ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 40/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, e do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

I. ANTECEDENTES


O día 19 de novembro de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Fomento da Contratación e do Traballo Autónomo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, e do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Esta orde agrupa os programas que teñen por obxecto establecer incentivos para a creación de emprego das persoas con discapacidade na empresa ordinaria e regula, nos seus capítulos II e III, respectivamente, os programas de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria e de emprego con apoio como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo.

Segundo a exposición de motivos, no Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, a Xunta de Galicia incrementa os importes das axudas pola contratación indefinida, previstas no Real decreto 1451/1983, do 11 de maio. Así mesmo, as subvencións pola contratación das persoas con discapacidade establecidas nesta orde, en concorrencia coas bonificacións das cotas á Seguridade Social, resultan un apoio á obriga legal sobre a cota de reserva a favor das persoas con discapacidade. Mediante o Programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, regulado no capítulo III desta orde, desenvólvese na Comunidade Autónoma de Galicia o programa estatal establecido no Real decreto 870/2007, do 2 de xullo (BOE nº 168, do 14 de xullo).

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde publicada no DOG o día 22 de xullo de 2015, así como o ditame emitido polo Consello con data 10 de abril de 2015 (ditame 12/2015), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas no ditame polas organizacións sindicais e empresarial.


O novo proxecto normativo contén as seguintes modificacións con respecto á orde do ano anterior:

Prevese a tramitación anticipada do expediente de gasto (exposición de motivos).

Os créditos asignados ao programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria supoñen un aumento de 70.000 € respecto á orde para o 2015 (artigo 1).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, e do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo e se procede a súa convocatoria para o ano 2016” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, corenta e tres artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 2 de decembro de 2015 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e trece consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexos, as seguintes consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: dúas consideracións xerais e tres específicas manifestadas polas organizacións sindicais (Anexo I) e dúas consideracións específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).





DITAME 40/2015



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria e do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 19 de novembro de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de decembro de 2015 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.
Este Comité propón que, no Capítulo III “Programa de emprego con apoio”, se recollan axudas específicas para subvencionar os custos totais das persoas intérpretes da linguaxe de signos.

Segunda.
Obsérvase que no texto do proxecto normativo persisten algunhas incorreccións puntuais, como o uso do masculino xenérico, por exemplo “os administradores” no artigo 2º.d), polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero.

Terceira.
Este Comité considera que debería facerse un esforzo orzamentario maior para compensar as fortes minoracións sufridas nos últimos cinco anos.

Cuarta.
Obsérvase que no proxecto normativo non se recollen as subvencións para financiar o desenvolvemento de plans de prospección laboral.

Este Comité non está conforme coa supresión destas subvencións e propón que se volvan a regular no proxecto normativo, considerándose imprescindibles as actuacións de prospección laboral consistentes na promoción, difusión, asesoramento, busca activa, selección, entrevista e consulta e información ás potenciais entidades empregadoras dos traballadores e traballadoras con discapacidade cuxa inserción laboral se persegue.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira- Artigo 3. Persoas destinatarias finais e definicións.
Segundo o apartado 1 deste precepto, as destinatarias finais dos programas regulados neste proxecto normativo serán as persoas con discapacidade desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego como demandantes de emprego non ocupadas.

Este Comité propón que se consideren tamén destinatarias aquelas persoas con discapacidade que teñan un contrato de traballo a tempo parcial inferior ao 50% da xornada.

Segunda.- Artigo 3. Persoas destinatarias finais e definicións.
No apartado 2.III deste precepto faise referencia ás persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral e inclúe, na letra a), ás persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental e persoas con discapacidade intelectual.

Este Comité propón que se engadan as persoas pertencentes a algún dos colectivos de  máis difícil inserción en atención ás súas circunstancias persoais ou sociais, ao ter en conta as especiais dificultades de adaptación aos postos de traballo e as grandes dificultades de integración que presentan estes colectivos.

Terceira.- Artigo 7. Consentimentos, autorizacións e datos de carácter persoal.
En relación cos dous primeiros parágrafos do apartado 1, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Proponse a mesma consideración respecto do apartado 4 en relación co sistema de verificación de datos.

Ademais, este Comité manifesta a súa preocupación respecto ao cumprimento da Lei de protección de datos,  pola redacción do apartado 5 e as posibles implicacións legais que puidera supoñer a autorización expresa de todas as persoas traballadoras con discapacidade para ceder os seus datos relativos ao tipo e grao de discapacidade, por tratarse dunha materia protexida como é a cesión de datos.

Cuarta.- Artigo 9. Resolución e recursos.
Establécese no apartado 2 deste artigo que o prazo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses.

Este Comité estima que é suficiente que sexa de tres meses, polo que propón a súa redución.

Quinta.- Artigo 12. Obrigas das entidades beneficiarias.
Neste artigo utilízase na clasificación a letra j.

Por outro lado, no artigo 38, utilízanse as letras j e k.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.

Sexta.- Artigo 19. Exclusións e requisitos.
O apartado 1, letra a) deste artigo exclúe das axudas as contratacións realizadas con persoas traballadoras que, nos 24 meses anteriores á data de contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

Este Comité considera que se debería definir o concepto de “grupo de empresas” a efectos desta orde.

Sétima.- Artigo 27. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias e reintegros.
Este artigo establece que “son obrigas das persoas ou entidades beneficiarias das subvencións previstas neste anexo (...)”.

A referencia que se fai ao anexo debe facerse, en realidade, ao capítulo, polo que se propón a súa corrección.

O mesmo se observa no artigo 42.

Oitava.- Artigo 34. Requisitos e duración dos proxectos de emprego con apoio.
A letra f) do apartado 1 deste artigo establece que a empresa nomeará, entre o seu persoal, un coordinador ou coordinadora do proxecto con apoio, que desenvolverá accións para facilitar as relacións entre as persoas con discapacidade, os preparadores e preparadoras laborais e o persoal da empresa, así como o seguimento e avaliación por parte da empresa.

Este Comité considera que debería esixirse, como requisito necesario, a posesión dunha titulación universitaria da rama social, á vista dos labores a desempeñar pola figura da persoa coordinadora.

Novena.– Artigo 36. Preparadores e preparadoras laborais.
O apartado 1 deste artigo establece que “as accións de emprego con apoio serán levadas a cabo por preparadores e preparadoras laborais, que deberán estar en posesión dunha titulación mínima de formación profesional de grao medio ou equivalente e acreditar unha experiencia previa de polo menos un ano en actividades de integración laboral de persoas con discapacidade que os capacite para a realización das funcións propias do seu posto”.

Este Comité considera que se debería explicitar na orde que as titulacións precisas para o desenvolvemento do posto de preparador ou preparadora laboral son as do ciclo de formación profesional de grao superior “Integración social” ou calquera das titulacións universitarias oficiais da rama social.

Décima.- Artigo 39. Criterios de avaliación e adxudicación de solicitudes.
Na orde para o exercicio 2012 figuraba, entre os criterios de valoración: “O emprego da lingua galega na elaboración e na realización do proxecto de emprego con apoio”, puntuándose con ata 5 puntos.

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción da orde de 2012, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Décimo primeira.- Artigo 40. Pagamento e xustificación.
No apartado 3, letra a) deste artigo, esíxese a presentación da “certificación de gastos relativos aos custos salariais e de seguridade social dos preparadores e preparadoras laborais polos cales se concedeu a subvención, segundo o modelo do Anexo VII-B, xunto con copia das nóminas e dos documentos de transferencia bancaria que xustifiquen o seu pagamento.”

Este Comité considera que, ademais da transferencia bancaria, se deberían ter en conta outros medios legais que xustifiquen o pagamento dos salarios.

Décimo segunda.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic], respecto a que veñan encaixadas baixo un título común.



Décimo terceira.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.




ANEXO I


CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA:

CONSIDERACIÓNS  XERAIS:

Primeira.
O encadramento normativo para acadar a integración laboral das persoas con discapacidade, do que deriva esta propia Orde que ditaminamos, vén constituído polo Texto Refundido da lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e das Directrices da Unión Europea sobre a xestión das axudas ás empresas e ao emprego protexido.

Esta Orde ten como obxectivo complementar a merma que, teoricamente, sofre a empresa na súa produción e rendabilidade polo feito de contar con persoas traballadoras con discapacidade.

Existen dous tipos de Centros Especiais de Emprego, non só en Galicia senón tamén noutras Comunidades Autónomas: os centros sen ánimo de lucro e os que teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendabilidade. Esta diferenciación real non ten acollida no texto do proxecto normativo que se somete a ditame, posto que as dúas modalidades de centros reciben o mesmo tratamento.

A realidade amósanos a existencia de casos nos centros de emprego con ánimo de lucro nos que se conta con persoas traballadoras con discapacidades practicamente insignificantes que lles permitirían desenvolver o seu traballo nunha empresa ordinaria e, que non obstante, ese centro especial de emprego con ánimo de lucro está a percibir as axudas destinadas a paliar aquela merma da que falamos con anterioridade, coa existencia dun evidente fraude de lei.

Outro problema engadido é a non identificación do campo de traballo dos centros especiais de emprego, pois pode darse o caso, por exemplo, que, en supostos de subrogación nos servizos, non se poda producir a pertinente asunción de persoas traballadoras discapacitadas pola nova empresa concesionaria.

Entendemos, en todo caso, que ambas as dúas modalidades de centros requiren unha regulación diferente ou a adopción dalgún tipo de medida que erradique este enriquecemento ilícito. Noutras Comunidades Autónomas estanse a tomar medidas nese senso, como as de non subvencionar aos centros especiais de emprego con ánimo de lucro ou non cualificalos como tales, facendo partícipes das axudas soamente aos que carecen de ánimo de lucro.

Todas estas situacións demandan a necesidade de artellar un novo marco legal que lle dea cobertura e que inclúa unha serie de medidas, como poden ser, a título de exemplo: priorización dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro á hora de conceder as axudas; facer unha selección estrita de todos os centros respecto do cumprimento dos requirimentos legais para percibilas; manter a axuda dos centros especiais sen ánimo de lucro sempre que non incorran en xestión deficiente…e que na elaboración e xestión deste programa interveñan, ademais dos responsables das políticas activas de emprego autonómicos, as organizacións sindicais e empresariais a través do Consello Autonómico de Emprego e dos correspondentes Consellos provinciais de Emprego.

Segunda.
As organizacións sindicais que integran este Comité non consideran unha medida de mellora o fomento da contratación temporal, xa que non se está a fomentar unha verdadeira integración estable das persoas pertencentes aos colectivos sinalados e funciona máis como un programa de formación ou prácticas, cunha periodicidade anual.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:

Primeira.- Artigo 27. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
O apartado 1 deste artigo obriga a manter no cadro de persoal ás persoas contratadas por un período mínimo de dous anos, no suposto da contratación indefinida ou da transformación do contrato temporal en indefinido.

Obsérvase unha rebaixa nese período con respecto á orde do exercicio 2012, que era de tres anos. As organizacións sindicais consideran que, cando menos, debería manterse a previsión da dita orde, aínda que sería máis adecuado aumentalo a cinco anos, como xa se ven considerando respecto das restantes ordes semellantes.

Segunda.- Artigo 27. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
O último parágrafo do apartado 1 deste artigo concede un prazo de tres meses dende a data da baixa da persoa traballadora para realizar a súa substitución.

As organizacións sindicais consideran este prazo excesivo, polo que se propón que se reduza sensiblemente.


Terceira.- Artigo 39. Criterios de avaliación e adxudicación de solicitudes.
En relación coa consideración específica unánime décima, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar a maiores, o seguinte:

A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego no proxecto pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas polo Capítulo III desta Orde (Programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo) non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea. De feito, os restantes criterios de avaliación que permanecen, refírense a número de persoas traballadoras discapacitadas contratadas, integración da dimensión de igualdade de oportunidades, tipo e grao de discapacidade, modalidades de contratación, etc. Por estas razóns é polo que se considera que debería recuperarse a redacción deste proxecto para o exercicio 2012.






















ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 22. Subvención pola contratación temporal.
No apartado 1, parágrafo 2º deste artigo, establécese que a duración inicial mínima da contratación temporal é de 12 meses.

A organización empresarial que integra este Comité considera que a duración mínima do contrato de duración determinada debería ser de 6 meses e, en consecuencia, adaptar as contías estipuladas na orde a esta duración.

Segunda.- Artigo 25. Xustificación do pagamento.  
A CEG propón a eliminación da esixencia do informe favorable dos equipos multidisciplinares sobre a adecuación do posto de traballo á discapacidade das persoas traballadoras contratadas.

Esta proposta xustifícase porque se considera que a esixencia do informe produce inseguridade xurídica á empresa e á propia persoa con discapacidade, debido a que, con efectos retroactivos, se podería emitir un informe considerando a incompatibilidade da discapacidade co posto.

Na convocatoria, no art. 12.i establécese como obriga da entidade beneficiara a seguinte:
“Ter levado a cabo a organización preventiva, a auditoría se procede, e o plan de prevención, de acordo co previsto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais e a normativa regulamentaria de desenvolvemento”.

Polo tanto a empresa asume como obrigas as correspondentes á prevención de riscos laborais, polo que a persoa traballadora con discapacidade xa é valorada en relación á súa aptitude para o posto de traballo, polos servizos específicos no eido da prevención dos riscos laborais.

Se a isto engadimos a emisión do Informe da Inspección de Traballo que versa sobre a mesma circunstancia, o informe dos equipos multidiciplinares debe considerarse innecesario.