ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 2/03

DICTAME SOBRE O BORRADOR DA ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E A CONVOCATORIA PARA O ANO 2003 DO RÉXIME DE AXUDAS E SUBVENCIÓNS ÁS EMPRESAS CUALIFICADAS COMO INICIATIVAS DE EMPREGO DE BASE TECNOLÓXICA (IEBTS).

En relación coa solicitude de dictame sobre o borrador da Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2003 do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (Iebts), remitida pola Dirección Xeral de Fomento do Emprego da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en data do 27 de decembro de 2002, con rexistro de entrada neste Consello na mesma data, a efecto de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2.b) da Lei 7/1988, de 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o 8 de xaneiro de 2003, acordou face-las seguintes consideracións, DE CARÁCTER UNÁNIME, que se reproducen a continuación:


O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente Dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2003. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME Ó BORRADOR DA ORDE MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E MAILA CIG.


As organizacións sindicais S.N. de CC.OO. de Galicia e maila CIG con presencia no Consello Galego de Relacións Laborais fan consta-la súa protesta polo feito de que o Comité Autonómico de Emprego que, de acordo co establecido no Artigo 2.1, 2 e 5 do Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral é o organismo encargado de coñecer, participar  e informa-la planificación das políticas activas de emprego e da programación das distintas medidas das políticas activas de emprego, non mantivo a reunión acordada no mes de setembro, cara ó cumprimento das súas mencionadas funcións. Os dictames que ten que facer o Consello Galego de Relacións Laborais a cada unha das normas, precisan da visión do conxunto da planificación de medidas activas polo que ó carecer desta, os informes a cada unha das normas carecen desa perspectiva. Consideran que a norma remitida para o seu dictame debeu de ser obxecto de tratamento e debate neste órgano consultivo previamente á petición ó Consello Galego de Relacións Laborais da emisión do dictame. Por todo elo, non entran a valorar o contido desta norma, pospoñendo o seu dictame ata que, o Comité Autonómico de Emprego coñeza, participe e emita informe sobre a planificación das políticas activas de emprego e fixe os criterios de reparto das axudas e subvencións, tendo en conta que, en contra do que ven sucedendo ata agora,  debe ser proporcional ó número de parados existentes en cada área funcional.


ANEXO II

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME Ó BORRADOR DA ORDE MANIFESTADAS POLA CEG.

Primeira.-
Reprodúcense as consideracións e propostas de modificación feitas por unanimidade no dictame 20/2002 do borrador da Orde reguladora destas axudas, emitido en data 21 de xuño de 2002, relativas ós artigos: 3º.3. Tipos de axuda; art. 4º.1, in fine. Axuda á creación directa de emprego estable e art. 15º. Resolución.

Segunda.-
Esta organización manifesta o seguinte respecto deste borrador de Orde:
“Destacar, fundamentalmente, a case total ausencia de novidades respecto da normativa que estivo en vigor para este mesmo programa no exercicio de 2002.

Aínda así, sinálase como destacable o seguinte:

1. Establécese de forma expresa na Exposición de Motivos o seu sometemento ó chamado “réxime de axudas de minimis da Unión Europea”. Nos parece criticable a súa ubicación na parte expositiva da norma e non na dispositiva, como debería ser en correcta técnica lexislativa (non obstante, no artigo 17º.1 da norma parece que se alude a ela). Adicionalmente, debería figurarno seu articulado de xeito claro, a limitación económica que supón de forma expresa (non máis de 100.000 euros en axudas en tres anos) así como a norma europea que da orixe a esta limitación, e a data de entrada en vigor efectiva desta (ano 2001).
2. Os beneficiarios destas axudas deben ser pemes, segundo definición da normativa europea de aplicación.
3. Por último, sinalar o que consideramos que é unha errata: no artigo 18º.1b) obrígase a realiza-la actividade empresarial subvencionada durante tres anos alomenos, e no artigo 18º.1e) a mante-los postos de traballo creados durante cinco anos.



Gustaríanos tamén poñer de manifesto, en relación coa presente normativa, unha valoración global da mesma de carácter moi positivo. Trátase dunha liña de axudas enmarcada dentro das políticas activas de emprego da Xunta de Galicia que consideramos altamente positiva, polo que supón de cara á incentivación para a comunidade universitaria da posta en marcha de actividades empresariais innovadoras, con alto contido de investigación e desenvolvemento científico-tecnolóxico, ademais de serrar, á súa vez, emprego estable e de alta calidade nese ámbito universitario, principalmente
Deste xeito, se está achegando a universidade á empresa, serrando riqueza, valor engadido e desenvolvemento económico e social para a nosa comunidade autónoma.”