ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 1/16

Ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2016.

I. ANTECEDENTES

O día 17 de marzo de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, co que remite proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2016 e solicita, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo a exposición de motivos, este proxecto de orde ten como finalidade fomentar a realización das funcións propias das organizacións sindicais e a promoción do funcionamento dos seus gabinetes técnicos así como o apoio aos plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

As subvencións reguladas na referida orde son de dous tipos:
• Programa I: Axuda para o desenvolvemento das actividades ordinarias das centrais sindicais durante o ano 2016.
• Programa II: Axudas para promover o funcionamento de gabinetes técnicos das centrais sindicais e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde publicado no DOG o día 7 de maio de 2015 e o ditame emitido polo Consello con data 23 de febreiro de 2015 (Ditame 6/15), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destacan as seguintes modificacións con respecto á orde do exercicio anterior:

Na exposición de motivos obsérvase unha diminución continuada do importe das axudas, que foi de 1.244.500 € no exercicio de 2013, de 1.170.000 € en 2014, 1.099.800 € en 2015 e nesta convocatoria pasa a ser de 1.063.800 €.

Desta cantidade, mantense igual que no exercicio anterior o crédito para o programa I, en 780.200 € (artigo 4) e o crédito para o programa II redúcese e pasa de 319.600 € a 283.600 € (artigo 8).

Obsérvase que varía a denominación do programa II, xa que na exposición de motivos e no apartado 1 do artigo 1 é a de “axudas para o funcionamento de gabinetes técnicos”, mentres que no apartado 3 deste mesmo artigo e no título do capítulo III é a de “axudas para promover o funcionamento de gabinetes técnicos”.

O artigo 5, apartado 2, relativo ao programa I, especifica as actividades que serán subvencionables e cales non. O mesmo obsérvase respecto do programa II no artigo 9, apartados 2 e 3.

Mantense a modificación da forma de presentación de solicitudes (art. 10), que poderá realizarse unicamente por medios electrónicos, cando anteriormente ao 2015 podía ser presentada en formato papel.

No artigo 16 inclúese un novo apartado 5 no que se dispón que “En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación”.

Polo que se refire á xustificación da subvención, o artigo 18 detalla, no seu apartado 5, letra d) número 3º, os xustificantes que se esixen correspondentes ás cotizacións da Seguridade Social (RLC e RNT, Sistema de liquidación directa Proxecto Creta) e o número 3º da letra j), para o caso de plans de formación, esixe ademais, neste exercicio, a presentación dunha estatística co número de asistentes ás actividades formativas desagregada por sexo.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2016” consta de: Exposición de motivos, vinte e catro artigos, unha disposición adicional e tres disposicións finais.



O día 31 de marzo de 2016 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres anexos coas consideracións xerais e específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma:









• Anexo I, que contén tres consideracións xerais e vinte e unha específicas de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia.

• Anexo II, que contén unha consideración xeral de carácter non unánime manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.

• Anexo III, que contén unha consideración xeral de carácter non unánime manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia.





DITAME 1/2016





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2016, remitido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 17 de marzo de 2016, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza que tivo lugar o día 31 de marzo de 2016, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


















ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

Consideracións xerais:

Primeira.
No ditame desta norma para o exercicio de 2008, as organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais manifestaron que non podían deixar de significar que persisten importantes diferenzas con respecto aos créditos orzamentarios de programas similares existentes na maior parte das restantes Comunidades Autónomas, polo que propoñían que se consignasen incrementos significativamente superiores ao IPC.

Malia isto, vense observando un descenso continuado dos importes globais das axudas obxecto deste proxecto normativo, pois entre 2010 e 2016, foise producindo unha minoración das contías constante:

2010: 2.125.000 €
2011: 1.913.500 €
2012: 1.758.900 €
2013: 1.244.500 €
2014: 1.170.000 €
2015: 1.099.800 €
2016: 1.063.800 €

A organizacións sindicais consideran que a porcentaxe de redución aplicada a estes programas (50%) resulta moi superior á media do descenso do orzamento xeral producida entre 2010 e 2016 (arredor dun 12%).

Segunda.
Este proxecto normativo, ao igual que nos tres exercicios anteriores, suprime o programa II de axudas ás centrais sindicais para a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais non comprenden a desaparición das axudas a estes gabinetes, que poderían constituír un importante elemento anti-crise mediante o seu asesoramento en temas como, por exemplo, o autoemprego cooperativo.

Terceira.
En relación coa consideración xeral que expresa a CEG neste ditame, as organizacións  sindicais consideran que a súa base argumental está certamente desenfocada e, ademais, lembran a existencia de múltiples partidas orzamentarias que se entregan en exclusiva as organizacións  empresariais, que suman un montante moi superior ao previsto nesta orde.

As centrais sindicais queren poñer tamén de relevo, a este respecto, que mentres esta orde de subvencións sofre un novo recorte do 3,28%, outras partidas orzamentarias das que a CEG recibe a metade, non sofren merma algunha.

Consideracións específicas:

Primeira.- Exposición de Motivos.
As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que o parágrafo sexto da Exposición de Motivos debería adaptarse á normativa laboral, tal como figura recollida no artigo 5 deste proxecto de orde (“para os efectos das axudas previstas nesta Orde, terase en conta a representatividade sindical a 31 de decembro de 2015 referida exclusivamente ao ámbito territorial de Galicia”).

Segunda.- Artigo 1. Obxecto.
Obsérvase que varía a denominación do programa II, xa que na exposición de motivos e no apartado 1 deste artigo 1 é a de “axudas para o funcionamento de gabinetes técnicos”, mentres que no apartado 3 deste mesmo artigo 1 e no título do capítulo III é a de “axudas para promover o funcionamento de gabinetes técnicos”, polo que se debería corrixir.

Terceira.- Artigo 1. Obxecto.
No parágrafo segundo do apartado 1 deste artigo obsérvase un erro de concordancia, polo que debería substituirse o termo “teranse” polo de “terase”.

Cuarta.- Artigo 9. Entidades beneficiarias e actividades subvencionables.
No primeiro parágrafo deste artigo suprimiuse a alusión á Lei 11/1985 referida á representatividade das centrais sindicais, recollida na orde do exercicio de 2011, que consideramos debería manterse.

Quinta.- Artigo 10. Solicitudes.
No primeiro parágrafo deste artigo disponse que a presentación de solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos.

Proponse que se siga a manter tamén a posibilidade de presentación das solicitudes en formato papel.

Sexta.- Artigo 12. Consentimentos e autorizacións.
Proponse que se invirta a redacción dos apartados 1 e 2 deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Sétima.- Artigo 14. Documentación específica.
No segundo parágrafo deste artigo esíxese xuntar copia compulsada dos contratos de traballo do persoal adscrito ao gabinete.

Proponse que se admita tamén a posibilidade de copia cotexada.

Igual consideración formúlase respecto do artigo 18, apartado 5, letras b) e f), así como respecto do artigo 13, apartado a).

Oitava.- Artigo 16. Resolución.
O artigo 13 da orde do exercicio 2014, no seu primeiro parágrafo, establecía que as resolucións deberán ser sempre motivadas.

Considérase que debe manterse a redacción da orde citada e que as resolucións deberán estar sempre motivadas.

Novena.- Artigo 18. Xustificación da subvención.
Dado que os programas teñen por obxectivo subvencionar a actividade ordinaria e esta desenvólvese ao longo de todo o ano, considérase que se debería habilitar a posibilidade de xustificar gastos ata o 31 de decembro ou, en todo caso, por períodos anuais completos.

Décima.- Artigo 18. Xustificación da subvención.
Neste artigo utilízanse na clasificación a letra j).

Considérase que esta letra é impropia do alfabeto galego, polo que debería substituírse pola seguinte que corresponda.

Décimo primeira.- Artigo 18. Xustificación da subvención.
O apartado 5, letra b) deste precepto obriga a presentar facturas orixinas ou copias compulsadas seladas pola entidade emisora.

Na práctica, moitas facturas achéganse por correo electrónico e non veñen seladas pola entidade emisora.

Por iso, as organizacións sindicais propoñen que se admitan, como xustificación, as facturas emitidas por vía electrónica así como, para a xustificación do pagamento, a documentación aportada por banca electrónica.

Décimo segunda.- Artigo 18. Xustificación da subvención.
No item 2º da letra d) do apartado 5 deste artigo, recóllese entre a documentación xustificativa a presentar os “modelos 111” relativos ás retencións en concepto de IRPF polos períodos e persoas correspondentes.

Considérase que esta obriga é de imposible cumprimento posto que no modelo 111 non aparecen recollidos os nomes das persoas afectadas nos períodos correspondentes. Se estase a referir ao modelo 190, ten que terse en conta que se presenta anualmente, no mes de xaneiro do seguinte exercicio.

Décimo terceira.- Artigo 18. Xustificación da subvención.
Na letra i) do apartado 5 deste artigo, recóllese no seu último  punto que “deberán constar datas e lugares de realización así coma o contido das ditas actividades”.

Considérase que esta redacción adoece de indefinición, é imprecisa, confusa e mesmo podería resultar redundante, polo que se propón a súa supresión.




Décimo cuarta.- Artigo 18. Xustificación da subvención.
Na última frase do item 3º da letra j (sic) do apartado 5 deste artigo establécese que “no caso de cursos de formación deberán achegarse os controis de asistencia de cada alumna ou alumno”.

Proponse a supresión da dita frase posto que pode colisionar co dereito fundamental de liberdade sindical, protexido constitucionalmente, por canto ningunha persoa pode ser obrigada a expresar a súa afiliación a un sindicato determinado.

Décimo quinta.- Artigo 18. Xustificación da subvención.
Segundo o apartado 9 deste artigo, non poderá realizarse o pagamento da subvención se a central sindical beneficiaria non está ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintrego ou teña calquera débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma.

As organizacións sindicais propoñen que se recolla a posibilidade de permitir á entidade beneficiaria subsanar a débeda en tanto en canto pode que non sexa coñecedora da súa existencia e que, se é debedora en virtude de resolución firme da procedencia de reintegro, que a resolución sexa firme e a débeda teña relevancia.

Décimo sexta.- Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 2 deste artigo disponse que cando se trate de axudas destinadas a promover o funcionamento de gabinetes técnicos das centrais sindicais, achegaranse antes do 10 de febreiro de 2017 os boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social onde figuren os traballadores e traballadoras con adscrición ao gabinete durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro do 2016 ou desde a data da súa creación, se esta fose posterior, ata o 31 de decembro do 2016.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran excesiva esta esixencia de achega documental, cando xa no artigo 14 se require, especificamente para este suposto, a achega de copia dos contratos de traballo do persoal adscrito ao gabinete de que se trate (ademais da documentación que recollen os artigos 13 e 18).

Décimo sétima.- Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 2 deste artigo recóllese unha referencia aos boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social.

Posto que estes boletíns xa non existen, a referencia citada debe substituirse pola que figura no ítem 3º da letra d) do apartado 5 do artigo 18 “os xustificantes correspondentes ás cotizacións da Seguridade Social (RLC e RNT, Sistema de liquidación directa Proxecto Creta)”.

Décimo oitava.- Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 4 deste artigo establécese a obriga de conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos “en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control”.

Considérase que debería fixarse un prazo para o cumprimento da citada obriga.

Décimo novena.- Disposición adicional primeira.
Considérase que o título debería ser “disposición adicional única”, posto que soamente hai unha.

Vixésima.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que as tres disposicións derradeiras (sic) non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais” antes de enunciar cada unha delas.

Vixésimo primeira.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran tres disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais”, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.




ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.


A Confederación de Empresarios de Galicia manifesta o seu total desacordo coa falta de equilibrio e ponderación de intereses que representa o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2016.

O proxecto normativo que se somete a ditame proporciona unha cobertura xurídica para o outorgamento de subvencións ás centrais sindicais  con representación na Comunidade Autónoma de Galicia, para o desenvolvemento das súas actividades ordinarias durante o ano 2016, para o funcionamento dos seus gabinetes técnicos e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Ao non ofrecer, no marco desta regulación ou noutra “ad hoc”, a posibilidade de concorrer á convocatoria por parte das asociacións empresariais en equilibrio coas organizacións sindicais, estanse a conculcar os principios de igualdade e paridade que deben observarse na sempre delicada composición de intereses que representan as relacións laborais.

A Confederación de Empresarios de Galicia, como asociacións empresarial máis representativa en Galicia, representa os intereses económicos e sociais dos seus asociados, de conformidade co establecido no artigo 7º da Constitución Española: “Os sindicatos de traballadores e as asociacións empresariais contribúen á defensa e promoción dos intereses económicos e sociais que lles son propios”.

As asociacións empresariais desenvolven actividades nas que o interese público está claramente presente (diálogo social e institucional, prevención de riscos laborais, fomento da creación de empresas, por poñer algúns exemplos sen carácter exhaustivo) e que deben ser apoiadas e fomentadas igualmente pola Administración Laboral.

Neste sentido, tanto o carácter como a función que ás asociacións empresariais lles encomenda o artigo 7º da Constitución, leva a consideralas como asociacións de relevancia constitucional que cumplen unha función de importancia de acordo coa propia Constitución e como importantes pilares dentro do Estado social e democrático de Dereito.

Que no texto da Constitución se incluíra o dereito de asociación empresarial ao lado do dereito dos sindicatos de traballadores á defensa dos seus respectivos intereses, é un correlato lóxico de trasladar ao noso ordenamento os Convenios 87 e 98 da OIT, que se refiren indistintamente a ambos tipos de organizacións sindicais e empresariais. Así mesmo a Carta Social Europea do Consejo de Europa de 1961, no seu art. 5, define o Dereito Sindical como a libertade dos traballadores e empregadores para constituir organizacións locais, nacionais ou internacionais para a protección dos seus intereses económicos e sociais, establecendo o compromiso de que a lexislación nacional non menoscabe esa liberdade nin se aplique de maneira que poda menoscabala.

É incuestionable o papel fundamental que cumpren as organizacións sindicais, pero exactamente no mesmo nivel é necesario situar ás organizacións empresariais. Deste modo, se as organizacións sindicais e empresariais cumpren unha función fundamental no noso sistema ata o punto de estar recollida a súa existencia no Título Preliminar da Constitución Española como garantes da defensa e promoción dos intereses económicos e sociais de persoas traballadoras e empresas, resulta totalmente inxustificado que existan subvencións específicas unicamente para unha das dúas partes.







































ANEXO III


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CC.OO. DE GALICIA:


As organizacións sindicais UGT- Galicia e SN de CCOO de Galicia solicitan que as expresións “centrais sindicais con representación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia” e “centrais sindicais intersectoriais” que aparecen recollidas no texto do proxecto normativo sexan substituídas por “organizacións sindicais intersectoriais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia”, tal como asinou o Presidente da Xunta no Acordo de Diálogo Social.