ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 3/03

DICTAME SOBRE O BORRADOR DA ORDE DA CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE, POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E A CONVOCATORIA PARA O ANO 2003 DOS INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN DIRIXIDOS A FAVORECE-LA CONCILIACIÓN DA VIDA LABORAL E FAMILIAR.

En relación coa solicitude de dictame sobre o borrador da Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2003 dos incentivos á contratación dirixidos a favorece-la conciliación da vida laboral e familiar, remitida pola Dirección Xeral de Fomento do Emprego da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en data do 27 de decembro de 2002, con rexistro de entrada neste Consello na mesma data, a efecto de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2.b) da Lei 7/1988, de 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o 27 de febreiro dos correntes, acordou face-las seguintes consideracións e propostas de modificación, DE CARÁCTER UNÁNIME, que se reproducen a continuación:


O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente Dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2003. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME Ó BORRADOR DA ORDE MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E MAILA CIG.


As organizacións sindicais S.N. de CC.OO. de Galicia e maila CIG con presencia no Consello Galego de Relacións Laborais fan consta-la súa protesta polo feito de que o Comité Autonómico de Emprego que, de acordo co establecido no Artigo 2.1, 2 e 5 do Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral é o organismo encargado de coñecer, participar  e informa-la planificación das políticas activas de emprego e da programación das distintas medidas das políticas activas de emprego, non mantivo a reunión acordada no mes de setembro, cara ó cumprimento das súas mencionadas funcións. Os dictames que ten que facer o Consello Galego de Relacións Laborais a cada unha das normas, precisan da visión do conxunto da planificación de medidas activas polo que ó carecer desta, os informes a cada unha das normas carecen desa perspectiva. Consideran que a norma remitida para o seu dictame debeu de ser obxecto de tratamento e debate neste órgano consultivo previamente á petición ó Consello Galego de Relacións Laborais da emisión do dictame. Por todo elo, non entran a valorar o contido desta norma, pospoñendo o seu dictame ata que, o Comité Autonómico de Emprego coñeza, participe e emita informe sobre a planificación das políticas activas de emprego e fixe os criterios de reparto das axudas e subvencións, tendo en conta que, en contra do que ven sucedendo ata agora,  debe ser proporcional ó número de parados existentes en cada área funcional.


ANEXO II

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME Ó BORRADOR DA ORDE MANIFESTADAS POLA CEG.

Artigo 3º. Exclusións.

O primeiro parágrafo deste artigo, in fine, exclúe dos beneficios previstos nesta orde ós traballadores contratados para prestar servicios noutras empresas a través de contratos de posta a disposición.

A CEG considera que a exclusión dos traballadores contratados a través de Empresas de Traballo Temporal supón unha discriminación polo mero feito do tipo da empresa, que debe eliminarse do texto da norma.

Artigo 4º.2b)  Axudas para as persoas traballadoras que se reincorporan á empresa tras un proceso de maternidade-paternidade.
Este apartado establece, entre as condicións que se deberán cumplir para ter dereito as axudas, a de que “durante os periodos de descanso por maternidade se formalizasen contratos de interinidade para a sustitución dos traballadores polos que se solicita a axuda…”

Dadas as particularidades legais do contrato de interinidade, no que se prevé que poderá suscribirse para a substitución dun traballador con reserva de posto de traballo, non se desprende da redacción dada ó precepto se os traballadores autónomos poderían estar incluidos neste suposto.

En consecuencia, a CEG solicita que se clarifique este apartado e que se redacte de xeito que quede clara a inclusión dentro destas axudas do mencionado colectivo.

Artigo 4º.3) Axudas para as persoas traballadoras que se reincorporan á empresa tras un proceso de maternidade-paternidade.

Neste apartado especifícase o contido das axudas, que consistirán “nunha subvención en contía equivalente ó importe das cotas empresariais á Seguridade Social por contixencias comúns, correspondentes á base mínima para o ano 2003  do grupo de cotización ó que pertenza o traballador que se reincorpora; ou, se é o caso, ó importe do 80% das cotas correspondentes á base mínima de cotización do correspondente réxime da Seguridade Social para traballadores autónomos…”

Tendo en conta o importe reducido da base mínima de cotización do réxime da Seguridade Social para os traballadores autónomos, a CEG propón que a axuda consista nunha subvención en contía equivalente ó cen por cen das cotas correspondentes á dita base mínima do correspondente réxime de Seguridade Social para traballadores autónomos.

Artigo 5º. Axudas para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidade de familiares ou con reducción da xornada de traballo por motivos familiares.

Neste artigo, no parágrafo primeiro, establécese que serán obxecto de subvención os contratos de interinidade “para substituír persoas traballadoras en excedencia por coidado de familiares...”

Como xa se observou máis arriba respecto da outra liña de axuda, a CEG considera que no caso de que o traballador autónomo se atopase nas mesmas circunstancias, habería que facerlle extensivo o establecido neste apartado.

En consecuencia, a CEG solicita que se clarifique este apartado e que se redacte de xeito que quede clara a inclusión dentro destas axudas do mencionado colectivo.

Artigo 13.d) Obrigas dos beneficiarios.

Este precepto, establece a obriga de reintegra-la parte proporcional da subvención concedida no caso de producirse, por calquera causa, a extinción da relación laboral.

Considérase lóxico establecer unha obriga de mantemento de posto fixo para acceder á axuda, pero tal obriga non é incompatible, por exemplo, con determinadas extincións da relación laboral, xa que de producirse esta, a obriga cumpriríase substituíndo ó traballador por outro traballador a efectos de mante-lo emprego estable.