ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 42/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2016.

I. ANTECEDENTES

O día 25 de novembro de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Fomento da Contratación e do Traballo Autónomo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2016. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, o obxecto desta orde é concretar os principios xerais contidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no relativo ás axudas para os cursos de formación profesional para o emprego, que teñen por obxecto a cualificación profesional dos traballadores e traballadoras.

Todas estas accións de formación profesional para o emprego conforman un dos elementos máis salientables das políticas activas de emprego, como medida de mellora da empregabilidade das persoas desempregadas dentro da Estratexia Europea de Emprego acordada polo Consello Europeo extraordinario de Luxemburgo, e da estatal, de acordo co Plan Nacional de Acción para o Emprego.

A Lei 30/2015, do 9 de setembro regula a planificación e o financiamento do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, a programación e execución das accións formativas, o control, o seguimento e o réxime sancionador, así como o sistema de información, a avaliación, a calidade e a gobernanza do sistema.

Entre as iniciativas de formación para o emprego que regula a antedita lei considérase a oferta formativa das administracións competentes para persoas traballadoras desempregadas, que inclúe os programas de formación dirixidos a cubrir as necesidades detectadas polos servizos públicos de emprego.


O II Plan Galego de Formación Profesional defínese basicamente como un plan que concibe integralmente a política de cualificacións e da formación profesional. Este carácter integral implica, en canto aos fins, seguir avanzando cara á constitución dun sistema de formación profesional integrado en Galicia e supón tamén considerar como beneficiario deste plan o conxunto da poboación activa. Para acadar estes obxectivos, o plan artéllase a través de catro liñas estratéxicas de actuación que inciden, na integración dos sistemas de cualificacións e formación profesional, no óptimo aproveitamento dos recursos e da xestión, na calidade e innovación e na promoción da aprendizaxe permanente ao longo da vida.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde publicada no DOG o día 16 de xaneiro de 2015, posteriormente modificada pola Orde publicada no DOG do 2 de xuño de 2015,  así como o ditame emitido polo Consello nas xuntanzas dos días 12 e 15 de decembro 2014 (ditame 36/2014), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas no ditame polas organizacións sindicais e empresarial.


O novo proxecto normativo contén as seguintes modificacións con respecto á orde do ano anterior, tras as modificacións introducidas na mesma pola orde do 27 de maio de 2015:

No artigo 6.4.7º suprímese a valoración que se outorgaba por estar en posesión de determinados certificados ou selos de excelencia.

Engádese un novo artigo 23 baixo o título “Xustificación do valor de mercado”, que obriga á entidade beneficiaria a solicitar e achegar un mínimo de tres ofertas de diferentes provedores, non vinculados entre si, nos casos previstos no artigo 29.3 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2016” consta de: Exposición de motivos, 35 artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 4 de decembro de 2015 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén nove consideracións xerais e cincuenta e tres específicas sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a empresarial.


Contén, así mesmo, como anexos as consideracións de carácter non unánime seguintes:

• Tres específicas manifestadas polas organizacións sindicais que integran o Consello (Anexo I)
• Tres específicas manifestadas polas organizacións UGT, CC.OO e a CEG (Anexo II)
• Unha xeral manifestada polos sindicatos UGT e CIG e pola CEG (Anexo III)
• Catro específicas manifestadas polo sindicato CIG (Anexo IV)
• Dezanove específicas manifestadas pola CEG (Anexo V)
• Unha específica manifestada polo sindicato UGT (Anexo VI)





DITAME 42/2015




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2016”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 25 de novembro de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de decembro de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:











CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.


Primeira.
A pesar do lixeiro incremento nos créditos asignados para estas subvencións, este Comité considera que as minoracións producidas nas convocatorias anteriores poñen en risco o obxectivo de procurar a formación das persoas desempregadas e o fomento do emprego polo que se debería incrementar, aínda máis, o esforzo económico e máis dadas as actuais taxas de desemprego en Galicia.  

Debido ás circunstancias actuais e á problemática do noso mercado de traballo, é imprescindible unha dotación suficiente que permita poñer en marcha as accións de formación necesarias e de calidade, que sirvan para integrar no mercado de traballo á poboación desempregada, que cada vez ten maiores dificultades.

Aínda máis. Agrávase a situación ao reducirse ate o 10% máximo dos custos asociados, o que prexudica enormemente ás entidades beneficiarias no desenvolvemento da actividade formativa coa calidade requirida, máxime ao ter en conta que, agora, esa porcentaxe do 10% debe aplicarse sobre os custos directos da acción formativa e non sobre o orzamento total, como ocorría na orde para o exercicio anterior.

A esta limitación orzamentaria súmaselle a consolidación da redución dos anticipos, o que pon en grave perigo a posibilidade de impartición das accións formativas e a viabilidade das propias entidades beneficiarias.

Aínda coñecida a limitación imposta pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, este Comité suxire que a Xunta de Galicia aprobe unha norma específica para subvencións en materia de formación para o emprego que permita os anticipos de ata o 100 por 100 ou, como mínimo, o 60% que permite a norma estatal.

Finalmente, este Comité propón que, en todo caso, teñan a consideración de custos elixibles os gastos financeiros.

Segunda.
Para evitar os problemas de financiamento e atenuar o impacto dos retrasos nos pagamentos (dos anticipos, das liquidacións das subvencións, etc), este Comité propón que se estableza algún instrumento financeiro que posibilite a execución das accións formativas, como, por exemplo, un aval do IGAPE que implique que as entidades solicitantes poidan acceder a créditos con condicións financeiras especialmente favorables que cubran o 100% da cantidade subvencionada.




Terceira.
O carácter prioritario dos novos certificados de profesionalidade debe tomarse con cautela, pois aínda que o Decreto 106/2011, de Inscrición e acreditación, foi publicado en xuño de 2011, a Administración non está a responder de xeito áxil ás solicitudes de novas acreditacións, máxime no momento actual, que están a saír publicados un volume importante de novos certificados de profesionalidade e se derrogan moitas das especialidades que as entidades tiñan acreditadas. Así mesmo, deberíanse ter en conta, con carácter prioritario, todas aquelas accións que, sen estar asociadas aínda aos novos certificados, teñen éxito polo seu nivel de demanda e polo seu grao de inserción laboral.

Por outra banda, este Comité reclama da Administración unha maior axilidade nos procesos de inscrición de centros e acreditación de especialidades.  

