ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 35/15

Ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para a promoción do emprego autónomo das persoas novas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

I. ANTECEDENTES
O día 6 de novembro de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Fomento da Contratación e do Traballo Autónomo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para a promoción do emprego autónomo das persoas novas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil e se procede á súa convocatoria para o ano 2016. Solicítase, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
De acordo coa Exposición de Motivos, con este programa de axudas, no marco do Plan Nacional de Implantación da Garantía Xuvenil, preténdese implementar medidas específicas para as persoas novas que abandonaron prematuramente os seus estudos e, polo tanto, non dispoñen de cualificación e, en ocasións, tampouco de experiencia laboral, así como a aqueles desempregados con formación, con amplas habilidades e incluso experiencia laboral previa que, sen embargo, non atopan emprego, potenciando a súa iniciativa empresarial, de maneira que facilite a súa inserción no mercado de traballo por conta propia. Esta inserción laboral deberá ser sostible, establecéndose a obrigatoriedade de presentar un plan empresarial de viabilidade, informado por unha entidade independente, de tal maneira que só perciban estas axudas aqueles proxectos empresariais de autoemprego que conten cun plan de viabilidade coherente e factible.

Á vista do borrador agora remitido, do texto da mesma orde publicado no DOG do 19 de agosto de 2015 e do ditame emitido polo Consello con data 22 de xuño de 2015 (Ditame 24/15), obsérvase que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Do novo proxecto normativo destácanse as seguintes novidades:
A contía que o artigo 4 asigna a estas subvencións ascende a 2.502.922 euros, o que supón un aumento do crédito de 203.534,54 euros.
En canto á documentación xeral que debe presentarse para o pagamento das axudas, suprímese a esixencia de achegar a documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención, segundo o tipo de axuda, que se recollía no apartado 5.a do artigo 16.
O artigo 17 recolle as obrigas das persoas beneficiarias e engade, respecto da orde anterior, a necesidade de que as persoas físicas beneficiarias de calquera axuda deste programa manteñan durante un ano a forma xurídica elixida pola que se lles concederon as subvencións.
En relación co anterior, inclúese no artigo 20 un novo suposto no que procede o reintegro total da axuda para o caso de non cumprir co devandito prazo dun ano.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para a promoción do emprego autónomo das persoas novas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil e  se procede á súa convocatoria para o ano 2016” consta de: Exposición de Motivos, 23 artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 17 de novembro de 2015 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e quince consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, en anexos, as seguintes consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: unha xeral manifestada pola CIG (anexo I) e dúas específicas manifestadas pola CEG (anexo II).



DITAME 35/2015

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para a promoción do emprego autónomo das persoas novas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil e se procede á súa convocatoria para o ano 2016, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 6 de novembro de 2015 e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 17 de novembro de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Este Comité observa que nos artigos 3.b, 17.j e 18.2 faise referencia á Consellería de Traballo e Benestar, cando debería figurar a Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se propón a súa correción.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.- Artigo 5. Definicións.
No artigo 5, cando se define a persoa desempregada na letra a), este Comité considera que é necesario esixir o requisito de que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego.
Segunda.- Artigo 5. Definicións.
O apartado b) deste precepto define a persoa moza inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil como aquela persoa moza desempregada, que cumprindo os requisitos de idade, estea inscrita no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
Este Comité considera que debería especificarse cales son esos requisitos de idade aos que fai referencia o apartado.
Terceira.- Artigo 5. Definicións.
Na letra d) deste artigo recóllese a previsión de que, en ningún caso, para a acreditación do inmobilizado material ou intanxible, se terán en conta os contratos de arrendamento financeiro nin outras figuras xurídicas afíns que non concedan á persoa solicitante o pleno dominio ou titularidade inicial do investimento.
Este Comité considera que os contratos de arrendamento financeiro deberían terse en conta.
Cuarta.- Artigo 6. Persoas beneficiarias.
Entre os requisitos esixidos no apartado 1 deste precepto para poder ser persoa beneficiaria está o de “desenvolver fundamentalmente a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo o modelo 036 ou 037)”.
Este Comité entende que se debería especificar neste punto que os citados modelos corresponden á Alta no Imposto de Actividades Económicas e no censo de obrigados tributarios na Axencia Estatal de Administración Tributaria, respectivamente, como si especifica o artigo 14.2.
Quinta.- Artigo 8. Subvención polo establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia.
O apartado 1 deste artigo establece como data límite para realizar o investimento en inmobilizado material ou intanxible, o 20 de decembro de 2015.
A data que debería fixar é a do 20 de decembro de 2016, polo que se popón a súa corrección.
Sexta.- Artigo 8. Subvención polo establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia.
Este artigo recolle, no seu apartado 2, os tres colectivos que poden beneficiarse da subvención polo establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia e establece que “no caso de que da documentación achegada inicialmente xunto coa solicitude non quede acreditada a pertenza a ningún colectivo se entenderá que se solicita polo colectivo A deste punto”.
Este Comité considera que esa redacción debería ser máis clara e propón que se substitúa pola que segue: “(...) no caso de que a documentación achegada inicialmente xunto coa solicitude non acredite que a persoa beneficiaria se atopa nalgunha das situacións recollidas na letra C deste apartado, entenderase que a subvención se solicita polo colectivo A ou B, segundo proceda.
Sétima.- Artigo 10. Solicitudes e prazo.
Este Comité considera que no apartado 3 deste artigo debería permitirse elixir á persoa solicitante a cal das dúas solicitudes renuncia.
Oitava. Artigo 11. Consentimentos e autorizacións.
En relación co establecido nos apartados 1 e 3 deste artigo, este Comité propón que se invirta a súa redacción, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de Datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.
Novena.- Artigo 15. Resolución e recursos.
No apartado 2 deste artigo prevése un prazo para resolver e notificar a resolución de cinco meses, que este Comité considera excesivo, polo que propón a súa reducción a tres meses.
Por outra banda e posto que as axudas non se conceden en réxime de concorrencia competitiva, este Comité considera que a data de inicio do cómputo para resolver debería de ser desde a data de presentación das solicitudes.
Décima.- Artigo 16. Xustificación e pagamento.
No apartado 8 deste artigo establécese que non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa administración pública da comunidade autónoma.
Igualmente, no apartado g) do artigo 17, establécese como obriga da persoa beneficiaria estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “débeda pendente coa Administración” en tanto en canto pode que non sexa coñecedora da súa existencia.
Décimo primeira.- Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias.
Neste artigo utilízanse as letras j e k, que non existen no alfabeto galego, polo que este Comité propón que sexan substituídas polas seguintes que correspondan.
Décimo segunda.- Artigo 20. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.
O apartado 4 deste precepto establece que procederá o reintegro total da axuda concedida se se incumpren as obrigas de manter durante un ano a actividade que fundamenta a concesión da subvención e a forma xurídica elixida pola que se concede a axuda.
Este Comité considera que ese reintegro non debe ser total, senón en proporción ao tempo de incumprimento da obriga.

