ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 38/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, con cargo ao P.O.FSE Galicia 2014-2020 e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

I. ANTECEDENTES
O día 6 de novembro de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subidrección xeral de Fomento da Contratación e do Traballo Autónomo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, con cargo ao P.O.FSE Galicia 2014-2020 e se procede á súa convocatoria para o ano 2016. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
No Título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do Traballo Autónomo, dedicado ao fomento e promoción do traballo autónomo, establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e desenvolvemento de iniciativas económicas e profesionais por conta propia. Na aplicación destas políticas de fomento tenderase ao logro da efectividade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e prestarase especial atención aos colectivos de persoas desfavorecidas, entre as que as persoas con discapacidade ocupan un lugar preferente.

Por outra banda, a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia establece no seu artigo 31 que, no marco da consideración como colectivo prioritario, as políticas activas de emprego valorarán as circunstancias das mulleres con especiais dificultades de inserción laboral. Así mesmo, o artigo 38 dispón que o departamento da Administración competente en materia de traballo poderá realizar accións de discriminación positiva dirixidas á equiparación de ambos os sexos no emprego por conta propia e, que, nas medidas de fomento de empresariado feminino teranse en conta de xeito preferente as mulleres emprendedoras con especiais dificultades de inserción laboral ou en situacións marcadas pola desvantaxe social.



Á vista do borrador agora remitido, do texto da mesma orde publicado no DOG o 19 de agosto de 2015 e do ditame emitido polo Consello con data 5 de marzo de 2014 (Ditame 15/14), obsérvase Á vista do borrador agora remitido, do texto da mesma orde publicado no DOG o día 17 de xullo de 2015 e do ditame emitido polo Consello con data 14 de xullo de 2015 (Ditame 28/2015), obsérvase que se aceptaron algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

O crédito asignado no artigo 4 a estas axudas é de 17.344.275 euros, o que supón un incremento de 344.275 respecto do crédito para o exercicio anterior.

O artigo 6 establece, entre as condicións que deben reunir as persoas desempregadas para seren beneficiarias, a de que non percibisen subvencións ao abeiro dos distintos programas de emprego autónomo nos tres anos anteriores á data de inicio da nova actividade. O novo proxecto de orde especifica que este prazo computarse desde a data de notificación da Resolución da anterior subvención.

No apartado 2 do artigo 8 fíxanse as contías da subvención polo establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia, outorgando no apartado C a cantidade de 10.000 euros no caso de que se trata dunha muller desempregada con discapacidade ou pertencente a colectivos en risco ou situación de exclusión social. O novo proxecto engade neste punto o suposto das mulleres vítimas de violencia de xénero.

Suprímese a obriga de presentar a documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención (artigo 16).

O apartado 7 dese mesmo precepto, establece que as persoas beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento sinalada neste artigo no prazo establecido na resolución de concesión. Suprímese o inciso final que recollía a orde anterior segundo o cal, ese prazo non podía ser superior a 15 días hábiles.

O artigo 20 recolle dous novos supostos de reintegro da axuda concedida (un de reintegro total e outro de reintegro parcial).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, con cargo ao P.O.FSE Galicia 2014-2020 e se procede á súa convocatoria para o ano 2016” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte e tres artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais.

O día 20 de novembro de 2015 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e catorce consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións non unánimes seguintes: unha específica manifestada por UGT- Galicia SN de CCOO de Galicia e a CEG (Anexo I) e cinco específicas de carácter non unánime manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II).





DITAME 38/2015



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, con cargo ao P.O.FSE Galicia 2014-2020 e se procede á súa convocatoria para o ano 2016, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 6 de novembro de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de novembro de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
As axudas recollidas neste proxecto normativo tramítanse polo procedemento de concorrencia competitiva.

Este Comité considera  que, dada a natureza do Programa aquí recollido, debería empregarse o procedemento máis áxil, isto é, o de concesión directa polo cumprimento dos requisitos.

