ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 31/15

Proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia (Premios RSE Galicia) para o ano 2015.

I. ANTECEDENTES

O día 16 de xullo de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, xunto co que remite proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia (Premios RSE Galicia) para o ano 2015 e solicítase, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A exposición de motivos deste proxecto define a responsabilidade social corporativa (RSC) ou responsabilidade social da empresa (RSE) como a integración, por parte das empresas, das preocupacións sociais e ambientais nas súas operacións comerciais e nas súas relacións cos seus interlocutores, dun xeito voluntario.

Estes Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia institúense mediante o Decreto 156/2014, do 4 de decembro e, segundo a exposición de motivos, pretenden ser un recoñecemento público a aquelas iniciativas e boas prácticas desenvolvidas polas empresas galegas en calquera das dimensións ou ámbitos (social, económico e/ou ambiental) da RSE, como maneira de difundir publicamente o esforzo que neste eido levan a cabo as empresas galegas na comunidade onde desenvolven a súa actividade e, ao mesmo tempo, sensibilizar ao empresariado galego sobre a importancia de incorporar a RSE na súa xestión, co obxectivo tamén de concienciar a opinión pública sobre a importancia desta forma de xestión empresarial.

Á vista deste proxecto normativo e do ditame 24/2014, emitido sobre o anteproxecto de decreto polo que se institúen os premios RSE Galicia, obsérvase que se tiveron en conta a maioría das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Este proxecto normativo sométese a ditame por primeira vez. Do seu contido destácase o seguinte:

Poderán optar aos premios, de acordo co artigo 2º do proxecto, as empresas públicas ou privadas galegas, ou que conten con centros de traballo en Galicia que, a través das súas políticas e sistemas de xestión, desenvolvan actuacións responsables nos ámbitos social, económico e/ou ambiental, demostrando así o seu compromiso activo coa sociedade, sempre que cumpran o establecido nesta orde de convocatoria. Non poderán optar aos premios as entidades sen ánimo de lucro.

O prazo para a presentación das solicitudes das candidaturas será de un mes contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (artigo 4º).

Segundo o artigo 5º, os premios contarán con tres categorías, en función do tipo de empresa que opte a eles (pequena, mediana ou grande empresa).

O artigo 6º enumera as modalidades ou recoñecementos cos que contarán os premios: recoñecemento no ámbito social, no ámbito ambiental, no ámbito económico e no ámbito da conciliación laboral, familiar e persoal.

A figura do xurado regúlase no artigo 13º e os criterios de valoración no artigo 16º.

O procedemento de avaliación e outorgamento consta de cinco fases e están recollidas no artigo 17º.

O artigo 8º do Decreto 156/2014 establece que estes premios teñen carácter honorífico e carecen de dotación económica polo que, tal como recorda a memoria económico-financieira anexa ao proxecto normativo, este non implica ningún custo para a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia (Premios RSE Galicia) para o ano 2015” consta de: Exposición de motivos, vinte artigos e unha disposición adicional única .

O día 23 de xullo de 2015 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén cinco consideracións xerais e cinco específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexo, unha consideración xeral de carácter non unánime sobre a valoración da norma manifestada polas organizacións sindicais UGT- Galicia e SN de CC.OO. e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).






DITAME 31/2015





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia (Premios RSE Galicia) para o ano 2015, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 16 de xullo de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de xullo de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS.

Primeira.
Este Comité reitera as consideracións que non se tiveron en conta formuladas no ditame 24/2014, respecto do proxecto de Decreto polo que se institúen os premios RSE Galicia, e solicita a modificación do devandito decreto.

Segunda.
Este Comité considera recomendable que existan dúas modalidades de premios e que haxa unha primeira de carácter xeral, cun premio á excelencia en materia de Responsabilidade Social Empresarial para aquelas entidades nas que a súa actividade empresarial poida considerarse como un exemplo integral nesta materia e, unha segunda modalidade para recoñecer publicamente o labor desenvolvido polas empresas galegas en calquera das dimensións ou ámbitos laboral-económico, ambiental e de acción social.



