ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 21/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social, e se procede a súa convocatoria para o ano 2015.

I. ANTECEDENTES

O día 29 de maio de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, xunto co que remite proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social, e se procede a súa convocatoria para o ano 2015, e solicítase, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo establece a exposición de motivos do proxecto normativo, o fenómeno da exclusión nas sociedades desenvolvidas é unha realidade complexa e cambiante que na actualidade afecta a novos colectivos da poboación. A estratexia de loita contra a exclusión social parte dun enfoque pluridimensional do que participan un amplo abano de políticas: as de emprego, que se consideran prioritarias, as de protección social, as de educación e formación, entre outras.

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2015 do programa de incentivos á contratación temporal das persoas desempregadas en situación ou en risco de exclusión social, coa finalidade de mellorar a súa empregabilidade e ocupabilidade.

Na convocatoria do ano anterior este programa figuraba incluído como anexo III na Orde de 21 de maio de 2014, reguladora do programa de incentivos á contratación das persoas traballadoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

Como novidade, na convocatoria deste exercicio, modifícase o financiamento que pasa a ser con fondos propios libres, cun crédito de 125.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 11.02.322C.471.0, código de proxecto 2015 00 560.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da orde publicado no DOG o día 4 de xuño de 2014 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 17 de marzo de 2014 (Ditame 17/14), obsérvase que se tivo en conta algunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

En materia de consentimentos e autorizacións (artigo 7), a tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Para estes efectos, o modelo de solicitude (anexo I) inclúe a autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberá achegar os documentos comprobantes dos datos nos termos esixidos polas bases reguladoras do procedemento. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a ATRIGA. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

En materia de seguimento e control (artigo 16),  a competencia de comprobación, da aplicación das subvencións concedidas para os fins programados asígnase agora a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, cando anteriormente recaía nas xefaturas territoriais.

En relación con este programa de incentivos á contratación temporal de persoas desempregadas en situación ou en risco de exclusión social, inclúese un novo apartado 2 no artigo 20, relativo á contía dos incentivos no que se dispón que esta será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria máxima legal. Asemade, o apartado 3 dispón que os beneficios establecidos á contratación neste programa non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 80% do custo salarial das mensualidades obxecto de subvención, cando na convocatoria do 2014 se fixaba no 60%.

Polo que se refire ás  solicitudes e documentación (artigo 22), inclúese un novo número 3, no que se prevé que as solicitudes deberán presentarse no modelo normalizado que figura como anexo I, xunto con copia dos documentos TC2 correspondentes á mensualidade da contratación obxecto de solicitude de subvención.

Na disposición adicional primeira, prevese que, en caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa titular da dirección xeral de Traballo e Economía Social, as súas competencias serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación ou, no seu defecto, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, de acordo co disposto na disposición adicional primeira do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social, e se procede a súa convocatoria para o ano 2015” consta de: Exposición de motivos, vinte e cinco artigos, unha disposición adicional,  dúas disposicións finais e tres anexos.

O día 11 de xuño de 2015 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e once consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, en anexos, as seguintes consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: unha  específica manifestada pola CIG (anexo I) e dúas específicas manifestadas pola CEG (anexo II).



DITAME 21/2015



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social, e se procede a súa convocatoria para o ano 2015, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de maio de 2015, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de xuño de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
Este Comité considera que esta orde debería prever a posibilidade de que os postos de traballo ocupados por persoas con  discapacidade poidan requirir medidas de adaptación, polo que podería establecerse algún tipo de axuda para estes casos.

Segunda.
Este Comité observa que existen erros ortográficos reiterados (por exemplo no artigo 22.3  no que se repite o termo “correspondentes”), polo que se propón unha revisión do texto do proxecto normativo.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.

Este Comité observa que algunhas  das referencias normativas que figuran no penúltimo  parágrafo  da exposición de motivos son erróneas e deberían substituirse polas que figuran no artigo 1, apartado 2, do proxecto normativo.

Segunda.- Artigo 3. Definicións.
No apartado 1 deste artigo utilízanse as letras j e k, que non existen no alfabeto galego, polo que este Comité propón que sexan substituídas polas seguintes que correspondan.

Formúlase igual consideración respecto do artigo 4, por empregar a letra j no seu apartado 3.

Terceira.- Artigo 6. Solicitudes e prazo de presentación.
Este Comité considera que, en futuros exercicios, o proxecto de orde debería tramitarse no último trimestre do ano anterior ao da convocatoria para que o prazo de solicitudes esté aberto ao longo de todo o ano. En relación con este proxecto normativo e co prazo de remate para presentalas, establecido no apartado 5 deste artigo 6, considérase que é moi curto e que debería ampliarse.

Cuarta.- Artigo 7. Consentimentos e autorizacións.
En relación co apartado 2, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da entidade solicitante de aportar os documentos e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Proponse a mesma consideración respecto do apartado 1 en relación co sistema de verificación de datos.

Quinta.- Artigo 10. Resolución e recursos.
O prazo de cinco meses que se establece no apartado 2 deste artigo para resolver as solicitudes presentadas parece excesivo, polo que este Comité propón que se reduza a tres meses, prazo que se considera suficiente.

Sexta.- Artigo 17. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas posto que non definen un sector, polo que propón que se recollan estes supostos nun parágrafo separado.

Sétima.- Artigo 23. Xustificación e pagamento.
Este Comité considera que hai un erro na referencia que se fai na letra c) do apartado 1 deste artigo ao financiamento polo Fondo Social Europeo, polo que debería corrixirse.

Oitava.- Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este Comité considera que no segundo parágrafo debería constar a mención do prazo dos 20 días seguintes ao da substitución para a comunicación ao órgano que concedeu a axuda, tal e como figuraba incluído neste programa no anexo III da orde do 2011.

Novena.- Artigo 25. Reintegro.
O Comité entende que a redacción deste artigo está equivocada e se debería clarificar de cara a facilitar a súa interpretación, polo que se propón a seguinte redacción: “Entenderase que se produce  un incumprimento parcial cando a persoa traballadora cese na súa relación laboral e non sexa substituída pola empresa ao abeiro do establecido no artigo 24. A contía a reintegrar  calcularase en función dos meses en que a persoa traballadora estivo na empresa en relación coa duración total do contrato obxecto de subvención”.

Décima.- Disposición Adicional Primeira (sic).
Este Comité considera que debería denominarse disposición adicional única e non primeira.


Décimo primeira.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Ademais, as dúas disposicións non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.





































ANEXO I


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:


Artigo 20. Contía dos incentivos.
No apartado 3 deste artigo establécese que os beneficios establecidos á contratación neste programa non poderán superar o 80% do custo salarial das mensualidades obxecto de subvención.

No exercicio anterior, este límite era do 60%. A CIG considera que non está xustificado o incremento do 60 ao 80% do custo do salario bruto e dos custos sociais a cargo da empresa.

































ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Primeira.- Artigo 20. Contía dos incentivos.
No apartado 3 deste artigo establécese que os beneficios establecidos á contratación neste programa non poderán superar o 80% do custo salarial das mensualidades obxecto de subvención.

No exercicio anterior, este límite era do 60%. A CEG valora positivamente o incremento do 60% ao 80% .

Segunda.- Artigo 23. Xustificación e pagamento.
No apartado 1 deste artigo disponse que o pagamento das subvencións quedará condicionado á presentación da documentación no prazo, nos termos e no modo que se esixa de forma expresa na resolución de concesión.

A CEG entende que debería definirse neste artigo un prazo para a xustificación e pagamento.