ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 15/15

Proxecto de orde de pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a concesión de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondente ao exercicio de 2015.

I. ANTECEDENTES

O día 7 de abril de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, xunto co que remite proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a concesión de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondente ao exercicio de 2015 e solicítase, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
Segundo a súa exposición de motivos, o artigo 7 do Real Decreto- lei 4/2015, de 22 de marzo, para a reforma urxente do Sistema de Formación Profesional para o Emprego no ámbito laboral establece que a concesión directa de subvencións aplicarase ás bolsas e axudas de transporte, manutención e aloxamento que se concedan ás persoas desempregadas que participen nas accións formativas. A súa concesión realizarase segundo o procedemento establecido no Real Decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos do emprego e da formación profesional ocupacional, previa solicitude do alumnado.
Deste novo proxecto normativo destácase o seguinte:
Elimínase o financiamento con cargo ao Fondo Social Europeo (FSE) . De acordo co disposto no artigo 2, a contía total prevista inicialmente para o período de vixencia da orde ascende a                     4.000.000 de euros, con cargo ao programa 11 03 323 A 480.0 con código de proxecto 2013 00 545 que figuran na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2015 ( Nesta lei sinálase ditos fondos como transferencias finalistas do Estado).
No artigo 4 recóllense as bolsas e axudas reguladas na convocatoria, que seguen a ser de asistencia, transporte, manutención e aloxamento, conciliación e para vítimas de violencia de xénero.
En relación coa documentación complementaria a presentar (artigo 6) engádense a necesidade de novas certificacións  ou declaracións (por exemplo no número 4.2.c) e de indicar o número de matrícula na axuda de transporte no vehículo propio). No número 5 deste mesmo artigo engádense novas disposicións en materia de documentación (números 5 ao 8).
Introdúcese un novo artigo en materia de autorizacións, o artigo 7, dado que a tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das Administracións públicas, así como un novo artigo 10, relativo á publicidade das bolsas e axudas, polo que as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos extremos previstos no artigo 5 da lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro de protección de datos de carácter persoal.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a concesión de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondente ao exercicio de 2015” consta de: Exposición de motivos, dez artigos, unha disposición adicional, unha transitoria e dúas finais.

O día 22 de abril de 2015 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e vinte unha consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.


DITAME 15/2015


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a concesión de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondente ao exercicio de 2015, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 7 de abril de 2015, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de abril de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Obsérvanse no texto do proxecto normativo algunhas incorreccións puntuais, como o uso do masculino xenérico e o uso das barras na denominación dos cargos públicos, polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.


Segunda.
Este Comité considera que a regulacións das bolsas debe ser en todo caso un dereito garantizado do alumnado tanto no que respecta ás expresións incoherentes que se conteñen en diversos artigos como no orzamento previsto.

A este respecto, este Comité  considera que de non aceptarse esta consideración poderían existir situacións discriminatorias, mesmo no ámbito do alumnado dunha única acción formativa.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 4. Bolsas e axudas.
En relación co disposto no apartado 3.1, no relativo ao cálculo das rendas, ao dispoñer que “Tomaranse os ingresos brutos do mes anterior ao inicio do curso ou do mes anterior a que se produza o feito causante que dea dereito á axuda, segundo o caso, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias”, este Comité considera necesario clarificar o alcance da expresión “os ingresos brutos do mes anterior”.

Segunda.- Artigo 4. Bolsas e axudas.
No último parágrafo do apartado 3.1 establécese que a variación de rendas non se considerará circunstancia sobrevida para os efectos de xerar dereito á percepción destas axudas.

Este Comité considera que debería suprimirse o establecido neste parágrafo, por canto os cambios de situación económica deberían dar lugar ao dereito de percepción de axudas ou á perda deste dereito.

Terceira.- Artigo 4. Bolsas e axudas.
En relación coas axudas de transporte recollidas no apartado 3.2 a) deste artigo, o Comité considera que se debería incrementar a axuda prevista de 1,5 € por día de asistencia, a vista dos prezos vixentes do transporte público.

Cuarta.- Artigo 4. Bolsas e axudas.
No apartado 3.2 b) deste artigo establécese a axuda de transporte público interurbano para o alumnado que resida nun concello distinto ao da impartición da acción formativa, quen “terá dereito a percibir unha axuda consistente en 5 € por día de asistencia”.
Este Comité considera que se debería actualizar a dita contía ou, subsidiariamente, manter a contía de 6 € establecida na orde de axudas de 2014.
Quinta.- Artigo 4. Bolsas e axudas.
Polo que se refire á axuda de transporte en vehículo propio do alumnado cando non exista medio de transporte público entre o seu domicilio e o do centro de formación, ou este transporte non teña un horario regular que permita compatibilizalo co da acción formativa, o importe da axuda que se establece no apartado 3.2 c) deste artigo é de 0,10 € por día de asistencia, cun máximo de 20 € diarios.

Este Comité considera que o importe da axuda debería ser de 0,19 € por quilómetro e, consecuentemente, o máximo diario debería ser aumentado dos 20 € previstos no proxecto normativo a 40 €.

Así mesmo, existe un erro na redacción. A expresión “0,10 € por día de asistencia” non é correcta, xa que en lugar de “por día de asistencia” debe ser”por quilómetro”.