Deberíase considerar a posibilidade de reprogramar as accións, nos termos e prazos establecidos pola Administración, e ter en conta a posibilidade de reprogramar aquelas accións que aínda que non estean na solicitude inicial, poidan ter demanda.

Cuarta.
Este Comité considera que se deberían solucionar os problemas que presentan as aplicacións SIFO para que non paralicen a xestión da programación desta convocatoria.

Quinta.
Este Comité considera que, con independencia de que o alumnado poida non participar nalgún dos módulos da acción formativa, deberíase garantir e concretar expresamente na orde o financiamento total da acción formativa á entidade, independentemente do número total do alumnado que participe en cada módulo.

Sexta.
As demoras habituais na resolución das subvencións ocasionan múltiples problemas, especialmente se temos en conta o incremento nos últimos anos da demanda de necesidades de formación. Isto trae como consecuencia que non se poda manter unha programación estable ao longo do ano senón que se circunscribe, no mellor dos casos, á metade del, o que impide, ademáis, a programación de cursos con alta demanda e longa duración.

Polo exposto, este Comité considera necesario facer programacións bianuais e unha oferta formativa de calidade, variada e sostida no tempo, para garantir a cobertura das necesidades formativas actuais.

Sétima.
Este Comité considera que, para garantir a concorrencia competitiva, as resolucións de todas as solicitudes desta convocatoria deben corresponder a un só órgano: a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

Subsidiariamente, solicítase que os criterios de aplicación de toda a norma sexan únicos para toda Galicia.

Oitava.
Obsérvase que, ao longo do texto, aparecen mencións ás vías de programación e á vía ordinaria, o que é unha reminiscencia da orde do exercicio anterior, na que se recollían varias vías.

Solicítase, polo tanto, que se supriman esas referencias, así como que se modifique o título do artigo 2, “Vías de programación” e se substitúa por un máis axeitado, como “Financiamento”.

Novena.
Este Comité observa que persisten algunhas incorreccións ortográficas puntuais en materia de xénero, principalmente as relativas ao uso reiterado das barras presente ao longo do texto do proxecto normativo (especialmente significativo na utilización de alumnos/as), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero. Debe terse en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan o uso das barras só para os formularios.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.- Exposición de motivos.
No antepenúltimo parágrafo da exposición de motivos alúdese ao proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2016.

Este Comité considera que debería terse en conta, no momento da publicación deste proxecto de orde, se a referencia hai que facela á lei de orzamentos ou ao proxecto de lei.

Segunda.- Artigo 2. Vías de programación (sic).
Este Comité considera que debería suprimirse o primeiro parágrafo deste artigo que se refire á vía ordinaria de programación e, en consecuencia, modificarse o título do artigo xa que nese proxecto normativo non se contemplan distintas vías de programación. Proponse que se denomine “Financiamento”.

Terceira.- Artigo 3. Entidades beneficiarias.
Este Comité considera que debería incluírse unha vía específica para que podan ser entidades beneficiarias das accións formativas as organizacións sindicais e empresariais e as súas entidades prestadoras de formación, co obxecto de garantir o cumprimento da obriga de cooperación da Administración cos interlocutores sociais.



Cuarta.- Artigo 3. Entidades beneficiarias.
Este precepto establece que poderán participar todos aqueles centros e entidades de formación acreditados no rexistro de centros e entidades de Formación para o Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, naquelas especialidades formativas que teñan inscritas ou acreditadas á data de publicación desta orde”.

Este Comité considera que debería permitirse participar aos referidos centros tamén naquelas especialidades que estean en proceso de inscrición ou acreditación á data de publicación da orde.

Quinta.- Artigo 4. Solicitudes, documentación e prazo.
O primeiro ítem do apartado 2.f) esixe achegar un programa formativo elaborado pola propia entidade.

Este Comité considera que no suposto de que o programa xa fora aportado con anterioridade, non debería ter que presentarse de novo.

Sexta.- Artigo 4. Solicitudes, documentación e prazo.
No apartado, 2.f) indícase que cando as especialidades formativas se correspondan cos novos certificados de profesionalidade, deberán achegar convenio ou acordo coa empresa ou empresas onde se realizarán as prácticas.

Este Comité considera que debería achegarse un compromiso da entidade de realizar as prácticas, pero os convenios deberían esixirse soamente cando a acción formativa estivera concedida, para non comprometer ás empresas sen necesidade.

Sétima.- Artigo 4. Solicitudes, documentación e prazo.
No apartado 2.g) establécese que xunto coa solicitude se acompañe a xustificación documental de ter cumprido co compromiso de inserción laboral na execución das accións formativas concedidas na convocatoria anterior.

Este Comité propón a eliminación da obrigatoriedade atribuída á entidade beneficiaria da subvención de ter que xustificar documentalmente a inserción laboral do seu alumnado polas seguintes razóns:

1ª. A entidade beneficiaria non dispón de autoridade legal para obrigar ao seu ex-alumnado a comunicar e xustificar documental e suficientemente a súa inserción laboral nun período de seis meses, logo de ter rematado o correspondente curso, o que na práctica supón cando menos unha patente limitación para a entidade.

2ª. A ausencia de recursos económicos específicos habilitados para a realización deste traballo, unha vez rematada a acción formativa.

En todo caso, este Comité considera que debería quedar máis claro e concretarse o procedemento que teñen os centros para xustificar o dito compromiso. Ademais hai que ter en conta que parte do alumnado pode optar polo autoemprego.

O compromiso de inserción laboral debería ser máis flexible no referido aos prazos, xa que, dadas as actuais circunstancias do mercado de traballo, a inserción laboral faise máis complicada e, polo tanto, debería terse en conta a inserción durante todo o ano natural posterior á finalización das accións, as baixas producidas ao longo do curso por colocación ou que a inserción teña que realizarse nunha familia profesional relacionada coa especialidade impartida.

Debido ao escaso marxe existente entre a finalización da formación na convocatoria do 2014 (15 de decembro de 2014) e a presentación da nova solicitude (1 mes desde a publicación), este Comité considera que é pouco realista o compromiso de inserción esixido ás entidades colaboradoras. Establécese como requisito que o alumnado teña finalizada a formación específica para poder cumprir co compromiso de inserción laboral, polo que as entidades só dispoñen de 15 días para poder conquerir e demostrar os obxectivos de inserción, cando o máis probable e que estes se produzan nos 6 meses seguintes á finalización da formación.

