ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 46/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2016.

I. ANTECEDENTES

O día 24 de novembro de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Fomento da Contratación e do Traballo Autónomo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde  pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2016. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo establece a exposición de motivos do proxecto normativo, o fenómeno da exclusión nas sociedades desenvolvidas é unha realidade complexa e cambiante que na actualidade afecta a novos colectivos da poboación. A estratexia de loita contra a exclusión social parte dun enfoque pluridimensional do que participan un amplo abano de políticas: as de emprego, que se consideran prioritarias, as de protección social, as de educación e formación, entre outras.

Nesta orde regúlanse os incentivos dirixidos a fomentar a contratación indefinida e temporal daqueles grupos ou categorías de persoas traballadoras que presentan dificultades ou desvantaxes particulares para acceder e permanecer no mercado de traballo, co obxecto de mellorar a súa situación de emprego e corrixir os desequilibrios do mercado laboral, afastando a potencialidade de que xurdan novas situacións de risco ou desvantaxe social

Á vista do borrador agora remitido e do texto da orde publicado no DOG o día 11 de agosto de 2015, así como o ditame emitido polo Consello con data 11 de xuño de 2015 (Ditame 21/15), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.




Do novo proxecto normativo destácanse as seguintes novidades:

Esta convocatoria enmárcase dentro do Programa Operativo FSE 2014-2020, cofinanciado cunha porcentaxe do 80% polo Fondo Social Europeo.

Recóllese, como novidade, o programa de incentivos á contratación indefinida inicial das persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social que se regula pormenorizadamente no capítulo II deste proxecto.

Ao aumentar o número de programas, increméntase tamén a contía do financiamento, que pasa de 125.000 euros a un total de 224.715 euros (artigo 2).

En canto aos prazos da presentación de solicitudes, o artigo 6 incorpora un prazo específico para as contratacións  que se formalicen entre o 15 de outubro de 2015 e a data de publicación da orde.

Polo que respecta ás contías dos incentivos, o artigo 29 establece que os beneficios establecidos á contratación neste programa non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial das mensualidades obxecto de subvención, cando na orde para 2015 esa porcentaxe máxima era do 80%.

Finalmente, na disposición adicional primeira prevese a tramitación anticipada do gasto.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social,  cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016” consta de: Exposición de motivos, trinta e catro artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 15 de decembro de 2015 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e oito consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexo, unha  consideración específica non unánime manifestada pola CEG.


DITAME 46/2015



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social, e se procede a súa convocatoria para o ano 2016, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 24 de novembro de 2015, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de decembro de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
Este Comité esixe que a Consellería de Economía, Emprego e Industria cumpra co establecido no artigo 3.2.g) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais e remita, xunto cos proxectos normativos para ditame, os datos estatísticos respecto aos programas xa pechados, cuxos proxectos normativos xa foron ditaminados por este organismo. Os ditos datos, solicitados reiteradamente por este Comité, resultan necesarios para que sexa posible calibrar, co apropiado coñecemento de causa, o alcance e efecto práctico da norma, para así poder avaliar convenientemente as posibilidades de suxerir modificacións ou reformas que poidan mellorar o cumprimento dos obxectivos das ordes que se ditaminan.

En particular, solicítase a remisión dos seguintes datos:
- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.


Segunda.
Este Comité considera que esta orde debería prever a posibilidade de que os postos de traballo ocupados por persoas con  discapacidade poidan requirir medidas de adaptación, polo que podería establecerse algún tipo de axuda para estes casos.

Terceira.
Este Comité observa que existen algúns erros ortográficos, como por exemplo nos artigos 10.1 e 23.4, nos que se redunda no termo “correspondente”, polo que se propón unha revisión do texto do proxecto normativo.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 3. Definicións.
No apartado 1 deste artigo utilízanse as letras j e k, que non existen no alfabeto galego, polo que este Comité propón que sexan substituídas polas seguintes que correspondan.

Formúlase igual consideración respecto do artigo 4, por empregar a letra j no seu apartado 3.

Segunda.- Artigo 7. Consentimentos e autorizacións.
En relación co apartado 2, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da entidade solicitante de aportar os documentos e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Proponse a mesma consideración respecto do apartado 1 en relación co sistema de verificación de datos.

Terceira.- Artigo 10. Resolución e recursos.
O prazo de cinco meses que se establece no apartado 2 deste artigo para resolver as solicitudes presentadas parece excesivo, polo que este Comité propón que se reduza a tres meses, prazo que se considera suficiente.

Cuarta.- Artigo 18. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas posto que non definen un sector, polo que propón que se recollan estes supostos nun parágrafo separado.

Quinta.- Artigo 25. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este Comité considera que no segundo parágrafo do apartado 1 debería constar a mención do prazo dos 20 días seguintes ao da substitución para a comunicación ao órgano que concedeu a axuda, tal e como figuraba incluído neste programa no anexo III da orde do 2011.

Igual consideración formúlase para o apartado 1 do artigo 33.

Sexta.- Artigo 34. Reintegro.
O Comité entende que a redacción deste artigo está equivocada e se debería clarificar de cara a facilitar a súa interpretación, polo que se propón a seguinte redacción: “Entenderase que se produce  un incumprimento parcial cando a persoa traballadora cese na súa relación laboral e non sexa substituída pola empresa ao abeiro do establecido no artigo 24. A contía a reintegrar  calcularase en función dos meses en que a persoa traballadora estivo na empresa en relación coa duración total do contrato obxecto de subvención”.

Sétima.- Disposicións adicionais
No texto do proxecto figuran dúas disposicións adicionais  que non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

O mesmo se observa respecto das disposicións finais.

Oitava.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.













ANEXO


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Primeira.- Artigo 29. Contía dos incentivos.
No apartado 3 deste artigo establécese que os beneficios establecidos á contratación neste programa non poderán superar o 60% do custo salarial das mensualidades obxecto de subvención.

No exercicio anterior, este límite era do 80%. A CEG valora negativamente a minoración do 80% ao 60% .