico de Galicia. Por iso, o fomento do asociacionismo no sector do autoemprego contribúe á consolidación do colectivo das persoas traballadoras autónomas.

Por outra banda, a Lei 5/2011, do 29 de marzo, de Economía Social establece que os centros especiais de emprego e as empresas de inserción laboral forman parte das entidades que integran a economía social. Así, esta lei dispón que as entidades da economía social poderán constituír asociacións para a representación e defensa dos seus intereses e, no seu artigo 8, recoñécese como tarefa de interese xeral a promoción, o estímulo e o desenvolvemento das entidades da economía social e das súas organizacións representativas, co respecto das competencias das comunidades autónomas.

Neste contexto, esta orde establece axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o financiamento dos gastos xerais de funcionamento, infraestrutura e mantemento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, de centros especiais de emprego e de empresas de inserción laboral para que poidan desenvolver de forma eficaz o cumprimento da súa finalidade e fortalecer á súa estrutura.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 27 de marzo de 2014 e tendo en conta o ditame 47/2013, emitido polo Consello con data 9 de decembro de 2013, obsérvase que foi tida en conta algunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Este proxecto normativo presenta lixeiras modificacións en relación coa convocatoria do 2014.

Mantense a estrutura de programas de convocatorias anteriores, se ben agora estes se inclúen en capítulos dentro do proxecto normativo (do III ao V) cando anteriormente se regulaban en Anexos (do A ao C).

En canto ao financiamento destas subvencións, mantense o importe de 123.500 € (artigo 2) e a súa distribución por programas.

En materia de autorizacións, o artigo 8 prevé agora a posibilidade de que a persoa solicitante denegue expresamente o consentimento e que o deber de achegar os documentos ou informacións esixibles non procederá cando xa estivesen en poder da Administración.

No que se refire aos gastos subvencionables, matízase agora que en materia de gastos de persoal se incluirán as pagas extraordinarias, segundo se dispón nos artigos 16.2 a), 24.2.a) e 32.2 a).

Por outra banda, en materia de documentación, o art. 19, 2 b) para o programa de axudas ás entidades asociativas, recolle novos requisitos en materia da declaración do representante legal da entidade, respecto do número de sedes que figuren inscritas no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos ou cuxa inscrición fose solicitada. Ademais os contratos de arrendamento ou cesión de uso deberán estar en vigor.

Polo que se refire aos criterios de valoración (art. 20, 28 e 36), modifícanse as puntuacións máximas e se gradúan dentro de cada criterio.

Respecto ao criterio de valoración do emprego da lingua galega, que figura na letra h) do número 1 dos artigos anteriormente citados, mantense a redacción e a puntuación prevista na convocatoria anterior, se ben agora se engade un novo parágrafo no que se indica que a valoración do criterio será para “as asociacións que acheguen toda a documentación en galego, e restarase un punto  de maneira proporcional segundo a documentación achegada no expediente”.

No número 2 do artigo 28, relativo aos criterios de valoración das entidades asociativas de centros especiais de emprego e no artigo 36 .2, polo que se refire ás empresas de inserción laboral, especifícase o que se entenderá por concello rural a efectos desta norma, isto é, aquel que teña menos de 20.000 habitantes.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, das entidades asociativas de centros especiais de emprego e das entidades asociativas de empresas de inserción laboral, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015” consta de: Exposición de motivos, seis capítulos, corenta e tres artigos, dúas disposicións adicionais, dúas finais e dous anexos.

O día 25 de marzo de 2015 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e catorce específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral, manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo I) e unha xeral e unha específica manifestadas pola organización empresarial CEG (Anexo II).





















DITAME 11/2015




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, das entidades asociativas de centros especiais de emprego e das entidades asociativas de empresas de inserción laboral, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de marzo de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 26 de marzo de 2015, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Este Comité considera que non se xustifica suficientemente na exposición de motivos a decisión de agrupar nunha mesma orde ás entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas con entidades asociativas de centros especiais de emprego e de empresas de inserción laboral, dado que son entidades con finalidades moi dispares.

Segunda.
Este Comité propón que se corrixan as clasificacións nas que se utilizan as letras j e k (artigos 16, 19, 24, 27, 32 e 35), letras que non son propias do alfabeto galego, que se deben substituir polas seguintes que correspondan.









CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 3. Principios de xestión.
Detéctase un erro na enumeración dos capítulos nos que se recollen as bases especificas de cada programa, xa que figuran como II, III e IV, cando deberían ser III, IV e V.

Segunda.- Artigo 8. Autorizacións.
En relación co apartado 1, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e se estableza primeiro a obriga de aportar as certificacións pola entidade solicitante e, en segundo lugar, a opción de que a solicitante autorice expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Igual consideración formúlase respecto do apartado 2 en relación co sistema de verificación de datos.

Terceira.- Artigo 14. Obxecto.
Tal e como está redactado o apartado 2 deste precepto, pode dar lugar a que se entenda que o carácter intersectorial se refire ás persoas traballadoras, cando en realidade se está a referir ás entidades asociativas.

Polo exposto, este Comité propón unha nova redacción para ese apartado: “Para os efectos deste programa, enténdese por entidade asociativa de carácter intersectorial de persoas traballadoras autónomas aquela que conte con membros en, polo menos, dous sectores económicos, entre os da agricultura, industria, construción e servizos”.

Cuarta.- Artigo 15. Requisitos das entidades beneficiarias.
No apartado 1.d) deste artigo esíxese ás entidades beneficiarias ter sede na Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, para os outros programas recollidos no proxecto normativo (artigos 23 e 31), esíxeselles tamén ter o seu domicilio social en Galicia.

Este Comité propón que a redacción sexa a mesma para os tres programas.