Oitava.- Artigo 4. Solicitudes, documentación e prazo.
O apartado 3 deste artigo limita a un máximo de dúas as accións formativas que pode solicitar cada entidade dunha mesma especialidade.

Este Comité propón a supresión do dito apartado xa que impón unha limitación da oferta formativa sen xustificación algunha.

Novena.- Artigo 6. Procedemento.
Para a elaboración do Anexo IV referido neste artigo, este Comité considera que se debería ter en conta a participación das organizacións sindicais e empresariais máis representativas na determinación, con criterios obxectivos, das especialidades priorizadas a incluír no citado anexo.

Por outro lado, este Comité considera que deberían manterse incluídas no referido Anexo IV, cando menos durante un período de tempo axustado ao período de amortización do esforzo inversor, aquelas especialidades formativas que supoñan un elevado investimento para as entidades beneficiarias, para os efectos de permitir a súa programación e rendibilización en termos económicos e sociais.

Décima.- Artigo 6. Procedemento.
O apartado 4 deste artigo establece como criterios de valoración a xestión do centro e a experiencia na impartación da formación profesional para o emprego.

Co obxecto de que as entidades poidan traballar na mellora continua, este Comité propón que a Administración traslade as suxestións de mellora que considere convenientes derivadas do informe técnico de seguimento, aínda mais cando este puntúa no baremo.

Neste sentido, tamén deberían clarificarse neste artigo os criterios de baremación relativos ao informe técnico de seguimento (ata 10 puntos), máxime se temos en conta que, nesta convocatoria, se produce un incremento na valoración de 5 a 10 puntos.

Décimo primeira.- Artigo 6. Procedemento.
No apartado 4.2º valórase a capacidade acreditada da entidade solicitante para desenvolver a formación con ata 15 puntos.

Este Comité solicita que se aclaren cáles son os parámetros para medir a dita experiencia e como se van a aplicar de maneira uniforme en toda Galicia coa puntuación asignada a cada un deles.

Décimo segunda.- Artigo 6. Procedemento.
No apartado 4.5º establécese que “A inserción deberá realizarse nunha ocupación relacionada coa familia profesional á que pertenza a especialidade impartida. Non se considerarán inserción as baixas por colocación que tiveran lugar ao longo do curso”.
Este Comité considera que se debería substituír este texto por: “Consideraranse inserción as baixas por colocación que tiveran lugar ao longo do curso.”

Décimo terceira.- Artigo 6. Procedemento.
O apartado 4.6º atribúe cinco puntos se se trata dunha especialidade relacionada coas competencias de idiomas, ofimática e tecnoloxías da información e comunicación, coñecementos financeiros e xurídicos, ou dirixida a anticipar as necesidades de cualificación das recollidas no Anexo IV e se programa na súa totalidade.

Este Comité propón que se expliciten os criterios de reparto deses cinco puntos.

Décimo cuarta.- Artigo 6. Procedemento.
O apartado 4.7º valora con ata 5 puntos a situación do centro de formación.

Este Comité considera que debería desglosarse a puntuación.

Décimo quinta.- Artigo 6. Procedemento.
No apartado 4.9º, introdúcese unha asignación negativa de 20 puntos polo incumprimento do compromiso de inserción.

Este Comité considera que o dito incumprimento debería penalizarse con só 10 puntos negativos, que son os mesmos que se asignan polo compromiso de inserción, xa que, ao penalizarse co dobre de puntos o incumprimento, pode levar a que as entidades beneficiarias, diante deste risco, decidan non comprometerse á inserción, o que dexaría ao programa sen unha parte substancial da súa finalidade.

Décimo sexta.- Artigo 6. Procedemento.
O apartado 7 deste artigo fixa en 25 puntos dos 94 posibles a puntuación mínima necesaria para acceder á programación, o que esixe un 26,6 % da puntuación posible total.

Este Comité propón que se fixe unha puntuación mínima requirida que sexa equivalente ao 35% da puntuación máxima posible.

Décimo sétima.- Artigo 7. Resolución.
O apartado 3 deste artigo recolle, para a resolución dos expedientes, un prazo de cinco meses.

Este Comité propón que este prazo sexa, como máximo, de tres meses.

Décimo oitava.- Artigo 10.-Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 2 inclúese un parágrafo segundo o cal: “Os docentes (...) deben acreditar 150 horas de formación en materia de xénero ou de experiencia profesional ou docente en materia de xénero”.

Este Comité propón eliminar a preposición “de” da redacción, xa que parece dar a entender que con 150 horas se adquire experiencia profesional ou docente en materia de xénero, cando esa referencia alude só á formación.

Décimo novena.- Artigo 10. Obrigas das entidades beneficiarias.
Obsérvase que na documentación que se relaciona na letra e) do apartado 3 deste artigo esíxense os extractos do libro maior no que se reflictan todas as operacións contables realizadas para a execución da acción formativa.

Este Comité entende que debería eliminarse esta obriga por considerar xa suficiente a documentación que se esixe. E, de manterse, debería engadirse “ou ben extractos da contabilidade analítica onde se reflictan todas as imputacións realizadas para a execución da acción formativa”.

No caso específico das entidades sen ánimo de lucro constátase, por exemplo, que na xestión de plans subvencionados de formación para o emprego, non se poden desglosar as subcontas por tipos de plans debido á súa complexidade, polo que a imputación dos custos para cada plan formativo realízase a través da contabilidade analítica que está cadrada coa contabilidade financeira.

Vixésima.- Artigo 10. Obrigas das entidades beneficiarias.
No último parágrafo do apartado 3 deste artigo establécese que a data límite para a presentación da xustificación final dos cursos será o 30 de novembro de 2016.

Este Comité considera que os prazos, na práctica, resultan moi axustados, polo que entende que se debería flexibilizar o período de xustificación, sendo este como máximo de 15 días despois de finalizado o último curso.

Vixésimo primeira.- Artigo 10. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 9 obriga ás entidades a dispoñer dun sistema de control biométrico para o seguimento e control de alumnado e do persoal docente.

Este sistema é unha orixe continua de erros e problemas polo que este Comité pide que sexa substituído por outro máis eficiente ou, no se seu caso, sexa eliminado por ser pouco operativo.

Vixésimo segunda.- Artigo 10. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 16 deste artigo establécese a obriga de dispoñer de libros contables, coa identificación en conta separada ou epígrafe específico da súa contabilidade de todos os ingresos e gastos de execución das accións formativas.

En liña co disposto na consideración décimo novena, este Comité considera que deberían engadirse os termos “contabilidade financeira ou analítica”.

Vixésimo terceira.- Artigo 10. Obrigas das entidades beneficiarias.
A obriga de incorporar a auditoría que esixe o apartado 18 resulta inviable por razóns técnicas e de prazo, polo que se solicita a súa supresión.

Vixésimo cuarta.- Artigo 10. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este Comité considera que, con respecto ao establecido no apartado 22 deste artigo e para conseguir unha maior axilidade, sería conveniente que o propio Servizo Público de Emprego detallara na súa carta ás persoas candidatas os requisitos que estes deben cumprir para acceder á especialidade correspondente.

Vixésimo quinta.- Artigo 10. Obrigas das entidades beneficiarias.
Respecto do apartado 24, este Comité considera que é necesario concretar os termos do compromiso que aquí se describe para que as entidades coñezan o alcance deste punto.

Vixésimo sexta.- Artigo 11. Determinación das subvencións para a acción formativa.
Respecto do apartado 5, este Comité propón que se faga unha revisión terminolóxica para falar de “discapacidade” e non de “minusvalía”.

Vixésimo sétima.- Artigo 11. Determinación das subvencións para a acción formativa.
No caso das contías establecidas para o persoal de apoio no apartado 5, este Comité considera que non deberían establecerse límites e financiar o custo de mercado dos profesionais en atención aos servizos prestados, xa que pode darse a circunstancia de que para un intérprete de signos, por exemplo, o custo non sexa suficiente.

Vixésimo oitava.- Artigo 12. Remate das accións.
Este artigo fixa a data límite para o remate das accións no 30 de novembro e, excepcionalmente, no 15 de decembro de 2016.

Este Comité propón que se amplíe a data xeral de terminación ata o 30 de decembro.

Vixésimo novena.- Artigo 13. Custos subvencionables.
No apartado I regúlanse os custos directos da actividade formativa. Este Comité considera que a estrutura de gasto proposta en relación a estes custos socava a xa exigua capacidade de imputación do gasto relativo á coordinación, preparación e titoría e impide na práctica a aplicación duns criterios e estándares mínimos de calidade neste importante apartado, o que provoca na práctica un descenso cuantitativo nas posibilidades de imputación destes custos entre un 5% e un 9%, naquelas accións formativas de maior alcance técnico e maior demanda por parte do sistema produtivo.

Trixésima.- Artigo 13. Custos subvencionables.
O apartado I.1 deste artigo establece un custo hora en concepto de docencia estipulado no 35% do custo da acción formativa, con carácter exclusivo.

Este Comité suxire que non se relacionen os custos xustificables da subvención co custo directo destinado á docencia.

Trixésimo primeira.- Artigo 13. Custos subvencionables.
No apartado I.1.a) regúlanse os custos directos da actividade formativa relativos á docencia que son subvencionables.

Este Comité propón que se supriman os seguintes parágrafos, por tratarse dun tema de administración laboral da entidade:

“A remuneración mensual habitual percibida polo persoal propio da entidade beneficiaria, non poderá ser incrementada durante o período de execución da acción formativa, agás que por norma ou modificación do convenio colectivo así se estableza. Non obstante, non serán admisibles aqueles custos salariais que por vía de convenio ou acordo entre a entidade e o traballador prevexan unha maior retribución en función do importe da subvención.

Non serán subvencionables os complementos ou pluses salariais non previstos na lexislación laboral, nos convenios colectivos que resulten de aplicación ou no contrato da persoa traballadora.

No suposto de baixas por IT e maternidades non se poderán imputar as retribucións dos formadores correspondente ao tempo que permaneza de baixa.

Tampouco serán subvencionables, as vacacións pagadas, pero non disfrutadas”.

Trixésimo segunda.- Artigo 13. Custos subvencionables.
Respecto do apartado I.3, este Comité considera que debe preverse a posibilidade de realizar amortizacións aceleradas, previa solicitude motivada á administración debido a que o equipamento, as instalacións e a maquinaria, que supoñen unha elevada inversión, poden estar afectados por necesidades de renovación para adaptarse continuamente aos requirimentos de actualización tecnolóxica.

Trixésimo terceira.- Artigo 13. Custos subvencionables.
O apartado I.4 establece que a imputación de alugueres entre os conceptos de instalacións e maquinaria non poderá superar o 10% da subvención concedida.

Este Comité considera que se debería eliminar esta limitación, xa que a esixencia de contar con maquinaria e ferramentas axeitadas constitúe un requisito imprescindible para a impartición dos certificados de profesionalidade, polo que é necesario aplicar os prezos de mercado sen atender a límites impostos.

Trixésimo cuarta.- Artigo 13. Custos subvencionables.
O apartado I.4 remata co seguinte parágrafo: “No caso dos contratos de arrendamento que non conteñan unha opción de compra e cuxa duración sexa inferior ao período de vida útil do activo ao que se refire o contrato, o arrendatario deberá poder demostrar que o arrendamento financeiro era o método máis rendible para obter o uso dos bens. Se os custes houberan sido mais baixos de terse utilizado un método alternativo os custes adicionais se deducirán do gasto subvencionable”.

Este Comité propón que se elimine este parágrafo, por constituír unha intromisión na liberdade de empresa. Subsidiariamente, para o caso de que esta consideración non fose atendida, propón que se especifique o que acontece nos supostos de arrendamento con opción de compra en que non se executa esa opción de compra.

Trixésimo quinta.- Artigo 13. Custos subvencionables.
O apartado II.1 regula os custos de persoal de apoio relacionando, en particular, unha serie de gastos que se inclúen.

Este Comité considera que a expresión “en particular” debería substituírse por “a título de exemplo”, de maneira que non limite as tarefas incluídas e deixe claro que simplemente son exemplos e que non supón, en ningún caso, unha lista pechada.

Trixésimo sexta.- Artigo 13. Custos subvencionables.
O apartado II.1 inclúe, como custos asociados, o custos de persoal de apoio, definidos como os custos de persoal de apoio interno necesarios para a xestión e execución da actividade formativa.

Este Comité propón que se elimine o inciso “interno”, xa que esa redacción impide a posibilidade de contratar persoal de apoio externo.

Trixésimo sétima.- Artigo 13. Custos subvencionables.
No apartado II.3 relaciónanse outros custos: luz, auga, calefacción, mensaxería, correo, limpeza e vixilancia asociados á execución da actividade formativa, e elimínase con respecto á convocatoria para o 2012, a expresión “e outros non especificados anteriormente”.

Este Comité entende que este cambio impide a imputación doutros custos asociados como, por exemplo, a telefonía.


Por outra banda, nesta convocatoria acentúase a redución dos custos asociados co 10% máximo, polo que se considera que este cambio prexudica enormemente ás entidades beneficiarias, fundamentalmente ás entidades sen ánimo de lucro, que non teñen actividade mercantil para manter as súas estruturas formativas.

Por isto, este Comité propón recuperar a porcentaxe establecida nas convocatorias anteriores ao ano 2013 (20%).

Trixésimo oitava.- Artigo 13. Custos subvencionables.
No apartado III recóllense, como outros custos subvencionables, os custos de avaliación e control da calidade da formación, ata o 5% do custo xustificado nos apartados I e II.

Este Comité considera que ese límite do 5% non debería vencellarse aos custos xustificados, senón ao custo subvencionado, como se recollía no texto da orde anterior.

Trixésimo novena.- Artigo 14. Pagamento.
Respecto ao establecido no apartado 1 deste artigo, onde se esixe á entidade que para o abono do anticipo deberá constituír garantía a favor da Consellería, este Comité considera que, para que o centro poda soportar os gastos xerados tanto polo persoal pedagóxico como polos provedores, etc., así como todos os gastos financeiros que se lle ocasionan, como os xuros debedores ou calquera modalidade de garantía válida en Dereito como o seguro de caución, estes gastos deberían estar cubertos polo orzamento do curso, dado que teñen unha clara relación coa acción formativa a impartir.

Para o caso de que se esixa aval bancario, este Comité solicita que se aclaren as condicións de levantamento dos avais aos que se refire este artigo.

Cuadraxésima.- Artigo 19. Xustificación dos custos directos.
Tanto respecto deste precepto como do artigo 20, este Comité propón que se adapten os requisitos documentais e xustificativos ás propostas de modificación feitas ao artigo 13.

Cuadraxésimo primeira.- Artigo 22.- Persoas destinatarias da formación.
O artigo 22.4 establece que as entidades non suxeitas ou exentas do IVE acreditarán tal circunstancia mediante certificado actualizado emitido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

Este Comité considera que isto é practicamente imposible, xa que coa salvidade de aquelas entidades non suxeitas ao IVE, o resto non están exentas. O que si o está é a actividade que realizan, que se relacionan na Lei no artigo 20, como é o caso da formación. En consecuencia, a AEAT non pode certificar a exención senón que, en todo caso, certificará que a dita actividade está contemplada no dito artigo, o que parece unha obviedade.




Cuadraxésimo segunda.- Artigo 27.- Persoas destinatarias da formación.
O apartado 2 relaciona os colectivos de persoas desempregadas que terán preferencia para a participación nos cursos e inclúe, no número 2º, ás persoas que teñen superados un ou varios módulos dun certificado de profesionalidade.

Este Comité propón que, no caso de programar un certificado completo, se permita a posibilidade de superar o número máximo de alumnado previsto de 15 persoas, para que esa persoa que xa superou un ou varios módulos poida incorporarse no momento en que se vaia desenvolver o módulo que ten pendente. Esta incorporación iría asociada a un incremento económico no módulo ou módulos.

Cuadraxésimo terceira.-Artigo 27.- Persoas destinatarias da formación.
Debido á situación e dimensión do desemprego na actualidade, este Comité considera que no apartado 2, a preferencia establecida no proxecto de Orde debería modificarse, para situar en primeiro lugar ás persoas desempregadas de longa duración e recolocar os ordinais de preferencia en función deste cambio.

Cuadraxésimo cuarta.- Artigo 28. Selección do alumnado.
No apartado 1.b) deste artigo regúlase o xeito de realizar a preselección do alumnado pola oficina de emprego correspondente.

Este Comité considera que co obxecto de axeitar a sondaxe entre as persoas demandantes de emprego, estas deben convocarse de acordo co perfil establecido no programa do curso e ter en conta o interese do alumnado.

Cuadraxésimo quinta.- Artigo 28. Selección do alumnado.
No apartado 1.c) deste artigo permítese a participación nas probas ás persoas traballadoras ocupadas que o tiveran solicitado.

Este Comité considera que non se debería limitar esta participación só ás persoas traballadoras ocupadas, polo que se suxire a eliminación do termo “ocupadas”.

Cuadraxésimo sexta.- Artigo 28. Selección do alumnado.
Respecto ao establecido no apartado 1 letra e) epígrafe i deste artigo, sobre que a selección do alumnado que se realice mediante un anuncio en prensa deberase publicar en domingo, agás que o centro directivo correspondente da consellería autorice a súa publicación nun día distinto, este Comité propón que se acuda a esta posibilidade “sen necesidade de autorización previa”.

Cuadraxésimo sétima.- Artigo 28. Selección do alumnado.
No apartado 3 recóllese a posibilidade de substituír o alumnado que non se incorpore ou se dea de baixa. No caso das accións formativas vinculadas a certificados de profesionalidade, esa posibilidade só se dá durante os primeiros cinco días lectivos.

Este Comité considera que debería permitirse esa substitución máis aló dese prazo de 5 días, e fixar unha porcentaxe en función da duración da acción (xa que non ten a mesma repercusión nun certificado de 300 horas que nun de 600), cun máximo do 25%.

Así mesmo, debería terse en conta esta circunstancia no cálculo de alumnado subvencionado.

Cuadraxésimo oitava.- Artigo 31. Módulos transversais.
No apartado 5 deste artigo dise que aquelas persoas que xa tiveran realizado algún módulo transversal, “non poderán volver a realizalo”.
Este Comité considera que, dado que pode haber alumnado que teña interese en volver realizar o módulo, debería dicirse: “poderán quedar exentos se así o solicitan”.

Cuadraxésimo novena Artigo 33. Diplomas.
Coa finalidade de dotar de máis claridade ao previsto no apartado sobre a entrega de diploma oficial a quen asistise “como mínimo ao 75% das horas lectivas”, este Comité considera que se debería facer constar expresamente se ese 75% se refire ás horas lectivas totais do curso ou ao 75% das horas lectivas totais con excepción das horas dos módulos transversais.

