ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 28/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

I. ANTECEDENTES

O día 2 de xullo de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, xunto co que se remite proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2015, e solicítase, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


No Título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do Traballo Autónomo, dedicado ao fomento e promoción do traballo autónomo, establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e desenvolvemento de iniciativas económicas e profesionais por conta propia. Na aplicación destas políticas de fomento tenderase ao logro da efectividade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e prestarase especial atención aos colectivos de persoas desfavorecidas, entre as que as persoas con discapacidade ocupan un lugar preferente.

Por outra banda, a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia establece no seu artigo 31 que, no marco da consideración como colectivo prioritario, as políticas activas de emprego valorarán as circunstancias das mulleres con especiais dificultades de inserción laboral. Así mesmo, o artigo 38 dispón que o departamento da Administración competente en materia de traballo poderá realizar accións de discriminación positiva dirixidas á equiparación de ambos os sexos no emprego por conta propia e, que, nas medidas de fomento de empresariado feminino teranse en conta de xeito preferente as mulleres emprendedoras con especiais dificultades de inserción laboral ou en situacións marcadas pola desvantaxe social.

Á vista do borrador agora remitido, do texto da mesma orde publicado no DOG o 27 de maio de 2014 e do ditame emitido polo Consello con data 5 de marzo de 2014 (Ditame 15/14), obsérvase que se aceptaron algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Para este exercicio 2015 establécese un procedemento de concesión das axudas en réxime de concorrencia competitiva.

O programa de promoción do emprego autónomo está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do Programa Operativo do FSE de Galicia 2014-2020, en particular o Eixe 1, Promover a sostebilidade e a calidade e o emprego e favorecer a mobilidade laboral. Prioridade de investimento 8.3, obxectivo específico 8.3.1.

No artigo 4 obsérvase un incremento de 1.875.000 € para as axudas recollidas nesta orde, que se financian con cargo á aplicación orzamentaria 11.02.322C 472.0, código de proxecto 2015 00564, cun crédito de 12.500.000,00 €. Na anualidade 2014 o importe global das axudas foi de 10.625.000 €. Co obxecto de que o orzamento destinado a este programa beneficie ao maior número de persoas traballadoras autónomas de Galicia, faise unha distribución provincial do crédito en función da taxa de desemprego a nivel provincial a 31/12/2014.

Finalmente engádese un novo artigo 23, relativo aos Indicadores comúns de execución e de resultados, no que se dispón que para dar cumprimento ao establecido no artigo 50 do Regulamento Nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello de 17 de decembro de 2013, as persoas beneficiarias das axudas deberán colaborar coa Consellería de Traballo e Benestar na obtención da información referente aos indicadores comúns de execución e de resultados de inversión do Fondo Social Europeo establecidos no anexo I  do Regulamento Nº1304/2013.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2015” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte e tres artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais.

O día 14 de xullo de 2015 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e quince consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións non unánimes seguintes: unha específica manifestada por UGT- Galicia SN de CCOO de Galicia e a CEG (Anexo I) e tres específicas de carácter non unánime manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II).



DITAME 28/2015



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2015, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 2 de xullo de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 14 de xullo de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
No exercicio 2014, a Orde de promoción do emprego autónomo dividiuse en dúas ordes prácticamente idénticas: unha para persoas de trinta ou máis anos de idade e outra para persoas xóvenes menores de trinta anos, cuxos proxectos se ditaminan o día de hoxe. Os recursos orzamentarios adicados á promoción do emprego autónomo son aproximadamente os mesmos que nos exercicios anteriores.

Este Comité entende que resulta superflua a existencia de dúas ordes idénticas (como queda de manifesto no título do proxecto normativo) e co mesmo obxectivo de promover o emprego autónomo. Abondaría con que nesta Orde que agora ditaminamos se engadise o previsto no artigo 8, ao respecto do importe das axudas.

Segunda.
No proxecto de orde para o exercicio de 2013 elimináronse catro das seis liñas de axuda recollidas na orde do exercicio anterior: a subvención para asistencia técnica, a axuda excepcional, a subvención para formación e a subvención pola primeira contratación indefinida, aínda que esta última é obxecto dunha orde independente. Nesta orde que ditaminamos, vixente para o exercicio de 2015, elimínase tamén a subvención financeira.

Este Comité considera que, sobre todo, as dúas primeiras axudas mencionadas así como a que se elimina este ano, contribuían dun xeito moi importante á posta en marcha dos negocios das persoas autónomas, ao diminuír os problemas de liquidez iniciais.

Polo exposto, proponse que todas as liñas de axuda eliminadas sexan recuperadas.
Terceira.
Xunto co proxecto normativo e a solicitude de ditame non se recibiu a estatística da execución da Orde no precedente exercicio 2014.  

Como este Comité ten insistido en diversas ocasións, é necesario recibir, xunto coa solicitude de ditame, os datos que ao Consello Galego de Relacións Laborais interesa coñecer, a efectos de avaliar o impacto real do programa correspondente. Estes datos son os seguintes:

a) Nº de solicitudes presentadas.
b) Nº de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes.
c) Nº de expedientes resoltos FAVORABLEMENTE.
d) Nº de persoas traballadoras afectadas polo expedientes resoltos FAVORABLEMENTE.

Ao abeiro do artigo 3.2 g) da Lei 5/2008, de 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais (tenor literal: Solicitar e recibir dos órganos competentes da Administración autonómica e de calquera outra institución da comunidade autónoma canta información precise para o desempeño das súas funcións), este Comité solicita que a información estatística conteña, como mínimo, os catro datos antes sinalados.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, DE CARÁCTER UNÁNIME, DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 5. Definicións.
Na orde do exercicio 2010, no número VI do apartado 1 deste artigo, definíase o concepto de persoa responsable dunha familia monoparental e con cargas familiares e facíase unha referencia ao salario mínimo interprofesional.

