ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 14/15

Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se procede a súa convocatoria para o ano 2015.

I. ANTECEDENTES

O día 6 de abril de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, xunto co que remite proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se procede a súa convocatoria para o ano 2015 e solicítase, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
Segundo a súa exposición de motivos, no marco xurídico vixente, conforme a Estratexia Europea de Emprego, e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de crecemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego. E tamén é importante dinamizar e deseñar os mecanismos necesarios para que as empresas creadas poidan sobrevivir, crecer e ampliar os seus mercados.
Neste marco deséñase un programa específico para apoiar e incidir naquelas persoas traballadoras autónomas e persoas profesionais que con potencialidade para crear emprego non adoptan tal decisión polo risco ou carga que pode supoñer a contratación das súas primeiras persoas traballadoras e o cambio de dimensión do seu negocio, e que ten unha especial relevancia na nosa comunidade autónoma.
Á vista do borrador agora remitido, do texto da mesma orde publicado no DOG o día 12 de xuño de 2014 e do ditame emitido polo Consello con data 17 de febreiro de 2014 (Ditame 4/14), obsérvase que foron tidas en conta algunhas consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destacan as seguintes modificacións con respecto á orde do ano anterior:
Elimínase o financiamento con cargo ao Fondo Social Europeo (FSE) e desaparecen as referencias a este do título, da exposición de motivos e dos artigos 1, 2, 15 e 16. Non obstante, atópanse referencias no artigo 19, apartados 1 e 5.
Polo que se refire ao crédito para financiamento destas axudas, establecido no artigo 2, mínorase desde os 3.000.000 € previstos na anterior convocatoria ata 500.000 €.
No artigo 4, relativo ás persoas beneficiarias, establécese no seu número 3 que non poderán ser beneficiarias as persoas que desenvolvesen como traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova situación de alta na Seguridade Social.
En materia de contía dos incentivos, recollida no artigo 7, número 1, elimínase a posibilidade de incentivos a mozas e mozos desempregados de menos de trinta anos recollidos na anterior convocatoria,
Engádese unha nova regulación no artigo 10, relativo a solicitudes e prazos, con catro novos números (2-5) relativos á copia dixitalizada, sede electrónica da Xunta de Galicia e requerimento de emenda de solicitudes.
O artigo 11, “Consentimento e autorizacións”, cambia a denominación en relación coa anterior convocatoria, que era simplemente “Autorizacións” (anterior artigo 10) e créase un novo artigo 12, “Datos de carácter persoal”, coa regulación que figuraba na anterior convocatoria (artigo 10.2) e modifícase o órgano titular do ficheiro denominado “Relacións administrativas coa cidadanía e entidades”, que agora é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, cando en convocatorias anteriores era o CIXTEC.
No parágrafo segundo da disposición adicional única prevese que, en caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa titular da dirección xeral de Traballo e Economía Social, as atribucións delegadas pola persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación ou, no seu defecto, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, de acordo co disposto na disposición adicional primeira do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se procede a súa convocatoria para o ano 2015” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vintetrés artigos, unha disposición adicional única e dúas finais.

O día 22 de abril de 2015 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén nove consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Contén así mesmo, en anexos, as consideracións seguintes sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: unha xeral e unha específica manifestadas pola CIG (anexo I), dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais representadas neste Consello (anexo II), e unha específica manifestada pola CEG (anexo III).














DITAME 14/2015



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se procede a súa convocatoria para o ano 2015, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 6 de abril de 2015, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de abril de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 3. Definicións.
Aínda que o precepto leva por título “definicións”, chama a atención o feito de que o segundo e o terceiro parágrafo do apartado 1 recollen temas procedimentais que non encaixan, polo tanto, dentro deste artigo.

Este Comité propón que os referidos parágrafos se recollan noutro artigo.

Segunda.- Artigo 4. Persoas beneficiarias.
No apartado 5 deste artigo utilízase a letra j, que non existe no alfabeto galego, polo que este Comité propón que sexa substituída pola seguinte que corresponde.

