ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 19/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas de promoción do emprego autónomo para as persoas beneficiarias do Programa de Activación para o Emprego e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

I. ANTECEDENTES

O día 22 de maio de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, xunto co que remite proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas de promoción do emprego autónomo para as persoas beneficiarias do Programa de Activación para o Emprego e se procede á súa convocatoria para o ano 2015, e solicítase, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


No Título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do Traballo Autónomo, dedicado ao fomento e promoción do traballo autónomo, establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e desenvolvemento de iniciativas económicas e profesionais por conta propia.

De acordo coa Exposición de Motivos do proxecto, o Programa de Activación para o Emprego (PAE), regulado polo Real Decreto- lei 16/2014, de 19 de decembro, é un programa específico e extraordinario de carácter temporal, dirixido a persoas desempregadas de longa duración que cumpran determinados requisitos. Neste sentido, sinálase que no texto normativo se establece, como requisito obrigatorio para participar neste programa, presentar solicitude para a súa incorporación e obter a correspondente resolución. Con este programa de axudas, preténdese implementar medidas específicas para as persoas desempregadas de longa duración con cargas familiares e con maiores dificultades de colocación, de maneira que facilite a súa inserción no mercado de traballo por conta propia.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da anterior convocatoria na que se basea esta orde publicado no DOG do 27 de maio de 2014 e visto o ditame emitido polo Consello con data 5 de maio de 2014 (Ditame 15/14), obsérvase que se tivo en conta algunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

O financiamento cun crédito de 508.000,00 euros (artigo 4) pasa a ser con cargo ao Programa de Activación para o Emprego en lugar de financiarse co Programa Operativo FSE Galicia 2017-2013 que se prevía na convocatoria do 2014, coas limitacións que se establezan pola Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais ou polas disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Polo que se refire ás persoas beneficiarias das axudas deste programa (artigo 5), poderán ser beneficiarias as persoas desempregadas que procedan á creación do seu propio posto de traballo mediante a súa constitución en persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, e que desenvolvan fundamentalmente a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia, sempre que cumpran as condicións establecidas para cada tipo de axuda e reúnan os requisitos establecidos nese artigo 5, entre outros, que estean incorporadas ao PAE ou continuando desempregadas que esgotaran a renda de acompañamento do PAE e se constitúan como persoas traballadoras autónomas nos tres meses seguintes á data de finalización da súa percepción.

En relación coa subvención polo establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia (artigo 7, apartado 1), poderase conceder unha subvención para a posta en marcha do proxecto empresarial ou profesional sempre que se acredite un investimento ou gasto por unha contía non inferior a 2.000 € (antes 3.000 €). Igualmente, para o caso de sociedades civís. Por outra banda, para a acreditación do citado investimento ou gasto, disponse agora que teranse en conta unicamente os seguintes gastos: a) os investimentos en inmobilizado material ou intanxible necesario para o desenvolvemento da actividade, b) a compra de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos, c) arrendamento de local, maquinaria e de equipamentos informáticos e d) seguros do local. A contía máxima desta subvención elévase de 5.000 a 7.800 € (apartado 2).

Nos apartados 3 e 4 do artigo 7, anteriormente citado, establécese a necesidade de presentar xunto coa solicitude un estudio de viabilidade do proxecto empresarial, que contará cos requisitos mínimos que alí se establecen e que deberá ser realizado por persoa física ou  xurídica cunha experiencia mínima de tres anos en asesoramento a emprendedores.

En materia de consentimentos e autorizacións, recóllese agora no artigo 10 (apartado 2), a regulación en materia de publicidade das axudas concedidas de conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006. Pola súa parte, o apartado 3 deste artigo 10 dispón que as solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. No apartado 4 prevése que a tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das Administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos.

No artigo 13, referido a documentación, inclúese agora no apartado 1 b) a necesidade de presentar o orixinal, copia compulsada ou copia cotexada da Resolución de recoñecemento da axuda económica de acompañamento dentro do PAE. No apartado 3 dispónse que sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

En relación co seguimento e control destas axudas, regulado no artigo 20, a comprobación pasa a efectuarse pola Dirección Xeral de Traballo e Economía Social en vez de polas xefaturas territoriais. De xeito semellante, na disposición adicional terceira establécese a delegación de atribucións da persoa titular da consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da dita dirección xeral, para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas na orde e autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, e resolver os procedementos de reintegro, cando anteriormente se facía tamén nas xefaturas territoriais.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas de promoción do emprego autónomo para as persoas beneficiarias do Programa  de Activación para o Emprego e se procede á súa convocatoria para o ano 2015” consta de: Exposición de motivos, vinte e dous artigos, tres disposicións adicionais e dúas derradeiras (sic).

O día 4 de xuño  de 2015 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e catorce consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións non unánimes seguintes: unha xeral manifestada pola CIG (Anexo I), unha específica manifestada por UGT- Galicia, SN de CCOO de Galicia e a CEG (Anexo II) e unha específica manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo III).






DITAME 19/2015




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas de promoción do emprego autónomo para as persoas beneficiarias do Programa de Activación para o Emprego e se procede á súa convocatoria para o ano 2015, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 22 de maio de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de xuño de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité propón que no futuro a orde reguladora destas axudas sexa tramitada no último trimestre do exercicio inmediatamente anterior ao que se subvenciona, de xeito que poida publicarse ao inicio do mes de xaneiro e garantir así que o programa permaneza vixente todo o ano.

Segunda.

Considérase que a concatenación dos prazos fixados neste proxecto de orde para a presentación de solicitudes (artigo 9) e para a súa resolución (artigo 14) dá lugar a unha demora excesiva, habida conta de que non se trata dun procedemento de concorrencia competitiva, polo que se propón que se establezan prazos máis flexibles para evitar que a vixencia das axudas que se regulan neste proxecto de orde, poida quedar limitada a un período demasiado breve.