Décimo terceira .- Artigo 22. Réxime das axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.
Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos nun parágrafo separado.
Décimo cuarta.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais deste proxecto normativo non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enuncialas.

Formúlase a mesma consideración respecto das dúas disposicións derradeiras [sic].

Décimo quinta.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.


ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:
Consideración xeral:
O grave problema da elevada taxa de desemprego entre as persoas mozas non é produto da súa falta de formación ou da baixa cualificación profesional, como o corrobora o feíto de que miles e miles de mozas e mozos galegos con altos niveis formativo e/ou profesional na súa meirande parte, están a emigrar nestes anos.
A realidade é que non poden acceder eiquí a un emprego porque non se están a aplicar polos gobernos políticas económicas, sociais e laborais orientadas a reactivar a economía e xerar emprego de calidade, como serían por exemplo, o incremento do investimento público, a mellora dos salarios, facilitar o acceso ao crédito á pequeña e mediana empresa, aplicar unha política fiscal progresiva e rematar coa fraude, etc. Antes ao contrario, as políticas de austeridade que se aplican, alimentan a destrución de emprego e incrementan o impacto da crise.
Consideramos que este colectivo, como o resto das persoas desempregadas, necesita urxentemente a garantía dun salario de inserción laboral mentres non atope emprego en condicións dignas, ao tempo que se implementan polos gobernos políticas radicalmente distintas das actuais, que servan para reactivar a economía real e para crear emprego.
Finalmente, consideramos que esta orde podería ter perfecta acollida na que en cada exercicio se promulga para a promoción do emprego  autónomo con carácter xeral, coas especificidades que, de ser o caso, se requirisen para o colectivo de persoas mozas ao que se dirixe, que poderían recollerse nun Capítulo ad-hoc.







ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira.- Artigo 6.  Persoas beneficiarias.
En relación co disposto no apartado 3 deste artigo, a CEG solicita que non sexan excluídas como entidades beneficiarias as persoas socias de entidades mercantís, xa que están encuadradas igualmente no réxime de autónomos, obrigatorio pola normativa da Seguridade Social. Esta situación xenera discriminación atendendo á forma xurídica da actividade, tanto máis cando os socios doutras fórmulas xurídicas como as sociedades civís non están excluídos.
Segunda.- Artigo 8. Subvención polo establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia.
En relación co disposto neste artigo, a CEG solicita que se articule unha axuda específica para a realización das labores de asesoramento e titorización  para a realización da posta en marcha dos proxectos de autoemprego financiados nesta orde, na liña do establecido na orde dos programas de autoemprego colectivo para 2015. Así mesmo, solicitamos que sexan  incluídas no asesoramento as entidades sen ánimo de lucro que veñen facendo labores de apoio nesta materia con ampla experiencia na colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria.