ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 20/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas desempregadas incorporadas ao programa de activación para o emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

I. ANTECEDENTES

O día 22 de maio de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, xunto co que remite proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas desempregadas incorporadas ao programa de activación para o emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015, e solicítase, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
Segundo a exposición de motivos do proxecto, o Programa de Activación para o Emprego (PAE) é un programa específico e extraordinario de carácter temporal que está regulado polo Real decreto-lei 16/2014, do 19 de decembro, (BOE núm. 307, do 20 de decembro de 2014). Esta orde establece as bases reguladoras dos incentivos ás empresas con centros de traballo en Galicia que contraten, de xeito indefinido ou temporal, as persoas desempregadas incorporadas ao PAE.

As bases que rexen os programas regulados nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Segundo o artigo 1 do proxecto, a convocatoria estrutúrase en tres programas:

a) Programa de incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas beneficiarias do Programa de Activación para o Emprego.

b) Programa de incentivos á transformación en indefinidos de contratos temporais formalizados con persoas traballadoras beneficiarias do Programa de Activación para o Emprego.

c)  Programa de incentivos á contratación temporal de persoas desempregadas beneficiarias do Programa de Activación para o Emprego.

O crédito orzamentario para a concesión das subvencións reguladas nesta convocatoria, por importe de 2.400.000 e 300.000 €, que aparece recollido na memoria explicativa e económica, financiarase, respectivamente, con cargo ás aplicacións orzamentarias 11.02.322C.473.5 e 11.02.322C.481.6 (artigo 2).

Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde, de acordo co disposto no seu artigo 4, as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen na orde.

A participación das Comunidades Autónomas é imprescindible para a posta en funcionamento e a implementación deste programa extraordinario de activación, como administracións competentes para a deseño e execución, nos seus respectivos ámbitos territoriais, das políticas activas de emprego.
As axudas establecidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) Nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro de 2013), tal como se dispón no artigo 17.
No programa de incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas beneficiarias do PAE, regulado no capítulo II, a persoa traballadora pola que se solicita a subvención deberá estar incorporada ao programa de activación para o emprego e estar desempregada na data da súa contratación indefinida segundo se recolle no artigo 19.
Polo que se refire ás contías destes incentivos, o artigo 20 recolle establece que as contratacións indefinidas iniciais incentivaranse cunha axuda de 8.000 euros, que pode chegar a contía máxima de 9.800 euros.
Entre as obrigas das entidades beneficiarias figura no artigo 24 a de manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas durante un período de 2 anos contado desde a data de realización da contratación.

Serán subvencionables ao abeiro deste programa, de acordo co disposto no artigo 26, as transformacións en indefinidos de contratos temporais formalizados con persoas traballadoras incorporadas ao programa de activación para o emprego sempre que o contrato temporal se formalizase con posterioridade ao 15 de xaneiro de 2015 e a súa transformación se realice ata o 30 de setembro de 2015.
No programa de incentivos á transformación en indefinidos de contratos temporais formalizados con persoas traballadoras beneficiarias do programa de activación para o emprego, recollidos no capítulo III, disponse que a transformación de contratos temporais en indefinidos incentivarase con 4.000 euros ata unha contía máxima de 5.800 euros. As entidades beneficiarias terán a obriga de  manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas durante un período de 12 meses, contado desde a data de realización da transformación subvencionada de acordo co previso no  artigo 32 do proxecto.

Polo que se refire ao Programa de incentivos á contratación temporal de persoas desempregadas beneficiarias do PAE, regulado no capítulo IV, os incentivos previstos neste programa serán de aplicación a todas as modalidades contractuais de carácter temporal a tempo completo que se realicen con persoas desempregadas incorporadas ao programa e terán unha duración mínima inicial de 12 meses (artigo 35). A contía da axuda será de 3.000 euros ata un máximo de 4.800 euros (artigo 36).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas desempregadas incorporadas ao programa de activación para o emprego e se procede á súa convocatoria para o ano 2015” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, corenta e nove artigos (sic), unha disposición adicional e dúas disposicións finais.


