ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 23/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, cofinaciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á convocatoria para o ano 2015

I. ANTECEDENTES
O día 9 de xuño de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, xunto co que remite proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, cofinaciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á convocatoria para o ano 2015, e solicita, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
Esta orde ten por obxecto regular os incentivos ás empresas con centros de traballo en Galicia que contraten, de xeito indefinido ou temporal, ás persoas mozas desempregadas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
Esta convocatoria enmárcase dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil, cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020 e, en particular, no Eixe 5, Prioridade de investimento 8.2, Obxectivo específico 82.4.
O borrador agora remitido recolle unha nova convocatoria.
Do proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Trátase dunha nova convocatoria dirixida ás persoas mozas inscritas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (SNGX), co obxecto de obter cofinanciamento con cargo á Iniciativa de Emprego Xuvenil do Programa Operativo de Emprego Xuvenil (FSE) para o período 2014-2020, a través dos seguintes programas (artigo 1) :
a) Programa de incentivos á contratación indefinida inicial das persoas mozas inscritas no SNGX.
b) Programa de incentivos á transformación de contratos temporais en indefinidos das persoas mozas inscritas no SNGX.
c) Programa de incentivos á contratación temporal das persoas mozas inscritas no SNGX.
No exercicio económico 2015, as axudas recollidas nesta orde de convocatoria financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 11.02.322C 473.3, código de proxecto 2015 00 567, cun crédito de 3.135.135 € e 11.02.322C.481.4, código de proxecto 2015 00 567, cun crédito de 108.108 €, segundo recolle o apartado 2 do artigo 2.
Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde, de acordo co previsto no apartado 1 do artigo 4, as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia.
De acordo co previsto no apartado 2 do artigo 9, o órgano instrutor dos expedientes será das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar o Servizo de Traballo e Economía Social. O prazo para para resolver e notificar é de cinco meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, segundo dispón o apartado 2 do artigo 10.
No capítulo II do proxecto regúlase o Programa de incentivos á contratación indefinida inicial de persoas mozas inscritas no SNGX, o cal dispón, no artigo 19, que para seren subvencionables as contratacións indefinidas deberán ser tido realizadas desde o 1 de outubro de 2014 ata o 30 de setembro de 2015, e serán de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais a tempo completo ou a tempo parcial, incluída a modalidade de fixo descontinuo, que realicen as empresas e as entidades empregadoras con persoas mozas desempregadas inscritas no SNGX.
As contratacións indefinidas iniciais incentivaranse cunha axuda de 7.000 euros. No caso de que a contratación sexa realizada para prestar servizos en empresas pertencentes a sectores estratéxicos segundo se define no artigo 3 da orde (os relacionados coa Economía verde (enerxías renovables, vehículo verde, preservación ambiental), Economía da Saúde (servizos á terceira idade, servizos á dependencia) e Economía do Coñecemento (TIC, audiovisual e cultura, biotecnoloxía, tecnoloxías mecánicas e robotización),  a contía do incentivo será de 8.200 € (artigo 21, apartado 1). Os beneficios establecidos á contratación neste capítulo non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona (apartado 3).
O Capítulo III do proxecto regula o Programa de incentivos á transformación de contratos temporais en indefinidos das persoas inscritas no SNGX, ao abeiro do cal serán subvencionables as transformacións en indefinidos dos contratos temporais formalizados con persoas mozas inscritas no SNGX, sempre que o contrato temporal se formalizase con posterioridade ao 30 de setembro de 2014 e a súa transformación se realice ata o 30 de setembro de 2015. Entenderase que se produce a transformación dun contrato temporal en indefinido en todos aqueles casos nos que ambas as dúas modalidades contractuais se sucedan sen ruptura da relación laboral coa empresa, incluídos aqueles supostos en que o inicio da relación laboral indefinida teña lugar o día seguinte ao do termo da vixencia do contrato temporal do que trae causa (artigo 27).
A transformación destes contratos temporais en indefinidos incentivarase con 2.500 € (artigo 29), no caso de que a transformación sexa realizada por unha empresa pertencente a un sector estratéxico a contía do incentivo será de 3.700 €. Os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona.
No Capítulo IV do proxecto regúlase o terceiro dos programas, o de incentivos á contratación temporal de persoas mozas inscritas no SNGX, que dispón serán subvencionables as contratacións de carácter temporal realizadas desde o 1 de outubro de 2014 ata o 30 de setembro de 2015 formalizadas con persoas mozas inscritas no SNGX (artigo 35) e será de aplicación a todas as modalidades contractuais de carácter temporal a tempo completo, agás o contrato temporal para a formación e aprendizaxe, que se realicen con persoas mozas desempregadas e inscritas no SNGX. Terán unha duración mínima inicial de 6 meses, agás o contrato en prácticas que terá unha duración inicial mínima de 12 meses.
De acordo co artigo 37, a contía destas axudas calcularase do seguinte xeito: 200 € por cada un dos seis primeiros meses de duración inicial do contrato. No caso de que a contratación sexa realizada para prestar servizos en empresas pertencentes aos sectores estratéxicos do artigo 3 desta orde, a contía do incentivo incrementarase ata 50 euros por mes de contratación. Os contratos en prácticas incentivaranse cunha axuda de 3.600 € e no caso de que a contratación sexa realizada para prestar servizos en empresas pertencentes a sectores estratéxicos a contía do incentivo será de 4.200 €. En concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, non poderá superar o 60% do custo salarial das mensualidades obxecto de subvención.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á convocatoria para o ano 2015” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, corenta e dous artigos, unha disposicións adicional única e dúas disposicións finais.
O día 22 de xuño de 2015 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén doce consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, en anexos, as seguintes consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: unha xeral manifestada pola CIG (anexo I), duas  específicas manifestadas polas organizacións sindicais (anexo II) e  catro específicas manifestadas pola CEG (anexo III).



