ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 22/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras da subvención plurianual do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o período do 1 de xullo de 2015 ata o 30 de xuño de 2016, dentro do programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego.

I. ANTECEDENTES
O día 3 de xuño de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, xunto co que remite proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras da subvención plurianual do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o período do 1 de xullo de 2015 ata o 30 de xuño de 2016, dentro do programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego, e solicítase, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo a exposición de motivos, o acceso ao emprego é un elemento decisivo para a integración das persoas con discapacidade na economía e na sociedade nun sentido amplo. O artigo 37 do Texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, establece que será finalidade da política de emprego aumentar as taxas de actividade, de ocupación e inserción laboral das persoas con discapacidade, así como mellorar a calidade do emprego, dignificar as súas condicións de traballo e combatir activamente a súa discriminación. Para iso, as administracións públicas competentes fomentarán as súas oportunidades de emprego e promoción profesional no mercado laboral, e promoverán os apoios necesarios para a busca, obtención, mantemento do emprego e retorno a el.

O programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego recolle como accións subvencionables as axudas aos proxectos de creación e de ampliación do cadro de persoal fixo de persoas con discapacidade e as axudas ao mantemento de centros especiais de emprego, nas que se inclúe a subvención do custo salarial dos traballadores e das traballadoras con discapacidade.

Vistos o borrador remitido para ditame, o texto da mesma Orde publicado no DOG o 21 de abril de 2014 e o Ditame 6/2014, emitido polo Consello con data 19 de febreiro de 2014, obsérvase que se tiveron en conta dúas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello.



Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:

No apartado 4 do artigo 1 disponse que as subvencións reguladas neste proxecto de orde están financiadas con fondos finalistas do Estado recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal e que a concesión das subvencións previstas nesta orde estará limitada á existencia de crédito orzamentario e co límite dos compromisos plurianuais que se adquiran ao abeiro do artigo 58.1 b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo, 1/1999, do 7 de outubro, logo da autorización do compromiso plurianual por parte do Consello da Xunta.

As subvencións reguladas nesta orde financiaranse con cargo aos créditos previstos na Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2015, coa seguinte distribución por anualidades:

Anualidade Aplicación orzamentaria e código de proxecto IMPORTE IMPORTE 2014/2015
2015 11.02.322C.470.0  2014 00511 1.850.000,00 € 7.000.000 €
11.02.322C.481.2  2014 00511    180.000,00 € 500.000 €
2016 11.02.322C.470.0  2014 00511 5.000.000,00 € 5.600.000 €
11.02.322C.481.2  2014 00511    500.000,00 € 500.000 €

En relación co concepto da persoa con discapacidade, o artigo 3.1 recolle agora que, soamente no suposto de que esta fose  recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá achegarse a resolución de recoñecemento da discapacidade.  Ademais, engádense, nas letras a) e b) do apartado 2 deste artigo, que a acreditación do grao de discapacidade realizarase conforme ao previsto no Real decreto 1414/2006, do 1 de decembro, polo que se determina a consideración de persoa con discapacidade para os efectos da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade, incluído Resolución do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) recoñecendo a condición de pensionista por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez e a resolución do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas ou do Ministerio de Defensa recoñecendo unha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

En materia de axuda e período subvencionable (artigo 4) disponse agora que o  importe da subvención correspondente a cada mensualidade será de 324,30 € (na convocatoria anterior 322.65€) ou 10,81 €/día, (antes 10,76 €) en caso de períodos de traballo no mes inferiores a 30 días. No suposto de ter rateadas as pagas extraordinarias, o importe será de 378,35 €/mes (antes 376,43 €), ou 12,61 €/día (antes 12,55€). Polo que se refire os centros especiais de emprego que rateen as pagas extraordinarias, o importe da subvención incluirá a parte proporcional da segunda paga extraordinaria do ano 2015 e a primeira do ano 2016, cando na convocatoria anterior prevíase a primeira tamén. O importe da subvención correspondente a cada paga extraordinaria establécese de 324,30 € (antes 322,65 €) ou 1,80 €/día (antes 1,79 €), en caso de períodos de traballo inferiores a 180 días. No apartado 4 deste artigo disponse agora que, no suposto do cesamento da relación laboral no mesmo mes, se concederá a subvención pola liquidación que corresponda pola parte proporcional de paga extraordinaria e as vacacións non gozadas, agás que un dos dous contratos de natureza temporal sexa un contrato de interinidade para substituír a persoas traballadoras con discapacidade. Inclúese tamén un novo apartado 5,  no que se establece que  o importe da contía da subvención, calculada conforme ao previsto no punto 3 deste artigo, incrementarase coa concesión e pagamento dunha contía equivalente ao 0,5% da contía total xustificada polo centro nas mensualidades de xaneiro a xuño de 2015 e, se é o caso, a primeira paga extraordinaria do ano 2015. Este importe corresponde ao incremento da contía do salario mínimo interprofesional para o ano 2015, con respecto da contía vixente para o ano 2014.

No artigo 7, relativo a consentimentos, autorizacións e datos de carácter persoal,  recóllese no apartado 5 que, de conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídas nun ficheiro denominado “Relacións administrativas coa cidadanía e entidades” cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

Polo que se refire a documentación, regulada no artigo 8 do proxecto, dispónse agora na letra e) do apartado 1  que a relación nominal dos traballadores e das traballadoras con discapacidade do centro especial de emprego de alta na Seguridade Social no mes de xuño de 2015 será ordenada alfabeticamente por apelidos.

En materia de resolucións e recursos, de acordo co previsto no apartado 2 do artigo 10 do proxecto, as resolucións complementarias ou revogatorias poderán realizarse co pagamento final das mensualidades concedidas con cargo á anualidade de 2015 e/ou co pagamento final da subvención concedida. Non obstante, tamén poderá emitirse unha resolución complementaria, sempre que a así o solicite a entidade beneficiaria en calquera momento da xustificación da subvención concedida, no suposto de que quede acreditado que se incrementou un mínimo do 25% o número de persoas traballadoras con discapacidade con contrato indefinido.

En relación co pagamento, regulado no artigo 11, no apartado 1 disponse que os pagamentos anticipados e á conta soamente poderán realizarse nunha conta bancaria aberta pola entidade beneficiaria para os exclusivos efectos do pagamento dos custos salariais das súas persoas traballadoras con discapacidade. No apartado 2 disponse que o órgano xestor proporá un pagamento anticipado do 90% da subvención concedida con cargo á anualidade orzamentaria de 2015, sempre que así o solicite a entidade beneficiaria na súa solicitude inicial (na anterior convocatoria era do 80%), ademais no suposto de que a contía da subvención xustificada correspondente á anualidade de 2015, concedida ao abeiro da orde da convocatoria anterior, fose menor da anticipada, a diferenza compensarase minorando o importe a conceder con cargo á anualidade de 2015. Unha vez que a entidade beneficiaria presente a documentación esixida para a xustificación da subvención correspondente á anualidade de 2015 realizarase un segundo pagamento anticipado polo 70% (anteriormente 50%) da subvención concedida con cargo á anualidade do exercicio 2016, sempre que así o solicite a entidade beneficiaria na solicitude inicial.

En materia de xustificación, o artigo 12 1.f) recolle agora que, de ser o caso, a resolución do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) que recoñeza a condición de pensionista por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez, ou resolución do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas ou do Ministerio de Defensa que recoñeza unha pensión por xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade, presentarase unicamente no suposto de que a persoa con incapacidade permanente non autorice expresamente, no anexo VI desta orde, para acceder a esta información no Rexistro de Prestacións Sociais Públicas do INSS. No apartado 2 deste artigo disponse que as entidades beneficiarias deberán presentar, na mensualidade na que se produzan altas de novas persoas traballadoras no centro, a xustificación do cumprimento da obriga de informar ás persoas traballadoras con discapacidade acerca da subvención do seu contrato e do seu financiamento parcial pola Consellería de Traballo e Benestar mediante fondos recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal. Por outra parte, no apartado 3 prevése que, coa xustificación para o pagamento final da subvención concedida, as entidades deberán presentar un extracto do balance provisional contable da entidade beneficiaria, asinado e selado, que permita verificar a contabilidade separada dos gastos subvencionados e da subvención concedida. Os documentos contables que se presenten deben incluír as contas ou subcontas en que se contabilizaron os ingresos e os gastos imputados, as datas e os números de asentos contables, e a indicación específica do seu financiamento pola Consellería de Traballo e Benestar. Estes documentos contables poden ir xunto cunha breve descrición sobre a sistemática de contabilización dos gastos. No caso das entidades exentas da obriga de contabilidade, deberán presentar xustificante que acredite esta exención.

