ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 13/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais e a promoción do cooperativismo e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

I. ANTECEDENTES

O día 31 de marzo de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, xunto co que remite proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais e a promoción do cooperativismo e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 e solicítase, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo a súa exposición de motivos, as distintas axudas e subvencións establecidas nesta orde intégranse dentro das accións que a Consellería de Traballo e Benestar pretende levar a cabo para conseguir un axeitado desenvolvemento en materia de economía social, tanto no que respecta ao fomento do emprego e mellora da competitividade como á promoción das cooperativas, de xeito que redunde en beneficio e mellora do eido económico e socio-laboral da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa finalidade é a de fomentar a incorporación de persoas desempregadas e de persoas traballadoras temporais a cooperativas e sociedades laborais e apoiar o desenvolvemento de proxectos de emprendemento, a través dos catro programas que regula.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 7 de marzo de 2014 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 19 de decembro de 2013 (Ditame 52/13), obsérvase que foi tida en conta a consideración xeral manifestada polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destacan as seguintes modificacións con respecto á orde do ano anterior:

Contémplase, no artigo 4, o financiamento dos distintos programas, que pode ser con cargo a fondos propios e fondos finalistas cando se trate de accións elixibles de acordo co “Plan anual de política de empleo” (apartado 3). Non obstante , os importes das subvencións poderán verse incrementados con fondos comunitarios, da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma de Galicia (apartado 5). Así, no artigo 16, mantense a posibilidade de cofinanciamento polo Fondo Social Europeo (FSE), ao establecer as obrigas da entidade promotora cando as accións sexan cofinanciadas.

Obsérvase que desaparece, dentro dos programas subvencionados (artigo 1), o referido á intercooperación e integración cooperativa.
No artigo 8, relativo aos consentimentos e autorizacións, inclúense tres novos números (3,4,5) en materia de autorizacións. Introdúcese tamén un novo artigo 9 para regular a protección de datos de carácter persoal.
En materia de compatibilidades e concorrencia (artigo 14), introdúcese no apartado 2, que as subvencións previstas na orde serán compatibles coa obtención das subvencións establecidas nos programas de impulso do autoemprego colectivo no marco da garantía xuvenil, cofinanciadas polo FSE, agás cando se prevea expresamente a incompatibilidade ou se trate de subvencións para a mesma persoa incorporada ou os mesmos gastos, suposto no que deberán optar polo financiamento a través dunha única orde de subvencións.
No artigo 17 incorpóranse no número 2 os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará, de acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Así mesmo, no artigo 18, regúlase, como novidade, a devolución voluntaria de subvencións.
Polo que se refire ao sometimento destas axudas ao réxime de mínimis, recollido no artigo 20, actualízase a remisión á normativa reguladora en dous novos apartados, o 2 e 3.
No programa I, de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais, disponse agora, no número 4 do artigo 26, sobre a de contía das subvencións, que a contía máxima que poderá ser concedida a unha beneficiaria por subvencións con cargo este programa será de 50.000 euros.
Nese mesmo programa I, disponse, no artigo 30, relativo ás obrigas das beneficiarias, que estas deberán manter, polo menos durante un período de tres anos, unha forma xurídica de entre as elixibles para resultar beneficiarias da subvención concedida (na anterior convocatoria era de 5 anos) Así mesmo están obrigadas a manter a persoa pola que se concede a subvención, como persoa socia traballadora ou de traballo, polo menos, durante dous anos (antes tres).
No programa II, de fomento do acceso a condición de persoa socia (antes traballadora), recóllense no número 1 do artigo 32, relativo ás persoas beneficiarias, tres novas letras: b) as persoas socias a proba de cooperativas e as persoas asalariadas de cooperativas ou sociedades laborais, que accedan á condición de persoa socia traballadora ou de traballo; d) As persoas que se incorporen como socias traballadoras ou de traballo,  en virtude da transformación da empresa na que presten servizos en cooperativa ou sociedade laboral e e) As persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, que emprendan unha actividade por conta propia e se incorporen nunha cooperativa como persoas socias, con compromiso de exclusividade, para comercializar os seus produtos, obter subministracións, servizos e a asistencia técnica que precisen.
Polo que se refire á contía das subvencións deste programa II (artigo 33), é de ata 4.500 € para as beneficiarias previstas no artigo 32.1, apartados a), b), c) e d) e de ata 3.000 € para as do apartado e). Como novidade, no número 4, establécese que  no caso de socios e socias traballadoras ou de traballo, a incorporación poderá ser a xornada completa ou a tempo parcial. Cando a dedicación sexa a tempo parcial, deberá comprender como mínimo o 50% da xornada ordinaria calculada en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, na xornada ordinaria legal e a contía dos incentivos previstos no apartado anterior reducirase ao 50%. Por outra banda, no número 5, disponse que non poderá concederse esta subvención cando se trate da incorporación de persoas socias que obtiveron unha subvención para financiar a achega ao capital social de cooperativas ou sociedades laborais durante os últimos cinco anos.
En materia de obrigas das beneficiarias neste programa II, establécese no artigo 37 que quedan obrigadas a manter esta condición na mesma cooperativa ou sociedade laboral á que se incorporan por un período mínimo de tres anos (anteriormente cinco).
No programa III, de impulso de proxectos empresariais cooperativos e asistencia técnica, disponse, no número 2 do artigo 41, que a contía da subvención será de ata o 75% do custo dos servizos prestados e calcularase tendo en conta os seguintes límites máximos: 20 euros por cada hora de duración efectiva multiplicados polo número de persoas socias participantes na actividade, cun límite máximo de 1.000 euros de subvención por cada persoa socia incorporada á cooperativa ou sociedades laboral que participe na formación e 5.000 euros de subvención por cada beneficiaria.
Polo que se refire ao programa IV, de promoción das cooperativas xuvenís, inclúese unha nova letra b) no artigo 49, relativo ao obxecto e contía da subvencións que dispón que poderán subvencionarse tamén as materias primas, embalaxes, envases e outros aprovisionamentos necesarios para a produción, agás os que sexan obxecto de simple comercialización.
Finalmente en materia de financiamento, recollido no artigo 58, prevese unha contía inicial para estas axudas de 2.267.617 €, cando na anterior convocatoria foi de 1.835.000 €.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en en cooperativas e sociedades laborais e a promoción do cooperativismo e se procede á súa convocatoria para o ano 2015” consta de: Exposición de motivos, sete capítulos, cincuenta e oito artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais.






