ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 17/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio e se procede á convocatoria para o ano 2015.

I. ANTECEDENTES

O día 28 de abril de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral  Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, xunto co que remite proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio e se procede á convocatoria para o ano 2015 e solicítase, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro que prestan servizos sociais, a través da contratación ou prórroga da contratación de axentes de emprego e unidades de apoio.

Segundo a exposición de motivos, o mantemento para este exercicio do importante axuste nos orzamentos estatais en materia de políticas activas de emprego fai que se manteña a prioridade absoluta establecida para as entidades prestadoras de servizos sociais, especialmente para discapacidade e risco de exclusión social.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde do 9 de maio de 2014, publicada no DOG o día 20 de maio de 2014 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 3 de maio de 2014 (ditame 13/2014), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións xerais manifestada polas organizacións sindicais e empresarial.


Este proxecto normativo presenta poucas modificacións salientables respecto da orde para o exercicio anterior. Mantense a dotación orzamentaria do exercicio 2014 e o financiamento con cargo a aplicación orzamentaria 11.03.322A.481.0, polo importe global de 1.000.000€, cantidade prevista na Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015 como transferencias finalistas do Estado.

As modificacións con respecto a convocatoria do 2014 refírense, principalmente, ao procedemento e á documentación esixida para acompañar á solicitude. Así, no número 2 do artigo 6, relativo a presentación de solicitudes, engádese un novo parágrafo no que se dispón que na sede electrónica da Xunta de Galicia se atopan publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No artigo 7, relativo a documentación, engádese no número 1 a) que non será necesaria a achega de copia da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante en vigor, no caso de que se autorice a súa verificación a través do servizo de interoperabilidade correspondente no formulario de solicitude.

Tamén inclúense dous novos artigos, o 8 no que se regulan os consentimentos e autorizacións e o artigo 9, relativo aos datos de carácter persoal recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas de conformidade coa Lei Orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal.

No artigo 18, relativo ás obrigas das entidades beneficiarias, engádese no número 2 unha letra b), na que se establece a obriga das entidades beneficiarias de conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Por outra banda, no artigo 19, que establece a perda do dereito ao cobramento e reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, cuxos importes se determinan en función dos criterios de gradación que figuran no artigo para os posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións, de acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
Finalmente, segundo as Directrices de técnica normativa, as disposicións adicionais e finais recóllense en títulos e as finais deixan de denominarse derradeiras (sic).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio e se procede á convocatoria para o ano 2015” consta de: Exposición de motivos, dezanove artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 8 de maio de 2015 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e once consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén, así mesmo, como anexos as consideracións non unánimes seguintes: unha específica manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais (Anexo I) e unha específica manifestada pola CEG (Anexo II).








DITAME 17/2015


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio e se procede á convocatoria para o ano 2015”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de abril de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de maio de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
Aínda que para este exercicio os créditos asignados a estas subvencións non experimentan variación ningunha respecto da contía das axudas para o exercicio 2014, a redución experimentada respecto do exercicio 2011 supera os 23 millóns de euros.

Este Comité non comparte o drástico recorte que o Goberno galego está a aplicar nos diferentes programas polos que se desenvolven en Galicia as políticas activas de emprego; recortes que, nalgúns casos, superaban a porcentaxe aplicada nos orzamentos xerais do Estado e restrinxen os colectivos beneficiarios das medidas. Non é entendible que, con case 250.000 persoas desempregadas en Galicia, as medidas para combater o paro non vexan incrementados os seus orzamentos senón que, pola contra, redúcense os recursos e o persoal destinado á atención das persoas paradas o que contribúe, ao mesmo tempo, a incrementar o volume de desemprego.

Por outra banda, este Comité considera que non existe xustificación para que se manteña exclusivamente unha determinada tipoloxía de entidades sen ánimo de lucro e se exclúan todas as demais, polo que propón que se permita a todas as entidades sen ánimo de lucro optar á consideración de entidades beneficiarias e, en consecuencia, proponse un incremento na contía do orzamento para dar acollida a estas entidades.


Segunda.
Este Comité observa que existen erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente na utilización do masculino xenérico (por exemplo, “os axentes de emprego” no título dos artigos 14º e 15º, ou “candidatos” no artigo 13º), polo que propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira. – Artigo 3º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
O apartado 3 deste precepto recolle unhas presuncións da capacidade técnica e de xestión suficiente das entidades e inclúe, na letra b), o feito de ser titular dun contrato de telefonía fixa no local que se pretende habilitar ao efecto destas axudas.

