ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 33/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas mozas menores de 30 anos, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

I. ANTECEDENTES

O día 16 de xullo de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo, xunto co que remite proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas mozas menores de 30 anos, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015, e solicítase, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo a exposición de motivos do proxecto normativo, o alto nivel de desemprego xuvenil pon de manifesto a grave situación laboral na que se atopan os mozos e mozas que pode ter como consecuencia unha forte desconexión do mercado de traballo e de exclusión social a longo prazo. É un dos colectivos especialmente afectados pola actual crise económica e que presenta elevadas taxas de desemprego. Non obstante as persoas mozas non constitúen un grupo homoxéneo, son os máis desfavorecidos, é dicir, os que teñen menores cualificacións, os que requiren respostas máis específicas e maiores esforzos por parte de todos.

Na orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas traballadoras para o exercicio 2014 (DOG do 4 de xuño de 2014) incluíanse, como novidades, un programa que fomentaba o contrato para a formación e a aprendizaxe e un programa que incentivaba o contrato temporal de persoas mozas menores de 30 anos.

Esa regulación inclúese, agora, neste novo proxecto que se somete a ditame e que busca incentivar a contratación das persoas menores de 30 anos a través de tres programas.

Segundo establece  a exposición de motivos, é preciso adoptar políticas dirixidas a favorecer a contratación indefinida e a transformación de contratos temporais en indefinidos das persoas traballadoras, especialmente das persoas mozas e mellorar os indicadores laborais na Comunidade Autónoma de Galicia.


Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido pode destacarse o seguinte:

Segundo o artigo 1, este proxecto de orde ten por finalidade favorecer o emprego estable e facilitar a empregabilidade e ocupabilidade das persoas mozas, a través dos seguintes programas:
a) Programa de incentivos á contratación indefinida inicial.
b) Programa de incentivos á transformación de contratos temporais en indefinidos.
c) Programa de incentivos á contratación temporal das persoas mozas.

O artigo 2 establece que o crédito asignado a estas axudas ascende a un millón de euros (1.000.000 €).

Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos neste proxecto de orde as persoas empregadoras e as empresas que contraten persoas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados en Galicia (artigo 4).

En canto aos prazos, que se regulan nos artigos 6 e 10, obsérvase que o prazo para a presentación das solicitudes de axuda é demasiado curto, xa que está disposto que rematará o 30 de setembro de 2015.

As contías dos incentivos serán as seguintes:
a) As contratacións indefinidas iniciais incentivaranse cunha axuda de 6.000 euros (artigo 21).
b) A transformación de contratos temporais en indefinidos incentivaranse con 2.000 euros (artigo 29).
c) As contratacións temporais incentivaranse cunha axuda de 200 euros mensuais ata 12 mensualidades e as contratacións en prácticas con 250 euros mensuais ata 12 mensualidades (artigo 37).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas mozas menores de 30 anos, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, corenta e dous artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións derradeiras.

O día 29 de setembro de 2015 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén nove consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, en anexos, as seguintes consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: unha xeral manifestada pola CIG (anexo I), dúas  específicas manifestadas polas organizacións sindicais (anexo II) e  cinco específicas manifestadas pola CEG (anexo III).



DITAME 33/2015

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas mozas menores de 30 anos, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 16 de xullo de 2015 e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 29 de setembro de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primera.- Artigo 4. Entidades beneficiarias.
No apartado 3 deste artigo utilízase a letra j, que non existe no alfabeto galego, polo que este Comité propón que sexa substituída pola seguinte que corresponda.

Segunda.- Artigo 6. Solicitudes e prazo de presentación.
No apartado 5 deste artigo establécese un prazo de presentación para as solicitudes das axudas que rematará o 30 de setembro de 2015.

Este Comité considera que, en futuros exercicios, o proxecto de orde debería tramitarse no último trimestre do ano anterior ao da convocatoria para que o prazo de solicitudes estea aberto ao longo de todo o ano.

En relación con este proxecto normativo, considérase que é moi curto e que debería ampliarse.


Terceira.- Artigo 7. Consentimentos e autorizacións.
En relación con este artigo, este Comité propón que se invirta a redacción dos apartados 1 e 2, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de Datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da entidade solicitante de aportar os documentos e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para solicitalos no seu nome.

Cuarta.- Artigo 10. Resolución e recursos.
O prazo de cinco meses que se establece no apartado 2 deste artigo para resolver as solicitudes presentadas parece excesivo, polo que este Comité propón que se reduza a tres meses, prazo que se considera suficiente.

Quinta.- Artigo 13. Obrigas das entidades beneficiarias.
Na letra c) deste artigo establécese a obriga de estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “débeda pendente coa Administración” en tanto en canto pode que non sexa coñecedora da súa existencia.

Sexta.- Artigo 18. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas e inclúese, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos nun parágrafo separado.

Sétima.- Artigo 22. Exclusións.
No apartado 3 deste artigo faise referencia á categoría de grupo de empresas. Este Comité considera que se debería definir que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.

Igual consideración formúlase respecto do artigo 38.

Oitava.- Artigo 25. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 1 deste artigo recóllese que unha nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

Este Comité considera que, en aras da seguridade xurídica, debería recuperarse o prazo de 20 días, seguintes ao da substitución, para comunicar a nova contratación, tal e como figuraba no artigo 7 da Orde de convocatoria de incentivos á contratación das persoas traballadoras para o exercicio de 2011.

