ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 24/15

Ditame sobre o proxecto de Orde, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para a promoción do emprego autónomo das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2015

I. ANTECEDENTES
O día 9 de xuño de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, xunto co que remite o proxecto de Orde, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para a promoción do emprego autónomo das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e  se procede á súa convocatoria para o ano 2015, e solicítase, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
De acordo coa Exposición  de Motivos, con este programa de axudas, no marco do Plan Nacional de Implantación da Garantía Xuvenil,  preténdese implementar medidas específicas para as persoas mozas que abandonaron prematuramente os seus estudos e, polo tanto, non dispoñen de cualificación e, en ocasións, tampouco de experiencia laboral, así como a aquelas persoas desempregadas tituladas superiores, con amplias habilidades e incluso experiencia laboral previa que, sen embargo, non atopan emprego, potenciando a súa iniciativa empresarial, de maneira que facilite a súa inserción no mercado de traballo por conta propia. Esta inserción laboral deberá ser sostible e, ademais, é obrigado presentar un plan empresarial de viabilidade, informado por unha entidade independente, de tal maneira que só perciban estas axudas aqueles proxectos empresariais de autoemprego que conten cun plan de viabilidade coherente e factible.
O borrador agora remitido recolle unha nova convocatoria.
Do proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Trátase dunha convocatoria dirixida ás persoas mozas inscritas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (SNGX), cofinanciada polo Fondo Social Europeo, con cargo á aplicación orzamentaria 11.02. 322C.473.0, código de proxecto 2015 00568, cun crédito de  2.486.486,00 €, segundo as contías están recollidas na Lei 11/2014 do 19 de decembro, de Orzamentos da comunidade autónoma Galega para o ano 2015.
No artigo 5, apartado 1, letra b) se define a persoa moza inscrita no SNGX como aquela moza e mozo desempregado, de dezaseis ou máis anos e menores de vinte e cinco,  ou menores de trinta  no caso de persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, que estean inscritos  no ficheiro  do SNGX, de conformidade co disposto nos artigos 90 e 91 da Lei 18/2014, de 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia. E aquelas que superando ditas idades non foran atendidas previamente de acordo co disposto no artigo 101.4 da lei 18/2014, do 15 de outubro.
No artigo 7 regúlase a subvención para iniciativas de autoemprego xuvenil, co obxecto de facilitarlle ingresos durante o inicio da actividade á persoa moza  desempregada que emprenda unha iniciativa empresarial ou profesional por conta propia, poderá concedérselle unha subvención a fondo perdido a calquera persoa que solicite a alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade profesional, dende o 1 de outubro de 2014 ata o 30 de setembro de 2015. A contía desta subvención será de 1.200 €.
A subvención polo establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia recóllese no artigo 8, o cal dispón que poderáselle conceder á persoa moza desempregada inscrita no SNGX para a posta en marcha do seu proxecto empresarial ou profesional, unha subvención, sempre que se acredite un investimento ou un gasto por unha contía non inferior a 2.000 € sen incluír o IVE ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación  ou compensación e se realice no período comprendido entre os tres meses anteriores ao inicio de actividade laboral e os seis meses posteriores ao dito inicio, coa data límite, en todo caso, do 20 de decembro de 2015. As contías desta subvención serán 7.500 € por persoa moza ou 10.000 € cando a persoa moza beneficiaria sexa una persoa con  discapacidade ou pertencente a algún colectivo en risco ou situación de exclusión social.
Entre a documentación necesaria para xustificar estas axudas recóllese no artigo 14, nº 1 letra b) da convocatoria a necesidade dun Plan de viabilidade do proxecto empresarial que contará como mínimo con:
1. Curriculum vitae da persoa solicitante.
2. Presentación e descrición  do proxecto empresarial, liñas de negocio, produtos e servizos, elementos innovadores ou diferenciadores.
3. Análise do mercado, onde se vai a desenvolver a actividade, debendo constar: análise da competencia, da demanda e provedores, así como unha análise das fortalezas e debilidades.
4. Balance provisional de ingresos e gastos dos tres primeiros exercicios económicos.
5. Fontes de financiamento alleas á subvención solicitada.
No artigo 24, se inclúe unha disposición relativa os indicadores comúns de execución e de resultados, recollendo que o as  axudas establecidas nesta orde están sometidas ao establecido nos regulamentos comunitarios relativos aos fondos estruturais, e para dar cumprimento ao establecido no artigo 50 do Regulamento Nº 1303/2013, as persoas beneficiarias das axudas deberán colaborar coa Consellería de Traballo e Benestar na obtención da información referente aos indicadores comúns de execución e de resultados de inversión do Fondo Social Europeo e indicadores de resultados da Iniciativa de Emprego Xuvenil establecidos nos anexos I e II do Regulamento Nº1304/2013.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para a promoción do emprego autónomo das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e  se procede á súa convocatoria para o ano 2015” consta de: Exposición de Motivos, vientecatro artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 22 de xuño de 2015 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e catorce consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, en anexos, as seguintes consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: unha xeral manifestada pola CIG (anexo I), unha específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia e a CEG (anexo II) e dúas específicas manifestadas pola CEG (anexo III).