O día 10 de abril de 2015 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén oito consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén, así mesmo, como anexos, unha consideración específica de carácter non unánime manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello (Anexo I) e dúas manifestadas pola CEG (Anexo II).




DITAME 13/2015





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais e a promoción do cooperativismo e se procede á súa convocatoria para o ano 2015, con data de rexistro de entrada neste Consello o 31 de marzo de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 10 de abril de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.
No número 2 deste artigo establécense os programas a subvencionar. Obsérvase que neste exercicio elimínase o relativo á intercooperación e integración cooperativa, que figuraba como programa V en anteriores  convocatorias.

Este Comité non considera xustificada a supresión do referido programa dada a finalidade da disposición de fomento da economía social, polo que propón que se recupere.

Segunda.- Artigo 8. Consentimentos e autorizacións.
En relación co número 5 deste artigo, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.



Terceira.- Artigo 12. Resolución e recursos.
No apartado 2 deste artigo establécese un prazo para resolver de cinco meses desde a data de publicación da orde no DOG.

Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de tres meses, contados desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, dado que se aplica o réxime de concorrencia competitiva.

Cuarta.- Artigo 28. Criterios de Avaliación.
Neste artigo e tamén nos artigos 35, 44 e 51 deste proxecto normativo establécense os criterios de avaliación das solicitudes, entres os que non figura o de empregar a lingua galega na elaboración e na realización do proxecto.

Este Comité Delegado entende que, en cumprimento da Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece que: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”, debería valorarse o emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos a subvencionar, así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Quinta.- Artigo 42. Subvención para o asesoramento e acompañamento de proxectos.
En relación coas titulacións oficiais a que se fai referencia no número 5 deste artigo, este Comité considera que debería clarificarse a súa redacción de cara a eliminar títulos inexistentes e incluír o título oficial de grao.

Sexta.- Artigo 51. Criterios de avaliación.
Detéctase un erro na remisión que se fai no número 3 deste artigo ao anexo IX no caso de constitución da empresa en zona desfavorecida ou de montaña, pois na documentación remitida figura como anexo XII. Esta falta de concordancia debería de clarificarse.

Sétima.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

O mesmo se observa respecto das disposicións derradeiras [sic].

Oitava.- Disposicións Derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.








ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:



Artigos 30 e 37. Obrigas das beneficiarias.

Estes artigos destacan algunhas das obrigas que recaen sobre as beneficiarias, como as que figuran nos apartados 1 e 2, que obrigan ás entidades beneficiarias a manter unhas condicións por un período mínimo de 3 anos, e no apartado c) a obriga imponse só durante 2 anos.

As organizacións sindicais consideran que ambas obrigas deberíanse manter durante un período mínimo de cinco anos.


ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLA ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL CEG.


Primeira.- Artigo 11. Instrución.
A CEG considera en relación o establecido no parágrafo terceiro relativo á necesidade de analizar a viabilidade do proxecto presentado, que se ben lle parece acertado que se exclúan os proxectos que claramente se ve que non van ser viables, sen embargo se considera necesario establecer os criterios para determinar que un proxecto é viable ou non e, concretamente, especificar o período temporal ao que se refire a devandita análise xa que podería darse certa discrecionalidade na viabilidade dependendo de factores como o tipo de negocio ou mesmo a inversión realizada.

Segunda.- Artigo. 15. Obrigas das beneficiarias.
Aínda que valoramos positivamente a redución temporal dalgunhas das obrigas reguladas neste artigo de cinco a dous anos, solicitamos que a obriga de realización da actividade que fundamenta a concesión da subvención se limite a un período de dous anos e non de tres como establece o proxecto de orde.

Isto ven motivado pola necesidade de manter o mesmo criterio aplicable que noutros programas de fomento do emprendemento dependentes da Consellería de Traballo e Benestar como o programa de emprego autónomo ou o programa de iniciativas emprendedoras e de emprego, cuxa duración mínima establecida para a actividade subvencionada é de dous anos.