En consecuencia co anterior, proponse que o prazo para resolver e notificar a resolución sexa de tres meses en lugar dos cinco que establece o apartado 2 do artigo 14.

Terceira.

Este Comité observa a existencia de varios erros ortográficos e de numeración que deberían ser corrixidos. Así, a título de exemplo, figura unha incorrecta numeración nos artigos 2 e 6, posto que neles non hai máis que un apartado e no artigo 17. Ademais, nos apartados 3 c) e 3 d) do artigo 7, figura “Análise do mercado, donde se vai a desenvolver a actividade” e “ingresos y gastos”, respectivamente, cando o correcto sería “Análise do mercado no que se vai desenvolver a actividade” e “ingresos e gastos”. E tamén, no apartado 4 deste mesmo artigo 7, en lugar de “Este estudo deberá ser realizado por persona física ou xurídica”, debería dicir “O estudo sinalado no apartado anterior deberá realizarse por persoa física ou xurídica”.

Polo exposto, este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, DE CARÁCTER UNÁNIME, DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:


Primeira.- Artigo 5. Persoas beneficiarias.
No apartado 3 deste artigo relaciónanse os supostos en que as persoas beneficiarias non poderán ter esa condición, que son os que recolle o número 2 do artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Este Comité considera que non deberían figurar relacionados os ditos supostos e que a referencia debería ser feita soamente ao artigo 10 da Lei de subvencións.


Segunda.- Artigo 6. Definicións.
Os parágrafos segundo, terceiro e cuarto dos apartados I e II deste artigo non son definicións, senón procedemento, polo que deberían recollerse noutro artigo.

Terceira.- Artigo 8. Competencia.
O apartado 1 deste artigo establece que a competencia para resolver corresponderalle ás persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, mentres que a disposición adicional terceira dispón que é competencia da persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

Este Comité considera que existe unha contradición e que debe corrixirse.

Cuarta.- Artigo 9. Solicitudes e prazo.
Este Comité considera que debería ampliarse o prazo establecido no apartado 2 deste artigo.

Quinta.- Artigo 10. Consentimento e autorizacións.
En relación cos apartados 1 e 4 deste artigo, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa interesada de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Sexta.- Artigo 10. Consentimento e autorizacións.
No apartado 2 deste artigo figura o Cixtec como entidade responsable dos ficheiros de datos de carácter persoal, mentres que no artigo 11 figura a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar.

Este Comité considera que existe unha contradición e que debe corrixirse.

Sétima.- Artigo 15. Xustificación e pagamento.
No apartado 4 deste artigo establécese que os xustificantes de pagamento deben ser bancarios.

Este Comité entende que tal requisito non debería esixirse xa que supón unha limitación, especialmente no suposto de pagamentos de pequena contía ou con determinados provedores, nos que esta fórmula de pagamento non resulta operativa.

Igual consideración formúlase respecto dos apartados 1.e) e 1.h) do artigo 13.

Oitava.- Artigo 15. Xustificación e pagamento.
O apartado 7 deste precepto establece que as persoas beneficiarias deben presentar a documentación xustificativa do pagamento no prazo que fixe a resolución de concesión, que non poderá exceder de 15 días hábiles. Na orde para o exercicio de 2012 prevíase a posibilidade excepcional de prorrogar o devandito prazo noutros 15 días hábiles, inciso que non figura no actual proxecto.

Este Comité propón que se recupere esa posibilidade de prórroga.

Novena.- Artigo 16º. Obrigas das persoas beneficiarias.
Este Comité considera que a redacción deste artigo debería adaptarse ao perfil social do colectivo ao que van dirixidas as axudas reguladas neste proxecto normativo.

Décima.- Artigo 16º. Obrigas das persoas beneficiarias
Neste artigo establécese unha clasificación con letras, entre as que figuran o j) e o k).

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse polas seguintes que corresponden.

Por outra banda, na letra b) deste artigo establécese un período de “dous”  sen especificarse que se refire a anos, polo que debería corrixirse.

Décimo primeira.- Artigo 18. Modificación da resolución de concesión.
Neste artigo figura o termo “nacionais”cando, para evitar confusión interpretativa, o correcto é “estatais”, tal como se recolle no apartado 1 do artigo 17.



Décimo segunda.- Artigo 21. Réxime das axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas nestes apartados, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos nun parágrafo separado.

Décimo terceira.- Disposicións Adicionais.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Décimo cuarta.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras [sic] que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.


ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, DE CARÁCTER  NON UNÁNIME, DA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG:


A CIG considera que o programa regulado neste proxecto terá un previsible escaso impacto, dado que afectaría a sesenta persoas, no hipotético caso de que chegaran a aplicarse a totalidade dos recursos orzamentados, o que representaría un 0,3 % das persoas potencialmente beneficiarias.
























ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Exposición de motivos.
As organizacións sindicais UGT Galicia e o S.N. de CC.OO. de Galicia e máis a CEG observan que, na exposición de motivos deste proxecto normativo,  falta unha referencia a que as medidas se desenvolven no eido do  Diálogo Social entre o goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.


ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Artigo 5. Persoas beneficiarias.

No apartado 2 deste artigo establécese que quedan excluídos deste programa os socios de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e os autónomos colaboradores.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que existe un agravio comparativo para os socios de sociedades mercantís, incluídas as unipersoais, posto que as referidas persoas cotizan tamén ao réxime de autónomos da Seguridade Social e, non obstante, non poden optar a ningunha axuda (situación  que non se produce nas sociedades que forman parte da economía social), polo que considera que deben ser beneficiarias das axudas deste programa en iguais condicións que calquera persoa traballadora autónoma ou por conta propia.