Igual consideración formúlase respecto do artigo 41.

Novena.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Ademais, as dúas disposicións finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha de elas.





























ANEXO I


CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

O grave problema da elevada taxa de desemprego entre as persoas mozas non é produto da súa falta de formación ou da baixa cualificación profesional, como o corrobora o feito de que miles e miles de mozas e mozos galegos con altos niveis formativo e/ou profesional na súa meirande parte, están a emigrar nestes anos.

A realidade é que non poden acceder eiquí a un emprego porque non se están a aplicar polos gobernos políticas económicas, sociais e laborais orientadas a reactivar a economía e xerar emprego de calidade, como serían por exemplo, o incremento do investimento público, a mellora dos salarios, facilitar o acceso ao crédito á pequena e mediana empresa, aplicar unha política fiscal progresiva e rematar coa fraude, etc. Antes ao contrario, as políticas de austeridade que se aplican, alimentan a destrución de emprego e incrementan o impacto da crise.

Consideramos que este colectivo, como o resto das persoas desempregadas, necesita urxentemente a garantía dun salario de inserción laboral mentres non atope emprego en condicións dignas, ao tempo que se implementan polos gobernos políticas radicalmente distintas das actuais, que sirvan para reactivar a economía real e para crear emprego.

As  denominadas políticas activas de emprego, que se veñen centrando fundamentalmente en investir en formación e en adicar inxentes recursos do Erario a subvencionar a contratación mediante unha multiplicidade de vías, téñense demostrado  insuficientes e ineficaces para crear emprego e serven realmente para surtir de man de obra barata, ou mesmo regalada, a certas empresas.

En todo caso, consideramos que as axudas á contratación que se establecen nesta Orde, deberían destinarse unicamente a fomentar a creación de postos de traballo estables e emprego de calidade, conectalas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecer mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.

Finalmente, entendemos que os incentivos non deberían superar, en ningún caso, o custo da Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.









ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓN SINDICAIS UGT-GALICIA, S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E CIG:


Primeira.- Artigo 22. Exclusións.
O apartado 4 deste artigo recolle, o suposto das persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, con algunha excepción.

As organizacións sindicais entenden que esta inclusión opera como cautela, o que fai que ese prazo de tres meses resulte escaso e consideran que se debería ampliar sensiblemente.

Segunda.- Artigo 25. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 1 deste artigo obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde durante un período de dous anos a computar desde a data de realización da contratación.

As organizacións sindicais consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se perverta o obxectivo desta orde, xa que se da o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar sensiblemente inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que se debería incrementar ata cinco anos o referido período.

Igualmente, esta mesma consideración formúlase respecto do artigo 33.


















ANEXO III


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.-Artigo 20. Requisitos.
No programa de incentivos á contratación indefinida inicial de persoas mozas desempregadas establécese, no seu artigo 20, o requisito de incrementar o emprego neto da empresa no ámbito territorial de Galicia respecto aos tres meses anteriores ao mes de realización da contratación. En opinión da CEG, este requisito debería eliminarse pois penaliza a aquelas empresas que polas circunstancias da súa actividade tivesen empregados contratados temporalmente que finalizasen a súa relación laboral no período dos tres meses anteriores. A CEG considera suficiente o requisito do incremento do persoal fixo da empresa en aras a conseguir un maior impacto da medida de incentivación da contratación indefinida inicial.

Segunda.- Artigo 22º. Exclusións.
No apartado 3 deste artigo exclúense dos beneficios regulados na Orde as contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos últimos 3 meses prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter temporal.

Na opinión da CEG, para un maior impacto da medida, debería eliminarse esta exclusión porque impide que persoas que traballaran recentemente na empresa por un período de corta duración podan ser beneficiarias finais da medida de estímulo á contratación.

Formúlase igual consideración respecto do apartado 4 do artigo 38.

Terceira.- Artigo 24. Xustificación e pagamento.
A CEG considera que debería especificarse o momento do pagamento, xa que ao non facer mención pode xerar inseguridade nas empresas que poidan optar a este programa de incentivos.

Formúlase igual consideración respecto dos artigos 32 e 40.

Cuarta.- Artigo 26. Reintegro.
En relación co disposto no apartado 3.a ii) deste artigo, a CEG entende que, por unha banda neste precepto estipúlase con respecto ao cálculo da contía a reintegrar parcialmente no suposto de efectuar a substitución fora do prazo regulado no proxecto de orde, que o mes no que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día de dito mes no que aquela se realice. Por outra banda, regúlase o cálculo para o suposto de efectuarse a substitución en prazo, pero esta debe ser feita polo menos cunha xornada de traballo igual ao da persoa que causou baixa.

Polo exposto, solicítase que o sistema de cálculo prevea a devolución exclusivamente pola parte do mes na que o posto estivo vacante e que se poida efectuar a substitución con xornada inferior de ser o caso, adaptando o cálculo do reintegro só a parte proporcional da xornada.

Formúlase igual consideración respecto do apartado 3.a.ii) do artigo 34

Quinta.-Artigo 36. Requisitos.
A CEG solicita, en relación co disposto no apartado 2 deste artigo, que para os contratos en prácticas a duración inicial mínima sexa de 6 meses ao igual que nos contratos temporais estipulados neste apartado.