ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 2/16

Ditame sobre o proxecto de Orde pola que se adapta o modelo de solicitude do Rexistro de coordinadores e coordinadoras en materia de seguridade e saúde nas obras de construción da Comunidade Autónoma de Galicia e se incorpora á sede electrónica da Xunta de Galicia.

I. ANTECEDENTES

O día 21 de marzo de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, xunto co que remite proxecto de orde pola que se adapta o modelo de solicitude do Rexistro de coordinadores e coordinadoras en materia de seguridade e saúde nas obras de construción da Comunidade Autónoma de Galicia e se incorpora á sede electrónica da Xunta de Galicia e solicita, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Por Decreto 153/2008, do 24 de abril (DOG núm. 145 do 29 de xullo), ditaminado polo Consello o 7 de novembro de 2007 (Ditame 36/07), creouse o Rexistro de coordinadores e coordinadoras en materia de seguridade e saúde nas obras de construción na Comunidade Autónoma de Galicia. Esta norma sinala que este rexistro ten un carácter administrativo e voluntario, co obxecto de xerar unha canle informativa e de garantía profesional e para incentivar a cualificación dos profesionais que actúen como coordinadores e coordinadoras de seguridade e saúde nas obras de construción así como para promocionar a súa formación na materia.

Mediante Orde do 12 de marzo de 2009 (ditaminada o 16 de febreiro de 2009- Ditame 8/09), derrogada posteriormente pola Orde do 25 de marzo de 2013 (DOG núm. 71 do 12 de abril de 2013), ditaminada polo Consello en data 10 de xaneiro de 2013 (Ditame 02/13), regulouse, por primeira vez, o procedemento para a acreditación das entidades formativas da Comunidade Autónoma de Galicia para a impartición do curso de coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción, que establecía a obrigatoriedade da acreditación das ditas entidades para os efectos da validez da formación impartida.

Dito Rexistro non está incorporado á sede electrónica da Xunta de Galicia, polo que, en base ao establecido na Lei 11/2007, de 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, así como na Orde de 12 de xaneiro de 2012, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, resulta imprescindible adaptar o modelo do actual Rexistro para establecer a súa presentación a través de modelos telemáticos. Asi mesmo, as solicitudes de rexistro poderanse presentar tamén en soporte papel, para o que hai que utilizar o formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Xunta de Galicia.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

O obxecto da orde é adaptar o modelo de solicitude e habilitar a presentación electrónica do procedemento de prazo aberto TR 853A- Rexistro de coordinadores/as en materia de seguridade e saúde nas obras de construción da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido no Decreto 153/2008, do 24 de abril (artigo 1). Como novidade, para o devandito procedemento, suprímese a esixencia da  documentación que, de acordo coa lexislación vixente, non se pode solicitar para a súa tramitación ou á cal a Administración galega pode acceder directamente mediante a plataforma de interoperabilidade administrativa.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura como anexo I a esta orde e que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (artigo 2). Opcionalmente, poderanse tamén presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común, para o que hai que utilizar o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente a través de calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal.

Polo que se refire á documentación a presentar, esta ven relacionada no artigo 3.

A acreditación do contido formativo especializado como coordinador ou coordinadora farase segundo o disposto no artigo 4.

Inclúese un artigo referido a consentimentos e autorizacións (artigo 5), que dispón no seu número 1 que “A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das Administracións públicas”. Polo tanto, a solicitude no rexistro de coordinadores/as inclúe autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos.

No artigo referente aos datos de carácter persoal (artigo 6) disponse que de conformidade coa Lei Orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das comunicacións, serán incluídos nun ficheiro denominado <>.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se adapta o modelo de solicitude do Rexistro de coordinadores e coordinadoras en materia de seguridade e saúde nas obras de construción da Comunidade Autónoma de Galicia e se incorpora á sede electrónica da Xunta de Galicia.” consta de: Exposición de motivos, seis artigos, unha disposición adicional e unha final.


O día 31 de marzo de 2016 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e tres específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello.






DITAME 2/2016





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se adapta o modelo de solicitude do Rexistro de coordinadores e coordinadoras en materia de seguridade e saúde nas obras de construción da Comunidade Autónoma de Galicia e se incorpora á sede electrónica da Xunta de Galicia, con data de rexistro de entrada neste Consello o 21 de marzo de 2016, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 31 de marzo de 2016, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E CIG E POLA ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL CEG.

Única.- Obsérvase ao longo de todo o proxecto normativo unha utilización incorrecta do idioma galego que debería ser obxecto de corrección. Tal é o caso do emprego dos xerundios (“utilizando”) e do uso das barras sen estar ante un formulario (“coordinador/a; arquitecto/a”).

Así mesmo existen erros que deberán subsanarse, como, por exemplo, o que figura no terceiro ítem do apartado 1 do artigo 3 (“na elaboración na execución”), no que hai que suprimir “na elaboración”, ou o plural que aparece no oitavo ítem do dito apartado e artigo (“doutras formacións”) que debe ser en singular.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E  CIG E A ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL CEG.

Primeira.- Artigo 5. Consentimentos e autorizacións.
En relación co apartado 1, este Comité propón que se invirta a súa redacción para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa interesada de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que as solicite no seu nome.

Segunda.- Disposición derradeira única.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figura unha disposición derradeira [sic], que debería denominarse “final” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Terceira.- Anexo I
No formulario de solicitude que figura no Anexo I continuación, no apartado de “Documentación que se achega ou declara que está en poder da administración actuante” falta incluír nas casillas da folla 2 as columnas que figuran na folla 3 relativas a “data de presentación, código de procedemento, número de expediente e ano”.

Este Comité considera que esta información hai que esixila tamén para os items da folla 2 do anexo I.