Segunda.
No proxecto de orde para o exercicio de 2013 elimináronse catro das seis liñas de axuda recollidas na orde do exercicio anterior: a subvención para asistencia técnica, a axuda excepcional, a subvención para formación e a subvención pola primeira contratación indefinida, aínda que esta última é obxecto dunha orde independente. Nesta orde que ditaminamos, vixente para o exercicio de 2015, elimínase tamén a subvención financeira.

Este Comité considera que, sobre todo, as dúas primeiras axudas mencionadas así como a que se elimina este ano, contribuían dun xeito moi importante á posta en marcha dos negocios das persoas autónomas, ao diminuír os problemas de liquidez iniciais.

Polo exposto, proponse que todas as liñas de axuda eliminadas sexan recuperadas.

Terceira.
Este Comité reitera a súa petición de que sexa enviada a estatística da execución da Orde no precedente exercicio 2014.  Así mesmo solicita que, unha vez rematado o exercicio 2015, sexa remitida a  estatística corresponde ao devandito ano.

Como este Comité ten insistido en diversas ocasións, é necesario recibir, xunto coa solicitude de ditame, os datos que ao Consello Galego de Relacións Laborais interesa coñecer, a efectos de avaliar o impacto real do programa correspondente. Estes datos son os seguintes:

a) Nº de solicitudes presentadas.
b) Nº de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes.
c) Nº de expedientes resoltos FAVORABLEMENTE.
d) Nº de persoas traballadoras afectadas polo expedientes resoltos FAVORABLEMENTE.

Ao abeiro do artigo 3.2 g) da Lei 5/2008, de 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais (tenor literal: Solicitar e recibir dos órganos competentes da Administración autonómica e de calquera outra institución da comunidade autónoma canta información precise para o desempeño das súas funcións), este Comité solicita que a información estatística conteña, como mínimo, os catro datos antes sinalados.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, DE CARÁCTER UNÁNIME, DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:


Primeira.- Artigo 6. Persoas beneficiarias.
O apartado 1 deste artigo establece que poderán ser beneficiarias das axudas as persoas desempregadas sempre que cumpran unha serie de requisitos.

Este Comité propón a supresión do termo “desempregadas” para posibilitar o acceso ás subvencións reguladas no proxecto normativo daquelas persoas que queiran mellorar a súa situación ocupacional a través deste programa de axudas.

Segunda.- Artigo 6. Persoas beneficiarias.
Entre os requisitos esixidos no apartado 1 deste precepto para poder ser persoa beneficiaria está o de “desenvolver fundamentalmente a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo o modelo 036 ou 037)”.
Este Comité entende que se debería especificar neste punto que os citados modelos corresponden á Alta no Imposto de Actividades Económicas e no censo de obrigados tributarios na Axencia Estatal de Administración Tributaria, respectivamente, como si especifica o artigo 14.1.c.2

Terceira.- Artigo 10. Solicitudes e prazo.
Este Comité considera que no apartado 3 deste artigo debería permitirse elixir á persoa solicitante a cal das dúas solicitudes renuncia.

Cuarta.- Artigo 11. Consentimentos e Autorizacións.
En relación co apartado 1, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa interesada de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que as solicite no seu nome.

Quinta.- Artigo 13. Procedemento de concesión, instrución e tramitación.
No apartado 2 deste precepto faise referencia á Consellería de Traballo e Benestar cando debería figurar a Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Así mesmo, o artigo 17.b) menciona á Consellería de Industria, Emprego e Industria, polo que se insta a súa correción.

Sexta.- Artigo 15. Resolución e recursos.
No apartado 3 deste artigo prevése un prazo para resolver e notificar a resolución de cinco meses, que este Comité considera excesivo, polo que propón a súa reducción a tres meses.