Quincuaxésima.- Artigo 34.Prácticas non laborais.
En relación ás prácticas incluídas no programa formativo do curso, sería desexable establecer unhas instrucións  para o correcto desenvolvemento das prácticas e atender aspectos como o calendario de execución, lugar (mesmo concello ou outro), circunstancias para a renuncia e, en xeral, todos aqueles aspectos derivados da posible casuística.

Quincuaxésimo primeira.- Disposición Adicional Terceira.
Nesta Disposición Adicional faise referencia á obtención concorrente de subvencións ou axudas “outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacionais” debería substituírse por “estatais”.

Quincuaxésimo segunda.- Anexo IV.
Este Comité considera que as organizacións sindicais e empresariais máis representativas deben participar na determinación dos criterios de elaboración do Anexo IV e presentar as propostas de especialidades a incluír nel.

Quincuaxésimo terceira.- Anexo V. Compromiso de inserción de alumnos.
Consideramos este anexo pouco realista, xa que na situación económica e empresarial actual, deberíase poder traballar ao longo do curso na inserción laboral do alumnado. A esixencia de comunicar na solicitude as empresas nas que se vai realizar a inserción, os postos e a duración do contrato, representa unha seria limitación para as entidades solicitantes e pouco realista, xa que as empresas non teñen por qué manter ese compromiso. Debería substituírse por unha declaración de intencións, con xustificación posterior do grao de cumprimento, e atender as alegacións expresadas no artigo 4º.

ANEXO I


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, aínda que comparten a lóxica excepción da concorrencia competitiva, consideran que se debería realizar unha fiscalización eficaz sobre a que entidades se lles concede e en que condicións.

Segunda.- Artigo 6. Procedemento.
O apartado 4.8º deste precepto valora con 5 puntos o emprego da lingua galega na realización das accións formativas.

As organizacións sindicais propoñen que se outorguen ata 15 puntos cando se use o galego en todos os trámites e procesos formativos.

Terceira.- Artigo 14. Pagamento.
Respecto ao establecido no apartado 1 deste artigo, onde se esixe á entidade que para o aboamento do anticipo deberá constituír unha garantía a favor da Consellería a través dun seguro de caución ou outras formas de aval, as organizacións sindicais deste Consello consideran que este debería esixirse só para as entidades lucrativas.


ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS CENTRAIS SINDICAIS UGT-GALICIA E SINDICATO NACIONAL DE CC.OO DE GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Primeira. Artigo 6.- Procedemento.
As organizacións UGT-Galicia, S.N. de CC.OO. de Galicia e máis a CEG consideran que a valoración da experiencia na impartición das accións debería ter en conta o caso dos certificados de máis recente aprobación e, polo tanto, de menor percorrido no que a experiencia se refire, para deste xeito evitar que se xeren diferenzas na puntuación atribuíbles a outras circunstancias.

Segunda. Artigo 22. Forma de xustificar a pagamento.
Este precepto regula os distintos soportes que permiten xustificar o pagamento.

As organizacións sindicais S.N. de CC.OO. de Galicia e UGT-Galicia, así como a CEG consideran que debería substituírse o parágrafo relativo ao pagamento en efectivo por outro no que se inclúa, como xustificante de pago, os tickets ou facturas que inclúan o CIF do provedor, á vista do dispsosto na normativa de carácter xeral que existe sobre esta materia.

Terceira. Artigo 34.- Prácticas non laborais.
As citadas organizacións consideran que non compete a esta norma a esixencia da documentación requirida no apartado 1.2 deste artigo para o inicio das prácticas, relativa á propia actividade da empresa, como a licenza de apertura, ou o cumprimento da normativa en PRL, xa que de non estar ao día a autoridade competente non permitiría que a empresa desempeñase a súa actividade.

Debería ser suficiente con presentar unha declaración.

ANEXO III


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS CENTRAIS SINDICAIS UGT-GALICIA E CIG E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA


As centrais sindicais UGT- Galicia e CIG, así como a CEG consideran, respecto do procedemento de presentación de solicitudes e documentación complementaria que se debería respectar o dereito recoñecido á cidadanía na Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo común das Administracións Públicas, polo que pode optar entre a presentación telemática e a presentación en papel por rexistro.



ANEXO IV

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CENTRAL SINDICAL CIG.

Primeira. Artigo 6.- Procedemento.
Regúlanse neste artigo os criterios avaliativos de “Capacidade acreditada da entidade” (Apartado 4.2º, con ata 15 puntos) e a “Metodoloxía innovadora” (Apartado 4.4º, con ata 10 puntos).

A CIG considera que os criterios deben tender a ser o máis obxectivos posibles, para evitar discrecionalidade no outorgamento da puntuación, e que deberían ser coñecidos polas entidades solicitantes os parámetros que poden dar lugar ás diferentes asignacións, polo que propón que se detallen neste precepto os criterios de aplicación para a asignación concreta de cada puntuación.

Ademais, considera que o criterio do apartado 4.2º debería avaliarse con ata 25 puntos como figuraba na orde para o exercicio de 2013.

Segunda .- Artigo 6.- Procedemento.
Respecto do apartado 4.6º, a CIG propón que se recupere a previsión da convocatoria do exercicio 2013, segundo a cal: “Se a especialidade solicitada está incluída no anexo IV e se programa na súa totalidade, outorgaranse 20 puntos”, xa que no borrador actual se valora con 5 puntos.

Terceira.- Artigo 11. Determinación das subvencións para a acción formativa.
O apartado 3 deste artigo establece que o importe das accións formativas concretarase no produto de horas do curso polo número de alumnos e polo importe do módulo que lle corresponda á especialidade.

Esta organización propón a eliminación do modelo proposto para a cuantificación das subvencións destinadas a cada acción formativa, que entendemos desvencellado da realidade, xa que non ten en conta os custos reais que ten cada especialidade formativa en función das súas características e esixencias materiais de execución.

Cuarta.- Artigo 31. Módulos transversais.
En relación coa formación en materia de Prevención de Riscos Laborais, a CIG considera que a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia debería impulsar a elaboración de Catálogos Formativos nesa materia, para os sectores da Construción e do Metal, dado que as limitacións impostas nos procesos vencellados á obtención das denominadas “Tarxetas Profesionais”, especialmente no primeiro sector mencionado, imposibilitan na práctica a homologación para poder impartir con medios propios estes concretos módulos transversais.




ANEXO V

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Primeira.- Artigo 6. Procedemento.
O terceiro ítem do apartado 4 deste artigo outorga 10 puntos se a especialidade solicitada é conducente á obtención dun novo certificado de profesionalidade, sempre que se programe na súa totalidade.
A CEG entende que esa puntuación é excesiva, xa que non está na liña de fomentar a formación accesible e modular e, ademais, hai que ter en conta que os criterios de acceso do alumnado varían en función dos módulos, polo que dificultará os procesos de selección. A isto hai que engadir que pode dificultar os procesos de selección nos certificados cuxos criterios de acceso varían atendendo ao diferentes módulos. No caso dos certificados que esixen unha titulación mínima e a maiores para un módulo determinado un nivel de idiomas acreditable.
Segunda.- Artigo 6. Procedemento.
Respecto ao apartado 4.2º , a CEG considera que a valoración da experiencia en formación profesional debe asociarse ao CIF da entidade e non debería circunscribirse ao centro, xa que unha entidade con experiencia pode adquirir un centro novo e polo tanto non obter puntuación.

Así mesmo, a experiencia non debe circunscribirse unicamente á formación de carácter presencial financiada con fondos públicos senón que tamén debe abarcar toda a formación incluíndo outros métodos admitidos como a teleformación e independentemente da súa financiación, sobre todo ao ter en conta que ante a progresiva redución de fondos públicos moitas empresas de formación con ampla experiencia implementaron a oferta privada nestes últimos anos.

Terceira.- Artigo 6. Procedemento.
O compromiso de inserción laboral regulado no apartado 4.5º debe ser máis flexible no tempo (duración), xa que dadas as actuais circunstancias do mercado de traballo, a inserción laboral faise máis complicada. Tamén debería terse en conta a inserción durante todo o ano natural anterior á solicitude das accións, a inserción por un período mínimo de tres meses, as baixas producidas ao longo do curso por colocación, a inserción de persoas desempregadas que se constitúen como autónomos ou eliminar a esixencia de que a inserción teña que realizarse nunha familia profesional relacionada coa especialidade impartida.
Cuarta.- Artigo 6. Procedemento.
O apartado 4.6º deste artigo avalía con 5 puntos a solicitude que teña a especialidade solicitada incluída no anexo IV.

A CEG considera que a solicitude debería avaliarse cos citados 5 puntos tamén cando sexa unhas unidades de competencia que formen parte da dita especialidade formativa.

Quinta.- Artigo 6. Procedemento.
O apartado 4.8º deste artigo avalía con 5 puntos o emprego da lingua galega.

A CEG non se opón a que se avalíe o emprego da lingua galega, nin tampouco á mención establecida no artigo 20.2.letra l) da lei 9/2007, de subvencións. Solicítase que a dita avaliación non se centre exclusivamente na utilización polos docentes na impartición das accións formativas.

Na opinión da CEG, deberían permitirse varias opcións alternativas para as entidades impartidoras tendo en consideración a garantía da calidade da formación (elaboración de materiais, docencia, documentación de xestión das axudas, etc.), de tal xeito que non quede centreada exclusivamente na súa utilización polos docentes na impartición das accións formativas. Neste senso flexibilizador, tamén deberíase considerar que na Formación Profesional Reglada se establece unha obriga de compromiso do 50% (non do 100%) dos contidos da formación,indicando ao comezo da acción formativa cales serán os contidos que se desenvolverán en galego.

Sexta.-Artigo 11. Determinación das subvencións para a acción formativa.
A contía estipulada para cubrir os custos do titor de prácticas no apartado 3 deste artigo, establecida en 1,5 € por alumnos/hora, é insuficiente polo que a CEG propón que sexa incrementada para cubrir polo menos o custo laboral do titor do tempo dedicado ás horas de titoría.

Sétima.- Artigo 13. Custos subvencionables.
O apartado I.4 deste precepto establece que: “No caso dos contratos de arrendamento que non conteñan unha opción de compra e cuxa duración sexa inferior ao período de vida útil do activo ao que se refire o contrato, o arrendatario deberá poder demostrar que o arrendamento financeiro era o método máis rendible para obter o uso dos bens. Se os custes houberan sido mais baixos de terse utilizado un método alternativo os custes adicionais se deducirán do gasto subvencionable”.

A CEG considera que debería precisarse que se entende por “máis rendible”, xa que se o circunscribimos á orde fará referencia a un menor custo imputable, o que pode limitar a opción do aluguer que, na maioría dos casos, é maior que a porcentaxe de imputación da amortización no caso da compra ou das instalacións nas datas nas que se desenrola a acción formativa.

Se a interpretación da norma é esta, que prima a amortización sobre o aluguer, as dificultades para as empresas de formación son maiores, xa que deberán facer fronte a unha inversión nun momento de incertidumbre económica e dunha dubidosa rendibilidade a longo prazo.

Oitava.- Artigo 15. Incumprimento de obrigas e reintegro.
A CEG considera que a penalización establecida no punto 2.c) é excesiva, polo que de acordo cos motivos argumentados na alegación relativa ao art.6.4.8º (consideración quinta deste Anexo), propón a súa eliminación.

Novena.- Artigo 19. Xustificación dos custos directos.
No que respecta á modalidade de contratación da docencia,  a CEG pide que sexa contemplada a posibilidade de contratación con empresas docentes tal e como se recolle no proxecto de RD polo que se desenvolve a lei 30/2015 e que establece que: “a contratación pola entidade adxudicataria do persoal docente non se considerará subcontratación. Por contratación de persoal docente enténdese, a estes efectos, tanto a contratación de persoas físicas como a contratación de entidades que proporcionen o persoal docente requirido.”

Non parece razoable non ter en conta a posibilidade de recorrer a unha entidade especializada que nunha materia específica poida aportar docentes acreditados para a impartición cando a norma estatal si o prevé. Por outra banda, esta cuestión tampouco é novidosa, xa que en ordes de AFD de anos anteriores, xa se contemplaba.

Décima.- Artigo 27. Persoas destinatarias da formación.
O apartado 2 deste precepto recolle os colectivos de persoas desempregadas que terán  preferencia para a participación nos cursos.

A CEG propón que, unha vez establecidos eses colectivos, é necesario coñecer como se establece un orde de prelación entre eles.

Décimo primeira.- Artigo 28. Selección do alumnado.
A CEG considera que o proceso de captación do alumnado non é o máis desexable. Isto débese a que, en algúns casos, selecciónanse desde o Servizo Público de Emprego de Galicia persoas que non cumpren os requisitos que marcan os certificados, ou ben persoas que non manifestan ningún interese en realizar a acción formativa que se lles propón. Desde algunhas oficinas anímase aos demandantes a inscribirse en máis dun curso, independentemente de que teñan ou non interese. Todo elo provoca que alumnado desmotivado sexa beneficiario de accións formativas en detrimento de persoas que si poderían estar interesadas.

Para a captación de alumnado, a CEG considera que deberían terse en conta as necesidades formativas detectadas polos orientadores laborais atendendo ao perfil profesional. Na actualidade dáse a circunstancia de que existe  alumnado que realizou ata seis accións formativas totalmente dispares nos últimos anos, coa única motivación do cobro dunha axuda económica e sen ningún  outro tipo de interese formativo. Así mesmo, danse casos de persoas con Itinerarios Personalizados de Inserción ás que se lles fan propostas de formación totalmente dispares e non acordes coas súas posibilidades formativas ou coa súa titulación académica e, polo tanto, pouco efectivas de cara á súa inserción laboral, cando un dos fins da formación é a capacitación para o emprego.

Décimo segunda.- Artigo 28. Selección do alumnado.
O apartado 3 deste artigo permite que o alumnado que teña probadas unha ou varias unidades de competencia se poidan incorporar nos 5 primeiros días lectivos da dita unidade. A CEG considera que esta posibilidade ten un custo económico que non é contemplado no rateo de alumnos que se realiza no primeiro carto das horas lectivas, xa que estas poden ter transcorrido xa, polo que se pide que se teña en conta esta circunstancia.
Décimo terceira.- Artigo 31. Módulos transversais.
A CEG considera que deberían revisarse as materias a impartir nestes módulos, e incluir outras materias de interese para as persoas destinatarias e os criterios para homologalos, posto que provocan duplicidades de xestión.

Décimo cuarta.- Artigo 31. Módulos transversais.
Debería recuperarse a obrigatoriedade da realización do curso de PRL nos termos establecidos no art.47.2 da Orde de convocatoria anterior. Isto ven motivado porque nas familias profesionais mencionadas no citado artigo é un requirimento imprescindible e necesario de acceso ás prácticas que as empresas esixen, para poder garantir e velar pola seguridade dos traballadores/alumnos dados os riscos específicos derivados das tarefas a desempeñar.

Décimo quinta.- Artigo 32. Dereitos e deberes dos alumnos e das alumnas.
No apartado 6º establécese que: “A xustificación das faltas deberá facerse mediante documentos ou calquera outro medio que acredite de modo fidedigno o motivo da non asistencia.

A CEG considera que é necesario aclarar qué se entende por “calquera outro medio”, en tanto en canto o alumnado debe estar advertido do modo de xustificación das ausencias.

Décimo sexta.- Artigo 34. Prácticas non laborais.
Polo que se refire ao período de presentación da documentación que se precisa para a realización das prácticas, co motivo de facilitar a participación das empresas na xestión de toda a documentación administrativa que se xera e sobre a cal as entidades beneficiarias dependen de terceiros, a CEG solicita unha redución dos tempos de entrega que se traduza en cinco días hábiles de antelación á data de inicio das prácticas e non os dez días hábiles que se recollen no actual proxecto normativo, tal e como se viña establecendo anteriormente.

Décimo sétima.- Artigo 34. Prácticas non laborais.
No apartado 1.7 deste artigo establécese que as empresas deberán comunicar aos representantes legais das persoas traballadoras na empresa unha relación do alumnado que vaia realizar as prácticas, as datas e horario de realización.

A CEG considera que as entidades non deberían establecer os procedementos internos das empresas, co cal serán elas mesmas as que decidan o que nas súas empresas deben comunicar, a quen e como.

Décimo oitava.- Artigo 34. Prácticas non laborais.
A CEG propón que se inclúa a posibilidade de, logo de autorización da Administración, ampliar o número de horas das prácticas incluídas no programa formativo das especialidades vencelladas a novos certificados, co obxectivo de facilitar o acceso a unha formación máis completa e aproveitando as oportunidades que as empresas poidan facer.




Décimo novena.- Anexo IV.
A CEG propón a inclusión das seguintes especialidades no anexo IV, para proporcionar formación específica nestes ámbitos no que a demanda de emprego cualificado das empresas é maior:

SSCE0110 Docencia da formación para o emprego
ADGD0308 Actividades de xestión administrativa
ADGD0108 Xestión contable e xestión administrativa para auditorías
ADGD0208 Xestión integrada de recursos humanos
ADGD0210 Creación e xestión de microempresas
IFCD0110 Confección e publicación de páxinas webs
IFCT0310 Administración de bases de datos
IFCT0109 Seguridade informática

IFCT0609 Programación de sistemas informáticos
FMEC0108 Fábrica e montaxe de instalacións de tubería industrial
FMEC0110 Soldadura con electrodo revestido e TIG
FMEC0210 Soldadura oxigás e soldadura MIG/MAG
FMEC0208 Deseño de caldeiraría e estruturas metálicas
FMEC0309 Deseño na industria naval
FMEC0209 Deseño de tubería industrial

COML0210 Xestión e control do aprovisionamento
COML0309 Organización e xestión de almacéns

SSCS0208 Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais
SEAG0211 Xestión ambiental.

Así mesmo propoñemos sexan incluídas especialidades da familia de informática e de administración e xestión xa que os perfís profesionais  das ofertas de emprego esixen maiores coñecementos nesta materia.

E concretamente:

-       IFCT0510 Xestión de sistemas informáticos.

-       FCT0509 Administración de servizos de internet


ANEXO VI

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CENTRAL SINDICAL UGT-GALICIA:

Anexo IV.
UGT-Galicia  propón a inclusión das seguintes especialidades no anexo IV, para proporcionar formación específica nestes ámbitos no que a demanda de emprego cualificado das empresas é maior:

ADGG 0108   Asistencia á dirección
SSCB   0109   Dinamización comunitaria
IFCT    0109   Seguridade informática