Terceira.- Artigo 8. Exclusións.
No apartado 3 establécese que se exclúen dos beneficios as contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos 24 meses anteriores á data de contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido ou nos últimos 3 meses mediante un contrato de carácter temporal.

Este Comité considera que debería definirse o que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.

Cuarta.- Artigo 11. Consentimentos e autorizacións.
En relación co apartado 3 deste artigo, este Comité propón que se invirta a súa redacción para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e se estableza primeiro a obriga de aportar as certificacións pola entidade solicitante e, en segundo lugar, a opción de que a solicitante autorice expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.



Quinta.- Artigo 15. Resolución e recursos.
No apartado 2 deste artigo establécese que o prazo para resolver e notificar é de cinco meses.  

Este Comité, considera este prazo excesivo polo que propón que sexa de tres meses. Debe terse en conta que as solicitudes que se presenten os últimos días do prazo, que remata o 30 de setembro de 2015, poderían ser resoltas no exercicio 2016 xa que o prazo de resolución supera os tres meses.

Sexta.- Artigo 18. Incompatibilidades e concorrencia.
Á vista dos apartados 1 e 3 deste precepto, así como do artigo 17, parece que se establecen diferentes límites de compatibilidade, polo que este Comité considera que se debería harmonizar o contido dos apartados e artigo sinalados.

Sétima.- Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias.
Nos números 1 e 5 deste artigo regúlase a obriga de someterse ás actuacións de comprobación ou control financeiro que poidan realizar os órganos de control comunitarios, “en especial, por tratarse de axudas cofinanciadas co Fondo Social Europeo, a entidade beneficiaria quedará sometida ás verificacións previstas no artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006”.

Este Comité considera que debería clarificarse o disposto nestes apartados posto que nesta convocatoria se elimina o cofinaciamento polo FSE.

Oitava.- Artigo 23. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas, incluíndose, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos nun parágrafo separado.

Novena.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras (sic) que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

A maiores obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha.



ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:


CONSIDERACIÓN XERAL

A Confederación Intersindical Galega reitera o xa sinalado a este respecto en anteriores ditames, no senso de que é necesario redefinir as políticas activas de emprego arredor dos seguintes eixes:

- As medidas, en calquera caso, estarán destinadas aos colectivos específicos que se determinen (entre os que se debe ter en conta a problemática laboral da mocidade), coas únicas excepcións daquelas orientadas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
- Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego.
- Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA

Artigo 18. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 2 deste artigo establece que: “Os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán,en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona.

A CIG considera que debería constar, en vez do establecido no citado apartado que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.


ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓN SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 8. Exclusións.
O apartado 4 desta base recolle, entre as exclusións, o suposto das persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, con algunha excepción.

As organizacións sindicais entenden que esta inclusión opera como cautela, o que fai que ese prazo de tres meses resulte escaso, considerando que se debería ampliar sensiblemente.

Segunda.- Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias.
O apartados 8 e 9 deste artigo obrigan á persoa beneficiaria a manter no seu cadro de persoal á persoa traballadora contratada por un tempo mínimo de dous anos e no suposto da segunda e terceira contratación indefinida subvencionada, a persoa beneficiaria es obrigada a  manter  durante dous anos a contar desde a data  da realización da contratación subvencionada, o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de persoal, respectivamente.

As organizacións sindicais consideran que o o número de persoas traballadoras fixas do cadro de persoal ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se perverta o obxectivo desta orde, xa que se da o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar sensiblemente inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que se debería incrementar ata cinco anos o referido período.


ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 8. Exclusións.
O apartado 2 deste precepto exclúe dos beneficios deste proxecto normativo os contratos realizados con familiares, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, con algunha excepción.

A CEG propón que se suprima a citada exclusión do apartado 2 co ánimo de facilitar a inclusión laboral de familiares nas iniciativas de autoemprego e porque constitúen, en moitos casos, un apoio fundamental para a súa viabilidade.