ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 1/03

DICTAME SOBRE O BORRADOR DA ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E A CONVOCATORIA PARA O ANO 2003 DO RÉXIME DE AXUDAS E SUBVENCIÓNS ÁS EMPRESAS CUALIFICADAS COMO INICIATIVAS LOCAIS DE EMPREGO (ILES) E INICIATIVAS DE EMPREGO RURAL (IER)

En relación coa solicitude de dictame sobre o borrador da Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2003 do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego (ILES) e iniciativas de emprego rural (IER), remitida pola Dirección Xeral de Fomento do Emprego da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, con rexistro de entrada neste Consello o 27 de decembro de 2002, a efecto de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2.b) da Lei 7/1988, de 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o 8 de xaneiro de 2003, acordou face-las seguintes consideracións, DE CARÁCTER UNÁNIME, que se reproducen a continuación:

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente Dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2003. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.



ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME Ó BORRADOR DA ORDE MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E MAILA CIG.


As organizacións sindicais S.N. de CC.OO. de Galicia e maila CIG con presencia no Consello Galego de Relacións Laborais fan consta-la súa protesta polo feito de que o Comité Autonómico de Emprego que, de acordo co establecido no Artigo 2.1, 2 e 5 do Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral é o organismo encargado de coñecer, participar  e informa-la planificación das políticas activas de emprego e da programación das distintas medidas das políticas activas de emprego, non mantivo a reunión acordada no mes de setembro, cara ó cumprimento das súas mencionadas funcións. Os dictames que ten que facer o Consello Galego de Relacións Laborais a cada unha das normas, precisan da visión do conxunto da planificación de medidas activas polo que ó carecer desta, os informes a cada unha das normas carecen desa perspectiva. Consideran que a norma remitida para o seu dictame debeu de ser obxecto de tratamento e debate neste órgano consultivo previamente á petición ó Consello Galego de Relacións Laborais da emisión do dictame. Por todo elo, non entran a valorar o contido desta norma, pospoñendo o seu dictame ata que, o Comité Autonómico de Emprego coñeza, participe e emita informe sobre a planificación das políticas activas de emprego e fixe os criterios de reparto das axudas e subvencións, tendo en conta que, en contra do que ven sucedendo ata agora,  debe ser proporcional ó número de parados existentes en cada área funcional.

ANEXO II
CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME Ó BORRADOR DA ORDE MANIFESTADAS POLA CEG.

Primeira.- Reprodúcense as consideracións e propostas de modificación feitas por unanimidade no dictame 12/2002 do borrador da Orde reguladora destas axudas, emitido en data 22 de marzo de 2002, relativas ós artigos: 1º. Finalidade; art. 3º.2. Beneficiarios; art. 5º. Subvención á creación directa de emprego estable; art. 8º. Subvención financiera; art. 15º. Criterios de graduación; art. 16º. Resolución; art. 18º.3. Incompatibilidades e concorrencia e Disposición Adicional segunda.

Segunda.- Artigo 13º.2d) (Documentación), artigo 4º.2 (Tipos  de axuda) e artigo 19º.2c) (Obrigas dos beneficiarios).

A subvención que se establece na Orde como axuda ten por finalidade a financiación de inversións en activos fixos (e circulante en menor medida) en base ó número de postos de traballo estables que se crean no proxecto empresarial de que se trate (artigo 8º da propia Orde).

A documentación que debe aporta-lo posible beneficiario para poder solicita-la axuda ven establecida no artigo 13º.2d).

Por outra banda, a documentación necesaria para proceder ó pago ven establecida, á súa vez, no artigo 17º.B.d).

Logo, o artigo 19º.2 c) fixa a obriga para os beneficiarios da subvención financiera a de acreditar mediante facturas, escrituras públicas ou contratos, a realización da totalidade do plan de inversións previsto na concesión da subvención, aportando ó efecto a memoria anual explicativa ata a terminación do mencionado plan.



Segundo isto, tralo pago efectivo da subvención, debe presenta-las facturas e xustificantes acreditativos da realización na súa totalidade do plan de inversións previsto inicialmente e memoria anual explicativa ata a terminación do referido plan. Esto pode considerarse unha contradicción.

Pode deducirse do anterior que é posible a realización dun plan de inversións plurianual, pois doutro xeito non ten xustificación a esixencia de presentar unha memoria explicativa con esa periodicidade, pois cegaría cunha soa memoria, se fose doutro xeito.

Interpretando así o anterior, está en contradicción co establecido no artigo 4º.2 da propia Orde que establece que “terán a consideración de accións subvencionables as orixinadas para a posta en marcha da empresa e ata que transcorra o primeiro ano da actividade empresarial…”

Segundo isto, só serían subvencionables as inversións en activos fixos efectuados no primeiro ano da actividade, polo que carecería de sentido establece-la posibilidade de plans de inversións a máis longo prazo, así como a existencia de máis dunha memoria de carácter anual.

Cunha memoria bastaría, aínda que se presentase ó ano de iniciada a actividade xunto coa xustificación das inversións realizadas na súa totalidade que deberían estar feitas a esa data (pois doutro xeito, se incumpriría o disposto no artigo 4º.2).