ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 30/15

Ditame sobre o proxecto de decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2016.

I. ANTECEDENTES

O día 9 de xullo de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, mediante o que remite o proxecto de decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2016 e solicita o seu ditame preceptivo para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Vistos o borrador agora remitido, o texto do decreto do exercicio anterior, publicado no DOG o día 13 de xuño de 2014 e o ditame emitido polo Consello con data 21 de maio de 2014 (Ditame 23/2014), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Este proxecto normativo establece que, ademais das festas de ámbito estatal que se sinalen, para o ano 2016 decláranse festas laborais da Comunidade Autónoma de Galicia, con carácter retribuído e non recuperable, as seguintes:

Festas propias: 17 de maio, Día das Letras Galegas (en lugar do 1 de maio que cae en domingo) e 24 de xuño, San Xoán (en lugar do 25 de decembro que cae en domingo).

Festa de carácter estatal sobre a que a Comunidade Autónoma non exerceu a facultade de substitución: 25 de xullo, día Nacional de Galicia.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador ás persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2016” consta de: Exposición de motivos, tres artigos e dúas disposicións finais.

O día 14 de xullo de 2015 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración específica de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestada polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.


Contén, como anexos, unha consideración xeral e dúas específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CC.OO. e CIG (anexo I) e dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma de carácter non unánime manifestadas polas organizacións sindicais SN de CC.OO. e CIG (Anexo II).




DITAME 30/2015



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia no calendario laboral para o ano 2016, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de xullo de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 14 de xullo de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS.


Única.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Así mesmo obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións derradeiras [sic] non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais” antes de enuncialas.



ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CCOO DE GALICIA, UGT-GALICIA E CIG.

Consideración xeral

As organizacións sindicais S.N. de CC.OO. de Galicia, UGT- Galicia e CIG fan constar, como consideración de carácter xeral, a necesidade de que o Goberno galego inste ao Goberno do Estado para levar a cabo as modificacións regulamentarias oportunas co fin de que a Comunidade Autónoma de Galicia dispoña dunha maior marxe de manobra para poder fixar as súas festas, co respecto, de ser o caso, dos compromisos internacionais asumidos polo Estado nesta materia.

De facerse a modificación que se suxire, sería posible que, dada a preponderancia na regulamentación actual de festas de natureza relixiosa, a Comunidade Autónoma galega poda optar por outras festas de carácter cívico ou laico.

Consideracións específicas.

Primeira.- Artigo 1. Festas laborais propias da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.
A diferenza do establecido no Decreto do exercicio 2011, no artigo 1 deste proxecto normativo obsérvase que tan só se relacionan as festas laborais propias da Comunidade Autónoma.

As organizacións sindicais consideran que o obxecto deste proxecto de decreto é determinar o calendario laboral do ano 2016, polo que se solicita que se manteña a redacción do Decreto de 2011 e que se incorporen as datas das festas laborais de carácter retribuído e non recuperable fixadas desde o ámbito estatal, con indicación da posibilidade da súa modificación, se fora o caso.

Segunda.- Artigo1. Festas laborais propias da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.
En relación con certas festas laborais referenciadas ao santoral católico (por exemplo “Día de San Xoán”), debería procurarse usar denominacións de índole laica.



ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CCOO DE GALICIA E CIG.

Primeira.

De acordo coa liña argumental de anos precedentes e xa que existe unha resolución do Parlamento Galego aprobada o día 9 de marzo de 2006, que establece “instar á Xunta de Galicia a sumarse expresamente aos actos do 10 de marzo e recoñecela como data de referencia de todos os esforzos e sacrificios que os traballadores e traballadoras galegas fixeron en 1972, para contribuír a traer pacificamente a democracia”, estas dúas organizacións sindicais avogan pola necesidade de institucionalizar o día 10 de marzo, como “Día da clase obreira galega”.

Segunda.

Proponse o cambio legal da denominación da festa do 25 de xullo, que figura no artigo 1 deste proxecto normativo como “Día Nacional de Galicia”, para que pase a designarse como “Día da Patria Galega”.