ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 32/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

I. ANTECEDENTES

O día 16 de xullo de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo, xunto co que remite proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015, e solicítase, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo a exposición de motivos do proxecto normativo, as transformacións que están experimentando a economía, a sociedade, os continuos avances tecnolóxicos e os cambios nos hábitos laborais e nos sistemas de organización do traballo, acompañado da perda de lazos sociais e familiares, configuran algunhas das múltiples causas de exclusión social. Un rasgo común a casi todas as situacións de exclusión social é a dificultade para participar nos mecanismos habituais de formación e inserción laboral. Para paliar e erradicar estas situacións de desarraigamento e exclusión social, xorden as empresas de inserción laboral, cuxa finalidade primordial é a incorporación ao mercado laboral das persoas en risco ou situación de exclusión social, proporcionándolles un traballo remunerado e a formación e acompañamento necesarios para mellorar as súas condicións de empregabilidade e facilitarlles o acceso ao mercado laboral ordinario.

No capítulo V do Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral e se crea o seu rexistro administrativo, enúncianse as medidas que pode adoptar a Administración para o fomento da inserción sociolaboral. Así, esta orde, desenvolve o mencionado capítulo, establecendo un programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e anunciando a súa convocatoria para o ano 2015.

Á vista do borrador agora remitido, do texto da mesma Orde publicado no DOG o 23 de xuño de 2014 e do Ditame 16/2014, emitido polo Consello con data 10 de marzo de 2014, obsérvanse que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello.

Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:
Polo que respecta ao financiamento, o artigo 1º do proxecto normativo establece que “o programa regulado nesta orde está financiado con fondos finalistas do Estado recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal”. Elimínase, polo tanto, toda referencia ao cofinanciamento por parte do Fondo Social Europeo que estaba presente na orde anterior.

Suprímese o artigo 22º, que regulaba a posibilidade de facer pagamentos á conta para as subvencións pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social nas empresas de inserción laboral.

Así mesmo, elimínase a redacción do artigo 29º “axudas de mínimis”.

Na disposición adicional segunda engádese un parágrafo que establece que, no suposto de ausencia, vacante ou enfermidade, as atribucións da persoa titular da dirección xeral de Traballo e Economía Social serán exercidas temporalmente pola persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación ou, no seu defecto, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e oito artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 23 de xullo de 2015 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén quince consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, en anexos, as consideracións específicas sobre a valoración da norma de carácter non unánime seguintes: unha manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo I), unha manifestada pola CIG (anexo II), unha manifestada por UGT-Galicia (Anexo III) e unha manifestada polas organizacións UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e pola CEG (anexo IV).







DITAME 32/2015





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 16 de xullo de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de xullo de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira. – Artigo 4º. Suxeitos e persoas beneficiarias da inserción sociolaboral por medio de empresas de inserción laboral.
Obsérvase que no apartado 1 deste artigo empréganse as letras j e k na clasificación.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas que correspondan.

Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 23º polo uso da letra j.

Segunda. - Artigo 5º. Contratos de traballo subvencionables.
Na letra b) do apartado 1 deste artigo indícase que os contratos de traballo terán unha duración non inferior a 6 meses.

Este Comité entende que debería establecerse tamén un prazo máximo de duración que sexa coherente coa lexislación estatal na materia.

Terceira.-Artigo 8º. Subvención pola contratación de xerentes ou persoas técnicas.
Obsérvase a supresión, neste precepto, da regulación sobre a substitución das persoas polas que se concedeu a subvención.

Este Comité considera que se debería recuperar esa regulación, fixando en un mes o plazo para levar a cabo a substitución.

Formúlase igual consideración respecto do artigo 9º.

Cuarta. - Artigo 11º. Subvención financeira.
No apartado 3 deste artigo establécese que esta axuda será equivalente á redución de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo.

Este Comité considera incoherente cos obxectivos da orde a redución de catro puntos establecida neste apartado, propoñendo que se manteña a de 6 puntos co límite de 1 punto que figuraba na orde para o ano 2009.

Quinta. – Artigo 16º. Solicitudes e prazo de presentación.
O apartado 2 deste precepto establece que o prazo de presentación das solicitudes das axudas rematará o 30 de setembro de 2015.

Este Comité considera que  este prazo pode resultar escaso, polo que propón que se fixe un máis razoable a contar desde a data de publicación da orde.

Sexta.- Artigo 17º. Consentimientos, autorizacións e datos de carácter persoal.
En relación co apartado 1, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Proponse a mesma consideración respecto do apartado 3 en relación co sistema de incorporación de datos.

Sétima.- Artigo 21º. Xustificación e pagamento.
No apartado B deste artigo establécese que os xustificantes de pagamento deben ser bancarios.

Este Comité entende que tal requisito non debería esixirse xa que supón unha limitación, especialmente no suposto de pagamentos de pequena contía ou con determinados provedores, nos que esta fórmula de pagamento non resulta operativa.

Igual consideración formúlase respecto do apartado 1.g) do artigo 18.

Oitava.- Artigo 21º. Xustificación e pagamento.
No proxecto de orde suprímese o anterior artigo 22º, que regulaba os pagamentos a conta.

Este Comité propón que se recupere ese precepto.


Novena.- Artigo 22º. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 2 deste artigo prohibe que os incentivos regulados no proxecto normativo podan superar, illadamente ou en concorrencia con outras axudas, os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17º.3 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Este Comité considera que estes límites deberían figurar expresamente na orde, polo que propón que se especifiquen no texto do artigo.

Décima. – Artigo 23º. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado e) deste artigo recolle, como unha das obrigas das entidades beneficiarias,  estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “ningunha outra débeda, por ningún concepto” pendente de pagamento á Administración, en tanto en canto pode que non sexa coñecedora da súa existencia.

Décimo primeira. - Artigo 25º. Revogación e reintegro.
Este Comité considera que debería incluírse un novo apartado neste artigo no que se concretaran as condicións para o reintegro parcial das cantidades percibidas.

Décimo segunda. – Artigo 26º. Devolución voluntaria da subvención.
Neste artigo menciónase incorrectamente o nome da entidade financeira (A Banca en vez de Abanca). De todos modos, este Comité  considera innecesario citar o nome da entidade, posto que xa se identifica co IBAN, aínda que está mal expresado, pois o correcto é que este figure en bloques de catro díxitos.

Décimo terceira. – Artigo 29º. Seguimento e control.
Este precepto está mal numerado, pois correspóndelle figurar como artigo 27º.

Décimo cuarta. – Disposicións adicionais.
Obsérvase que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Décimo  quinta. – Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Artigo 11º. Subvención financeira.
Segundo o apartado 2 deste artigo, último parágrafo, non se admitirá, para os efectos da súa xustificación, a adquisición de bens usados con cargo ao préstamo obxecto da axuda, agás no suposto de traspaso de negocios.

A Confederación de Empresarios de Galicia non considera acertada tal exclusión, pois o investimento en material novo ao comezo da actividade pode resultar nalgunhas circunstancias un esforzo económico excesivamente custoso.


ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:


Artigo 9º. Subvención pola contratación de persoal técnico en accións de orientación e acompañamento á inserción.
O apartado 2 deste artigo establece que a contía desta axuda equivale ao 50% dos custos laborais totais, incluído o importe efectivamente cotizado á Seguridade Social.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.

ANEXO III


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DO SINDICATO UGT-GALICIA:

Artigo 4º. Suxeitos e persoas beneficiarias da inserción sociolaboral por medio de empresas de inserción laboral.
O regulado neste artigo enténdese disposto na Lei 44/2007, polo que debería adecuarse ao seu contido, considerando que a inserción sociolaboral por medio destas empresas vai dirixida ás persoas en situación de exclusión social desempregadas e inscritas nos SPE, pertencentes a algún dos colectivos descritos no artigo 2 da Lei de referencia.


ANEXO IV

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DOS SINDICATOS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 5º. Contratos de traballo subvencionables.
Na orde para o exercicio de 2013 suprimiuse do apartado 1 deste artigo a referencia ao Decreto 156/2007, do 19 de xullo,polo que as organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia, así como a CEG consideran que debería incluírse, neste mesmo apartado, unha mención á lexislación estatal aplicable, quedando a redacción como segue: “1. Os contratos de traballo subscritos entre as persoas traballadoras en situación ou en risco de exclusión social segundo a lexislación estatal aplicable e as empresas de inserción laboral terán que reunir as seguintes características para ser subvencionables:”