ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 52/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2016.

I. ANTECEDENTES

O día 14 de decembro de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Relacións Laborais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2016. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.


Na Lei 31/1995, de 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, recóllese o mandato de que as administracións públicas competentes promoverán a prevención e o asesoramento, incluídas a asistencia e a cooperación técnica, a información, divulgación, formación e investigación en materia preventiva, coa finalidade de promover melloras nas condicións de traballo dirixidas a elevar o nivel de protección e da seguridade e saúde laboral das persoas traballadoras e, posteriormente, a Lei 54/2003, de 12 de decembro, que modifica a anterior, establece o obxectivo de combater activamente a sinistralidade laboral e integrar a prevención de riscos laborais nos sistemas de xestión da empresa.

Segundo a exposición de motivos, o obxecto desta orde é convocar axudas para o fomento da prevención de riscos laborais entre as persoas traballadoras galegas mediante accións de formación, así como de promoción, difusión e comunicación sobre a normativa e aspectos máis relevantes da seguridade e saúde laboral entres os distintos sectores afectados, co obxecto de impulsar a presenza de recursos preventivos na empresa e fomentar unha auténtica cultura de prevención de riscos laborais no traballo.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2015 (publicado no DOG o día 10 de xuño de 2015) e o ditame emitido polo Consello con data 4 de marzo de 2015 (Ditame 8/15), obsérvase que  se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Segundo a Exposición de motivos, o expediente de gasto tramitarase anticipadamente.

O artigo 14 recolle os criterios de valoración e introduce, como novidade, a escala segundo a cal se atribúen os puntos do baremo asignado a cada criterio. Engade tamén un novo apartado no que dirime os posibles empates tendo en conta a puntuación obtida en cada un dos criterios segundo a orde de prelación que establece o punto 1 do citado precepto.

En canto á documentación acreditativa da correcta aplicación da subvención, o artigo 17 recolle numerosos apartados novos con documentación que debe presentarse e inclúe un apartado específico para os requisitos formais das facturas.

Así mesmo, este proxecto normativo conta cun artigo novo no que se regula a xustificación segundo o tipo de gasto (artigo 18).

Outra novidade constitúea o artigo 19 relativo á memoria técnica de actividades.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2016” consta de: Exposición de motivos, vinte e sete  artigos, dúas disposicións adicionais e dúas finais.

O día 21 de decembro de 2015 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e vintesete consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.







DITAME 52/2015



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2016, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de decembro de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de decembro de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Este Comité observa que ao longo do texto normativo figura a obriga de presentar copia compulsada dalgunha documentación. Propón que se permita que a copia a presentar poda ser indistintamente copia compulsada ou cotexada.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. Artigo 3.- Entidades beneficiarias.
Este Comité considera, en relación co previsto no apartado 1 deste artigo, que  debería enunciarse tamén o previsto na letra a) ao respecto dos “membros asociados do beneficiario”.

Segunda. Artigo 5.- Accións subvencionables.
No apartado 1.4º establécese que se esixirá unha calidade mínima que poderá "ser verificada ou informada" por persoal técnico na materia.

Este Comité solicita que se clarifique que se entende por "calidade mínima" xa que pode introducir marxe á discrecionalidade. Por outro lado, as organizacións concorrentes presentan os seus proxectos cuns estándares de calidade obxecto de baremación, polo que parece máis acertado falar de comprobación das actuacións nos termos aprobados para a concesión da subvención.

Terceira. Artigo 8.- Gastos subvencionables e período de imputación.
Con respecto ao apartado 1 deste artigo, este Comité considera que debería incluír os gastos financeiros, xa que segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estes gastos poden ser subvencionables.
Cuarta. Artigo 8.- Gastos subvencionables e período de imputación.
A letra f) do apartado 2º recolle os custos indirectos que son subvencionables, que inclúen gastos como electricidade ou teléfono, sempre que se correspondan cos locais nos que se realizan as accións.

Este Comité considera que debería especificarse que se trata dos locais nos que se realizan as accións en calquera das súas fases, para permitir a imputación de gastos tamén nos locais en que se leve cabo, por exemplo, a planificación das accións, polo que se propón engadir “en calquera das súas fases” á expresión “locais nos que se realizan as accións”.

Quinta. Artigo 8.- Gastos subvencionables e período de imputación.
En relación co importe máximo subvencionable dos gastos recollidos na letra f) do apartado 2 deste artigo, este Comité propón que a porcentaxe do 10% sexa aumentada ata un 15%.

Sexta.- Artigo 9. Gastos non subvencionables.
No apartado 3 deste artigo establécese que o cobramento das subvencións será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza para a mesma actuación.