Quinta.- Artigo 16. Gastos subvencionables.
O apartado 1 deste artigo establece que serán subvencionables os gastos realizados no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 31 de outubro de 2015.

Este Comité considera que, para os efectos de subvencionar un exercicio completo, o período debería ser o comprendido entre o 1 de novembro de 2014 e o 31 de outubro de 2015. Subsidiariamente, de non aceptarse esta proposta, este Comité propón que o período subvencionado se amplíe ata o 30 de novembro de 2015.

En consecuencia, debería ampliarse ata o 15 de decembro de 2015 o período de xustificación previsto no artigo 12.3 deste proxecto normativo.

Reiterase a mesma consideración para os artigos 24 e 32.

Sexta.- Artigo 16. Gastos subvencionables.
O apartado 2 deste precepto inclúe, na letra h) entre os gastos subvencionables, as cotas pola pertenza a organizacións autonómicas ou estatais.

Este Comité considera que non se debería subvencionar con medios autónomicos a pertenza a organizacións estatais, polo que propón suprimir esa posibilidade.

Reitérase a mesma consideración para os artigos 24 e 32.

Sétima.- Artigo 20. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.
No artigo 19.1.d) do proxecto normativo esíxese que a entidade presente unha memoria dos servizos prestados as súas persoas asociadas.

Este Comité propón que se engada como criterio de valoración o que establecía o apartado 1.d) do artigo 11º da orde do exercicio 2010: “d) Actividades realizadas no exercicio 2014 e servizos que prestan as súas persoas asociadas: Ata 15 puntos”.

Oitava.- Artigo 20. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.
No apartado 1.f) deste artigo valóranse os convenios ou acordos de colaboración e representación asinados con entidades inscritas ou que solicitasen a inscrición no rexistro de asociacións profesionais de traballadores autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia en ata 10 puntos.

Este Comité considera que se deberían valorar tamén os acordos ou convenios que asinasen coas organizacións empresariais e sindicais máis representativas de Galicia.

Novena.- Artigo 20. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.
No apartado 1.h) deste artigo valórase o emprego da lingua galega “e restarase un punto de maneira proporcional segundo a documentación achegada no expediente”.

Este Comité considera que debería explicarse adecuadamente o que se quere dicir neste apartado.

Así mesmo, obsérvase que os apartados neste artigo atópanse mal enumerados (1,3,4), polo que este Comité propón que sexan enumerados correlativamente (1,2,3).


Décima.- Artigo 28. Criterios de valoración das entidades asociativas de centros especiais de emprego.
Na aliña segunda da letra a) do apartado 1 deste artigo faise referencia ás “persoas asociadas” cando a expresión correcta debería ser “persoas con discapacidade contratadas”, polo que este Comité propón que se corrixa.


Décimo primeira.- Artigo 39º. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado h) deste artigo establece a obriga de adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar.

Este Comité considera que deberían figurar expresamente no texto do artigo as medidas que se consideran axeitadas.

Décimo segunda.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

O mesmo se observa respecto das disposicións derradeiras [sic].

Décimo terceira.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras, que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega

Décimo cuarta.- Anexo I-B. Subvencións ás entidades asociativas de centros especiais de emprego.
Na páxina 3 deste anexo figura a documentación que se presenta ou declara estar en poder da Administración e faise referencia no undécimo ítem aos “Convenios ou acordos de interese profesional concertados pola entidade que beneficien ás persoas traballadoras dos centros especiais de emprego asociados”, cando esta documentación xa non se esixe no artigo 27 nin figura como criterio de valoración no artigo 28, polo que este Comité propón que se suprima do formulario.

Igual consideración formúlase respecto do Anexo I-C e que se suprima a dita referencia aos “Convenios ou acordos de interese profesional concertados pola entidade que beneficien ás persoas en situación ou en risco de exclusión social asociados”.



ANEXO I


CONSIDERACIÓNS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Consideración xeral:
As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que as actividades que se subvencionan mediante este proxecto normativo son dunha excesiva flexibilidade conceptual e mesmo se prevé subvencionar con fondos públicos actividades ordinarias relativas á estrutura de asociacións privadas, polo que propoñen que se acoten as actividades obxecto de axudas a aquelas que teñan interese público, do mesmo xeito que se fai coas asociacións de cooperativas.


ANEXO II


CONSIDERACIÓNS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS  DE GALICIA:

Consideración xeral
Deberían contemplarse no texto da Orde como beneficiarias das subvencións destinadas a traballadores autónomos ás asociacións empresarias polos seguintes motivos:

• Para ter en consideración na súa redacción a recente modificación da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do Traballo Autónomo pola disposición final terceira do Real Decreto-lei 4/2015, de 22 de marzo que incorpora ás organizacións empresariais entre aquelas con capacidade xurídica para actuar en representación dos traballadores autónomos.

• Por outra parte, como se sinala na exposición de motivos o traballo autónomo ten unha importancia fundamental na creación de emprego e riqueza, no que descansa boa parte da estabilidade do sistema económico de Galicia. As asociacións empresariais cumpren unha función de fomento e promoción do emprego autónomo e contan entre os seus asociados con empresarios autónomos. Por iso, o fomento do asociacionismo empresarial no sector do autoemprego contribúe tamén á consolidación do colectivo das persoas autónomas e debería contemplarse no ámbito das subvencións obxecto de ditame.



Consideración específica: Artigo 24. Gastos subvencionables.
No apartado 2, letras i) e j), establécese que a contía da subvención polos gastos de desprazamento e manutención, por participar nas actividades relacionadas nos citados apartados, non poderá superar o 50% do seu custo.

A CEG considera que debería manterse a porcentaxe do 70% que figuraba na Orde reguladora da anterior convocatoria de axudas.

Esta mesma consideración afectaría aos artigos 16 e 32.