Terceira.
Este Comité observa que a denominación dos premios como “Premios RSE Galicia” non é coherente coa denominación que figura no Plan Estratéxico Galego de Responsabilidade Social Empresarial (2012-2014).

Cuarta.
Este Comité considera que, para a súa mellor comprensión, a denominación RSE Galicia debería transcribirse como Responsabilidade Social Empresarial Galicia, polo que propón a súa substitución ao longo do proxecto normativo.

Quinta.
Este Comité propón a revisión do texto do proxecto que se somete a ditame, xa que figuran diversos erros:

No artigo 10 emprégase a letra j na clasificación, impropia do alfabeto galego, polo que debería substituírse pola que corresponda.

O artigo 11 presenta un erro na ordenación dos números dos apartados 7 e 8 que aparecen como 5 e 6, polo que repite a numeración dos dous apartados anteriores.

Obsérvase o emprego do masculino xenérico no artigo 11º (o solicitante) e no artigo 16º (traballadores afectados).

Finalmente, no artigo 17º, debe substituírse a palabra “y” pola forma correcta “e”.





CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS.

Primeira.- Artigo 6º. Modalidades ou recoñecementos.
Este Comité propón que, ademais da de carácter xeral que se cita na consideración xeral segunda deste ditame, se establezan tres modalidades ou recoñecementos, por considerar que os premios deberían ir enfocados ao ámbito interno da empresa, á súa acción social e a súa relación co contorno natural.

Polo exposto, as modalidades que figuran no referido artigo 4 deberían denominarse:
a) Laboral- económico, b) Medio ambiental e c) De acción social.

Así mesmo, este Comité propón que en cada orde anual de convocatoria dos premios se concreten os aspectos en cada unha das modalidades que se establezan.


Segunda.- Artigo 13º. Xurado.
Nos dous últimos ítems do apartado 1.b deste precepto establécese que serán vogais:
-tres persoas  representantes a proposta das organizacións empresariais galegas máis representativas propostas por estas.
-unha persoa  representante de cada un dos sindicatos galegos máis representativas proposta por estes.

Este Comité propón que se substitúa esa redacción pola seguinte:
-tres persoas  representantes a proposta das organizacións empresariais intersectoriais máis representativas no ámbito galego, propostas por estas.
- tres persoas  representantes a proposta das organizacións sindicais intersectoriais máis representativas no ámbito galego, propostas por estas.

Terceira.-  19º. Consentimento e autorizacións.
En relación co apartado 1, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa interesada de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que as solicite no seu nome.

O mesmo se observa respecto do apartado 4.

Cuarta.- Como xa se manifestou respecto do proxecto de decreto polo que se institúen os premios RSE Galicia, no parecer deste Comité sería conveniente prever algún mecanismo administrativo para revisar a distinción a aquelas entidades que tivesen comportamentos contraditorios co carácter do premio, con posterioridade ao seu outorgamento.

Chama a atención que o informe sobre o ditame 24/2014 remitido pola Dirección Xeral de Traballo e Economía Social establece, na súa consideración sexta, que “se inclúe a posibilidade de retirada dos premios mediante resolución. Dito procedemento desenvolverase na orde de convocatoria”. Porén, non se recolle a dita posibilidade no texto do proxecto de orde.

Quinta.- Disposición derradeira única (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figura unha disposición derradeira que debería denominarse disposición final para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.









ANEXO

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CCOO DE GALICIA E UGT-GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG).

As organizacións sindicais UGT-Galicia e o SN.de CC.OO. de Galicia e máis a CEG propoñen incluír no segundo parágrafo da exposición de motivos a referencia ao Acordo a prol da Responsabilidade Social Empresarial en Galicia, polo que propón incluir a seguinte redacción neste segundo parágrafo:

“A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, no seu interese por promover e difundir o concepto da responsabilidade social e empresarial, de conformidade co establecido no Acordo a prol da Responsabilidade Social Empresarial en Galicia, asinado o abeiro do proceso de diálogo social en Galicia o 5 de febreiro de 2007 dentro do Acordo sobre un novo marco de relacións laborais en Galicia, así como no previsto no Plan Estratéxico Galego de Responsabilidade Social Empresarial (2012-2014) ...”.