Este Comité considera que se debería admitir a compatibilidade con outras axudas ata alcanzar o 100% da contía do gasto, co fin de facilitar o maior número de proxectos.

Esta consideración é igualmente aplicable ao artigo 25, no que se recolle como causa de modificación da resolución de concesión a obtención concorrente de axudas, polo que este Comité propón, consecuentemente, a modificación desta causa para adecuala a este criterio.

Sétima. Artigo 11. Documentación.
Este Comité suxire a inclusión dun apartado máis neste artigo co seguinte texto: “As entidades que xa tiveran participado con anterioridade nestas accións, estarán exentas de presentar a documentación esixida nas letras a), b), c) e d) do apartado 1 deste artigo. No suposto de que se producise algunha modificación na documentación que conste en poder da Administración, estas entidades deberán remitir a dita documentación convenientemente actualizada”.

Oitava.- Artigo 12. Instrución.
O Comité considera que a posibilidade establecida no número catro deste artigo, de que o órgano instrutor poida solicitar informes técnicos para a axeitada valoración dos proxectos, debe circunscribirse unicamente á fase de avaliación e non á de xustificación, xa que nesta última o proxecto xa está valorado e executado.

Novena.- Artigo 14. Criterios de valoración.
Neste artigo fíxanse os criterios para avaliar as solicitudes por parte da comisión de valoración.  

Este Comité entende que non se debería primar a capacidade de cofinanciamento por parte da entidade fronte á súa representatividade social, número de persoas destinatarias da acción, achega innovadora, transferibilidade da acción e calquera outro dos restantes criterios que se sinalan neste artigo.

Polo tanto, propón a eliminación do apartado 1, letra d) como criterio de valoración.

Décima.-Artigo 14. Criterios de valoración.
O apartado 1.a), 2º establece que a representatividade das organizacións sindicais e empresariais se determinará segundo o sistema establecido en aplicación do Título III da Lei do estatuto dos traballadores, ou segundo o criterio da participación institucional que cada organización teña recoñecida de acordo coa Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia. Non obstante, a continuación alude á modificación levada a cabo pola disposición adicional décimo terceira da lei 17/2010, do 17 de decembro, da organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Este Comité propón a eliminación da referencia a esa disposición adicional 13ª da Lei 17/2010.

Décimo primeira.- Artigo 14.- Criterios de valoración.
No apartado 1.e) hai un erro na redacción, polo que se propón a súa corrección do seguinte xeito: “e) Especificidade da acción (de 1 a 2 puntos): segundo a temática sexa intersectorial, 1 punto, ou sectorial, 2 puntos”.

Décimo segunda.- Artigo 14.- Criterios de valoración.
Este Comité considera que debería engadirse un novo apartado neste precepto que puntúe o emprego do galego, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Décimo terceira.- Artigo 14.- Criterios de valoración.
O apartado 2 deste artigo establece que, para o caso de empate, terase en conta a puntuación obtida en cada un dos criterios segundo a orde de prelación establecida no apartado 1.

Este Comité suxire que no dito apartado 1 se empreguen ordinais en vez de letras para establecer esa orde de prelación.

Décimo cuarta. Artigo 14.- Criterios de valoración.
Este Comité propón a revisión ortográfica deste precepto, xa que inclúe a letra j, impropia do alfabeto galego, que debería substituírse pola seguinte que corresponda.

Décimo quinta.- Artigo 16.- Remate e xustificación das accións.
No artigo 16 establécese a mesma data límite (31.10.2016) para o remate das accións e para a presentación de documentación xustificativa agás que na resolución de concesión se estableza unha data posterior.

Este Comité suxire que se diferencie a data límite do remate das accións, que podería ser a do 31 de outubro de 2016 da data límite da presentación da documentación xustificativa, que se propón que sexa a do 30 de novembro de 2016, para posibilitar así que as nóminas, facturas, así como os documentos de cotización á Seguridade Social e os documentos xustificativos de pago aboados ao final do período de execución, poidan ser enviados coa xustificación final.



Décimo sexta.- Artigo 17. Xustificación do pagamento.
Este Comité propón a regulación no texto da orde da posibilidade de anticipos, por un importe do 80% da totalidade da axuda, con análogo criterio ao que se establece noutras ordes  reguladoras de Formación para o emprego.

Décimo sétima.- Artigo 18.- Xustificación segundo o tipo de gasto.
O apartado 4.d) 2º establece que deberase achegar un cadro no que figuren os cálculos realizados para obter o importe da imputación da subvención. “Horas, conceptos, importes, porcentaxes aplicadas, totais, etc.”.

Este Comité propón que se suprima o acrónimo “etc”, que non debería figurar nunha norma xurídica.

