ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 43/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

I. ANTECEDENTES

O día 25 de novembro de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Fomento da Contratación e do Traballo Autónomo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2016. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a Exposición de Motivos deste proxecto normativo, para a Xunta de Galicia o desemprego xuvenil constitúe unha das súas principais preocupacións e o centro das medidas que impulsan o desenvolvemento das políticas activas de emprego, xa que os menores de vinte e cinco anos son un dos grupos de poboación que resultaron máis prexudicados polo proceso de destrución de emprego como efecto da grave crise económica que se está a padecer desde o ano 2008. Esta grave situación laboral na que se atopan os mozos e mozas pode ter como consecuencia  unha forte desconexión do mercado de traballo e de exclusión social a longo prazo.

É pois entón o entorno de crise e de recesión económica coa redución do gasto público na procura da redución do déficit o que fai que a distribución de fondos estatais ás Comunidades Autónomas en materia de políticas activas de emprego sexa similar á dos exercicios anteriores, polo que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, opta por manter e continuar o esquema reflectido na orde do exercicio anterior, para os programas mixtos de formación e emprego. Así para 2016 tentarase para Galicia un programa autonómico, adaptación do programa estatal de obradoiros de emprego, consonte o momento actual e cos seus requirimentos específicos adaptados ao noso mercado laboral, na procura dunha maior flexibilidade e axilidade para facilitar a súa xestión; mantense tamén a novidade introducida no exercicio 2014 de incluír entre as persoas beneficiarias ás desempregadas maiores de dezaoito e menores de vintecinco anos.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde para o exercicio de 2015, publicado no DOG o día 13 de xaneiro de 2015 e visto o ditame emitido polo Consello con data 26 de novembro de 2014 (Ditame 31/14), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello.

A novidade máis destacable do novo proxecto normativo respecto do anterior recóllese no artigo 36, o cal engade novas obrigas das entidades promotoras.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2016” consta de: Exposición de motivos, 38 artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 10 de decembro de 2015 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén cinco consideracións xerais e catorce consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime: unha específica manifestada polas organizacións sindicais (Anexo I) e outra específica manifestada pola organización sindical CIG (Anexo II).




DITAME 43/2015




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2016, con data de rexistro de entrada neste Consello o 25 de novembro de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 10 de decembro de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:


Primeira.
Este Comité insiste en que deberían argumentarse os motivos da supresión dos programas de escolas obradoiro, casas de oficios e unidades de promoción e desenvolvemento que se efectuou en 2012.

Segunda.
Este Comité considera que debería recuperarse neste proxecto normativo a posibilidade de que os organismos autónomos, os entes e as sociedades públicas e de dereito público da Administración xeral do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, xunto coas universidades e as fundacións e as asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro, que figuraban no artigo 6º da Orde do 18 de marzo de 2010 (DOG núm. 58, do 26/03/2010), volvan a ser entidades promotoras e beneficiarias dos programas.

Terceira.
Neste proxecto de orde segue sen incorporarse a esixencia recollida en exercicios anteriores ao 2014, por parte das entidades promotoras, de asumir un compromiso de inserción laboral de, polo menos, o 10% das persoas desempregadas participantes nos proxectos.

Este Comité considera que debería recuperarse esa esixencia que no resto das ordes de accións formativas é un dos criterios de valoración. Ademais, segundo consta no noveno parágrafo da exposición de motivos deste proxecto normativo “Estes obradoiros de emprego (...) están dirixidos a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas ..... ”, polo que non se entende a supresión do compromiso de inserción laboral.

Cuarta.
Este Comité propón unha revisión do texto deste proxecto normativo, xa que existen nel numerosos erros lingüísticos tales como “nivel” en lugar de “nível” (apartado 3 do artigo 2), “cosa” en lugar de “cousa” (parágrafo sexto da Exposición de Motivos”), un “y” que sobra (apartado 3 do artigo 13), “nor” en lugar de “nos” (apartado 1 do artigo 15), “estiver” e “xurdir” en lugar de “estivera” e “xurdira” (letra m. do apartado 1 do artigo 22), “mantener” en lugar de “manter” (letra f do artigo 36), entre outros.

Quinta.
Obsérvase que ao longo do texto do proxecto normativo emprégase o termo “alumnado- traballador participante” para referirse ás persoas beneficiarias participantes no programa dos obradoiros de emprego.

Este Comité propón a súa substitución polo termo de “persoas participantes”.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira. Exposición de Motivos.
Este Comité considera que a referencia que, no parágrafo quinto da Exposición de Motivos, se fai aos menores de vinte e cinco anos como un dos grupos de poboación que resultaron mais prexudicados polo proceso de destrución de emprego por efecto da crise económica, debería ser feita á mocidade en xeral e non a esa franxa en concreto, por ser mais axustado a realidade. Por ese motivo, proponse que se substitúa a expresión “os menores de vinte e cinco anos son un dos grupos ...” por “a mocidade é un dos grupos ...”.

Segunda. Artigo 3.- Beneficiarias da subvención: entidades promotoras.
O apartado 2 deste precepto esixe unha media de paro superior a 500 persoas e exceptúa deste requisito os supostos en que a solicitude ou as actuacións previstas no proxecto engloben cando menos a tres concellos limítrofes da mesma provincia ou dous procedentes de fusión.

Este Comité non comparte a esixencia de que os concellos pertenzan á mesma provincia, dadas as características xeográficas dos concellos galegos, polo que proponse a eliminación desta esixencia.

Terceira. Artigo 6.- Formación complementaria.
O artigo 6º da orde de obradoiros de emprego para o exercicio 2013 establecía que o alumnado que non posuíra unha formación mínima debería cursar o módulo de competencias clave, posibilidade que é suprimida neste proxecto normativo. Porén, o artigo 11º , apartado 2, letra d) deste, inclúe, entre os requisitos mínimos das persoas candidatas preseleccionadas, o de posuír esa formación mínima, o que supón que o alumnado que carece dela non pode cursar os diferentes módulos formativos da súa especialidade.

Este Comité considera que debería xustificarse a eliminación no proxecto normativo da posibilidade de acceso a cursar o módulo de competencias clave.

Cuarta. Artigo 10.- Normas xerais: grupo de traballo mixto.
O apartado 1 deste artigo establece que a selección do alumnado-traballador así como a do persoal directivo, docente e de apoio participante no proxecto, será realizada por un grupo de traballo mixto constituído por persoal da Consellería de Economía, Emprego e Industria e da entidade promotora.

Este Comité reitera o manifestado en ditames anteriores e considera que o persoal das oficinas de emprego de cada zona é o máis idóneo para establecer, xunto coas persoas representantes da entidade promotora, os criterios de selección, xa que son eles os que teñen un contacto máis directo coa realidade sociolaboral das áreas onde se pretenden emprender as accións.

Polo exposto, proponse que se especifique no apartado 1 deste artigo que o persoal da Oficina de Emprego correspondente ao obradoiro de emprego formará parte do grupo mixto.

Quinta. Artigo 11.- Procedemento de selección do alumnado-traballador (sic).
As organizacións sindicais e empresarial con presenza neste Consello consideran imprescindible que no texto da orde se ofrezan suficientes garantías de que os baremos específicos que establezan os grupos de traballo mixtos para cada unha das iniciativas serán informados ao Consello Autonómico de Emprego.

Sexta.- Artigo 11.- Procedemento de selección do alumnado-traballador (sic).
Este Comité entende que habería que regular a posibilidade de que a entidade beneficiaria poda substituír ao alumnado que cause baixa.

Sétima. Artigo 11.- Procedemento de selección do alumnado-traballador (sic).
No apartado 3 deste artigo establécese que terán preferencia para participar nestes proxectos o colectivo de persoas con especiais dificultades de inserción no mercado de traballo e relaciónanse a continuación unha serie de exemplos.

Este Comité considera que debería constar soamente a prioridade do referido colectivo e suprimir todos os exemplos.

Para o caso de manterse os exemplos, proponse a modificación da expresión “mulleres vítimas de violencia” pola de “mulleres vítimas de violencia de xénero”, dado que é o termo que utiliza a Lei galega 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes e a normativa que dela se deriva.

Oitava. Artigo 12.- Procedemento de selección do persoal directivo, docente e de apoio.
Este artigo establece que a selección do persoal directivo, docente e de apoio se levará a cabo mediante oferta de emprego, convocatoria pública ou ambas.

Este Comité considera que, na selección do persoal directivo e docente, deberían establecerse uns criterios máis obxectivos de selección, por canto faculta á Comisión de Selección para poder utilizar, ao seu criterio, o sistema de oferta de emprego tramitada pola oficina, convocatoria pública ou ambas as dúas.

Aínda cando non sexan de aplicación os principios reitores de selección de persoal ao servizo da Administración pública, o certo é que a dimensión pública deste tipo de instrumentos merece e esixe a máxima transparencia na súa articulación e posta en funcionamento, máxime tendo en conta que se está a seleccionar o persoal directivo e docente que é quen lle dará á iniciativa maior ou menor prestixio.

É por iso polo que deberían dedicarse polo menos uns parágrafos a establecer unha serie de criterios para ser valorados polo grupo de traballo mixto, como poden ser: méritos, experiencia previa, etc.; todos eles tendentes a garantir a libre concorrencia, a igualdade de oportunidades e, sobre todo, a oportunidade da decisión que se adopte; oportunidade na que debe ter un peso especial a capacidade acreditada e recoñecida das persoas candidatas.

Así mesmo, as organizacións empresarial e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a utilización da convocatoria pública soamente debería producirse no caso de que se utilice o sistema de oferta e non existisen persoas candidatas ou estas non resultaran idóneas, polo que se propón modificar a redacción do texto do xeito que segue: “o grupo de traballo utilizará a oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego; no caso de que non existisen persoas candidatas ou estas non foran consideradas idóneas, faríase a convocatoria pública”.

Novena. Artigo 14.- Incidencias e reclamacións.
Para o caso da selección do persoal directivo e docente, este Comité bota en falta unha mínima regulación deste tipo de reclamacións, onde parece que se lle atribúe personalidade xurídica ao grupo de traballo mixto, cando este carece dela; ademais, a prol dunha maior claridade e seguridade xurídica, deberíase deixar constatado ante quen e en que prazo poderán formularse as reclamacións.

Consideramos que deberían sinalarse expresamente e para evitar dúbidas, as reclamacións que se poidan suscitar, a xurisdición ante a cal debe comparecer a persoa que reclame e a necesidade ou non de esgotar vías previas.

Décima. Artigo 22.- Criterios de valoración dos proxectos.
No proxecto de orde do exercicio de 2013 figuraba no apartado 1, letra m) do artigo 20, entre os criterios de avaliación: “Emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos. Ata 5 puntos.”

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.  

Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción do proxecto de 2013 para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Décimo primeira. Artigo 22.- Criterios de valoración dos proxectos.
Este Comité propón a revisión ortográfica do texto do proxecto normativo e corrixir a referencia ás letras j e k, impropias do alfabeto galego, nos artigos 22 e 36, letras que deben substituirse polas que correspondan.

Décimo segunda. Artigo 23.- Resolución.
O apartado 1 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses a contar dende o remate do prazo de presentación de solicitudes.

Este Comité considera este prazo excesivo, polo que propón que sexa de tres meses.

Décimo terceira. Artigo 30.- Subvención para custos salariais do alumnado-traballador (sic).
Desde o exercicio de 2011 obsérvase un descenso en 50 puntos porcentuais do SMI a subvencionar nos contratos para a formación e aprendizaxe, que pasa a ser do 100%.

Hai que ter en conta que as entidades promotoras dos programas xa deben completar a contía dos salarios para adaptalos aos convenios colectivos de aplicación, polo que este Comité considera que debería manterse a porcentaxe contemplada na Orde do ano 2010, co fin de favorecer a súa continuidade. Ademais, desde o exercicio do ano 2015 suprímese unha paga extraordinaria, co que se acentúa este prexuízo.

Este Comité considera que debería manterse o aboamento da segunda paga extra.

Décimo cuarta. Artigo 38.- Asistencia, seguimento e avaliación.
Unha vez máis, e co obxecto de dotar á norma das maiores garantías de cumprimento, este Comité considera imprescindible que no texto da Orde se inclúa a obriga de informar trimestralmente das accións realizadas ao Consello Autonómico de Emprego, aos Consellos Provinciais de Emprego e aos Comités Territoriais de Emprego , para asegurar o exercicio das funcións que o Decreto 192/2011, do 29 de setembro lles encomenda.
























ANEXO I


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Artigo 22.- Criterios de valoración dos proxectos.
En relación coa consideración específica unánime décima, relativa a este mesmo artigo 22, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde (subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación) non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que debe manterse a redacción deste precepto contida na orde precedente.

















ANEXO II


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG

Exposición de motivos.

No parágrafo segundo da exposición de motivos do proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “Diálogo Social”. A CIG considera que debería rectificarse este aspecto pola súa carencia de relación material co contido dunha orde que, substancialmente, e agás cativos retoques, ven sendo reprodución doutras anteriores.