ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 26/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

I. ANTECEDENTES

O día 17 de xuño de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, xunto co que se remite proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 e solicítase, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo a exposición de motivos, o programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) configúrase como un instrumento para a dinamización da vocación emprendedora, para aproveitar o potencial de persoas dedicadas á investigación e das persoas con titulación universitaria como xestores dos seus proxectos empresariais innovadores, así como para apoiar e fomentar a transferencia do amplo coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e emprego.

Esta orde ten a finalidade de impulsar a creación de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, a través do financiamento parcial dos custos iniciais necesarios para a posta en marcha destes proxectos empresariais innovadores de contido científico e/ou tecnolóxico.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o 17 de xuño de 2014 (Ditame 7/2014) e visto o ditame emitido polo Consello con data 19 de febreiro de 2014, obsérvase que se tiveron en conta dúas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.



Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:

En canto ao financiamento, o programa está cofinanciado polo Fondo Social Europeo nunha porcentaxe do 80 por cento a través do Programa Operativo do FSE de Galicia 2014-2020 (na convocatoria anterior PO FSE 2007-2013). Non obstante, mantense a mesma asignación orzamentaria de 500.000 € (artigo 2, apartado 2).

Polo que se refire ás modalidades de axuda, mantense as da anterior convocatoria (artigo 5): Subvención á creación directa de emprego estable, subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación, apoio á función xerencial e axuda para o inicio e posta en marcha da actividade, pero se elimina a subvención financeira.

En relación coas solicitudes (artigo 11), engádense novas disposicións, sobre todo no relativo á presentación por vía electrónica.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e cinco artigos, unha disposicións adicional e dúas finais.

O día 2 de xullo de 2015 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén trece consideracións específicas, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Así mesmo, contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime: dúas xerais e unha específica manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I), tres consideracións específicas manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II) e dúas consideracións específicas manifestadas pola CIG (anexo III).











DITAME 26/15





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 17 de xuño de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de xullo de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL E DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Artigo 9. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
Na orde reguladora desta axuda no exercicio 2014 suprimíronse os gastos de constitución da empresa como gasto subvencionable.

Xa que o apartado d) do artigo 5 inclúe a axuda para o inicio e posta en marcha da actividade como unha das modalidades de axudas, este Comité propón que se recupere a condición de subvencionable dos citados gastos de constitución da empresa.

Segunda.- Artigo 9. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
Este Comité propón que se considere a posibilidade de incluír os gastos de investimento en activo fixo entre os gastos subvencionables descritos no apartado 3 deste artigo.

Terceira.- Artigo 11. Solicitudes e prazo de presentación.
No apartado 6 deste artigo establécese que o prazo xeral de presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 2015.

Este Comité suxire que non se establezan datas límite pechadas, por considerar que o prazo establecido debería ser un prazo suficiente contado desde o día seguinte ao da publicación oficial desta orde.


Cuarta.- Artigo 12. Consentimento e autorizacións.
En relación co apartado 1, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Proponse a mesma consideración respecto do apartado 2 en relación co sistema de verificación de datos.

Quinta.- Artigo 16. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo establece o prazo para resolver e notificar en catro meses.

Este Comité propón que o prazo sexa de tres meses, tempo que lle parece suficiente.

Sexta.- Artigo 17. Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 4 deste precepto, as persoas beneficiarias deben presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo sinalado na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 20 de decembro de 2015.

Este Comité propón que se permita solicitar, xustificadamente, unha prórroga de carácter extraordinario, como xa se prevía na Orde para o exercicio de 2013, para o caso en que non sexa posible para a persoa beneficiaria a presentación da documentación no prazo anteriormente establecido.

Sétima.- Artigo 17. Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 8 deste artigo, non poderá realizarse o pagamento das axudas se a persoa ou entidade beneficiaria non está ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social ou teña algunha débeda por calquera concepto pendente de pagamento coa Administración pública.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade beneficiaria subsanar “algunha débeda por calquera concepto pendente coa Administración” en tanto en canto pode que non sexa coñecedora da súa existencia.

Oitava.- Artigo 18. Incompatibilidades e concorrencia.
No apartado 3 deste artigo indícase que o importe das subvencións ou axudas non poderá ser tal que en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 80% do custo da actividade.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacionais” debe substituírse por “estatais”.

A mesma consideración formúlase respecto do artigo 21.

Novena.- Artigo 19. Exclusións.
No apartado a) deste artigo establécese que se exclúen dos beneficios do programa establecido nesta orde os empregos de carácter estable realizados con persoas desempregadas que, nos 24 meses anteriores á data de alta na Seguridade Social, prestasen servizos mediante un contrato indefinido en empresas ou grupos de empresas nas que os promotores da empresa solicitante desempeñen o control.

Este Comité considera que debería constar o que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.

Décima.- Artigo 23. Devolución voluntaria da subvención.
Neste artigo menciónase unha entidade financeira inexistente (Novagalicia Banco). Este Comité  considera innecesario citar o nome da entidade, posto que xa se identifica co IBAN, aínda que está mal expresado, pois o correcto é que este figure en bloques de catro díxitos. Polo exposto, proponse a súa corrección.


Décimo primeira.- Artigo 25. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos nun parágrafo separado.

Décimo segunda.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que neste proxecto normativo, a diferenza doutros, figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Ademais, as referidas disposicións  non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción a expresión “Disposicións finais” antes de enunciar cada unha delas.




ANEXO I


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.
O proxecto normativo establece, nos seus artigos 5.a) e 6.1, unha subvención á creación directa de emprego estable.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia, manifestan que hai que ter en conta o obxectivo do programa de apoio ás iniciativas de base tecnolóxica, que non é outro que “promover a cultura emprendedora relacionando a investigación e a tecnoloxía coa creación de emprego, favorecendo e impulsando a creación de empresas de carácter innovador na Comunidade Autónoma de Galicia xeradoras de empregos cualificados”.

Dito isto, consideran que non se debería subvencionar a creación de postos de traballo estables ao abeiro deste programa, ao que sí poden vincularse o resto das axudas establecidas no artigo 5 do proxecto normativo (subvención para contratación de persoal técnico de alta cualificación, apoio á función xerencial e axuda para o inicio e posta en marcha da actividade).

Segunda.
O proxecto normativo regula, no seu artigo 6, a subvención á creación de postos de traballo estables de carácter indefinido e no seu apartado 6 alude á contratación indefinida de persoas traballadoras por conta allea.

Sen prexuízo do manifestado na consideración anterior, as organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia  consideramos que a referencia ten que ser feita á contratación indefinida ordinaria.  


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Artigo 20. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Este artigo establece no seu apartado 1.a) a obriga de realizar a actividade que fundamente a concesión de axuda ou subvención durante un tempo mínimo de dous anos. Nas ordes dos exercicios de 2006 e 2012 este prazo era, respectivamente, de cinco e tres anos.


Igualmente, no seu apartado 2 obrígase ás empresas a manter os postos de traballo creados e que serviron de cálculo para as distintas modalidades de axuda pola creación de empregos estables durante un período mínimo de dous anos. Nas ordes dos exercicios de 2006 e 2012 este prazo era, respectivamente, de cinco e tres anos.

As organizacións sindicais, sen prexuízo do manifestado na consideración xeral primeira, consideran que o tempo mínimo debe ser de cinco anos, polo que propoñen que se recollan as citadas obrigas tal e como estaban na orde do exercicio de 2006.


ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POR A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira. - Artigo 4. Definicións.
O apartado 3 deste artigo establece que, para os efectos das axudas a IEBTS, terán a consideración de persoas desempregadas aquelas que figuren inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

A Confederación de Empresarios de Galicia, tendo en conta as especiais características das IEBTS, propón ampliar a consideración de persoas desempregadas aos efectos dos incentivos establecidos na orde, eliminando a obrigatoriedade de carecer de ocupación no momento da alta.

Segunda. - Artigo 5. Tipos de axuda.
Nas distintas modalidades de axuda, a Confederación de Empresarios de Galicia propón que debería incluírse unha axuda específica destinada á transformación de contratos temporais en indefinidos, incentivando deste xeito ás empresas ao mantemento do emprego.

Terceira. - Artigo 5. Tipos de axuda.
A CEG considera que se debería recuperar entre os tipos de axuda recollidos neste artigo a subvención financeira, xa que é un mecanismo de apoio básico para a consecución do financiamento que necesitan os proxectos desta natureza.

ANEXO III


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

Primeira.- Artigo 6. Subvención á creación directa de emprego estable.
O apartado 6 deste artigo establece que os beneficios establecidos ás contratacións indefinidas de traballadoras e/ou traballadores por conta allea nesta orde serán compatibles coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.

Segunda.- Artigo 7. Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.
O apartado 1 deste artigo establece que a contía da subvención será equivalente ao 40% dos custos salariais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social, cun máximo de 12 mensualidades.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar que a contía da subvención non poderá superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.

Igual consideración maniféstase respecto do establecido no apartado 5 deste artigo e debería indicarse que as axudas concedidas non poderán, en ningún caso, superar o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.