DITAME 23/2015

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á convocatoria para o ano 2015, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de xuño de 2015 e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de xuño de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.- Artigo 3. Definicións.
No artigo 3, relativo as definicións, cando se define a persoa moza inscrita no sistema nacional de garantía xuvenil na letra a) e a persoa desempregada na letra b), este Comité considera necesario que se esixa a súa inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego.

Segunda.- Artigo 4. Entidades beneficiarias.
No apartado 3 deste artigo utilízase a letra j, que non existe no alfabeto galego, polo que este Comité propón que sexa substituída pola seguinte que corresponda.

Terceira.- Artigo 6. Solicitudes e prazo de presentación.

No apartado 6 deste artigo establecése un prazo de presentación para as solicitudes das axudas que  comezará ao día seguinte da publicación da orde e rematará o 30 de setembro de 2015.

Este Comité considera que, en futuros exercicios, o proxecto de orde debería tramitarse no último trimestre do ano anterior ao da convocatoria para que o prazo de solicitudes esté aberto ao longo de todo o ano.

En relación con este proxecto normativo, considérase que é moi curto e que debería ampliarse.

Cuarta.- Artigo 7. Consentimentos e autorizacións.
En relación con este artigo, este Comité propón que se invirta a redacción de cada un dos apartados 1, 2 e 3 deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de Datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da entidade solicitante de aportar os documentos e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para solicitalos no seu nome.

Cuarta.- Artigo 10. Resolución e recursos.
O prazo de cinco meses que se establece no apartado 2 deste artigo para resolver as solicitudes presentadas parece excesivo, polo que este Comité propón que se reduza a tres meses, prazo que se considera suficiente.

Quinta.- Artigo 13. Obrigas das entidades beneficiarias.
Na letra c) deste artigo establécese a obriga de estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “débeda pendente coa Administración” en tanto en canto pode que non sexa coñecedora da súa existencia.

Sexta.- Artigo 16. Devolución voluntaria da subvención.
Neste artigo menciónase unha entidade financeira inexistente (Novagalicia Banco). Este Comité  considera innecesario citar o nome da entidade, posto que xa se recolle o código IBAN da conta na que se fará a devolución (ES82 2080 0300 8731 1006 3172) e que por dito código se identifica a entidade.

Sétima.- Artigo 18. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas e inclúese, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos nun parágrafo separado.

Oitava.- Artigo 22. Exclusións.
No apartado 3 deste artigo fáise referencia á categoría de grupo de empresas. Este Comité considera que se debería definir que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.

Igual consideración formúlase respecto do artigo 38.

Novena.- Artigo 25. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 1 deste artigo recóllese que unha nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención. Este Comité considera que, en aras da seguridade xurídica, debería recuperarse o prazo de 20 días para efectuala que figuraba na orde de convocatoria de incentivos á contratación para o exercicio de 2011.



Décima.- Artigo 28. Requisitos.
No apartado 1 deste artigo establécese que a persoa traballadora “debeu estar inscrito no sistema nacional de garantía xuvenil”. Este Comité considera que está mal redactado este apartado, posto que a persoa traballadora “tería que ter estado inscrito no seu momento no SNGX”, polo que se debería modificar a redacción.

