ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 49/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á convocatoria para o ano 2015.

I. ANTECEDENTES

O día 27 de novembro de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Fomento da Contratación e do Traballo Autónomo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á convocatoria para o ano 2016.  Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo se establece na exposición de motivos, esta convocatoria de axudas e subvencións configúrase como programas de cooperación institucionais en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, dirixidos a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas de 18 ou máis anos que non estean traballando nin estean participando en actuacións educativas ou formativas. Estas persoas deberán estar inscritas na base de datos do Sistema de Garantía Xuvenil (SNGX) en España e acreditar previamente o cumprimento dos requisitos de acceso ao Programa.
Á vista do borrador agora remitido, do texto do proxecto para o exercicio 2015, así como o ditame emitido polo Consello con data 2 de decembro de 2014 (ditame 32/14), obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:
Modifícase a fórmula para calcular a contía máxima da subvención que percibirán as entidades beneficiarias (artigo 5).
En canto aos criterios de valoración que se recollen no artigo 10, obsérvanse varias novidades:
1ª.- No apartado b, que valora con ata 10 puntos os servizos con maiores perspectivas de inserción laboral, engádese unha escala para o reparto deses puntos.
2ª.- Engádese un novo criterio que valora con ata 20 puntos que os proxectos presentados se axusten ás ocupacións máis demandadas polas persoas mozas inscritas no SNGX.
3ª.- Suprímese o apartado que outorgaba ata 5 puntos pola experiencia da entidade solicitante na xestión de programas de promoción ou fomento do emprego e os obxectivos acadados, así como a antigüidade de constitución da entidade en máis de 3 anos á data de publicación da convocatoria.
Polo que respecta aos requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras, engadiuse unha maior regulación de como levar a cabo a selección das persoas a contratar (artigo 12).
O artigo 15 recolle as obrigas das entidades beneficiarias e sufriu a inclusión de novas obrigas así como a eliminación doutras.
Finalmente, o artigo 17 amplíase coa previsión do importe a reintegrar segundo o incumprimento das condicións impostas de que se trate.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á convocatoria para o ano 2016” consta de: Exposición de motivos, dezasete artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.
O día 18 de decembro de 2015 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e trece consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, como anexos, as consideracións sobre a valoración da norma de carácter non unánime seguintes: unha xeral e unha específica manifestadas polas organizacións sindicais UGT-GALICIA, CIG e SN. DE CC.OO. DE GALICIA (Anexo I), catro específicas manifestadas pola CEG (Anexo II), unha específica manifestada pola CIG (Anexo III) e unha específica manifestada por UGT-Galicia (Anexo III).





DITAME 49/15



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito do Programa Operativo de Emprego Xuvenil na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á convocatoria para o ano 2016”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de novembro de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de decembro de 2015, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Este Comité entende que, se ben é comprensible esta convocatoria enmarcada no Programa Operativo de Emprego Xuvenil 2014-2020, habería que atender aos colectivos beneficiarios de anteriores programas de cooperación con entidades sen ánimo de lucro, por medio doutra orde.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Exposición de Motivos.
No parágrafo 10 da Exposición de Motivos establécese que os programas recollidos neste proxecto de orde diríxense a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas de 18 ou máis anos inscritas no SNGX.

Este Comité considera que debería figurar tamén o límite máximo de idade que é de 30 anos.

Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 1.2.

Segunda.- Exposición de Motivos.
No penúltimo parágrafo da Exposición de Motivos faise referencia á web de garantía xuvenil e inclúese un enlace a esta.

Este Comité propón que se corrixa ese enlace, xa que non é correcto.

Terceira.- Artigo 3.- Entidades beneficiarias. Requisitos.
O apartado 3 deste precepto recolle unhas presuncións da capacidade técnica e de xestión suficiente das entidades e inclúe, na letra b), o feito de ser titular dun contrato de telefonía fixa no local que se pretende habilitar ao efecto destas axudas.
Este Comité considera que debería esixirse soamente a titularidade dun contrato de telefonía, xa sexa telefonía móbil ou fixa.
Cuarta.- Artigo 5. Subvención: Contía.
En relación co establecido no apartado 3 deste artigo, este Comité considera que debería incluírse entre os conceptos subvencionables a indemnización prevista polo artigo 49.1 c) do Estatuto dos traballadores, xa que forma parte do custo que supoñen esas contratacións para a entidade e non se trata dun custo de carácter voluntario, e posto que, ademais, noutros programas si ten o carácter de subvencionable.

Quinta.- Artigo 5. Subvención: Contía.
O inciso final do apartado 3 deste precepto exclúe da consideración de custos salariais elixibles aos incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

Chama a atención esta regulación xa que, desde a entrada en vigor do Real decreto 16/2013, a meirande parte dos complementos son cotizables e, polo tanto, deberían ser obxecto de subvención.

Sexta.- Artigo 10. Procedemento.
Na convocatoria de anteriores exercicios orzamentarios, incluíase como criterio de valoración que as entidades tiveran un ámbito de actuación superior ao municipal e implicaran, no seu deseño e execución, a outros organismos ou entidades do contorno, así como aos actores sociais presentes no territorio, ou xurdan da iniciativa ou coa participación do comité territorial de emprego competente.

No apartado 4.d) deste proxecto de orde só se avalía que o ámbito de actuación sexa superior ao municipal, polo que este Comité propón que se recupere o referido criterio de valoración e se avalíe tamén que os proxectos impliquen aos actores sociais ou a outros organismos ou entidades do contorno.

Sétima.- Artigo 10. Procedemento.
No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase no apartado 4, parágrafo final,  como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.
Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Oitava.- Artigo 10. Procedemento.
O apartado 4 deste artigo recolle os criterios de valoración das solicitudes, entre os que xa non figura a experiencia da entidade solicitante na xestión de programas de promoción ou fomento do emprego e os obxectivos acadados, así como a antigüidade de constitución da entidade en máis de 3 anos á data de publicación da convocatoria de axudas.

Este Comité considera que debería recuperarse o dito criterio.

Novena.- Artigo 10. Procedemento.
No apartado 5 establécese unha puntuación máxima para a valoración das solicitudes, mais non unha puntuación mínima.

Este Comité  considera que ao non establecerse unha puntuación mínima pódense producir efectos non desexados, polo que debería establecerse un corte mínimo de cara a que as solicitudes con escasa puntuación non interrumpan a rotación para outorgar axudas adicionais ás entidades mellor valoradas.

Décima.- Artigo 11. Resolución.
O prazo de cinco meses que se establece no apartado 2 deste artigo para resolver as solicitudes presentadas parece excesivo, polo que este Comité propón que se reduza a tres meses, prazo que se considera suficiente.

Décimo primeira.- Artigo 12. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras.
No apartado 1 deste artigo establécese que as persoas desempregadas mozas deberán estar  inscritas no ficheiro do sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

Este Comité considera que debería esixirse que figuren tamén inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego.

Décimo segunda.- Artigo 12. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras.
A última frase do primeiro parágrafo do apartado 1 deste artigo establece que os requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de interese social.

Este Comité propón modificar a redacción ao considerar que debe ser o Servizo Público de Emprego de Galicia o que comprobe no momento da selección que as persoas traballadoras que serán contratadas reúnen os requisitos e criterios. En consecuencia, suxire a seguinte redacción:
“... Estes requisitos deberán cumprirse no momento da selección.”

Décimo terceira. - Artigo 15.- Obrigas das entidades beneficiarias.
Neste artigo utilízanse na clasificación as letras j e k.
Este Comité considera que estas letra son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.



ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA
Consideración xeral:
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais observan que, no texto do proxecto normativo, non se especifica que as entidades beneficiarias non poidan recibir contraprestacións económicas das persoas usuarias ou beneficiarias dos servizos prestados coa actividade das persoas contratadas, entendendo que o proxecto de orde debería ser taxativo ao respecto, prohibindo expresamente a recepción de calquera contraprestación económica.
Consideración específica:

Artigo 10º.-Procedemento.
En relación coa consideración específica sétima, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar , a maiores, o seguinte:
A Administración ten explicado a substitución do criterio que outorgaba puntuación ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.
É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.


ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
O apartado 3 deste precepto recolle unhas presuncións da capacidade técnica e de xestión suficiente das entidades e inclúe, na letra c), o ter contratado por conta allea por máis de seis meses algunha persoa traballadora nos últimos tres anos, sen que se poidan computar os contratados mediante as axudas e subvencións correspondentes aos programas e medidas das Políticas Activas de Emprego.

A CEG considera que se debe aclarar a razón desta exclusión.

Segunda.- Artigo 3º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
O apartado 4 deste precepto recolle a presunción de  cando as entidades non disporán de  capacidade técnica e de xestión suficiente. A CEG considera que debería aclararse a que se fai referencia con “servizos subvencionados nos programas de cooperación a entidades sen ánimo de lucro”.

Terceira.- Artigo 3º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
As presuncións establecidas no apartado 4 deste artigo –no que se refire á capacidade técnica e de xestión que deben ter as entidades concurrentes- non son presumibles da capacidade técnica nin de xestión da entidade, así: “As reclamacións ou denuncias escritas derivadas dos servizos subvencionados en exercicios anteriores non proceden xa que este é o primeiro exercicio que esta orde se pon en marcha e non existe, polo tanto, ordes precedentes. Ademais, incurriríase en vulneración do principio constitucional de presunción de inocencia, ao admitir unha reclamación ou denuncia por escrito sen a posibilidade de contradición da parte reclamada ou denunciada”.

Por outra parte, a presentación da documentación xustificativa establecida na letra b) deste apartado 4 e relativa a outros programas xa extintos, non garda relación coa presunción de capacidade que a entidade debe ter para acceder ás axudas aquí reguladas.

A CEG considera que mais que requisitos para acreditar a solvencia, realmente deben entenderse como requisitos para obter a condición de beneficiaria da axuda. Neste sentido, a redacción proposta debería aterse á regulación das prohibicións para obter a dita condición, de conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Cuarta.- Artigo 6º. Presentación de solicitudes
A CEG considera que o prazo de presentación de solicitudes de un mes, recollido no apartado 3 deste artigo, é demasiado reducido, polo que solicita sexa ampliado.




ANEXO III


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG

Exposición de motivos.

No parágrafo segundo da exposición de motivos do proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “diálogo social”. A CIG considera que debería suprimirse esa referencia pola súa carencia de relación material co contido desta orde.





















ANEXO IV

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓNS SINDICAL UGT-GALICIA,
Artigo 10º. Procedemento.
UGT- Galicia considera que no apartado 4, letra a) deste artigo a creación e mantemento do emprego debería ser valorada ata 20 puntos en non ata 10 como ven no proxecto sometido e ditame. Consecuentemente a puntuación máxima prevista nesta letra debería elevarse ata 30 puntos.