No referente ás obrigas das persoas beneficiarias, o artigo 13 dispón na letra l) que, agás aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable adecuado para os gastos obxecto da subvención.

Finalmente, no parágrafo final da  disposición adicional terceira, disponse que, en caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, as resolucións dos expedientes de desconcentración dos créditos necesarios para o financiamento desta orde serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación ou, no seu defecto, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, de acordo co disposto na disposición adicional primeira do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras da subvención plurianual do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o período do 1 de xullo de 2015 ata o 30 de xuño de 2016, dentro do programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, dezaoito artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 17 de xuño de 2015 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e once específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma das organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG (Anexo I) e unha específica manifestada por UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CEG (Anexo II).




DITAME 22/2015



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras da subvención plurianual do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o período do 1 de xullo de 2015 ata o 30 de xuño de 2016, dentro do programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 3 de xuño de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 17 de xuño de 2015 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Única.- Este Comité considera que se debería revisar a redacción deste proxecto normativo, para corrixir erros ortográficos, pois ao longo do texto poden atoparse expresións incorrectas tales como “conta bancaria aperturada” cando o correcto é “conta bancaria aberta” (artigo 11) e “Es entidades” en vez de “As entidades (artigo 12.2) ou termos como “autorize” en lugar de “autorice” (art. 12.1.f).

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 4. Axuda e período subvencionable.
No apartado 3 deste precepto recolle as regras conforme ás que se determinará a contía das subvencións, a primeira das cales outorga ata o 50% do SMI para os postos ocupados por persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%.

Este  Comité considera que se debería incluír unha subvención específica no texto para o caso de postos de traballo ocupados por persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental, persoas con discapacidade intelectual ou pertencentes a algún dos colectivos de  máis difícil inserción en atención ás súas circunstancias persoais ou sociais. Esta subvención xa se recollía na Orde do ano 2011 cunha porcentaxe superior, ao ter en conta as especiais dificultades de adaptación aos postos de traballo e as grandes dificultades de integración que presentan estes colectivos.

Segunda. - Artigo 4. Axuda e período subvencionable.
Este Comité considera que no apartado 3, regra cuarta, ao final, despois da frase “co que dispoña a normativa de Seguridade Social”, deberíase incluír a expresión “e o convenio colectivo de aplicación”.

Terceira. - Artigo 7. Consentimentos, autorizacións e datos de carácter persoal.
Este Comité considera que se debería modificar a redacción do segundo parágrafo do apartado 1 deste artigo, debido a que a expresión “ ... poderá denegar expresamente o consentimento, daquela deberá ......” resulta confusa.

Cuarta. - Artigo 7. Consentimentos, autorizacións e datos de carácter persoal.
En relación cos dous primeiros parágrafos do apartado 1 deste artigo, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Proponse a mesma consideración respecto do apartado 4, en relación co sistema de verificación de datos.

Quinta.- Artigo 8. Documentación.
A letra g) do apartado 1 deste artigo establece que as solicitudes da subvención deben ir acompañadas dos recibos de salarios e documento bancario de transferencia que acredite o seu pagamento.

Este Comité considera que existen distintas formas de pago dos salarios ademais da transferencia bancaria, polo que debería permitirse a acreditación  do pagamento cos outros medios existentes.

Igual consideración formúlase respecto do artigo 12º.1.c), relativo á xustificación do pagamento das subvencións.

Sexta.- Artigo 11. Pagamento.
O apartado 2, regra cuarta, número 2, deste precepto sinala os casos en que non se poderá realizar o pagamento da subvención, entre eles,  o suposto en que a persoa ou entidade beneficiaria sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro.

Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible.

Sétima.- Artigo 11. Pagamento.
Segundo o apartado 2, regra cuarta, número 2, deste artigo, non poderá realizarse o pagamento das axudas se a persoa ou entidade beneficiaria non está ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social ou ten calquera débeda pendente coa administración.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir ao beneficiario subsanar a “débeda pendente coa Administración” en tanto en canto pode que non sexa coñecedor da súa existencia.

Oitava.- Artigo 13. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Na enumeración deste artigo figuran as letras j) e k), impropias do alfabeto galego, polo que se propón que se substitúan polas seguintes que correspondan.

Novena.- Artigo 13. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
En relación co disposto no apartado g) deste artigo, este Comité suxire que se especifique expresamente o prazo máximo de duración da obriga de conservar os documentos.

Décima.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha de elas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Décimo primeira.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras, que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.




ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

O encadramento normativo para acadar a integración laboral das persoas con discapacidade, do que deriva esta propia Orde que ditaminamos, vén constituído pola Lei 13/1982, do 7 de abril, de Integración Social dos Minusválidos (artigos 41 e 42) e das Directrices da Unión Europea sobre a xestión das axudas ás empresas e ao emprego protexido.

Esta Orde ten como obxectivo complementar a merma que, teoricamente, sofre o empresariado na súa produción e rendabilidade polo feito de contar con persoas traballadoras con discapacidade.

Coñecemos a existencia de dous tipos de Centros Especiais de Emprego, non só en Galicia senón tamén noutras Comunidades Autónomas: os centros sen ánimo de lucro e os que teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendabilidade. Esta diferenciación real non ten acollida no texto do proxecto normativo que se somete a ditame, posto que as dúas modalidades de centros reciben o mesmo tratamento.

Existen casos nos centros de emprego con ánimo de lucro nos que se conta con persoas traballadoras con discapacidades practicamente insignificantes que lles permitirían desenvolver o seu traballo nunha empresa ordinaria e, que non obstante, ese centro especial de emprego con ánimo de lucro está a percibir as axudas destinadas a paliar aquela merma de que falamos con anterioridade, coa existencia dun evidente fraude de lei.

Outro problema engadido é a non identificación do campo de traballo dos centros especiais de emprego, pois pode darse o caso, por exemplo, que, en supostos de subrogación nos servizos, non se poda producir a pertinente asunción de persoas traballadoras discapacitadas pola nova empresa concesionaria.

Entendemos, en todo caso, que ambas as dúas modalidades de centros requiren unha regulación diferente ou a adopción dalgún tipo de medida que erradique os posibles casos de enriquecemento ilícito. Noutras Comunidades Autónomas estanse a tomar medidas nese senso, como as de non subvencionar aos centros especiais de emprego con ánimo de lucro ou non cualificalos como tales, facendo partícipes das axudas soamente aos que carecen de ánimo de lucro.

Todas estas situacións demandan a necesidade de artellar un novo marco legal que lle dea cobertura e que inclúa unha serie de medidas, como poden ser, a título de exemplo: priorización dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro á hora de conceder as axudas; facer unha selección estrita de todos os centros respecto do cumprimento dos requirimentos legais para percibilas; manter a axuda dos centros especiais sen ánimo de lucro sempre que non incorran en xestión deficiente…e que na elaboración e xestión deste programa interveñan, ademais dos responsables das políticas activas de emprego autonómicos, as organizacións sindicais e empresariais a través do Consello Autonómico de Emprego e dos correspondentes Consellos provinciais de emprego.

ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Disposición Adicional terceira.
As organizacións UGT- Galicia, SN de CC.OO. de Galicia e a CEG consideran que a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social debería remitir un informe dos expedientes das solicitudes de cualificación como centro especial de emprego para o ano 2015, no que se recolla o número de empresas solicitantes e o sector ao que pertencen.