Sexta.- Artigo 4. Bolsas e axudas.
En relación co disposto apartado 3.2 c) deste artigo para as axudas de transporte en vehículo propio, este Comité considera que se debería ter en conta neste apartado a especial problemática das persoas con discapacidade e mobilidade reducida que non poden utilizar o transporte público.
Sétima.- Artigo 4. Bolsas e axudas.
No apartado 3.2. e) deste artigo regúlase a axuda de aloxamento e manutención cando a distancia entre o seu domicilio e o lugar de impartición sexa, como mínimo, de 100 quilómetros.
Este Comité considera que se debería de recuperar a redacción da convocatoria do ano 2014 que fixaba a dita distancia en 50 quilómetros (artigo 48. 5. 2 c).
Oitava.- Artigo 6. Solicitude e documentación a presentar.
En relación co suposto de presentación da solicitude fora de prazo, previsto no  apartado 2 deste artigo, este Comité considera que non debería comportar a súa inadmisión, senón soamente  que se lle reduzan os días transcorridos fora do prazo.

Novena.- Artigo 6. Solicitude e documentación a presentar.
Polo que se refire a documentación complementaria a presentar xunto coa solicitude, recollida no apartado 4 deste artigo (4.1, 4.2 b) e 4.3) entre os que figura unha “declaración xurada”,  este Comité considera mais axeitada a expresión de “declaración responsable”.

En canto ao recollido no terceiro punto do apartado 4.1 deste artigo, sobre que a renda familiar sexa inferior ao 75% do IPREM no mes anterior ao inicio do curso, este Comité considera que se debería especificar que se trata da renda familiar rateada individualmente.
Décima.- Artigo 6. Solicitude e documentación a presentar.
No apartado 4.2 e) deste artigo regúlase a axuda de aloxamento e manutención. Este Comité considera que deberían de preverse situacións distintas ao arrendamento.

Décimo primeira.- Artigo 6. Solicitude e documentación a presentar.
Este Comité considera que existe un erro na redacción do apartado 8. a) deste proxecto normativo, pois onde se fala de que na solicitude farase constar unha declaración responsable de, entre outros extremos, “non se solicitou nin se concedeu ningunha outra axuda para este mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita esta subvención”, estase a regular un suposto distinto ao das bolsas e axudas reguladas neste proxecto normativo, polo que a expresión correcta debería ser “para o mesmo concepto para os que se solicita esta subvención”.
Décimo segunda.- Artigo 6. Solicitude e documentación a presentar.
Se se ten en conta a natureza e finalidade destas axudas, este Comité considera que non é axeitada a remisión recollida no apartado 8 e) deste proxecto normativo.

Décimo terceira.- Artigo 7. Autorizacións.
En relación coas previsións contidas no apartado 1 e 2 deste artigo, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e se estableza primeiro a obriga de aportar as certificacións pola entidade solicitante e, en segundo lugar, a opción de que a solicitante autorice expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Décimo cuarta.- Artigo 8. Órganos competentes para a ordenación e instrución do procedemento de concesión. Prazo de resolución e de notificación.
No apartado 2 deste artigo disponse que o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de seis meses.

Este Comité considera que dito prazo non debería de ser superior a un mes para que esta convocatoria sexa de utilidade, dada a incapacidade de financiamento das persoas que están sen recursos.

Décimo quinta.- Artigo 8. Órganos competentes para a ordenación e instrución do procedemento de concesión. Prazo de resolución e de notificación.
No apartado 2 deste artigo disponse que unha vez transcorrido o antedito prazo (de seis meses) sen terse notificado resolución expresa, a solicitude poderá entenderse desestimada.

Este Comité considera que, para evitar inseguridade xurídica, a expresión “poderá entenderse” debería substituírse por “entenderase”.

Décimo sexta.- Artigo 9. Pagamento das bolsas e axudas.
No número 1 deste artigo establécese que o pagamento das bolsas e axudas reguladas nesta orde realizarase unha vez notificada a resolución de concesión á persoa beneficiaria.

Este Comité entende que, para maior claridade, debería especificarse que o primeiro pagamento inclúe todas as axudas devengadas desde a data de adquisición do dereito.

Décimo sétima.- Artigo 10. Publicidade das bolsas e axudas.
No apartado 2 deste artigo recóllese a mesma previsión que a contida no artigo 8.4, polo que este Comité considera que en aras da economía normativa, non se debería repetir. O mesmo sucede coas previsións contidas no apartado 3 deste artigo, que xa figuran no artigo 8.5. Por outra banda  a regulación contida no apartado 4 deste artigo  e reprodución tamén da contida no apartado 1, agás no referente as sancións.

Décimo oitava.- Disposición adicional única e disposición transitoria única.
As ditas disposicións veñen no texto do proxecto normativo referidas como disposición adicional primeira e disposición transitoria primeira, polo que este Comité considera que se debería corrixir a denominación e que figuren como “disposición adicional única” e “disposición transitoria única”.

Décimo novena.- Disposición transitoria única.
Este Comité considera que debería poderse optar a unha posible mellora da contía ou dos conceptos previstos nesta disposición.

Vixésima.- Disposición transitoria única.
Este Comité considera que se debería clarificar se o previsto nesta disposición se refire a todas as persoas e colectivos regulados nesta orde e formular o tema do acceso ás posibles melloras, así como clarificar tamén se esta norma transitoria se extende a todas as accións formativas recollidas no artigo 1.

Vixésimo primeira.- Disposicións finais.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras (sic) que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
A maiores obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha.