ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 16/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas fundacións e entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2015.

I. ANTECEDENTES

O día 20 de abril de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, xunto co que remite proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas fundacións e entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2015, e solicítase, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas e subvencións que baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas fundacións do sector público autonómico e as entidades sen ánimo de lucro.
Segundo se establece na exposición de motivos, é necesaria a colaboración das institucións sen ánimo de lucro para posibilitar e contribuir o desenvolvemento, aproveitamento e dinamización do potencial económico, social e cultural da Comunidade Autónoma, á vez que se favorece a creación de emprego, mediante a prestación gratuíta de servizos de interese xeral e social.
Con esta finalidade impleméntase esta convocatoria de subvencións, como instrumento a través do que se ofrece ás persoas desempregadas unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral que facilite a súa futura inserción no mercado de traballo, que canalizaría a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.
Á vista do borrador agora remitido e do texto desta mesma orde publicado no DOG o día 20 de maio de 2014 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 3 de marzo de 2014 (ditame 14/14), obsérvase que só foi tida en conta parcialmente unha das consideracións xerais manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:
Unha das novidades máis destacadas é a de incluir como entidades beneficiarias das axudas ás fundacións do sector público autonómico (artigos 1º e 3º).
Obsérvase tamén que se continúa a diminuir o importe do crédito dispoñible para estas axudas, xa minguado para o exercicio de 2014 e que, nesta convocatoria, se cifra en 200.000 € menos (artigo 2º), ao pasar de 8.100.000 € a 7.900.000 €. Para o 2015 o dito importe se financia con cargo ás aplicacións orzamentarias 11.03.322A.443.0 (400.000€) e 11.03.322A.481.0 (7.500.000€), cantidades previstas na Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015 como transferencias finalistas do Estado, se ben se subliña que as axudas reguladas nesta orde poderán estar cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do Programa Operativo Adaptabilidade e Emprego PO 2007 ES 05U PO 001, para o período 2007-2013.
No artigo 6º, relativo á presentación de solicitudes, engádese un novo parágrafo terceiro no número 2, no que se dispón que na sede electrónica encontraranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Non obstante se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. Nestes casos, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.
En materia de documentación, a regulación recollida no artigo 7º prevé no apartado 1.a) que non será necesaria a presentación da copia da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante en vigor no caso de que se autorice a súa verificación a través do servizo de interoperabilidade no formulario de solicitude. Neste mesmo artigo inclúense dous novos apartados, o 4 e o 5, nos que se dispón que sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro e que na sede electrónica da Xunta de Galicia estarán á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Inclúense no proxecto normativo dous novos artigos, o artigo 8º, relativo a consentimentos e autorizacións ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos e o artigo 9º, que regula o tratamento dos datos de carácter persoal de conformidade coa Lei Orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal.
No artigo 10º, relativo ao procedemento, elimínase o recollido na orde anterior (artigo 8º.6) relativo a esixir unha puntuación mínima para poder optar ás correspondentes subvencións, que debería ser de 35 puntos.
A regulación da perda do dereito ao cobramento e reintegro, recollida no artigo 17º (anteriormente no artigo 15), inclúe oito novas letras que determinan o importe a reintegrar, de acordo cos criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións, de conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
Finalmente, de acordo coas Directrices de técnica normativa, as disposicións adicionais e finais se recollen en títulos e as finais deixan de denominarse derradeiras (sic).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas fundacións e entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2015” consta de: Exposición de motivos, dezasete artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 8 de maio de 2015 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e dezasete consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral e unha específica manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo I), tres específicas manifestadas pola CEG (Anexo II) e unha específica manifestada pola CIG (Anexo III).







DITAME 16/2015



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas fundacións e entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2015”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 20 de abril de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de maio de 2015, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.


Primeira.
Este Comité observa que no texto do proxecto normativo persisten algunhas incorreccións ortográficas e da linguaxe en materia de xénero, como o uso do masculino xenérico ao longo do texto e a utilización das barras (arts. 12 e 13), polo que propón que se revise cara unha axeitada utilización da linguaxe e, ademais, porque as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Segunda.
Este Comité considera que debería substituirse a expresión “contratación de mulleres vítimas de violencia” pola de “contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero”, dado que este é o termo utilizado tanto pola Lei galega 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, como pola normativa derivada desta lei.

Terceira.
Obsérvase que no proxecto normativo se restrinxe aínda máis o acceso á condición de entidade beneficiaria ao esixir, no artigo 3º, que as entidades solicitantes, agás as fundacións do sector público autónomico de Galicia, estean debidamente inscritas no Rexistro único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

Este Comité propón que se elimine ese requisito e se permita o acceso a todas as entidades sen ánimo de lucro e, en consecuencia, se incrementen as contías asignadas a estas subvencións para dar acollida a todas as entidades.

Por outra banda, este Comité non comparte a importante minoración operada na provisión  deste programa desde o exercicio de 2012, que supón unha diminución aproximada do 60% e que se agrava este ano coa inclusión das fundacións do sector público autonómico de Galicia como entidades beneficiarias. Ademais, hai que ter en conta a posibilidade, prevista no artigo 2º.2, de que os créditos asignados poidan ser obxecto de modificacións, como xa aconteceu nos exercicios anteriores.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 3º.- Entidades beneficiarias. Requisitos.
O apartado 3 deste precepto recolle unhas presuncións da capacidade técnica e de xestión suficiente  das entidades e inclúe, na letra b), o feito de ser titular dun contrato de telefonía fixa no local que se pretende habilitar ao efecto destas axudas.

Este Comité considera que se debería substituír este requisito pola esixencia de dispoñer de liña de conexión telemática.

Segunda.- Artigo 4º.- Requisitos dos servizos a prestar.
O apartado d) deste precepto fixa a duración máxima dos contratos e establece que “en caso de contratación a tempo parcial, do 50 ou do 75%, dita duración máxima poderá estenderse ata os doce meses”.

Este Comité considera que se debería substituír a expresión en cursiva por “do 50 ao 75%” para que a redacción non resulte confusa.

Terceira.- Artigo 4º.- Requisitos dos servizos a prestar.
O apartado d) deste artigo establece unha duración máxima diferente para a contratación, segundo sexa a tempo completo ou a tempo parcial.

Este Comité considera que a duración máxima debería ser a mesma para os contratos a tempo completo e a tempo parcial.  

Cuarta.- Artigo 5º. Subvención: Contía.
No apartado 2 deste artigo establécese unha escala respecto da contía da subvención en función do grupo de cotización das persoas traballadoras contratadas.

Este Comité considera que, en lugar da referida escala, se debería manter a redacción que figuraba nos apartados 2 e 3 da orde do exercicio de 2011, nos que a contía da subvención se establecía segundo uns módulos por grupo de cotización que tomaban como base o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).

Quinta.- Artigo 5º. Subvención: Contía.
En relación co establecido no apartado 5 deste artigo, este Comité considera que debería incluírse entre os conceptos subvencionables a indemnización prevista polo artigo 49º.1 c) do Estatuto dos traballadores, xa que forma parte do custo que supoñen esas contratacións para a entidade e non se trata dun custo de carácter voluntario e que, ademais, noutros programas si ten o carácter de custo subvencionable.

Sexta.- Artigo 5º. Subvención: Contía.
No apartado 5 in fine deste artigo exclúese da consideración de custos salariais elixibles aos incentivos e pluses extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

Este Comité considera que se debería clarificar o alcance deste precepto dado que, desde a entrada en vigor do Real decreto 16/2013, a meirande parte dos pluses son cotizables e, polo tanto, deberían ser obxecto de subvención.

Sétima.- Artigo 7º. Documentación.
O apartado 1.c) deste artigo esixe á entidade solicitante presentar unha copia dos estatutos de constitución vixentes da entidade.

Este Comité propón que se suprima o inciso “de constitución” xa que, a nivel legal, interesa simplemente que se trate dos estatutos vixentes.

Oitava.- Artigo 7º. Documentación.
O apartado 2 recolle o contido da declaración responsable e inclúe, no ítem g), “que a entidade solicitante se obriga a presentar ante a Dirección Xeral de Emprego e Formación, logo de petición, a documentación acreditativa dos extremos a que se refire a presente declaración responsable”.

Este Comité propón que o inciso “ a presente declaración responsable” que figura no proxecto normativo sexa substituído por outro máis axeitado como “esta declaración responsable” ou “a declaración responsable”.

Novena.- Artigo 8º. Consentimentos e autorizacións.
En relación co disposto no apartado 1 deste precepto, este Comité propón que se invirta a súa redacción para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal, e que se estableza primeiro a obriga de aportar as certificacións pola entidade solicitante e, en segundo lugar, a opción de que a solicitante autorice expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Décima.- Artigo 10º. Procedemento.
No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.
Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Décimo primeira.- Artigo 11º. Resolución.
O prazo de cinco meses que se establece no apartado 2 deste artigo para resolver as solicitudes presentadas parece excesivo, polo que este Comité propón que se reduza a tres meses, prazo que se considera suficiente.

Décimo segunda.- Artigo 12º. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras.
A última frase do primeiro parágrafo do apartado 1 deste artigo establece que os requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de interese social.

Este Comité propón cambiar esta frase dado que consideramos que debe ser o Servizo Público de Emprego de Galicia o que comprobe no momento da selección que as persoas traballadoras que serán contratadas reúnen os requisitos e criterios. Así, o texto quedaría:
“... Estes requisitos deberán cumprirse no momento da selección.”

Décimo terceira.- Artigo 12º. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras.
No apartado 2 deste artigo establécese que as persoas traballadoras contratadas por un período igual ou superior a seis meses con cargo ás axudas concedidas no exercicio pasado, non poderán ser contratadas con cargo ás axudas desta orde.

Este Comité considera que debería manterse a redacción do apartado 1 do artigo 12º da orde do exercicio de 2009 (período superior a nove meses nos últimos tres anos).

Décimo cuarta.- Artigo 12º. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras.
No último parágrafo do apartado 5 deste precepto, ao falar de responsabilidades familiares, menciónase ao cónxuxe da persoa traballadora desempregada.

Este Comité propón engadir, a continuación, unha referencia á parella de feito xa que se trata de situacións equiparadas legalmente.

Décimo quinta. - Artigo 15º.- Obrigas das entidades beneficiarias.
Neste artigo utilízase na clasificación a letra j.

Este Comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego, polo que debería substituírse pola seguinte que corresponda.


Décimo sexta. - Artigo 16º.- Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.
No apartado 2. II.a) deste artigo establécese que as entidades beneficiarias das axudas deberán manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados polo FSE, referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión.

Este Comité considera necesario que se especifique neste apartado que gastos son os que deben asentarse na contabilidade separada, se soamente aqueles que son subvencionables ou todos os que se produzan como consecuencia da prestación do servizo.

Décimo sétima. – Disposición adicional cuarta.
Nesta disposición faise referencia á “persoa responsable da Dirección Xeral de Emprego e Formación”.

Este Comité considera que debería substituírse a expresión “persoa responsable” por  unha máis correcta como “persoa titular”.

Formúlase igual consideración respecto do disposto na disposición final primeira.




























ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA
Consideración xeral:
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais observan que, no texto do proxecto normativo, non se especifica que as entidades beneficiarias non poidan recibir contraprestacións económicas das persoas usuarias ou beneficiarias dos servizos prestados coa actividade das persoas contratadas, polo que se considera que o proxecto de orde debería ser taxativo ao respecto e prohibir expresamente a recepción de calquera contraprestación económica.
Consideración específica:

Artigo 10º.-Procedemento.
En relación coa consideración específica décima, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.


ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
O apartado 3 deste precepto recolle unhas presuncións da capacidade técnica e de xestión suficiente  das entidades e inclúe, na letra c), o ter contratado por conta allea por máis de seis meses algunha persoa traballadora nos últimos tres anos, sen que se poidan computar os contratados mediante as axudas e subvencións correspondentes aos programas e medidas das Políticas Activas de Emprego.

A CEG considera que se debe aclarar a razón desta exclusión.

Segunda.- Artigo 5º. Subvención: contía.
A CEG propón que o incentivo por mobilidade establecido neste artigo se faga extensible ademais de ás mulleres vítimas de violencia ás persoas con discapacidade como forma de promocionar a súa mobilidade xeográfica debido ás súas dificultades para ocupar postos de traballo lonxe do seu entorno habitual e como forma de integración e participación social.

Terceira.- Disposición adicional terceira.
A CEG propón que a duración de 12 meses do contrato laboral se faga extensible igualmente ás persoas con discapacidade polo mesmo motivo explicado na alegación anterior.




ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

Disposición adicional cuarta.
Nesta disposición vencéllase o establecimento de criterios en canto aos colectivos prioritarios ás directrices, entre outras, que poidan emanar do Diálogo Social e Institucional en Galicia. A CIG considera que se debería suprimir esta referencia, por resultar improcedente nas disposicións dunha norma legal.