DITAME 24/2015

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á convocatoria para o ano 2015, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de xuño de 2015 e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de xuño de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira.
Este Comité observa que existen algunhas incorreccións ortográficas sistemáticas ao longo do texto do proxecto, polo que se debería revisar este. Por exemplo, no artigo 5.1b) o correcto é “moza ou mozo”  en lugar de “moza e mozo”,”menor” en lugar de “menores”, etc. Así mesmo, considérase confusa a redacción dalgúns preceptos como a que figura no apartado 1 do artigo  artigo 18.
Segunda.
Este Comité observa que existen erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente na utilización do masculino xenérico (por exemplo, “mozo” no artigo 8.2), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, polo que se propón unha revisión do texto do proxecto normativo.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.- Artigo 5. Definicións.
No artigo 5, relativo as definicións, cando se define a persoa desempregada na letra a), este Comité considera que é necesario esixir o requisito de estar inscrito como demandante de emprego  no Servizo Público de Emprego. Esta mesma observación vale para a definición que na letra c) se fai da persoa desempregada de longa duración.
Segunda.- Artigo 5. Definicións.
Segundo se pon de manifesto na consideración xeral primeira, polo que se refire á definición que se fai na letra b) deste artigo de persoa moza inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, este Comité considera confusa a súa redacción e propón que se substitúa por outra que resulte intelixible.
Terceira.- Artigo 5. Definicións.
Na letra  e) deste artigo recóllese a previsión de en ningún caso para a acreditación do inmobilizado material ou intanxible se terán en conta os contratos de arrendamento financeiro nin outras figuras xurídicas afíns que non concedan á persoa solicitante o pleno dominio ou titularidade inicial do investimento.
Este Comité considera que os contratos de arrendamento financeiro deberían terse en conta.
Cuarta.- Artigo 10. Solicitudes e prazo.
No apartado 2 deste artigo establecése un prazo de presentación para as solicitudes das axudas que  comezará ao día seguinte da publicación da presente orde e rematará o 30 de setembro de 2015.
Este Comité considera que, en futuros exercicios, o proxecto de orde debería tramitarse no último trimestre do ano anterior ao da convocatoria para que o prazo de solicitudes esté aberto ao longo de todo o ano.
En relación con este proxecto normativo, considérase que é moi curto e que debería ampliarse.
Quinta.- Artigo 11. Consentimentos e autorizacións.
En relación co establecido no apartado 1 deste artigo, este Comité propón que se invirta a súa redacción, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de Datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.
Sexta.- Artigo 15. Resolución e recursos.
No apartado 2 deste artigo prevése un prazo para resolver e notificar a resolución de cinco meses, que este Comité considera excesivo, polo que propón a súa reducción a tres meses.
Por outra banda e posto que as axudas non se conceden en réxime de concorrencia competitiva, este Comité considera que a data de inicio do cómputo para resolver debería de ser desde a data de presentación das solicitudes.
Sétima.- Artigo 16. Xustificación e pagamento.
No apartado 8 deste artigo establécese que non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa administración pública da comunidade autónoma.
Igualmente, no apartado g) do artigo 17, establécese como obriga da persoa beneficiaria estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “débeda pendente coa Administración” en tanto en canto pode que non sexa coñecedora da súa existencia.


