ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 44/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia os anos 2016 e 2017.

I. ANTECEDENTES

O día 25 de novembro de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Fomento da Contratación e do Traballo Autónomo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia os anos 2015 e 2016. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, no actual contexto económico, a sociedade esixe dos poderes públicos a adopción de medidas efectivas e eficientes que coadxuven a paliar os efectos e a reducir o desemprego, sinaladamente das persoas con especiais dificultades de inserción; por esta razón, mantendo os elementos nucleares que caracterizan orixinariamente aos programas integrados para o emprego, a presente regulación realiza unha adaptación do programa estatal de programas experimentais en materia de emprego, introducindo unha serie de modificacións tendentes a reducir os custos dos proxectos, a posibilitar o acceso dun maior número de persoas desempregadas beneficiarias, establecer colectivos de actuación específicos e garantir a prestación ás persoas participantes de medidas de mellora da empregabilidade que inclúen necesariamente formación para o emprego e intermediación no mercado de traballo. Desta maneira, configúrase un programa autonómico nesta materia, que a Xunta de Galicia incluirá no Plan Anual de Política de Emprego (PAPE) para 2016.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde publicada no DOG o 16 de xaneiro de 2015, e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 2 de decembro de 2014 (ditame 33/14), obsérvase que foron tidas en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.





Deste proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

No artigo 2, apréciase unha redución dos créditos con cargo aos cales se financiarán as axudas reguladas neste proxecto de orde, pasando as contías a ser  de 720.000 euros para 2016 e de 2.156.050 euros para 2017. No proxecto anterior recollíanse unhas contías de 1.200.000 euros para o primeiro ano e de 4.560.000 para o segundo.

O artigo 3 engade un apartado 5 segundo o cal non computarán como inserción laboral as contratacións que se produzan en calquera administración pública con cargo a subvencións de programas de políticas activas de emprego nin as contratacións das persoas participantes nos programas pola propia entidade beneficiaria da subvención.

Polo que respecta ás entidades beneficiarias, suprímese no artigo 4 a posibilidade de que sexan beneficiarias das subvencións as entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro.

En canto aos criterios de valoración dos programas (artigo 9), obsérvase unha modificación na escala da puntuación outorgada atendendo ás dificultades de inserción para o caso no que a totalidade dos colectivos a atender no programa solicitado pertenzan ao grupo A do punto 1 do artigo 9.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia durante os anos 2016 e 2017” consta de: Exposición de motivos, dezasete artigos, tres disposicións adicionais e  dúas disposicións finais.


O día 10 de decembro de 2015 reúnese este Comité e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral e quince consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma: unha consideración específica manifestada pola CIG (anexo I), unha consideración específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e o SN. de CC.OO. de Galicia (anexo II) e unha específica manifestada pola CEG e polas organizacións sindicais UGT-Galicia e o SN. de CC.OO. de Galicia (anexo III).



DITAME 44/2015



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados para o emprego de Galicia durante os anos 2016 e 2017”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 25 de novembro de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 10 de decembro de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Este Comité non está de acordo coa supresión como entidades beneficiarias das entidades con personalidade xurídica propia sen ánimo de lucro, xa que isto supón eliminar a metade do grao de execución do programa no exercicio 2015.

Considérase trascendental o papel destas entidades na dinamización do emprego no seu entorno económico de influencia, o que se reflicte no PAPE 2015 e na correspondente Estratexia Española de Activación para o Emprego deste ano.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Exposición de Motivos.
Este Comité observa que, no primeiro parágrafo da Exposición de Motivos, falta incluir a referencia ao Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Segunda.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
No último parágrafo do epígrafe A deste artigo e no segundo parágrafo do epígrafe B establécese, respectivamente, que o obxectivo de inserción laboral para as persoas en situación de desemprego deberá ser, polo menos, do 30 por cento no caso do epígrafe A, porcentaxe que se reduce ao 25 por cento no caso do epígrafe B.

Este Comité segue a entender que os obxectivos de inserción laboral que se especifican neste artigo son excesivos debido á situación do mercado laboral e dos colectivos obxecto do programa, polo que se propón para os programas do epígrafe A unha porcentaxe de inserción do 25% e para os programas do epígrafe B unha porcentaxe do 20%.
Terceira.- Artigo 4. Entidades beneficiarias.
O apartado 2 deste precepto establece que unha mesma entidade non poderá presentar más dunha solicitude para cada tipo de programa dos regulados no artigo 3.1.

Visto o manifestado por este Comité na consideración xeral, proponse que a devandita restrición se aplique soamente ás entidades locais.

Cuarta.- Artigo 5. Presentación de solicitudes, documentación e prazo.
No apartado 2 deste artigo enuméranse os documentos que se deben aportar coa solicitude.

Este Comité considera que sería necesario prever a posibilidade de modificar estes documentos mediante solicitude motivada e a aprobación do correspondente órgano administrativo, xa que hai circunstancias que poden variar substancialmente en función das condicións particulares das persoas candidatas.

Quinta.- Artigo 9. Criterios de valoración dos programas.
Este Comité, á vista dos criterios enumerados neste artigo, propón incluír como criterio principal na valoración dos programas, cun 15% da puntuación máxima, a aqueles proxectos que combinen todas as accións establecidas no artigo 1º da orde.

Sexta.- Artigo 9. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1 deste artigo recolle, dentro dos criterios de valoración dos programas, a relación dos grupos dos colectivos desempregados para atender.

Este Comité non comparte a división destes colectivos prioritarios en distintos grupos e con distintas puntuacións, polo que se propón que se valore simplemente o número e as características dos colectivos desempregados para atender en función das especiais dificultades da súa inserción laboral, independentemente do colectivo prioritario de pertenza.

Sétima.- Artigo 9. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.A. deste artigo, na súa letra b, avalía con 20 puntos aos programas integrados localizados en concellos que cumpran unha serie de requisitos; pero xa non se inclúe a referencia a aqueles que teñan sufrido un ERE extintivo no seu ámbito territorial.

Este Comité considera que debería puntuar tamén ese feito, polo que propón que se avalíen con 20 puntos os programas localizados naqueles concellos que teñan sufrido un ERE extintivo no seu ámbito territorial no 2015 que supuxera un incremento da media de paro desde o ano 2010.

Oitava.- Artigo 9. Criterios de valoración dos programas.
En relación co criterio de valoración especificado no apartado 1.A.d) deste artigo, obsérvase que en exercicios anteriores reduciuse o peso deste criterio na puntuación total (dun máximo de 20 puntos sobre 70, pasouse a 15 sobre 145).

Este Comité non está de acordo con esta redución, máxime se ten en conta que este proxecto normativo ten por obxecto o financiamento de programas dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral e considera ademais que o cumprimento dos obxectivos comprometidos en materia de inserción laboral no mercado de traballo das persoas demandantes para atender, debería ter un maior peso na puntuación global.

Novena.- Artigo 9. Criterios de valoración dos programas.
Dada a natureza dos programas, non se considera necesario puntuar o esforzo inversor que figura no apartado 1.A.e. deste artigo, polo que este Comité propón que se elimine este criterio.

Décima.- Artigo 9. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.A.f. establece que “avaliarase a xestión e execución dos programas das entidades que participaron nas cinco convocatorias anteriores e puntuarase negativamente unha mala xestión restando ata 15 puntos”.

Este Comité considera que a inclusión dun criterio negativo pode inducir a distorsións na puntuación total. Por outra parte, non se fan explícitos os criterios obxectivos que definirían unha posible “mala xestión”. Xa que logo, este Comité entende que se debería suprimir a valoración negativa prevista no punto 1.A.f. deste artigo.

Por outra banda, neste mesmo apartado 1.A.f. establécese que se avaliará a xestión e execución das accións das entidades que participaron en convocatorias anteriores.

Este Comité considera que se deberían poñer en coñecemento das entidades os resultados da referida avaliación da xestión e execución das accións.

Décimo primeira.- Artigo 11. Gastos imputables.
Este Comité considera que, no apartado 1.c) deste artigo, debería simplificarse a redacción do seu último parágrafo e facerse constar que a prestación de servizos docentes non terá a consideración de subcontratación.

Décimo segunda.- Artigo 13. Xustificación e pagamento.
En contra do solicitado por este Comité nos ditames relativos ás ordes dos exercicios anteriores, o apartado 1.A) deste artigo establece que a entidade beneficiaria poderá solicitar, en concepto de anticipo, un pagamento do 25 por cento da suma das subvencións dos anos 2016 e 2017, sempre que a devandita cantidade non supere o importe correspondente á anualidade do ano 2016.

Este Comité propón que se estableza que se poderán aboar anticipos, por encima do estipulado no apartado 1. A) deste artigo, ata o máximo establecido legalmente.

Décimo terceira.- Artigo 14. Publicidade.
No apartado 1 deste artigo establécese que, para os efectos de difusión pública, deberá figurar un cartel informativo no que constará o financiamento pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

Este Comité considera que debería figurar exclusivamente o financiamento da referida Consellería, polo que propón que se elimine a publicidade do Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

Décimo cuarta.- Artigo 15. Seguimento das accións.
Este Comité considera que, no apartado 1 deste artigo, debería incluirse o que figuraba nas ordes de exercicios anteriores, que prevía a elaboración dun informe pola persoa responsable da visita que sería asinado por esta e pola persoa responsable da entidade, sen que isto implicase a conformidade desta última.

Décimo quinta.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.






































ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG)


Exposición de motivos.
No parágrafo segundo da exposición de motivos deste proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “Diálogo Social”.

A CIG considera que debería rectificarse este aspecto pola súa carencia de relación material co contido dunha orde que, substancialmente, e agás cativos retoques, vén sendo reprodución doutras anteriores.




ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA.

Artigo 9. Criterios de valoración dos programas.
No punto 1.A.i. deste artigo  establécese que a puntuación que se outorgará polo emprego da lingua galega nas accións do programa integrado para o emprego, será de 5 puntos.

Unha vez máis, as organizacións sindicais que integran este Comité consideran que se debería recuperar a previsión que contiña a Orde correspondente ao exercicio de 2009, onde este criterio contaba cunha valoración de 12 puntos, xa que o idioma é un ben cultural que se debería promover. Por outra banda, pode supor unha fórmula de achegamento e proximidade coas persoas participantes nas actividades e mellorar o seu resultado.

































ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 11. Gastos imputables.
Na letra c) deste artigo establécese que cando as entidades beneficiarias teñan que recorrer á subcontratación deberán cumprir co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que, en todo caso, esta non poderá superar o límite do 50% do custo total final da actividade subvencionada.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia e a CEG consideran que debería permitirse que a porcentaxe chegue ata o 100%.