ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 36/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil, e se procede á convocatoria para o ano 2016.

I. ANTECEDENTES
O día 6 de novembro de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Fomento da Contratación e do Traballo Autónomo da Consellería de Economía, Emprego e Industria e achégase o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil, e se procede á convocatoria para o ano 2016. Solicítase, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
Esta orde ten por obxecto regular os incentivos ás empresas con centros de traballo en Galicia que contraten, de xeito indefinido ou temporal, ás persoas mozas desempregadas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (SNGX).
Esta convocatoria enmárcase dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil, cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020 e, en particular, no Eixe 5, Prioridade de investimento 8.2, Obxectivo específico 82.4.

Á vista do borrador agora remitido, do texto da mesma orde publicado no DOG do 20 de agosto de 2015 e do ditame emitido polo Consello con data 22 de xuño de 2015 (Ditame 23/15), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
En primeiro lugar, no proxecto normativo que foi obxecto do ditame 23/2015, recollíanse tres programas. Na orde definitiva publicada no DOG (20/08/2015) figuran soamente dous programas ao integrarse no Programa de incentivos á contratación temporal o Programa de incentivos á transformación de contratos temporais en indefinidos das persoas mozas inscritas no SNGX. Non obstante, obsérvase que no proxecto de orde para 2016 suprimiuse este último Programa.
As axudas reguladas neste proxecto normativo financiaranse, segundo o artigo 2, con cargo a un crédito que ascende a 3.482.424, o que supón un incremento de 283.176,15 respecto do exercicio anterior.
As contratacións indefinidas incentivábanse cunha axuda de 7.000 euros (podían incrementarse en 600 euros máis en función da persoa contratada). No novo proxecto, a axuda será equivalente ao 100% do custo salarial establecido no contrato que se subvenciona (artigo 21).
Pola súa banda, as contratacións temporais incentívanse cunha axuda equivalente ao 50% do custo salarial establecido no contrato que se subvenciona, segundo o artigo 29, mentres que na orde para o exercicio anterior fixábase unha axuda de 200 euros por cada un dos seis primeiros meses (que podía incrementarse en 20 euros mensuais segundo a persoa contratada).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, con cargo ao programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á convocatoria para o ano 2016” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, trinta e catro artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 17 de novembro de 2015 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dez consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, en anexos, as seguintes consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: unha xeral manifestada pola CIG (anexo I), duas xerais e tres específicas manifestadas polas organizacións sindicais (anexo II) e  catro específicas manifestadas pola CEG (anexo III).




DITAME 36/2015

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil, e se procede á convocatoria para o ano 2016, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 6 de novembro de 2015 e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 17 de novembro de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.- Artigo 3. Definicións.
No artigo 3, cando se define a persoa moza inscrita no sistema nacional de garantía xuvenil na letra a) e a persoa desempregada na letra b), este Comité considera necesario que se esixa a súa inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego.

Segunda.- Artigo 4. Entidades beneficiarias.
No apartado 3 deste artigo utilízase a letra j, que non existe no alfabeto galego, polo que este Comité propón que sexa substituída pola seguinte que corresponda.

Terceira.- Artigo 7. Consentimentos e autorizacións.
En relación con este artigo, este Comité propón que se invirta a redacción de cada un dos apartados 1 e 2 deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de Datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da entidade solicitante de aportar os documentos e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para solicitalos no seu nome.

Cuarta.- Artigo 10. Resolución e recursos.
O prazo de cinco meses que se establece no apartado 2 deste artigo para resolver as solicitudes presentadas parece excesivo, polo que este Comité propón que se reduza a tres meses, prazo que se considera suficiente.


Quinta.- Artigo 13. Obrigas das entidades beneficiarias.
Na letra c) deste artigo establécese a obriga de estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “débeda pendente coa Administración” en tanto en canto pode que non sexa coñecedora da súa existencia.

Sexta.- Artigo 18. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas e inclúese, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos nun parágrafo separado.

Sétima.- Artigo 22. Exclusións.
No apartado 3 deste artigo fáise referencia á categoría de grupo de empresas. Este Comité considera que se debería definir que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.

Igual consideración formúlase respecto do artigo 30.

Oitava.- Artigo 25. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 1 deste artigo recóllese que unha nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención. Este Comité considera que, en aras da seguridade xurídica, debería recuperarse o prazo de 20 días para efectuala que figuraba na orde de convocatoria de incentivos á contratación para o exercicio de 2011.

Novena.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as dúas disposicións adicionais deste proxecto normativo non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enuncialas.

Formúlase a mesma consideración respecto das dúas disposicións derradeiras [sic].

Décima.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.


ANEXO I


CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

O grave problema da elevada taxa de desemprego entre as persoas mozas non é produto da súa falta de formación ou da baixa cualificación profesional, como o corrobora o feíto de que miles e miles de mozas e mozos galegos con altos niveis formativo e/ou profesional na súa meirande parte, están a emigrar nestes anos.

