ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 50/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións ás entidades asociativas, ás oficinas locais e a outras entidades colaboradoras da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, e se convocan para o ano 2016.

I. ANTECEDENTES

O día 17 de decembro de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Economía Social da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións ás entidades  asociativas, ás oficinas locais e a outras entidades colaboradoras da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, e se convocan para o ano 2016. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.


As cooperativas, xunto con outras entidades entre as que se atopan as sociedades laborais, forman parte da denominada economía social nos termos en que a define a Lei estatal 5/2011, do 29 de marzo, de economía social; é dicir, como o conxunto das actividades económicas e empresariais que no ámbito privado levan a cabo aquelas entidades que perseguen ben o interese colectivo dos seus integrantes, ben o interese xeral económico ou social, ou ambos.
Segundo establece a exposición de motivos do proxecto normativo, a economía social perfílase cada día máis como un actor económico e social fundamental na sociedade actual. Co obxecto de promover o seu desenvolvemento, creouse un instrumento de colaboración formado por entidades públicas e privadas que colaboran nun marco de actuación co mesmo obxectivo común de fomento, que presta especial atención ao emprendemento e á creación e consolidación de emprego. Este instrumento regúlase mediante o Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social.
O conxunto de axudas establecidas no proxecto normativo que se somete a ditame forman parte da actividade de fomento da economía social despregada pola Xunta de Galicia e concrétanse en tres programas con entidades destinatarias diferenciadas.
Os tres programas comparten, en maior ou menor medida, o marco de actuacións que representa a Rede Eusumo, que permite a coordinación de actuacións e un maior e máis eficaz aproveitamento dos recursos dispoñibles para o labor de fomento.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2015, publicado no DOG o día 5 de maio de 2015 e o ditame emitido polo Consello con data 4 de febreiro de 2015 (Ditame 3/2015), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Desaparece o cofinanciamento por parte do Fondo Social Europeo para esta orde que agora financia os distintos programas con cargo a fondos propios e fondos finalistas do Estado, estes últimos para o caso de tratarse de accións elixibles de acordo co Plan anual de política de emprego (PAPE).

Segundo a Exposición de motivos, o expediente de gasto tramitarase anticipadamente.

No artigo 16 especifícase que a subcontratación con terceiros autorízase ata unha porcentaxe máxima do 50% do custo total das actividades subvencionadas.

O artigo 24 incorpora a obriga de que as entidades deberán ter formalizada a adhesión á Rede Eusumo por medio de convenio de colaboración asinado antes da publicación desta orde para poder ser beneficiarias.

Polo que respecta á documentación que debe acompañar á solicitude, inclúense novos apartados nos artigos 27, 34 e 43 que afectan a cada un dos tres programas regulados neste proxecto normativo.

No artigo 36 engádese un novo apartado que recolle os criterios segundo os cales se realizará a concesión das axudas para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo e da economía social.

Finalmente, polo que respecta ás contías destas axudas, obsérvase un incremento no orzamento total, que pasa de 862.120 euros a 1.245.000 euros. En consecuencia, tamén se aprecia un incremento na distribución inicial de créditos por programas (artigo 50).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións ás entidades  asociativas, ás oficinas locais e a outras entidades colaboradoras da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, e se convocan para o ano 2016” consta de: Exposición de motivos, cincuenta artigos, dúas disposicións adicionais e dúas finais.


O día 21 de decembro de 2015 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e sete consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, como anexos, as consideracións sobre a valoración da norma de carácter non unánime seguintes: unha específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CCOO de Galicia (Anexo I) e unha xeral manifestada por UGT-Galicia, S.N. de CCOO de Galicia e a CEG(Anexo II).





DITAME 50/2015



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de apoio ás entidades asociativas, ás oficinas locais e a outras entidades colaboradoras da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se procede á súa convocatoria para o ano 2015, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 21 de xaneiro de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de decembro de 2015, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Este Comité valora positivamente a redacción do artigo 14, que establece nos programas I e II a posibilidade de pagamento anticipado de ata un 80% do importe da subvención e a exoneración da obriga de constituír garantía cando se trata de entidades non lucrativas, o que supón unha aplicación rigorosa do Regulamento de Subvencións de Galicia, tal como solicita este Comité nos seus ditames.

Segunda.
Tanto na exposición de motivos como ao longo do texto do proxecto normativo, aparecen referencias a diversas ordes ministeriais, respecto das cales este Comité considera que se debería especificar a data na que foron publicadas no BOE.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 8. Consentimentos e autorizacións.
En relación co disposto no apartado 3 deste precepto, este Comité propón que se invirta a súa redacción para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal, e que se estableza primeiro a obriga de aportar as certificacións pola entidade solicitante e, en segundo lugar, a opción de que a solicitante autorice expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Segunda.- Artigo 10. Criterios obxectivos de concesión.
Na Orde do 25 de febreiro de 2011 (DOG nº 46, do 8 de marzo) figuraba entre os criterios de valoración: “O emprego da lingua galega na realización das actividades” e se puntúaba con ata un máximo de 15 puntos.

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción do proxecto normativo para 2011, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Terceira.- Artigo 18. Obrigas das beneficiarias.
Neste artigo utilízase na clasificación a letra “j”. Este Comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego, polo que debería substituírse pola seguinte que corresponda.

Esta mesma consideración reitérase para o artigo 29 e tamén para os artigos 37 e 45 respecto das letras “j” e “k” do seu apartado 3.

Cuarta.- Artigo 25. Actividades e gastos subvencionables.
O apartado 1 recolle os gastos normais de funcionamento que son subvencionables e inclúe, na letra g), as cotas asociativas a entidades de intercooperación de ámbito superior á Comunidade Autónoma galega.

Este Comité considera que non ten lóxica que se subvencionen con axudas autonómicas eses gastos de ámbito estatal, polo que se propón a súa supresión.

Quinta.- Artigo 29. Documentación xustificativa para o pagamento.
Na letra g) deste precepto esíxese copia de todos os documentos xerados durante a execución dos proxectos (en formato papel e formato dixital).

Este Comité considera que esta obriga é excesiva e que tan só se debería aportar aquela documentación que teña transcendencia.

Igual consideración formúlase para o artigo 45.1.g).

Sexta.- Artigo 42. Incentivo adicional.
O apartado 2 fixa un incentivo máximo de 1.000 euros pola creación de cada grupo promotor, cun máximo de 6.000 euros por entidade beneficiaria.

Este Comité entende que ese límite de 6.000 euros pode frear a actividade cooperativa ao non ter incentivo a creación de máis de 6 grupos promotores.

Sétima.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras, que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.






ANEXO I


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 10. Criterios obxectivos de adxudicación das subvencións.
En relación coa consideración específica unánime segunda, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que debe manterse a redacción deste precepto contida na Orde do 25 de febreiro de 2011 (DOG nº 46, do 8 de marzo).

ANEXO II


CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Consideración xeral:
Estas organizacións consideran que o financiamento das actividades de formación reguladas neste proxecto normativo debería establecerse a través das ordes reguladoras específicas como as relativas ás dos plans de formación sectoriais e intersectoriais ou outras que podan establecerse ao efecto.
O financiamento de formación ao marxe do marco da formación para o emprego non fai senón crear desigualdades e atomizar o reparto de fondos, tendo en conta que concorren outras asociacións que non se benefician de financiamento paralelo para a execución da súa formación.