ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 18/15

Proxecto de Orde pola que se aproba e se dá publicidade ao modelo de comunicación de apertura ou reanudación da actividade de centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

I. ANTECEDENTES

O día 5 de maio de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, xunto co que remite proxecto de Orde pola que se aproba e se dá publicidade ao modelo de comunicación de apertura ou reanudación da actividade de centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e solicítase, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo a súa exposición de motivos, á vista do establecido na Orde TIN/1071/2010, do 27 de abril, sobre os requisitos e datos que deben reunir as comunicacións de apertura ou de reanudación de actividades nos centros de traballo e na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, as Administracións públicas disporán o necesario para que as persoas interesadas utilicen medios electrónicos ao presentar a comunicación de apertura ou a reanudación da actividade de centros de traballo a que se refire esta orde. A tal fin, as comunidades autónomas poderán realizar as adaptacións precisas.

Deste novo proxecto normativo destácase o seguinte:

De acordo co disposto no artigo 2, a presentación das comunicacións realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade ao establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o Documento Nacional de Identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

No artigo 4, relativo á documentación, disponse que as comunicacións deberanse presentar no modelo que figura como anexo I do proxecto de orde, xunto coa documentación que alí se recolle e a específica establecida para os casos de obras de construción e das actividades detalladas no Decreto 2414/1961, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas. A documentación complementaria presentarase electronicamente mediante a utilización de calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. A administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, de acordo co apartado 4 deste artigo.
Inclúese un artigo 5 relativo a consentimentos e autorizacións posto que a tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das Administracións públicas. Polo tanto, os modelos de comunicación inclúen autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos.

Na disposición adicional única do proxecto regúlase a modificación dos formularios, co obxectivo de mantelos adaptados á normativa vixente.

Segundo a súa memoria explicativa e económica, este proxecto de orde, polas súas características, non implica ningún custo para a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se aproba e se dá publicidade ao modelo de comunicación de apertura ou reanudación da actividade de centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia” consta de: Exposición de motivos, seis artigos, unha disposición adicional e outra “derradeira” e un anexo.


O día 21 de maio de 2015 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e seis consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración específica manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.







DITAME 18/2015


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se aproba e se dá publicidade ao modelo de comunicación de apertura ou reanudación da actividade de centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de maio de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de maio de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.


Este Comité observa a presenza dalgúns erros de redacción e ortográficos ao longo do texto normativo sometido a ditame, que deben ser corrixidos (por exemplo, no título do proxecto figura “conselleira” en lugar de “Consellería”, no artigo 6 “autorizen” en lugar de “autoricen” e “disposición derradeira” en lugar de “disposición final”, entre outros). Ademais, no parágrafo cuarto da exposición de motivos, na referencia feita á “facilitar unha maior comunicación” debería eliminarse “maior” e que figure só “facilitar a comunicación”. Igualmente, debería corrixirse a redacción do parágrafo quinto da exposición de motivos.

Por outra banda, utilízase nalgúns casos o masculino xenérico (por exemplo, no artigo 4º “o solicitante”), que non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero.

Polo exposto, este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 4º. Documentación.
En relación co disposto no apartado 1 deste precepto, este Comité propón que se invirta a súa redacción para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal, que recolla en primeiro lugar a esixencia do DNI ou NIE e que se estableza primeiro a obriga de aportar as certificacións pola entidade solicitante e, en segundo lugar, a opción de que a solicitante autorice expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 5º.1.

Segunda.- Artigo 4º. Documentación.
No apartado 3 deste precepto faise unha referencia ao Real Decreto 2141/1961, do 30 de novembro.

Esa referencia debe facerse ao Real Decreto 2414/1961, polo que se propón a súa corrección.



Terceira.- Disposición adicional única.
Esta disposición establece que: “Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes”.

Este Comité considera que, para garantir a seguridade xurídica, debe publicarse no Diario Oficial de Galicia calquera modificación que se produza, polo que se debería corrixir a referida disposición.

Cuarta.- Disposición derradeira única [sic].
Segundo a disposición derradeira (sic), que debería denominarse final, a orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Este Comité entende que sería prudente establecer unha vacatio legis de 20 días ante a necesidade de que as persoas interesadas deban primeiro estudiala, polo cambio que conleva esta norma, de xeito que se permita un período de adaptación ao novo sistema.

Quinta.- Anexo I. Parte A.
Polo que respecta á localización do centro móbil, na parte A do Anexo a este proxecto normativo, esíxese facer unha comunicación por cada provincia afectada, no caso de afectar a máis de unha.

Este Comité propón que se habilite un sistema que permita facer unha única comunicación nestes casos e tan só sinalar as provincias que resultan afectadas.

Sexta.- Anexo I. Parte A.
Obsérvanse varias referencias a textos normativos actualmente derrogados, que deben corrixirse:

R.D. 53/1992, do 24 xaneiro, derrogado por R.D. 783/2001, do 6 xullo, polo que se aproba o Regulamento sobre protección sanitaria contra radiacións ionizantes (BOE 27 de xullo de 2001)

R.D.886/1988, do 15 xullo, derrogado pola Disposición Derrogatoria do R.D. 1254/1999, 16 xullo, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos que interveñan sustancias perigosas (BOE do 20 xullo).

Directiva 1990/679/CE, do 26 novembro, derrogada por artigo 21 de Directiva 2000/54/CE, Parlamento Europeo e Consello, 18 setembro, sobre a protección dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición a axentes biolóxicos durante o traballo (DOCE do 17 outubro).



ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Artigo 4º. Documentación.
1. O apartado 3 deste precepto esixe presentar, como documentación específica no caso das actividades detalladas no Decreto 2414/1961, de 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas, o proxecto técnico e memoria descritiva das características da actividade.

Trátase dunha documentación que non figura incluída na listaxe de datos e informacións esixidas polo art. 2 da Orde TIN/1071/2010, de 27 de abril, sobre os requisitos e datos que deben reunir as comunicacións de apertura ou de continuación de actividades nos centros de traballo, polo que a CEG considera que se debería valorar a súa non esixencia, sobre o fundamento da aplicación do principio de simplificación administrativa.