ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 41/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, das entidades asociativas de centros especiais de emprego e das entidades asociativas de empresas de inserción laboral, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

I. ANTECEDENTES

O día 19 de novembro de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Fomento da Contratación e do Traballo Autónomo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, das entidades asociativas de centros especiais de emprego e das entidades asociativas de empresas de inserción laboral e se procede á súa convocatoria para o ano 2016. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Na exposición de motivos do proxecto normativo establécese que o traballo autónomo constitúe un sector de importancia fundamental na creación de emprego e riqueza e no que descansa boa parte da estabilidade do sistema económico de Galicia. Por iso, o fomento do asociacionismo no sector do autoemprego contribúe á consolidación do colectivo das persoas traballadoras autónomas.

Por outra banda, a Lei 5/2011, do 29 de marzo, de Economía Social establece que os centros especiais de emprego e as empresas de inserción laboral forman parte das entidades que integran a economía social. Así, esta lei dispón que as entidades da economía social poderán constituír asociacións para a representación e defensa dos seus intereses e, no seu artigo 8, recoñécese como tarefa de interese xeral a promoción, o estímulo e o desenvolvemento das entidades da economía social e das súas organizacións representativas, co respecto das competencias das comunidades autónomas.

Neste contexto, esta orde establece axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o financiamento dos gastos xerais de funcionamento, infraestrutura e mantemento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, de centros especiais de emprego e de empresas de inserción laboral para que poidan desenvolver de forma eficaz o cumprimento da súa finalidade e fortalecer á súa estrutura.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 17 de xullo de 2015 e tendo en conta o ditame 11/2015, emitido polo Consello con data 25 de marzo de 2015, obsérvase que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Este proxecto normativo presenta lixeiras modificacións en relación coa convocatoria do 2015:

Prevese a tramitación anticipada do expediente de gasto (exposición de motivos).

En canto ao financiamento destas subvencións, increméntase o importe, que pasa de 123.500 euros para o exercicio anterior a 250.000 euros (artigo 2).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, das entidades asociativas de centros especiais de emprego e das entidades asociativas de empresas de inserción laboral, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016” consta de: Exposición de motivos, seis capítulos, corenta e tres artigos, tres disposicións adicionais e  dúas finais.

O día 4 de decembro de 2015 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e oito específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral e unha específica manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo I) e dúas xerais e dúas específicas manifestadas pola organización empresarial CEG (Anexo II).










DITAME 41/2015




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, das entidades asociativas de centros especiais de emprego e das entidades asociativas de empresas de inserción laboral, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 19 de novembro de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de decembro de 2015, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Este Comité considera que non se xustifica suficientemente na exposición de motivos a decisión de agrupar nunha mesma orde ás entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas con entidades asociativas de centros especiais de emprego e de empresas de inserción laboral, dado que son entidades con finalidades moi dispares.

Segunda.
Este Comité propón que se corrixan as clasificacións nas que se utilizan as letras j e k (artigos 16, 19, 24, 27, 32 e 35), letras que non son propias do alfabeto galego, que se deben substituir polas seguintes que correspondan.


Terceira.
Obsérvase un erro no sexto parágrafo da exposición de motivos do proxecto normativo, na referencia ao Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, como o que establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, cando o correcto é o Decreto 175/2015, do 3 de decembro.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 8. Autorizacións.
En relación co apartado 1, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e se estableza primeiro a obriga de aportar as certificacións pola entidade solicitante e, en segundo lugar, a opción de que a solicitante autorice expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Igual consideración formúlase respecto do apartado 2 en relación co sistema de verificación de datos.

Segunda.- Artigo 16. Gastos subvencionables.
O apartado 2 deste precepto inclúe, na letra h) entre os gastos subvencionables, as cotas pola pertenza a organizacións autonómicas ou estatais.

Este Comité considera que non se debería subvencionar con medios autónomicos a pertenza a organizacións estatais, polo que propón suprimir esa posibilidade.

Reitérase a mesma consideración para os artigos 24 e 32.

Terceira.- Artigo 20. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.
No artigo 19.1.d) do proxecto normativo esíxese que a entidade presente unha memoria dos servizos prestados as súas persoas asociadas.

Este Comité propón que se engada como criterio de valoración o que establecía o apartado 1.d) do artigo 11º da orde do exercicio 2010: “d) Actividades realizadas no exercicio anterior e servizos que prestan as súas persoas asociadas: Ata 15 puntos”.