A realidade é que non poden acceder eiquí a un emprego porque non se están a aplicar polos gobernos políticas económicas, sociais e laborais orientadas a reactivar a economía e xerar emprego de calidade, como serían por exemplo, o incremento do investimento público, a mellora dos salarios, facilitar o acceso ao crédito á pequeña e mediana empresa, aplicar unha política fiscal progresiva e rematar coa fraude, etc. Antes ao contrario, as políticas de austeridade que se aplican, alimentan a destrución de emprego e incrementan o impacto da crise.

Consideramos que este colectivo, como o resto das persoas desempregadas, necesita urxentemente a garantía dun salario de inserción laboral mentres non atope emprego en condicións dignas, ao tempo que se implementan polos gobernos políticas radicalmente distintas das actuais, que servan para reactivar a economía real e para crear emprego.

As  denominadas políticas activas de emprego, que se veñen centrando fundamentalmente en investir en formación e en adicar inxentes recursos do Erario a subvencionar a contratación mediante unha multiplicidade de vías, téñense demostrado  insuficientes e ineficaces para crear emprego e serven realmente para surtir de man de obra barata, ou mesmo regalada, a certas empresas.

En todo caso, consideramos que as axudas á contratación que se establecen nesta Orde, deberían destinarse únicamente a fomentar a creación de postos de traballo estables e emprego de calidade, conectalas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecer mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.

Finalmente, entendemos que os incentivos non deberían superar, en ningún caso, o custo da Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.














ANEXO II


CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓN SINDICAIS UGT-GALICIA, S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E CIG:

Consideracións xerais:

Primeira.- As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais non comparten a supresión do Programa de apoio á transformación de contratos temporais en indefinidos que se leva a cabo neste proxecto normativo, pois é incongruente co obxectivo de acadar emprego estable. Polo tanto, debería instarse a modificación do marco normativo aplicable ao Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

Segunda.- As organizacións sindicais manifestan o seu desacordo radical co desmesurado incremento das subvencións, que chegarían ao 100% do salario nos contratos indefinidos e ao 50% nos temporais.

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 20. Requisitos.
Segundo o apartado 4 deste precepto, para o cálculo do incremento do cadro de persoal fixo e neto non se computarán as persoas traballadoras fixas cuxo contrato de traballo se extinga, entre outras causas, por resolución durante o período de proba.

As organizacións sindicais consideran que esas persoas deben computarse, polo que propón a supresión dese suposto.

Segunda.- Artigo 22. Exclusións.
O apartado 4 deste artigo recolle, o suposto das persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, con algunha excepción.

As organizacións sindicais entenden que esta inclusión opera como cautela, o que fai que ese prazo de tres meses resulte escaso e consideran que se debería ampliar sensiblemente.

Terceira.- Artigo 25. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado 1 deste artigo obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde durante un período de dous anos a computar desde a data de realización da contratación, que coincide co período subvencionado ao 100%.

As organizacións sindicais consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se perverta o obxectivo desta orde, xa que se da o paradoxo de que a indemnización por despedimento resultará sensiblemente inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que se debería incrementar ata cinco anos o referido período.

ANEXO III


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Primeira.- Artigo 22º. Exclusións.
No apartado 3 deste artigo exclúense dos beneficios regulados na Orde as contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos últimos 3 meses prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter temporal.

Na opinión da CEG, tendo en consideración que a persoa contratada deberá estar inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e non ter traballado nos trinta días naturais anteriores á data da substitución, para un maior impacto da medida, debería eliminarse esta exclusión porque impide que persoas que traballaran nunha empresa por un período de corta duración e antes dos trinta días sinalados pero dentro dos tres meses anteriores á contratación, podan ser beneficiarias finais da medida de estímulo á contratación indefinida.

Segunda.- Artigo 24. Xustificación e pagamento.
A CEG considera que debería especificarse o momento do pagamento, xa que ao non facer mención pode xerar inseguridade nas empresas que poidan optar a este programa de incentivos.

Terceira.- Artigo 26. Reintegro.
En relación co disposto no apartado 1.a ii) deste artigo, a CEG entende que, por unha banda neste precepto estipúlase con respecto ao cálculo da contía a reintegrar parcialmente no suposto de efectuar a substitución fora do prazo regulado no artigo 25, que o mes no que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día de dito mes no que aquela se realice.

Polo exposto, solicítase que o sistema de cálculo prevea a devolución exclusivamente pola parte do mes na que o posto estivo vacante.

Cuarta- Artigo 28. Requisitos.
A CEG solicita, en relación co disposto no apartado 2 deste artigo, que para os contratos en prácticas a duración inicial mínima sexa de 6 meses ao igual que nos contratos temporais estipulados neste apartado.