ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 34/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2015.

I. ANTECEDENTES.

O día 22 de setembro de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, xunto co que remite proxecto de Orde pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2015 e solicita, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos do proxecto normativo alúdese á importancia da creación de postos de traballo a nivel local, xa que é neste ámbito onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego. Por esta razón é fundamental a presenza de axentes de emprego e desenvolvemento local, coa formación e experiencia adecuada, que actúen como promotores de actividade, prospectores de mercado e asesores puntuais de proxectos de empresa, centrándose sobre todo en aqueles colectivos con maiores dificultades de inserción laboral.

O obxecto deste proxecto normativo é o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para 2015, das axudas e subvencións para a contratación polas entidades locais de axentes de emprego e desenvolvemento local, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na implantación das políticas activas de emprego e a xeración de emprego no contorno local.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 21 de xullo de 2014 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 7 de maio de 2014 (ditame 21/14), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Respecto ao texto da orde do ano anterior, o proxecto normativo contén as seguintes novidades:


Este proxecto inclúe un novo artigo 8 “datos de carácter persoal”, que desenvolve a referencia que se facía no artigo 7 da orde anterior.

O artigo 19 titúlase agora “revogación e reintegro” e amplía a regulación relativa á devolución da subvención, especificando as porcentaxes de reintegro segundo o suposto de incumprimento.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano



II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2015” consta de: Exposición de motivos, dezanove artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 5 de outubro de 2015 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e catro específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, as seguintes consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: unha específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CC.OO de Galicia (Anexo I); unha consideración xeral e unha específica manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II) e unha específica manifestada por UGT-Galicia, SN de CC.OO. de Galicia e a CEG (Anexo III).













DITAME 34/2015




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2015, con data de rexistro de entrada neste Consello o 22 de setembro de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 5 de outubro de 2015 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Aínda que estamos ante un proxecto normativo que establece axudas para as entidades locais, este Comité considera que debería recuperarse a liña de axudas prevista no exercicio 2012, específicas para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio polas entidades sen ánimo de lucro, para contribuír á dinamización do emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.
Este Comité se ben constata unha mellora na redacción do texto do proxecto normativo no uso da linguaxe en materia de xénero, observa que seguen a utilizarse ao longo da redacción expresións non axeitadas, como “os e as AEDL contratados/as”, que podería substituirse por “as persoas contratadas como AEDL” ou o uso do masculino xenérico, por exemplo, no apartado 1 do artigo 6 “o solicitante” e no apartado 1.a) do artigo 10 “desempregados”. Respecto ao uso das barras, obsérvase a súa utilización no apartado 2 do artigo 11 “contratado/a” e hai que ter en conta que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Terceira.
Este Comité indica que resultará necesario modificar a denominación da Consellería de Traballo e Benestar, que figura ao longo do texto do proxecto normativo, pola nova de Consellería de Economía, Emprego e Industria.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:


Primeira.- Artigo 10. Criterios de valoración das solicitudes.
Na orde do exercicio de 2012 figuraba, no apartado 1, letra i), entre os criterios de avaliación, o “Emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos. Ata 5 puntos.”

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega, na elaboración da memoria-proxecto que desenvolverá cada AEDL, valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.  

Este Comité entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. E tamén, débese respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego. Igualmente, este cambio de criterio non é consonte coa función normalizadora da lingua que a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística, lle impón a Administración Autonómica.


Segunda.- Artigo 11. Resolución.
No apartado 3 deste artigo establécese un prazo para resolver de cinco meses, contados desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, prazo que se considera excesivo. Este Comité propón que o prazo sexa de tres meses.


Terceira.- Artigo 12. Requisitos e selección dos e das Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local (sic).
Este Comité considera que se debería suprimir a parte final do apartado 3 deste artigo, na que se elimina a obriga da inscrición como demandantes de emprego das persoas a contratar, no caso de acudir a outros procedementos de selección por non atopar candidaturas idóneas.


Cuarta.- Artigo 12.- Requisitos e selección dos e das Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local (sic).
No apartado 3 deste artigo non se priorizan, como sería desexable, aquelas titulacións, másters e posgraos que teñen relación coas funcións establecidas neste proxecto de orde para axentes de emprego e desenvolvemento local.





ANEXO I


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 10. Criterios de valoración das solicitudes.

En relación coa consideración específica unánime segunda, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

A Administración ten explicado a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde (subvencións para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local) non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que debe recuperarse a valoración de 5 puntos para o idioma galego que se establecía na Orde do 26 de setembro de 2012 que regulaba esta convocatoria.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

CONSIDERACIÓN XERAL

O desenvolvemento de funcións relacionadas co estímulo, promoción e asesoramento de proxectos empresariais, coa prospección de mercado e coa dinamización e xeración de novas actividades, obxecto do proxecto normativo que se somete a ditame, non debe recaer unicamente nas entidades locais. Así mesmo, os labores e finalidades establecidos nos artigos 25 e 27 da Lei 7/1985 de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, non gardan relación directa coas funcións anteriormente apuntadas. As ditas funcións son propias de organizacións empresariais cuxa natureza e finalidade si garda unha relación directa, clara e determinante con tales funcións. É por iso que desde a CEG se solicita a habilitación dunha liña de convocatoria específica e adicional para as citadas organizacións.

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA

Art. 6. Documentación.
A Lei 7/1985 de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, tras a modificación realizada pola Lei 27/2013 de 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da.Administración Local, establece o seguinte: “As Entidades Locais só poderán exercer competencias distintas das propias (Artigo 25) e das atribuídas por delegación (Artigo 27) cando non se poña en risco a sustentabilidade financeira do conxunto da Facenda municipal, de acordo cos requirimentos da lexislación de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira e non se incorra nun suposto de execución simultánea do mesmo servizo público con outras Administración Públicas. A estes efectos, serán necesarios e vinculantes os informes previos da Administración competente por razón de materia, e no que se sinale a inexistencia de duplicidades e de a Administración que teña atribuída a tutela financeira das novas competencias.
En todo caso, o exercicio destas competencias deberá realizarse nos termos previstos na lexislación do Estado e das Comunidades Autónomas” (Artigo 7.4 Lei 7/1985) ou as Entidades Locais poderán exercer a iniciativa pública para o desenvolvemento de actividades económicas, sempre que estea garantido o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria e da sustentabilidade financeira do exercicio das súas competencias. No expediente acreditativo da conveniencia e oportunidade da medida haberá de xustificarse que a iniciativa non xera risco para a sustentabilidade financeira do conxunto da Facenda municipal debendo conter unha análise do mercado, relativo á oferta e á demanda existente, á rendibilidade e aos posibles efectos da actividade local sobre a concorrencia empresarial.” (Artigo 86.1 Lei 7/1985).
Por isto solicítase que se incorpore entre as obrigas a de acreditar no expediente administrativo a súa estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, debendo quedar excluídas, en todo caso, aquelas ás que lles resulte de aplicación o disposto na Disposición Adicional Novena da Lei 7/1985 de 2de abril, reguladora das Bases do Réxime Local.
ANEXO III


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Exposición de motivos.

En relación co que figura no parágrafo segundo da exposición de motivos, penúltima liña “no eido da colaboración institucional e o diálogo social aberto....”, as organizacións sindicais UGT- Galicia e SN de CC.OO. de Galicia, así como a CEG, consideran que a referencia que se fai ao diálogo social debe corrixirse e substituirse “diálogo social aberto” por “diálogo social que se abríu”.