Décimo primeira.- Artigo 34. Reintegro.
A remisión que se fai neste artigo ao artigo 32.1 é incorrecta xa que debe facerse ao 33.1.

Décimo segunda.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Ademais, as dúas disposicións finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha de elas.
































ANEXO I


CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

O grave problema da elevada taxa de desemprego entre as persoas mozas non é produto da súa falta de formación ou da baixa cualificación profesional, como o corrobora o feíto de que miles e miles de mozas e mozos galegos con altos niveis formativo e/ou profesional na súa meirande parte, están a emigrar nestes anos.

A realidade é que non poden acceder eiquí a un emprego porque non se están a aplicar polos gobernos políticas económicas, sociais e laborais orientadas a reactivar a economía e xerar emprego de calidade, como serían por exemplo, o incremento do investimento público, a mellora dos salarios, facilitar o acceso ao crédito á pequeña e mediana empresa, aplicar unha política fiscal progresiva e rematar coa fraude, etc. Antes ao contrario, as políticas de austeridade que se aplican, alimentan a destrución de emprego e incrementan o impacto da crise.

Consideramos que este colectivo, como o resto das persoas desempregadas, necesita urxentemente a garantía dun salario de inserción laboral mentres non atope emprego en condicións dignas, ao tempo que se implementan polos gobernos políticas radicalmente distintas das actuais, que servan para reactivar a economía real e para crear emprego.

As  denominadas políticas activas de emprego, que se veñen centrando fundamentalmente en investir en formación e en adicar inxentes recursos do Erario a subvencionar a contratación mediante unha multiplicidade de vías, téñense demostrado  insuficientes e ineficaces para crear emprego e serven realmente para surtir de man de obra barata, ou mesmo regalada, a certas empresas.

En todo caso, consideramos que as axudas á contratación que se establecen nesta Orde, deberían destinarse únicamente a fomentar a creación de postos de traballo estables e emprego de calidade, conectalas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecer mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.

Finalmente, entendemos que os incentivos non deberían superar, en ningún caso, o custo da Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.














ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓN SINDICAIS UGT-GALICIA, S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E CIG:


Primeira.- Artigo 22. Exclusións.
O apartado 4 deste artigo recolle, o suposto das persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, con algunha excepción.

As organizacións sindicais entenden que esta inclusión opera como cautela, o que fai que ese prazo de tres meses resulte escaso e consideran que se debería ampliar sensiblemente.

Segunda.- Artigo 25. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 1 deste artigo obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde durante un período de dous anos a computar desde a data de realización da contratación.

As organizacións sindicais consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se perverta o obxectivo desta orde, xa que se da o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar sensiblemente inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que se debería incrementar ata cinco anos o referido período.

Igualmente, esta mesma consideración formúlase respecto do artigo 33.





















ANEXO III


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Primeira.- Artigo 22º. Exclusións.
No apartado 3 deste artigo exclúense dos beneficios regulados na Orde as contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos últimos 3 meses prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter temporal.

Na opinión da CEG, para un maior impacto da medida, debería eliminarse esta exclusión porque impide que persoas que traballaran recentemente na empresa por un período de corta duración podan ser beneficiarias finais da medida de estímulo á contratación.

Segunda.- Artigo 24. Xustificación e pagamento.
A CEG considera que debería especificarse o momento do pagamento, xa que ao non facer mención pode xerar inseguridade nas empresas que poidan optar a este programa de incentivos.

Terceira.- Artigo 26. Reintegro.
En relación co disposto no apartado 1.a ii) deste artigo, a CEG entende que, por unha banda neste precepto estipúlase con respecto ao cálculo da contía a reintegrar parcialmente no suposto de efectuar a substitución fora do prazo regulado no artigo 25, que o mes no que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día de dito mes no que aquela se realice. Por outra banda, regúlase o cálculo para o suposto de efectuarse a substitución en prazo, pero esta debe ser feita polo menos cunha xornada de traballo igual ao da persoa que causou baixa.

Polo exposto, solicítase que o sistema de cálculo prevea a devolución exclusivamente pola parte do mes na que o posto estivo vacante e que se poida efectuar a substitución con xornada inferior de ser o caso, adaptando o cálculo do reintegro só a parte proporcional da xornada.

Cuarta- Artigo 36. Requisitos.
A CEG solicita, en relación co disposto no apartado 2 deste artigo, que para os contratos en prácticas a duración inicial mínima sexa de 6 meses ao igual que nos contratos temporais estipulados neste apartado.