Este Comité solicita que se inclúa novamente esta definición no proxecto normativo. Así mesmo, xa que a Lei xeral da Seguridade Social para recoñecer o subsidio por desemprego esixe non superar o 75% da contía do salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional de pagas extras, considérase que debería clarificarse se no concepto de salario mínimo interprofesional empregado na orde obxecto deste ditame debe incluírse ou non o rateo de pagas extras.

Segunda.- Artigo 5. Definicións.
No apartado 1 h) deste artigo establécese unha clasificación con letras, entre as que figuran a letra j) e a letra k).

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse polas seguintes que corresponden.

Igual consideración formúlase para o artigo 16.

Terceira.- Artigo 6. Persoas beneficiarias.
O apartado 1 deste artigo establece que poderán ser beneficiarias das axudas as persoas desempregadas sempre que cumpran unha serie de requisitos.

Este Comité propón a supresión do termo “desempregadas” para posibilitar o acceso ás subvencións reguladas no proxecto normativo daquelas persoas que queiran mellorar a súa situación ocupacional a través deste programa de axudas.

Cuarta.- Artigo 6. Persoas beneficiarias.
O apartado 4 deste artigo exclúe das axudas reguladas no proxecto normativo “as persoas socias de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e autónomos colaboradores”.

Este Comité considera que debería aclararse o alcance do termo “autónomos colaboradores” para os efectos desta orde.

Quinta.- Artigo 9. Solicitudes e prazo.
No apartado 2 deste artigo establecése un prazo de un mes a partir da publicación no DOG, para a presentación de solicitudes.
Este Comité considera que este prazo é moi curto, polo que propón a súa ampliación.
Sexta.- Artigo 10. Consentimentos e Autorizacións.
En relación co apartado 1, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa interesada de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que as solicite no seu nome.

Sétima.- Artigo 10. Consentimentos e Autorizacións.
O apartado 2 deste artigo dispón que os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o Cixtec como responsable dos ficheiros con domicilio na Rúa Domingo Fontán 9, 15702 Santiago de Compostela, de conformidade oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o Cixtec, como responsable dos coas coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Non obstante, no artigo seguinte, o 11, relativo ao datos de carácter persoal, disponse que os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, como responsable do ficheiro “Relacións administrativas coa cidadanía e entidades”.

Este Comité considera que se debería aclarar cal dos dous organismos é o responsable do ficheiro.


Oitava.- Artigo 14. Resolución e recursos.
No apartado 3 deste artigo prevése un prazo para resolver e notificar a resolución de cinco meses, que este Comité considera excesivo, polo que propón a súa reducción a tres meses.

Novena.- Artigo 15. Xustificación e pagamento
No apartado 8 deste artigo disponse que  “Non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedora por resolución de procedencia de reintegro”.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “débeda pendente coa Administración” en tanto en canto pode que non sexa coñecedora da súa existencia.
Décima.- Artigo 15. Xustificación e pagamento.
O apartado 7 deste precepto establece que as persoas beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo que fixe a resolución de concesión, que non poderá exceder de 15 días hábiles. Na orde para o exercicio de 2012 prevíase a posibilidade excepcional de prorrogar o devandito prazo noutros 15 días hábiles.

Este Comité propón que se recupere esa posibilidade de prórroga.

Décimo primeira.- Artigo 18. Modificación da resolución de concesión.
Neste artigo, menciónase erroneamente o termo “nacionais” para referirse ao ámbito do conxunto do Estado español.
Este Comité propón que se utilice o termo “estatais” para evitar confusións interpretativas e gardar coherencia co utilizado no artigo 17.
Décimo segunda.- Artigo 21. Réxime das axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.
Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos nun parágrafo separado.


Décimo terceira.-Artigo 22. Devolución voluntaria da subvención.
Neste artigo menciónase unha entidade financeira inexistente (Novagalicia Banco). Este Comité  considera innecesario citar o nome da entidade, posto que xa se identifica co IBAN, aínda que está mal expresado, pois o correcto é que este figure en bloques de catro díxitos.

Décimo cuarta.- Disposicións Adicionais.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enuncialas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Décimo quinta.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras [sic].que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.



ANEXO I


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 21. Réxime das axudas
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas e, na letra e), inclúense as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

As citadas organizacións consideran que se debería aclarar o significado deste apartado, xa que a redacción é confusa e indeterminada.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Primeira. Artigo 5. Definicións.
No segundo parágrafo do apartado 1. d) deste artigo establécese que non se terán en conta os investimentos realizados agás aqueles debidamente acreditados que sexan imprescindibles para o desenvolvemento da actividade empresarial ou profesional.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debería especificarse na orde que se entende por “investimentos imprescindibles”.

Segunda. – Artigo 6. Persoas beneficiarias.
A CEG propón que a posibilidade de beneficiarse desta axuda se faga extensible a aquelas persoas que desempeñen un traballo por conta allea inferior a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais, sempre que cumpran os requisitos de acceso esixidos no proxecto normativo.

Terceira. – Artigo 6. Persoas beneficiarias.
No apartado 4 deste artigo establécese que quedan excluídos deste programa os socios de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e os autónomos colaboradores.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que existe un agravio comparativo para os socios de sociedades mercantís, incluídas as unipersoais, posto que as referidas persoas cotizan tamén ao réxime de autónomos da Seguridade Social e, non obstante, non poden optar a ningunha axuda, polo que propón que sexan beneficiarias das axudas deste programa en iguais condicións que os traballadores e traballadoras autónomas ou por conta propia.