O día 4 de xuño de 2015 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén oito consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións xerais e específicas de carácter non unánime:

- Unha xeral e unha específica manifestada pola CIG (anexo I)
- Tres específicas manifestadas pola CEG (anexo II)
- Unha específica manifestada polos sindicatos UGT Galicia e SN de CC.OO. de Galicia e máis  a CEG (anexo III)
- Cinco específicas manifestadas polas organizacións sindicais que integran o Consello (anexo IV)





DITAME 20/2015


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas desempregadas incorporadas ao programa de activación para o emprego e se procede á súa convocatoria para o ano 2015”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 22 de maio de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de xuño de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.- Artigo 4. Entidades beneficiarias.
No apartado 3 deste precepto récollese unha numeración con letras, entre as que está o “j”, que non existe no alfabeto galego, polo que este Comité propón que sexa substituído polo seguinte que corresponda.

Segunda. - Artigo 7. Consentimentos e autorizacións.
En relación co disposto neste artigo, o Comité propón que se invirta a redacción de cada un dos apartados 1 e 2, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e que estableza, en primeiro lugar, a obriga da entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Terceira.- Artigo 10. Resolución e recursos.
O prazo de cinco meses que se establece no apartado 2 deste artigo para resolver as solicitudes presentadas parece excesivo, polo que este Comité propón que se reduza a tres meses, prazo que se considera suficiente.

Cuarta.- Artigo 17. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas nestes apartados, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos nun parágrafo separado.

Quinta.- Artigo 21. Exclusións.
No apartado 3 deste artigo faise referencia ás persoas traballadoras que prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas.

Este Comité considera que debería figurar no proxecto normativo que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.

Igual consideración formúlase respecto do apartado 3 do artigo 37.

Sexta.- Artigo 27. Requisitos.
No apartado 1 deste artigo utilízase a expresión “Haber estado incorporada ao programa”. Este Comité considera que a expresión correcta é a de “Ter estado incorporada ao programa”.

Sétima.- Capítulo IV.
Este Comité observa que neste capítulo hai un salto na numeración dos artigos e se pasa do 40 a 49, polo que debería corrixirse.

Oitava.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Ademais, obsérvase que as ditas disposicións non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha de elas.













ANEXO I


CONSIDERACIÓNS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

Consideración xeral:
A grave problemática das persoas desempregadas de longa duración, en risco de pobreza e exclusión social, non se vai solucionar porque a unha parte delas (as que teñen responsabilidades familiares directas) se lle ofreza unha axuda condicionada de 426€ ao mes durante medio ano, que agora se pretende “reforzar” con esta Orde mediante subvencións ás entidades empregadoras, e non coa mellora das axudas ás persoas en desemprego.
Consideramos que este colectivo necesita urxentemente a garantía dun salario de inserción laboral mentres non atopen emprego en condicións dignas, ao tempo que se implementan polos gobernos políticas radicalmente distintas das actuais, que servan para reactivar a economía real e para crear emprego.
As denominadas políticas activas de emprego, que se veñen centrando fundamentalmente en investir en formación e en adicar inxentes recursos do Erario a subvencionar a contratación mediante unha multiplicidade de vías, téñense demostrado insuficientes e ineficaces para crear emprego e serven realmente para surtir de man de obra barata, ou mesmo regalada, a certas empresas.
Trátase, por outra parte, dun programa de previsible escaso impacto, pois afectaría a menos de cincocentas persoas, no hipotético caso de que chegaran a aplicarse a totalidade dos recursos orzamentados (2.700.000 €), é dicir, a menos do 2,5% das persoas potencialmente beneficiarias.

Consideración específica: Artigo 12.- Incompatibilidades e concorrencia.
A CIG considera que neste artigo debería establecerse, como límite subvencionable, o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.
Igual consideración formúlase respecto do apartado 3 do artigo 20.





ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira.- Artigo 21. Exclusións.
No apartado 3 deste artigo exclúense dos beneficios regulados na Orde as contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos últimos 3 meses prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter temporal.
Na nosa opinión, para un maior impacto da medida, debería eliminarse esta exclusión porque impide que persoas que traballaran recentemente na empresa por un período de corta duración podan ser beneficiarias finais da medida de estímulo á contratación.
Segunda.- Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias.
No programa de incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas beneficiarias do programa de activación para o emprego se establece como unha obriga das entidades beneficiarias a de manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas por un período de dous anos contados desde a data da realización da contratación. A diferenza do establecido neste programa, no art. 32 do capítulo III (programa de incentivos á transformación en indefinidos de contratos temporais) se estipula un prazo de mantemento no cadro de persoal fixo das persoas traballadoras contratadas de doce meses.
Considérase conveniente, aos efectos de alcanzar un maior número de solicitudes e un maior impacto do programa de contratación indefinida inicial, que se efectúe unha harmonización do prazo en ambos programas establecendo no art. 24 o mesmo período de doce meses, tendo en consideración que en ningún caso podería a axuda superar o custo total anual por canto esta se limita ao 80% do custo salarial anual, sen incluír as cotas á Seguridade Social (art. 20.3).
Terceira.- Artigo 25. Reintegro.
Por unha banda neste precepto se estipula con respecto ao cálculo da contía a reintegrar parcialmente no suposto de efectuar a substitución fora do prazo regulado no artigo 24, que o mes no que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día de dito mes no que aquela se realice e, por outra banda, se regula o cálculo para o suposto de efectuarse a substitución en prazo, pero esta non fora feita polo menos cunha xornada de traballo igual ao da persoa que causou baixa, sinalando que o mes no que se leve a cabo a substitución será computado entre os meses con xornada inferior, sexa cal sexa o día de dito mes no que aquela se realice.
Se solicita que o sistema de cálculo prevea a devolución exclusivamente pola parte do mes na que o posto estivo vacante e que no caso do mes no que se efectúe a substitución con xornada inferior se teña en conta para o cálculo do reintegro só a parte do mes con xornada inferior.

ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E A CEG:


Artigo 6. Solicitudes e prazo de presentación,
No apartado 5 deste artigo establécese que o prazo para a presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro de 2015.
As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran que o dito prazo é curto e que debería ampliarse.

















ANEXO IV


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, S.N. DE CC.O.O. DE GALICIA E CIG:

Primeira.- Artigo 19. Requisitos.

No apartado 4 desta disposición establécese que para o cómputo do cadro de persoal fixo non se terán en conta as baixas producidas por propia vontade da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que non se teñan en conta para o cómputo do persoal fixo as baixas por propia vontade da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.

Igual consideración formúlase respecto do artigo 35.3


Segunda.- Artigo 21. Exclusións.

O apartado 4 deste artigo recolle, entre as exclusións, o suposto das persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, con algunha excepción.

As organizacións sindicais entenden que esta inclusión opera como cautela, o que fai que ese prazo de tres meses resulte escaso, considerando que se debería ampliar sensiblemente.

Terceira.- Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias.

No apartado 1 desta disposición obrígase ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde durante un período de dous anos a computar desde a data de realización da contratación.

As organizacións sindicais consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se perverta o obxectivo de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras, xa que se da o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar sensiblemente inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que se debería incrementar ata cinco anos o referido período.

Cuarta.- Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias.
No último punto do apartado 1 deste artigo obrígase ás entidades beneficiarias a comunicar a nova contratación ao órgano que concedeu a axuda. Igual obriga establecen os artigos 32 e 40.
As organizacións sindicais consideran que debería establecerse un prazo para comunicar a dita obriga.


Quinta.- Artigo 32. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado 1 desta disposición obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas durante un período de 12 meses a computar desde a data de realización da transformación subvencionada.

As organizacións sindicais consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se perverta o obxectivo de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras, polo que se debería incrementar ata cinco anos o referido período.