ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 51/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras de RISGA, e se aproba a convocatoria para o ano 2016.

I. ANTECEDENTES

O día 17 de decembro de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Orientación laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras de RISGA, e se aproba a convocatoria para o ano 2016. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

A Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, recolle no título IV os mecanismos de acción positiva na formación para o emprego e as demais políticas activas de emprego a favor das persoas en situación ou risco de exclusión social.

Segundo a exposición de motivos, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, para dar cumprimento a ese mandato legal, incluirá no plan Anual de Política de Emprego (PAPE) para o ano 2016 un programa dirixido a fomentar a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional, mediante a contratación subvencionada de persoas desempregadas de moi difícil inserción laboral e/ou en risco de exclusión social, beneficiarias da renda de integración social de Galicia.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2015 (publicado no DOG o día 12 de xaneiro de 2015) e o ditame emitido polo Consello con data 18 de decembro de 2014 (Ditame 37/14), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

A única diferenza salientable que se observa neste proxecto normativo respecto do texto da orde para o exercicio anterior é a diminución que experimenta o crédito asignado a estas subvencións, que pasa de 10.000.000 de euros a 5.698.398 euros (artigo 2).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.





II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras de RISGA, e se aproba a convocatoria para o ano 2016” consta de: Exposición de motivos, 14 artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.



O día 21 de decembro de 2015 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén cinco consideracións xerais e doce consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.


Contén así mesmo, como anexo, unha consideración específica sobre a valoración da norma de carácter non unánime manifestada polas organizacións sindicais CIG e S.N. de CCOO de Galicia.





DITAME 51/2015




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras de RISGA, e se aproba a convocatoria para o ano 2015, con data de rexistro de entrada neste Consello o 2 de decembro de 2014, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de decembro de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:












CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.
Este Comité non ve xustificada a minoración do financiamento destas axudas, que pasan a ter un crédito de 5.698.398€ cando no exercicio de 2015 era de 10.000.000€.

Segunda.
O Comité entende que o obxecto e finalidade destes programas fan aconsellable que non se circunscriban exclusivamente ás entidades locais e se permita a  participación neles das entidades sen ánimo de lucro, especialmente as que teñen, entre as súas finalidades, a persecución dun interese social.

Terceira.
Obsérvase que o proxecto normativo non prevé a posibilidade de baixa das persoas destinatarias das axudas, polo que este Comité propón establecer un mecanismo que regule estes casos.

Cuarta.
Este Comité solicita que a remisión de datos estatísticos da execución no exercicio precedente, se axuste aos seguintes datos:

- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.

Quinta.
Este Comité observa a presenza de erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente no caso de uso das barras, por exemplo, nos artigos 10.e) “beneficiarios/as” e 13.c) “contratados/as”, que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, se temos en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.Exposición de motivos.
A redacción do sétimo parágrafo da Exposición de Motivos é confusa, como tamén o é a do número 4 do artigo 2, polo que este Comité propón que se simplifique a súa redacción e que se prime, na fórmula de reparto, o número de persoas perceptoras da Risga existentes en cada provincia.

Segunda. Artigo 2.- Financiamento.
Este Comité considera que debería substituírse o baremo que figura no número 5 deste artigo polo establecemento dunha porcentaxe igual sobre o número de persoas preceptoras da Risga en cada concello.
Terceira. Artigo 4.- Contía da subvención.
No apartado 3 deste precepto establécese que, para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais elixibles o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1º c) do Estatuto dos Traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

Este Comité entende que deberían incluírse como subvencionables ambos conceptos, mais aínda se se ten en conta que hoxendía practicamente non existen conceptos excluídos da base de cotización.

Cuarta. Artigo 6. Consentimento e autorizacións.
Este artigo está redactado como se fora dirixido a persoas físicas, cando de feito vai dirixido a entidades, polo que este comité entende que se debería adaptar a redacción tendo en conta que as beneficiarias son entidades.

O mesmo se observa respecto do artigo 7.

Quinta. Artigo 9. Resolución.
O número 2 deste artigo prevé un prazo de resolución de cinco meses contados a partir da finalización do prazo de presentación da solicitude. Na convocatoria do exercicio de 2014 o prazo previsto era de tres meses.

Este Comité entende que, dado que a finalidade desta convocatoria é atender a persoas en situación delicada e urxente, o dito prazo debería reducirse a un mes.

Sexta. Artigo 9. Resolución.
O apartado 2 deste precepto prevé que o prazo de resolución e notificación se compute desde a finalización do prazo de presentación da solicitude cando, ao non existir concorrencia competitiva, o prazo debería computarse a partir da presentación da solicitude.

Sétima. Artigo 10. Requisitos da contratación.
As restricións que impón este artigo á contratación obrigan, na práctica, a recorrer á fórmula do contrato a tempo parcial, polo que este Comité entende que se deberían flexibilizar as fórmulas de contratación de cara a non facer obrigatoria a contratación a tempo parcial.
Oitava. Artigo 10. Requisitos da contratación.
Na letra d) deste artigo disponse que terán preferencia, en todo caso, as persoas perceptoras da RISGA que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral e os maiores de 45 anos e os que teñan cargas familiares.

Este Comité entende que, de cara a non discriminar a outros colectivos beneficiarios, a redacción debería ser: “terán preferencia, en todo caso, as persoas perceptoras da RISGA que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral”, polo que se propón a supresión da preferencia outorgada aos maiores de 45 anos e aos que teñan cargas familiares.

Novena. Artigo 10. Requisitos da contratación.
No apartado e) deste precepto establécese o requisito  de solicitar as persoas demandantes non ocupadas mediante a presentación da oferta específica do programa de contratación de persoas beneficiaras RISGA, nas oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia, engadindo que, excepcionalmente, poderán utilizarse ofertas especiais con vinculación nominal.

Este Comité considera que deberían constar expresamente na orde cales son as referidas situacións excepcionais.

Décima. Artigo 12. Obrigas dos/as beneficiarios/as. (sic)
Como se dixo na consideración xeral quinta, este Comité observa a presenza de erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente no caso de uso das barras (“dos/das”, “beneficiarios/as”) que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, polo que propón a modificación do título deste artigo polo de “Obrigas das entidades beneficiarias”.

Décimo primeira. Artigo 12. Obrigas dos/as beneficiarios/as. (sic)
Este Comité observa que o disposto na letra h) deste artigo non garda relación co obxecto desta orde, polo que debería suprimirse.

Décimo segunda. Artigo 14. Perda do dereito ao cobramento e reintegro.
Este Comité considera que se debería revisar o establecido no apartado d) deste artigo, xa que entende que a gradación que nel figura non garda relación cos criterios de gradación dos incumplimentos que figuran nos apartados anteriores.






























ANEXO


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG) E O SINDICATO NACIONAL DE COMISIÓNS OBREIRAS DE GALICIA (SN CCOO- GALICIA)


Exposición de motivos.

No parágrafo segundo da exposición de motivos deste proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “Diálogo Social”.

As organizacións sindicais CIG e S.N de CCOO de Galicia consideran que debería suprimirse esta referencia pola súa carencia de relación material co contido desta orde.