ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 27/15

Ditame sobre o Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos ao autoemprego colectivo das persoas mozas inscritas no sistema nacional de garantía xuvenil, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

I. ANTECEDENTES
O día 17 de xuño de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, xunto co que se remite o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos ao  autoemprego colectivo das persoas mozas inscritas no sistema nacional de garantía xuvenil, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 e solicítase, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
Segundo a Exposición de Motivos, as recomendacións da UE en materia de emprego concrétanse en España a través do Plan Nacional de Implantación da Garantía Xuvenil e a Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, que contemplan un catálogo de medidas axustadas aos distintos perfís de posibles beneficiarios do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil que se vertebra en catro eixes principais, entre os que se atopa o de fomento do emprendemento.
Esta convocatoria enmárcase dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil, cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, en particular no Eixe 5, Integración sostible no mercado de traballo das persoas mozas que non se atopan empregadas, nin participan en actividades de educación e formación, en particular no contexto da garantía xuvenil.
O borrador agora remitido recolle unha nova convocatoria.
Do proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2015 das subvencións para o fomento do autoemprego en cooperativas e sociedades laborais das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (artigo 1)
Establécense os seguintes programas de subvencións:
a) I: programa de incorporación a cooperativas e sociedades laborais.
b) II: programa de fomento do emprendemento.
Poderanse acoller ás subvencións previstas nesta orde, de acordo co disposto no artigo 5, para as actuacións previstas no programa I, as sociedades cooperativas galegas e sociedades laborais e para as previstas no  programa II, os mozos e mozas inscritos no SNGX.
O artigo 13, en materia de compatibilidades e concorrencia, dispón que as subvencións previstas nesta orde serán compatibles entre si, porén, non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de subvención previstos na orde.
O financiamento das subvencións reguladas nesta orde realizarase con cargo á aplicación 11.02.324A.471.1, cunha contía inicial de 837.838 €, de acordo coa Lei 11/2014, do 19 de decembro. A distribución inicial de créditos por programas é a seguinte: Programa I: 537.838 € e Programa II: 300.000 € (artigo 42).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que forman parte do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos ao  autoemprego colectivo das persoas mozas inscritas no sistema nacional de garantía xuvenil, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2015” consta de: Exposición de Motivos, seis Capítulos, corenta e dous artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 3 de xullo de 2015 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha  consideración xeral e once consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, en anexos, as seguintes consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: unha xeral manifestada pola CIG, SN de CCOO de Galicia e UGT-Galicia (anexo I), unha xeral manifestada pola CIG (anexo II), unha específica manifestada polas organizacións sindicais CIG e UGT-Galicia (anexo III) e unha específica manifestada pola CEG (anexo IV).




DITAME 27/2015

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos ao  autoemprego colectivo das persoas mozas inscritas no sistema nacional de garantía xuvenil, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2015, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 17 de xuño de 2015 e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de xullo de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Este Comité observa que existen erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente na utilización do masculino xenérico (por exemplo, no artigo 5.1 “os mozos e mozas inscritos”,  no artigo 5.2  “desempregados” ou no artigo 11.4 “beneficiario”), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, polo que se propón unha revisión do texto do proxecto normativo.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.- Artigo 8. Consentimentos e autorizacións.
En relación co establecido nos apartados 1 e 3 deste artigo, este Comité propón que se invirta a súa redacción, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de Datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da entidade solicitante de aportar a documentación e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que a solicite no seu nome.
Segunda. – Artigo 11. Resolución e recursos.
No apartado 2 deste artigo establécese un prazo para resolver e notificar de cinco meses.
Este Comité considera o prazo de cinco meses excesivo, polo que propón a súa reducción a tres meses.
Ademais, xa que no proxecto normativo non se fixa desde cando debería computarse este prazo e as axudas non se conceden en réxime de concorrencia competitiva, proponse que a data de inicio do cómputo para resolver sexa desde a data de presentación das solicitudes.
Terceira.- Artigo 14. Obrigas das beneficiarias.
No apartado 1, letra a) deste artigo, establécese a obriga da persoa ou entidade beneficiaria de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar  “calquera outra débeda pendente coa Administración”en tanto en canto pode que non sexa coñecedora da súa existencia.
Cuarta.- Artigo 14. Obrigas das beneficiarias.
No apartado 1, letra d) deste artigo, establécese como obriga das beneficiarias a de “Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar”.
Non obstante, non se detallan cales son as medidas que deberían adoptarse, nin tampoco se fai referencia á norma que as contempla, polo que este Comité propón que se concreten no proxecto normativo.
Quinta.- Artigo 17. Devolución voluntaria da subvención.
No apartado 1 deste artigo  emprégase o IBAN para identificar a conta bancaria para a devolución voluntaria da subvención, pero este figura mal expresado xa que hai que identificalo en bloques de catro díxitos, polo que este Comité propón que se corrixa.
Sexta.- Artigo 28. Documentación para a solicitude de subvención.
En relación co disposto no apartado 7 deste artigo, este Comité considera que deberían incluirse no asesoramento e titorización ás entidades sen ánimo de lucro que veñen facendo labores de apoio nesta materia con ampla experiencia.
Sétima.- Artigo 36. Documentación para a xustificación da subvención.
No apartado 2 deste artigo esíxese a presentación de xustificante bancario do pagamento das facturas acreditativas da realización das actividades.
Este Comité considera que se deberían admitir outros medios legais xustificativos do pagamento.

Oitva.- Artigo 39. Presentación de solicitudes.
Neste artigo establecése un prazo de presentación para as solicitudes das axudas que  comezará ao día seguinte da publicación desta orde e rematará o 15 de setembro de 2015.
Este Comité considera que, en futuros exercicios, o proxecto de orde debería tramitarse no último trimestre do ano anterior ao da convocatoria para que o prazo de solicitudes esté aberto ao longo de todo o ano.
En relación con este proxecto normativo, considérase que é moi curto e que debería ampliarse, como mínimo, a tres meses.
Novena.- Artigo 39. Período de execución das accións.
Este Comité considera que a expresión “período de execución das accións” non se relaciona cos obxectivos desta orde, polo que propón que se adapte a estes, ou ben que se suprima.
Décima.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais deste proxecto normativo non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enuncialas.
Formúlase a mesma consideración respecto das dúas disposicións derradeiras [sic].
Décimo primeira.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.








ANEXO I
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, SN CCOO DE GALICIA E UGT GALICIA:

Consideración xeral:
Neste proxecto normativo establécense distintos prazos para o cumprimento de obrigas polas persoas ou entidades beneficiarias. As organizacións sindicais consideran que debería establecerse un único prazo de cinco anos.

















ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:
Consideración xeral:
O grave problema da elevada taxa de desemprego entre as persoas mozas non é produto da súa falta de formación ou da baixa cualificación profesional, como o corrobora o feíto de que miles e miles de mozas e mozos galegos con altos niveis formativo e/ou profesional na súa meirande parte, están a emigrar nestes anos.
A realidade é que non poden acceder eiquí a un emprego porque non se están a aplicar polos gobernos políticas económicas, sociais e laborais orientadas a reactivar a economía e xerar emprego de calidade, como serían por exemplo, o incremento do investimento público, a mellora dos salarios, facilitar o acceso ao crédito á pequeña e mediana empresa, aplicar unha política fiscal progresiva e rematar coa fraude, etc. Antes ao contrario, as políticas de austeridade que se aplican, alimentan a destrución de emprego e incrementan o impacto da crise.
Consideramos que este colectivo, como o resto das persoas desempregadas, necesita urxentemente a garantía dun salario de inserción laboral mentres non atope emprego en condicións dignas, ao tempo que se implementan polos gobernos políticas radicalmente distintas das actuais, que servan para reactivar a economía real e para crear emprego.
Finalmente, consideramos que esta orde podería ter perfecta acollida na que en cada exercicio se promulga para a promoción da economía social e o cooperativismo con carácter xeral, coas especificidades que, de ser o caso, se requirisen para o colectivo de persoas mozas ao que se dirixe, que poderían recollerse nun Capítulo ad-hoc.









ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG E UGT GALICIA:
Artigo 5.-  Beneficiarias.
No apartado 2 deste artigo, defínese o que se entende por persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e esíxese, entre outros requisitos, que sexan desempregadas.
As organizacións sindicais CIG e UGT-Galicia consideran que é necesario que figure que  deben estar inscritas como demandantes de emprego  no Servizo Público de Emprego de Galicia.
Esta mesma consideración formúlase tamén en relación co establecido no artigo 25.3.















ANEXO IV

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Artigo 28.  Documentación para a solicitude de subvención.
No apartado 5 deste artigo establécese a documentación que deben presentar as cooperativas e sociedades laborais para solicitar a subvención para incorporación e, na letra c) deste apartado, esíxese a presentación dos documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego, así como do tempo de permanencia na situación de desemprego, das persoas socias traballadoras ou de traballo por quen se solicita subvención.
A CEG considera que se debería incluir, despois de Documentos acreditativos, o inciso “de ser o caso”:
“Documentos acreditativos, de ser o caso, dos períodos de inscrición .......”