Este Comité considera que se debería substituír este requisito pola esixencia de dispoñer de liña de conexión telemática.

Segunda.- Artigo 5º. Subvención: contía.
O apartado 2 deste artigo utiliza a expresión “contía máxima da subvención”; non obstante, a Consellería mantén o reparto das axudas ano tras ano sen actualizar.

Polo exposto e para evitar discrecionalidade, este Comité considera que se debería eliminar o termo “máxima”, co obxecto de que o disposto no artigo 5º.2 sexa realmente o que se aplica.

Terceira.- Artigo 5º. Subvención: contía.
Segundo o apartado 6 deste artigo, non se considera custo salarial elixible o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1º.c) do Estatuto dos Traballadores.

Este Comité considera que debería incluírse entre os conceptos subvencionables a devandita indemnización, xa que forma parte do custo que supoñen esas contratacións para a entidade e non se trata dun custo de carácter voluntario e que, ademais, noutros programas si ten o carácter de custo subvencionable.

Cuarta.- Artigo 5º. Subvención: contía.
O inciso final do apartado 6 deste precepto exclúe da consideración de custos salariais elixibles aos incentivos e pluses extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

Este Comité considera que se debería clarificar o alcance deste precepto dado que, desde a entrada en vigor do Real decreto 16/2013, a meirande parte dos pluses son cotizables e, polo tanto, deberían ser obxecto de subvención.


Quinta. - Artigo 7º. Documentación.
O apartado 1.c) deste artigo esixe á entidade solicitante presentar unha copia dos estatutos de constitución vixentes da entidade.

Este Comité propón que se suprima o inciso “de constitución” xa que, a nivel legal, interesa simplemente que se trate dos estatutos vixentes.

Sexta. - Artigo 7º. Documentación.
O apartado 2 recolle o contido da declaración responsable e inclúe, no ítem f), “que a entidade solicitante se obriga a presentar ante a Dirección Xeral de Emprego e Formación, logo de petición, a documentación acreditativa dos extremos a que se refire a presente declaración responsable”.

Este Comité propón que o inciso “ a presente declaración responsable” sexa substituído por outro máis axeitado como “esta declaración responsable” ou “a declaración responsable”.

Sétima. - Artigo 8º. Consentimentos e autorizacións.
En relación co disposto no apartado 1 deste precepto, este Comité propón que se invirta a súa redacción para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal, e que se estableza primeiro a obriga de aportar as certificacións pola entidade solicitante e, en segundo lugar, a opción de que a solicitante autorice expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Oitava. - Artigo 10º. Procedemento.
No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Novena. - Artigo 11º. Resolución.
O prazo de cinco meses que se establece no apartado 2 deste artigo para resolver as solicitudes presentadas parece excesivo, polo que este Comité propón que se reduza a tres meses, prazo que se considera suficiente.

Décima. - Artigo 12º. Selección e contratación dos e das axentes de emprego e das persoas traballadoras integrantes das unidades de apoio.
No apartado 2 deste precepto esíxese aos axentes de emprego ter superado con éxito os estudos de segundo ou primeiro ciclo universitario.

Este Comité propón que se elimine a referencia aos ciclos por considerala desfasada e se esixa, simplemente, ter superado con éxito os estudos universitarios.

Igual consideración formúlase respecto do artigo 13º, apartado 4.

Décimo primeira.- Artigo 18º. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 3.c) establece que “a entidade beneficiaria manifesta cumprir coa normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal (...)”.

Este Comité considera que debería substituírse a expresión “manifesta” por “deberá manifestar”, por considerala máis axeitada.


ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 10º.-Procedemento.
En relación coa consideración específica unánime oitava, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos


ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 3º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
O apartado 3 deste precepto recolle unhas presuncións da capacidade técnica e de xestión suficiente  das entidades e inclúe, na letra c), o ter contratado por conta allea por máis de seis meses algunha persoa traballadora nos últimos tres anos, sen que se poidan computar os contratados mediante as axudas e subvencións correspondentes aos programas e medidas das Políticas Activas de Emprego.

A CEG considera que se debería aclarar a razón deste exclusión.