Décimo oitava.- Artigo 19.- Memoria técnica das actividades.
No apartado 1.a) esíxese presentar copia dos relatorios e presentacións gráficas cando se trate dunha actividade formativa. O mesmo requírese no apartado 1.b) para o caso das actividades de difusión e sensibilización.

Este Comité considera que esa esixencia é superflua, polo que debería eliminarse.

Décimo novena.- Artigo 19.- Memoria técnica das actividades.
No apartado 1, letras a) e b), esíxese presentar “algún documento” gráfico da actividade formativa e algún documento gráfico do evento, respectivamente.

Ao respecto, este Comité propón que se concrete de xeito claro na orde que documentos habería que aportar.

Vixésima.- Artigo 20.- Corrección de defectos da xustificación e pagamento.
O apartado 1 deste precepto establece que: “Se a documentación recibida se considera insuficiente ou nela se observen erros ou a falta dalgún dos requisitos esixidos, se requirirá á entidade beneficiaria para que presente dita documentación no prazo máximo de 10 días hábiles que se contarán a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento. A non presentación de dita documentación dentro deste prazo suporá de forma automática a perda do dereito á percepción da axuda concedida”.

Este Comité considera que isto debería modificarse de xeito que a non presentación dalgún tipo de documentación dentro do referido prazo de 10 días non supoña de forma automática a perda do dereito á percepción da totalidade da axuda, senón que se limite á parte da axuda non xustificada.

Vixésimo primeira.- Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 1 deste artigo, letra d), esíxese ás entidades beneficiarias dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, “así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios”, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.



Este Comité propón que se elimine a expresión que figura entre comiñas “así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios”, por considerar suficiente a obriga de dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados.

Vixésimo segunda.- Artigo 22. Consentimentos e autorizacións.
En relación co disposto nos apartados 1 e 3 deste precepto, este Comité propón que se invirta a súa redacción para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal, e que se estableza primeiro a obriga de aportar as certificacións pola entidade solicitante e, en segundo lugar, a opción de que a solicitante autorice expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Vixésimo terceira.- Disposicións Adicionais.
Obsérvase que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enuncialas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Vixésimo cuarta – Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras [sic].que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Vixésimo quinta. – Anexo II.
Este Comité considera que neste anexo existen as seguintes dúbidas e discordancias que deberían aclararse:

1ª.- Os gastos relativos á “Coordinación”, sinalado co número 9 no anexo, refírese á realizada con medios propios, á externa (subcontratada) ou a ambas?
2ª.- Os gastos relativos á “Alugueiro de medios”, sinalado co número 11 no anexo, inclúe os gastos de medios para teoría, medios prácticos e medios xornadas do anexo X o se refire exclusivamente ao incluido no epígrafe “alugueiro da aula/obradoiro/medios de transporte” do anexo III?
3ª.- En que apartado se inclúen os custos de seguros das persoas participantes? No anexo III estes gastos figuran sinalados de forma independiente.
4ª.- Que tipo de gastos hai que incluir nos sinalados co número 1 no anexo “Gastos de contratación de servizos externos”? Non existe unha correspondencia co mesmo apartado dos anexos III e IV, nos que os custos dos relatores e coordinación se inclúen en contratación de servizos externos e no anexo II figuran de forma independiente.

Vixésimo sexta. – Anexo III.
Este Comité considera que neste anexo existen as seguintes dúbidas e discordancias que deberían aclararse:

1ª.- Que gastos se incluén no arrendamento de aparellos e equipamentos? Inclúense soamente os medios para a teoría ou tamén os medios xornadas e os medios prácticos?
2ª.- Que gastos inclúe a contratación de servizos externos? Pode entenderse que se inclúen os gastos dos relatores, da coordinación e os de alugueiro de medios prácticos?

Vixésimo sétima.- Anexo X. Cadro de cantidades máximas subvencionables.
O cadro recolle algúns dos gastos subvencionables pero non todos, polo que este Comité considera que debería aclararse no seu título que se refire a cantidades dalgunhas tipoloxías de gasto que teñen asignadas cantidades máximas.

Ademais, o cadro de cantidades máximas subvencionables precisa dúas aclaracións, que se concretan do seguinte xeito:

1ª. En canto aos custos de desprazamento dos relatores, debería preverse a posibilidade de poder exceder a limitación prevista, excepcionalmente e mediante xustificación motivada.

2ª. A contía establecida para o relator de conferencias fíxase en  250 euros por día. Este Comité entende que debería clarificarse se o dito importe é fixo diario, con independencia do número de horas que ocupe a intervención ou se se trata dun importe máximo en función do número de horas.