Cuarta.- Artigo 20. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.
No apartado 1.f) deste artigo valóranse os convenios ou acordos de colaboración e representación asinados con entidades inscritas ou que solicitasen a inscrición no rexistro de asociacións profesionais de traballadores autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia en ata 10 puntos.

Este Comité considera que se deberían valorar tamén os acordos ou convenios que asinasen coas organizacións empresariais e sindicais máis representativas de Galicia.


Quinta.- Artigo 20. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.
Na orde para o exercicio 2012 figuraba, entre os criterios de valoración: “O emprego da lingua galega na elaboración e na realización do proxecto de emprego con apoio”, puntuándose con ata 5 puntos.

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción da orde de 2012, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Igual consideración aplícase aos artigos 28.2 e 36.2 deste proxecto normativo.

Sexta.- Artigo 39º. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado h) deste artigo establece a obriga de adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Este Comité considera que deberían figurar expresamente no texto do artigo as medidas que se consideran axeitadas.

Sétima.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

O mesmo se observa respecto das disposicións derradeiras [sic].

Oitava.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras, que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega







ANEXO I


CONSIDERACIÓNS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Consideración xeral:
As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que as actividades que se subvencionan mediante este proxecto normativo son dunha excesiva flexibilidade conceptual e mesmo se prevé subvencionar con fondos públicos actividades ordinarias relativas á estrutura de asociacións privadas, polo que propoñen que se acoten as actividades obxecto de axudas a aquelas que teñan interese público, do mesmo xeito que se fai coas asociacións de cooperativas.

As organizacións sindicais manifestan a súa perplexidade polo desmesurado incremento (102%) do orzamento que financia estas axudas, así como da contía máxima delas.


Consideración específica.- Artigo 20. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.
En relación coa consideración específica unánime quinta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar a maiores, o seguinte:

A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego no proxecto pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea. De feito, os restantes criterios de avaliación que permanecen, refírense a número de persoas traballadoras discapacitadas contratadas, integración da dimensión de igualdade de oportunidades, tipo e grao de discapacidade, modalidades de contratación, etc. Por estas razóns é polo que se considera que debería recuperarse a redacción deste proxecto para o exercicio 2012.

Igual consideración aplícase aos artigos 28.2 e 36.2 deste proxecto normativo.

ANEXO II


CONSIDERACIÓNS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS  DE GALICIA:

Consideracións xerais

Primeira.
Deberían contemplarse no texto da Orde como beneficiarias das subvencións destinadas a traballadores autónomos ás asociacións empresarias polos seguintes motivos:

• Para ter en consideración na súa redacción a recente modificación da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do Traballo Autónomo pola disposición final terceira do Real Decreto-lei 4/2015, de 22 de marzo que incorpora ás organizacións empresariais entre aquelas con capacidade xurídica para actuar en representación dos traballadores autónomos.

• Por outra parte, como se sinala na exposición de motivos o traballo autónomo ten unha importancia fundamental na creación de emprego e riqueza, no que descansa boa parte da estabilidade do sistema económico de Galicia. As asociacións empresariais cumpren unha función de fomento e promoción do emprego autónomo e contan entre os seus asociados con empresarios autónomos. Por iso, o fomento do asociacionismo empresarial no sector do autoemprego contribúe tamén á consolidación do colectivo das persoas autónomas e debería contemplarse no ámbito das subvencións obxecto de ditame.


Segunda.
A CEG propón que se habilite, neste proxecto de orde, a posibilidade de anticipar fondos.


Consideracións  específicas:

Primeira.- Artigo 22. Obxecto.
No apartado 2 deste artigo establécese que “para os efectos deste programa, enténdese por entidades asociativas de centros especiais de emprego de Galicia aquelas que asocien exclusivamente centros especiais de emprego inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia”.

A CEG propón que se elimine o termo “exclusivamente”.

A mesma consideración se formula respecto do artigo 23.1.c) que esixe ás entidades solicitantes desenvolver a súa actividade exclusivamente no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.- Artigo 24. Gastos subvencionables.
No apartado 2, letras i) e j), establécese que a contía da subvención polos gastos de desprazamento e manutención, por participar nas actividades relacionadas nos citados apartados, non poderá superar o 50% do seu custo.

A CEG considera que debería manterse a porcentaxe do 70% que figuraba en convocatorias anteriores a fin de cubrir os custos que no marco do programa se realizan.

Esta mesma consideración afectaría aos artigos 16 e 32.