Oitava.- Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias.
Neste artigo utilízanse as letras j e k, que non existen no alfabeto galego, polo que este Comité propón que sexan substituídas polas seguintes que correspondan.
Novena.- Artigo 19. Modificación da resolución de concesión.
Neste artigo, menciónase erroneamente o termo “nacionais” para referirse ao ámbito do conxunto do Estado español.
Este Comité propón que se utilice o termo “estatais” para evitar confusións interpretativas, do mesmo xeito que se utiliza no apartado 2 do artigo 18.
Décima.- Artigo 22. Réxime das axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.
Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos nun parágrafo separado.
Décimo primeira.- Artigo 23. Devolución voluntaria da subvención.
Neste artigo  emprégase o IBAN para identificar a conta bancaria para a devolución voluntaria da subvención, pero este figura mal expresado, xa que debe establecerse en bloques de catro díxitos, polo que este Comité propón que se corrixa.

Décimo segunda.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais deste proxecto normativo non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha de elas.

Formúlase a mesma consideración respecto das dúas disposicións derradeiras [sic].

Décimo terceira.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
Décimo cuarta.- Anexo I.
Na segunda folla deste anexo detéctase un erro no punto 4, ao remitirse ao artigo 16 da convocatoria cando a remisión hai que facela ao artigo 18.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:
Consideración xeral:
O grave problema da elevada taxa de desemprego entre as persoas mozas non é produto da súa falta de formación ou da baixa cualificación profesional, como o corrobora o feíto de que miles e miles de mozas e mozos galegos con altos niveis formativo e/ou profesional na súa meirande parte, están a emigrar nestes anos.
A realidade é que non poden acceder eiquí a un emprego porque non se están a aplicar polos gobernos políticas económicas, sociais e laborais orientadas a reactivar a economía e xerar emprego de calidade, como serían por exemplo, o incremento do investimento público, a mellora dos salarios, facilitar o acceso ao crédito á pequeña e mediana empresa, aplicar unha política fiscal progresiva e rematar coa fraude, etc. Antes ao contrario, as políticas de austeridade que se aplican, alimentan a destrución de emprego e incrementan o impacto da crise.
Consideramos que este colectivo, como o resto das persoas desempregadas, necesita urxentemente a garantía dun salario de inserción laboral mentres non atope emprego en condicións dignas, ao tempo que se implementan polos gobernos políticas radicalmente distintas das actuais, que servan para reactivar a economía real e para crear emprego.
Finalmente, consideramos que esta orde podería ter perfecta acollida na que en cada exercicio se promulga para a promoción do emprego  autónomo con carácter xeral, coas especificidades que, de ser o caso, se requirisen para o colectivo de persoas mozas ao que se dirixe, que poderían recollerse nun Capítulo ad-hoc.








ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS SN CCOO-GALICIA, UGT-GALICIA  E CEG:

Primeira.- Exposición de motivos.
As organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e a CEG consideran que, na exposición de motivos deste proxecto normativo, debería incluírse unha referencia ao Diálogo Social.
















ANEXO III

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira.- Artigo 6.  Persoas beneficiarias.
En relación co disposto no apartado 2 deste artigo, a CEG solicita que non sexan excluídas como entidades beneficiarias as persoas socias de entidades mercantís, xa que están encuadradas igualmente no réxime de autónomos, obrigatorio pola normativa da Seguridade Social. Esta situación xenera discriminación atendendo á  fórmula forma xurídica da actividade, tanto máis cando os socios doutras fórmulas xurídicas como as sociedades civís non están excluídos.
Segunda.- Artigo 8. Subvención polo establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia.
En relación co disposto neste artigo, a CEG solicita que se articule unha axuda específica para a realización das labores de asesoramento e titorización  para a realización da posta en marcha dos proxectos de autoemprego financiados nesta orde, na liña do establecido na orde dos programas de autoemprego colectivo. Así mesmo, solicitamos que sexan  incluídas no asesoramento as entidades sen ánimo de lucro que veñen facendo labores de apoio nesta materia con ampla experiencia na colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar.