ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 45/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego no exercicio 2016.

I. ANTECEDENTES


O día 25 de novembro de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Fomento da Contratación e do Traballo Autónomo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde  pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego no exercicio 2016. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

O obxectivo deste proxecto normativo é a concesión de subvencións ás entidades que realicen accións de información, orientación e busca de emprego articuladas en itinerarios personalizados de inserción profesional e dirixidas a mellorar as posibilidades de ocupación dos demandantes de emprego inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia, a través da contratación de técnicos para a realización do servizo de información, orientación e prospección de emprego, en colaboración coas entidades locais e entidades sen ánimo de lucro.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde do ano 2015, publicado no DOG o día 31 de decembro de 2014  e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 14 de novembro de 2014 (Ditame 29/2014), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.







Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:


No artigo 1, relativo ao financiamento das axudas (artigo 1º), obsérvase un incremento dos importes dos créditos asignados, que ascenden a 2.433.000 € e 3.005.000 € fronte ás contías asignadas para o exercicio anterior: 2.100.000 €, 1.800.000 € e 725.000 € , o que supón un aumento de 793.000 euros.

Segundo o artigo 4, a contía máxima da subvención que se concederá por cada persoa técnica de información, orientación e prospección de emprego contratada a tempo completo durante 12 meses será de 23.000 euros, fronte aos 20.000 que se prevían na orde anterior.

Obsérvase unha modificación na escala que outorga puntos á redución no custo das accións subvencionadas por achegas económicas por parte da entidade ou concorrencia doutras subvencións (artigo 9).

O artigo 14 regula a perda do dereito ao cobro e reintegro. Neste proxecto de orde inclúe, como novidade,  uns criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións.



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego no exercicio 2016” consta de: Exposición de motivos, quince artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O 10 de decembro de 2015 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén catro consideracións xerais de carácter unánime, así como dezaoito consideracións específicas, tamén unánimes, sobre a valoración da norma.

Así mesmo, contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime: unha xeral e dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e CC.OO. de Galicia (Anexo I) ; unha específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e CC.OO. de Galicia e pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II), unha específica manifestada pola CEG (Anexo III) e unha específica manifestada pola CIG (Anexo IV).

DITAME 45/2015



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego no exercicio 2016, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 25 de novembro de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 10 de decembro de 2015 acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:
Primeira.
Este Comité avalía negativamente os cambios que se veñen introducindo na regulación das actividades a desenvolver ao abeiro desta Orde. En concreto, considérase que a evolución das variables orzamentarias, as diversas limitacións no financiamento, a desaparición das posibilidades de contratar persoal de apoio, así como da imputación dos gastos xerais, materiais ou desprazamentos xerados polo desenvolvemento das accións, ou en fin, os cambios operados nos criterios de valoración, parecen apuntar á idea de que as entidades acaben realizando cunha escaseza de fondos e cun maior esforzo a execución dunhas accións que forman parte das políticas activas de emprego dependentes da Administración Pública.

No que respecta á evolución orzamentaria dos diferentes programas incluídos nesta Orde, este Comité non comparte que fronte ao incremento previsto para as accións desenvolvidas polas administracións locais, se minoren os fondos destinados a aquelas entidades máis directamente vencelladas ao ámbito laboral, é dicir, ás organizacións sindicais e empresariais.

Outro tanto cabe dicir en relación coa importante diminución da contía máxima da subvención por persoa técnica contratada, que pasou de 30.688,29 a 23.000 euros/ano neste exercicio, que unida ao non financiamento dos gastos inherentes ás funcións do persoal técnico nin dos gastos de apoio do persoal administrativo e outros gastos de estrutura e materiais necesarios para o desenvolvemento da actividade, converten ás entidades executantes das accións non só en obrigadas cofinanciadoras parciais das obrigas da Administración, senón mesmo en axentes financiadores da totalidade das accións durante a execución anual destas.

Segunda.
Este Comité considera que se debería avanzar máis na clasificación e concreción dos procedementos de aplicación e nos criterios metodolóxicos a aplicar polas persoas técnicas, tanto nas accións individuais como, especialmente, nas colectivas.

Terceira.
Este Comité considera que neste proxecto normativo debería incluírse o procedemento dos Itinerarios Personalizados de Inserción (IPIs), que se mencionan no apartado 1 do artigo 1º, e, entre outras cousas, habilitar criterios obxectivos para o persoal técnico de orientación.

Cuarta.
Este Comité esixe que se acheguen os anexos xunto co proxecto de orde para o seu ditame, para poder valorar en toda a súa dimensión aspectos de importancia, especialmente os relativos ao contido da memoria.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira. – Artigo 3. Funcións do persoal técnico de información, orientación e prospección de emprego.
Este Comité propón que se recupere a redacción do apartado 4 deste artigo da orde publicada para o exercicio 2015, na que se tivo en conta a consideración manifestada ao respecto por este Comité no ditame 29/2014, ou que se concrete o límite de idade, por ser a referencia a “persoas mozas” demasiado xenérica.

Segunda. – Artigo 4. Contía das subvencións e período subvencionable.
No apartado 1 deste artigo recóllense as contías a subvencionar e se establecen as retribucións totais que se subvencionarán.

Este Comité considera que sería necesario que, a este respecto, se englobase e se especificase no artigo 4 que se subvencionará o total do custo da persoa traballadora, incluída a indemnización que puidera corresponder e aquelas outras que poidan esixirse legalmente.

Terceira.- Artigo 4. Contía das subvencións e período subvencionable.
No apartado 1 deste artigo establécese que a contía da subvención para o persoal contratado será ata un máximo de 23.000 euros anuais por técnico, o que supón unha rebaixa dun 25% respecto ao exercicio 2012.

Este Comité considera que se debería incrementar o importe da subvención para que sexa posible cubrir o custo total do persoal contratado.


Cuarta.- Artigo 4. Contía das subvencións e período subvencionable.
Este Comité considera que se debería engadir un novo apartado co texto que figuraba na orde para o exercicio do ano 2011: “Igualmente, subvencionarase ata un 15% do total da subvención aprobada, en concepto de gastos xerais, materiais, técnicos, axudas de custo e desprazamentos que se xeren polo desenvolvemento das accións recollidas na presente orde”.

Quinta.- Artigo 8. Procedemento, competencia e resolución.
Examinada a redacción do texto dos distintos apartados deste artigo, este Comité considera que se debería manter na súa integridade o texto do artigo 9 da orde correspondente ao exercicio de 2009, publicado nas páxinas 1.385 e 1.386 do Diario Oficial de Galicia do 20 de xaneiro de 2009.

Sexta.- Artigo 9. Criterios de valoración das solicitudes.
Este Comité considera mellor o baremo establecido na orde do 20 de xaneiro de 2009, no que a valoración mínima para ser entidade beneficiaria era de 25 puntos sobre 100, mentres que no actual proxecto normativo é de 55 sobre 100 e, no caso dos concellos, de 55 sobre 170.

Propoñemos que se equiparen as dúas valoracións e que a mínima sexa do 25%.

Sétima.- Artigo 9. Criterios de valoración das solicitudes.
Os cambios nos criterios de valoración e, especialmente, a inclusión dun criterio negativo na Orde do exercicio anterior, poden inducir distorsións na puntuación total. Por outra parte, non se fan explícitos os criterios obxectivos que definirían unha posible “mala xestión”. Xa que logo, este Comité entende que se debería suprimir a valoración negativa prevista no punto 1.A.b deste artigo.

Por outra banda, neste mesmo apartado 1.A.b) establécese que se avaliará a xestión e execución das accións das entidades que participaron en convocatorias anteriores.

Este Comité considera que se deberían poñer en coñecemento das entidades os resultados da referida avaliación da xestión e execución das accións.

Oitava.- Artigo 9. Criterios de valoración das solicitudes.
Este artigo, no seu apartado 1.A. inclúe como criterios de valoración a posta a disposición por parte da entidade de recursos humanos, técnicos, e materiais (apartado d) e a redución no custo das accións subvencionadas por achegas económicas de aquela (apartado h).

Este Comité propón que se supriman estes dous apartados polas razóns especificadas na consideración xeral primeira.

Novena.- Artigo 9. Criterios de valoración das solicitudes.
No proxecto de orde do exercicio 2013 figuraba no apartado h), entre os criterios de valoración: “Emprego da lingua galega na realización das accións de información, orientación e prospección de emprego, debidamente declarado pola persoa representante da entidade: 5 puntos”

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega na realización das accións valórase como criterio auxiliar, para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité entende que debería recuperarse a redacción da orde de 2013 (DOG de 19 de abril de 2013) para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Décima.- Artigo 10. Requisitos e selección do persoal técnico de información , orientación e prospección de emprego.
No apartado 2 deste artigo, referido ao baremo de “outros méritos”, dentro dos requisitos de selección elimínase, con respecto da orde do exercicio 2013, a posesión do CELGA 3 ou equivalente debidamente homologado (0,15 puntos).

Este Comité propón que se manteña este mérito para o exercicio 2016.

Décimo primeira.- Artigo 10. Requisitos e selección do persoal técnico de información, orientación e prospección de emprego.
No primeiro parágrafo do punto 3 deste artigo establécese que “En todo caso, no contrato de traballo subscrito deberá constar con claridade a prestación dos servizos información e orientación laboral e/ou de prospección de empresas, se é o caso”.

Este Comité considera que debería suprimirse o antedito parágrafo polos conflitos que pode supoñer a modificación dos contratos entre as entidades empregadoras e as persoas empregadas para adecualos á prestación deste servizo.

Décimo segunda.- Artigo 10. Requisitos e selección do persoal técnico de información, orientación e prospección de emprego.
Este Comité alerta de que no segundo parágrafo do apartado 4 deste artigo se fai referencia ao apartado 2 do artigo 15, que non existe. Ademais, o artigo 15 leva por título “Participación institucional”, que nada ten que ver co contido do dito apartado 4.

Por outra parte, en relación cos supostos establecidos no referido segundo parágrafo do apartado 4, este Comité considera que debería preverse no artigo como poden resolverse polas entidades beneficiarias e o impacto que teñen na contía da subvención.

Décimo terceira.- Artigo 11.- Pagamento da subvención
O apartado 1.c) deste artigo esixe a todas as entidades beneficiarias a presentación dunha fotografía do cartel informativo e a súa localización.
Este Comité considera excesiva a necesidade de achegar novamente esa documentación, que soamente sería precisa no caso de novas contratacións ou novas ubicacións.

Décimo cuarta.- Artigo 11.- Pagamento da subvención
O apartado 1, letra e) deste precepto, no seu segundo ítem, recolle a obriga de indicar o despacho ou despachos que se dedicarán á realización das accións de información, orientación e prospección de emprego.

Visto o disposto no artigo 2º, apartado 2, letra a), que fixa como requisito das entidades solicitantes o dispoñer de locais con despacho unicamente para a atención individual dos demandantes de emprego, este Comité considera que o cumprimento do dito requisito non esixe que necesariamente se teña que dispoñer de tantos despachos individuais como persoas se dediquen a estas accións, polo que propón suprimir esta última obriga que figura nesta letra c), segundo ítem.

Décimo quinta.- Artigo 13.- Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 1 emprégase a letra j na numeración, que é impropia do alfabeto galego, polo que se propón a súa substitución pola seguinte que corresponda.

Décimo sexta.- Artigo 13.- Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 2.I.c) esíxese a obtención dunha autorización previa por parte da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

Este Comité propón que esa autorización sexa substituída por unha comunicación á Dirección Xeral.

Décimo sétima.- Artigo 13.- Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 2.II.a) establécese que as entidades beneficiarias deben manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada respecto de certas operacións.

Este Comité propón a eliminación do sistema de contabilidade separada, por considerar que é suficiente coa codificación contable.

Décimo oitava- Artigo 14. Perda do dereito ao cobro e reintegro.
Este Comité considera que os criterios que se recollen no apartados a) e b) do apartado 1, figuran en termos demasiado xenéricos, polo que deberían graduarse os incumprimentos para evitar a discrecionalidade.



ANEXO I


CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA

Consideración xeral:

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais non comparten os enormes recortes impostos nas últimas convocatorias para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego.

Neste senso, as organizacións sindicais non comparten a opción de substituír o estímulo da contratación por conta allea  pola insistencia en primar a “asistencia para o autoemprego”: a Administración non debería, e moito menos na presente situación de crise, abdicar da súa obriga de favorecer a xeración do emprego estable de calidade, trasladando esa responsabilidade a cada persoa por vía do seu “autoemprego”. O emprego autónomo pode ser unha das opcións posibles e merece o apoio público, pero non pode converterse na única ou principal vía de colocación.

En canto ao réxime de concorrencia competitiva, entendemos que tal réxime debería atemperarse con algún criterio avaliativo que teña en conta a representatividade social que ostentan as organizacións sinaladas na letra b) do apartado 1 do artigo 2º, así como garantir que prime o respecto da obxectividade, en evitación de prácticas de discrecionalidade que se teñen observado na concesión das axudas.

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 3. Funcións do persoal técnico de información, orientación e prospección de emprego.
No apartado 1.d) deste artigo establécese que serán funcións do persoal técnico o casamento entre as ofertas e demandas de emprego.

As organización sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais consideran que este casamento debería realizarse no Servizo Público de Emprego.

Segunda.  Artigo 9. Criterios de valoración das solicitudes.
En relación coa consideración específica unánime novena, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde (subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego) non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que debe manterse a redacción deste precepto contida na orde precedente.




ANEXO II



CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Exposición de Motivos.
No acordo de Diálogo Social con data 30 de xullo de 2010, asinouse o compromiso, por parte da Administración, de potenciar os programas de información e orientación dos vindeiros anos para os axentes sociais, polo que a diminución no financiamento que presenta este proxecto de orde entra en colisión co acordado e asinado.


ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 4º. Contía das subvencións e período subvencionable.
A Confederación de Empresarios de Galicia considera que a posibilidade de incrementar a contía máxima nun 15% debe ampliarse a todas as entidades concorrentes e non só ás establecidas no artigo 9.1.B, dado que neste caso só as entidades locais poden acceder a este incremento xa que son as únicas susceptibles de agruparse para os efectos desta orde.

ANEXO IV

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

Exposición de motivos.
No parágrafo segundo da exposición de motivos deste proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “Diálogo Social”.

A CIG considera que debería rectificarse este aspecto pola súa carencia de relación material co contido dunha orde que, substancialmente, e agás cativos retoques, vén sendo reprodución doutras anteriores.