ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 39/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se realiza a convocatoria pública do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais.

I. ANTECEDENTES
O día 16 de novembro de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Fomento da Contratación e do Traballo Autónomo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se realiza a convocatoria pública do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, o recoñecemento de todas as formas de aprendizaxe (con especial atención ao recoñecemento da experiencia laboral) ocupa un lugar destacado dentro das políticas activas de emprego e formación da Unión Europea que buscan fomentar a aprendizaxe ao longo de toda a vida. Isto plasmouse cos Principios comúns europeos e coas Directrices europeas para a validación da aprendizaxe non formal e informal, aprobados, en 2004 e 2009, respectivamente e, finalmente, en 2015, a través do Ditame do Comité das Rexións co Recoñecemento de capacidades e competencias adquiridas a través dunha aprendizaxe non formal e informal.

En consonancia, en España apróbase a lei Orgánica 5/2002 de 19 de xuño, das Cualificacións e da Formación  Profesional, que ten como finalidade a creación dun Sistema Nacional de Cualificacións e Formación  Profesional. Un dos fins deste sistema é avaliar e acreditar oficialmente a cualificación profesional calquera que fose a forma da súa adquisición.

O Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral, establece o procedemento e os requisitos para a avaliación e acreditación das competencias profesionais.

Para a implantación do procedemento en Galicia, nos acordos asinados o 30 de xuño de 2010 na Mesa Xeral do Dialogo Social en Galicia, asígnase a xestión do procedemento ao Instituto Galego das Cualificacións.


Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do mesmo destácanse os seguintes aspectos:

Esta orde ten por obxecto convocar, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o procedemento para a avaliación e acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación, para un total de 2.171 prazas nas unidades de competencia que se indican no anexo I (artigo 1).
O artigo 5 deste proxecto normativo enumera os puntos de información aos que poden acudir aquelas persoas que queiran participar no procedemento, as cales deberán cumprir unha serie de requisitos que se relacionan no artigo 6.
Os artigos 7 a 9 regulan as solicitudes, o seu prazo e contido, mentres que no artigo 10 se detallan os criterios de prioridade na admisión das persoas ao procedemento.
O procedemento consta de tres fases: fase de asesoramento (artigo 16), fase de avaliación (artigo 17) e fase de acreditación da competencia profesional (artigo 20).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se realiza a convocatoria pública do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais” consta de: Exposición de motivos, vinte e tres artigos, unha disposición adicional e tres finais.

O día 2 de decembro de 2015 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e cinco consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, en anexos, as consideracións seguintes sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: unha xeral e unha específica manifestadas polas centrais sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia e pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo I) e  unha específica manifestada polas organizacións sindicais representadas neste Consello (anexo II).



DITAME 39/2015



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se realiza a convocatoria pública do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 16 de novembro de 2015, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de decembro de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Este Comité observa múltiples erros no texto deste proxecto de orde, polo que se propón a súa revisión.

A título de exemplo, existen varias incorreccións na numeración (hai dous artigos co número 4, no artigo 7 pásase do apartado 3 ao 6), erros ortográficos (na exposición de motivos “orden” en vez de “orde”, aprendizaxe é feminino e figura como masculino), no artigo 23 debe eliminarse a parte en cursiva, xa que non estamos ante unha resolución “en cumprimento da Lei orgánica 15/1999, infórmaselle de que os datos persoais(...) serán incluídos nun ficheiro”.

Así mesmo, obsérvase o mal uso das barras: desistido/a (artigo 11), asesor/a (artigo 16).

Por último, no texto hai unha única disposición adicional que aparece como primeira e figuran tres disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
Segunda.
En relación coas prazas das unidades de competencia, obsérvase un desaxuste entre o número das convocadas neste proxecto normativo e o número de persoas que se atopan nas listas de espera, de xeito que se dan casos en que hai 250 prazas sobrantes das convocadas (atención socio sanitaria) mentres que, noutros supostos, o número de prazas non é suficiente para as persoas en lista de espera (como acontece en extinción de incendios e salvamento).

Este Comité non entende ese desequilibrio e considera que se debería incrementar o número de prazas en atención á demanda existente en cada unha das cualificacións profesionais, para cubrir como mínimo as listas de espera.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.
Bótase en falta, na exposición de motivos, a necesaria referencia á consulta ao Consello Galego de Relacións Laborais.

Segunda.- Artigo 5. Entidades beneficiarias.
Na Resolución do 27 de novembro de 2014, pola que se regulaba ata agora a convocatoria deste procedemento de recoñecemento de competencias profesionais, esixíase que houbera, en cada punto de información, un profesional designado para as funcións de información.

Este Comité considera que se debería recuperar esa esixencia.

Terceira.- Artigo 7. Solicitude e documentación xustificativa dos requisitos esixidos.
No proxecto normativo sometido a ditame elimínase, respecto da Resolución do 27 de novembro xa citada, a posibilidade de que as persoas candidatas poidan presentar calquera outra documentación de carácter laboral e/ou formativo que sirva como proba potencial da competencia que se pretende demostrar, a maiores da documentación esixida por este precepto.

Este Comité entende que debe recollerse esa posibilidade.

Cuarta.- Artigo 7. Solicitude e documentación xustificativa dos requisitos esixidos.
Na dita Resolución do 27 de novembro de 2014 eximíase ás persoas que estiveran en lista de espera da obriga de presentar unha nova solicitude e acompañar documentación.

Este Comité propón que se estableza con carácter xeral a exención referida para as persoas que se atopen en algunha das listas de espera.

Quinta.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que as tres disposicións finais deste proxecto normativo non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enuncialas.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS CENTRAIS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Consideración xeral.
Esta é a primeira vez que a convocatoria pública do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, se fai a través dunha orde. Ata o momento, a convocatoria facíase a través dunha resolución.

As organizacións sindicais S.N. de CC.OO. de Galicia e UGT-Galicia, así como a CEG, móstranse de acordo con que a convocatoria se tramite como orde pero consideran que se debería incluír, na memoria explicativa do proxecto de orde, a causa deste cambio de rango normativo.


Consideración específica.

Artigo 4. Persoas en listas definitivas de persoas en lista de espera.
As organizacións sindicais S.N. de CC.OO. de Galicia e UGT-Galicia, así como a CEG, consideran que na redacción do primeiro parágrafo deste precepto debería especificarse a que procedemento se está a facer referencia.



ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO DE GALICIA:

Artigo 7. Procedemento
No apartado 6.c)1º,1.2 esíxese, ás persoas traballadoras asalariadas, fotocopia cotexada do contrato de traballo ou da certificación da empresa onde adquirisen a experiencia laboral, na que conste especificamente a duración dos períodos de prestación do contrato, especificando claramente as actividades desenvolvidas.

Por outra banda, no apartado 6.c)2º, 2.2 esíxese, ás persoas traballadoras autónomas, unha descrición da actividade desenvolvida.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que, para equiparalas coas persoas autónomas, debería dárselle ás persoas traballadoras asalariadas a posibilidade de que, a falta da certificación esixida, poidan presentar unha declaración responsable na que describa as actividades que desenvolveron.