Sétima.- Artigo 16. Xustificación e pagamento.
O apartado 7 deste precepto establece que as persoas beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo que fixe a resolución de concesión.

Este Comité propón que se estableza expresamente un prazo razoable para a presentación da documentación, que podería ser de un mes.


Oitava.- Artigo 16. Xustificación e pagamento
No apartado 8 deste artigo disponse que  “Non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro”.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “débeda pendente coa Administración” en tanto en canto pode que non sexa coñecedora da súa existencia.
Novena.- Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias.
Este artigo establece unha clasificación con letras, entre as que figuran a letra j) e a letra k).

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse polas seguintes que corresponden.

Décima.- Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias.
O apartado b deste precepto fixa uns prazos durante os cales debe realizarse a actividade que fundamenta a concesión da subvención establecendo que, en caso de darse de baixa con anterioridade, debe comunicalo dentro do mes posterior. O incumprimento desta obriga comportará o reintegro total das axudas.

Este Comité propón que se engada un inciso para que isto soamente sexa así no caso de que non exista causa xustificada que impida a comunicación dentro dese prazo sinalado.

Décimo primeira.- Artigo 20. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.
O apartado 4 deste precepto recolle os supostos no que procede o reintegro total da axuda polo incumprimento das obrigas recollidas nos apartados b) e m) do artigo 17.

Este Comité considera que ese reintegro debería ser proporcional ao tempo que reste para o cumprimento desas obrigas, polo que propón que este apartado se integre no apartado 5, que regula os supostos de reintegro parcial.

Décimo segunda.- Artigo 22. Réxime das axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.
Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos nun parágrafo separado.



Décimo terceira.- Disposicións Adicionais.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enuncialas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Décimo cuarta.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras [sic].que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.



ANEXO I


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 22. Réxime das axudas
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas e, na letra e), inclúense as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

As citadas organizacións consideran que se debería aclarar o significado deste apartado, xa que a redacción é confusa e indeterminada.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Primeira. Artigo 5. Definicións.
No segundo parágrafo do apartado 1. d) deste artigo establécese que non se terán en conta os investimentos realizados agás aqueles debidamente acreditados que sexan imprescindibles para o desenvolvemento da actividade empresarial ou profesional.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debería especificarse na orde que se entende por “investimentos imprescindibles”.

Segunda. – Artigo 6. Persoas beneficiarias.
A CEG propón que a posibilidade de beneficiarse desta axuda se faga extensible a aquelas persoas que desempeñen un traballo por conta allea inferior a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais, sempre que cumpran os requisitos de acceso esixidos no proxecto normativo.

Terceira. – Artigo 6. Persoas beneficiarias.
No apartado 3 deste artigo establécese que quedan excluídos deste programa os socios de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e os autónomos colaboradores.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que existe un agravio comparativo para os socios de sociedades mercantís, incluídas as unipersoais, posto que as referidas persoas cotizan tamén ao réxime de autónomos da Seguridade Social e, non obstante, non poden optar a ningunha axuda, polo que propón que sexan beneficiarias das axudas deste programa en iguais condicións que os traballadores e traballadoras autónomas ou por conta propia.

Cuarta. – Artigo 10. Solicitudes e prazo.
O apartado 5 deste artigo establece que a persoa interesada poderá contar co asesoramento dos axentes de emprego e desenvolvemento local da rede coordinada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

En relación co disposto neste artigo, a CEG solicita que sexan  incluídas no asesoramento as entidades sen ánimo de lucro que veñen facendo labores de apoio nesta materia con ampla experiencia na colaboración coa citada Consellería.

Quinta. – Artigo 14. Documentación.
O apartado 1.b) esixe presentar un plan de negocio empresarial que deberá, segundo o parágrafo seguinte, ter informada a súa viabilidade económica e financeira por unha entidade independente.

A CEG entende que debería ser suficiente a presentación do Plan, polo que propón que se suprima a esixencia dun informe acerca da súa viabilidade.