ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 3/16

Proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia (Premios RSE Galicia) para o ano 2016.

I. ANTECEDENTES

O día 26 de abril de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Relacións Laborais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia (Premios RSE Galicia) para o ano 2016. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

A exposición de motivos deste proxecto define a responsabilidade social corporativa (RSC) ou responsabilidade social da empresa (RSE) como a integración, por parte das empresas, das preocupacións sociais e ambientais nas súas operacións comerciais e nas súas relacións cos seus interlocutores, dun xeito voluntario.

Estes Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia institúense mediante o Decreto 156/2014, do 4 de decembro e convócanse para aquelas iniciativas ou medidas de carácter social, ambiental, económico ou que axuden á conciliación laboral, familiar e persoal e á promoción da igualdade de xénero, que foran acometidas polas empresas para implantar e desenvolver a responsabilidade social.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2015 (publicado no DOG o día 14 de agosto de 2015) e o ditame emitido polo Consello con data 23 de xullo de 2015 (Ditame 31/15), obsérvase que  se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Do contido do novo proxecto poden destacarse as seguintes novidades:

Na modalidade que recolle o artigo 10 inclúese agora expresamente a promoción da igualdade de xénero. En consecuencia, engádese un novo exemplo de medida a valorar polo xurado.

En canto aos criterios de valoración (artigo 16), concrétase o contido dalgúns destes, como as memorias de sustentabilidade e os resultados obtidos ou indicadores de seguimento.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia (Premios RSE Galicia) para o ano 2016” consta de: Exposición de motivos, vinte artigos e unha disposición derradeira única .



O día 4 de maio de 2016 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e seis específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, unha consideración xeral de carácter non unánime manifestada polas organizacións sindicais UGT- Galicia e SN de CCOO de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) (Anexo I) e unha consideración específica de carácter non unánime manifestada pola CEG (Anexo II).






DITAME 3/2016





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia (Premios RSE Galicia) para o ano 2016, da Consellería de Economía, Traballo e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de abril de 2016, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de maio de 2016, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS.

Primeira.
Este Comité reitera as consideracións que non se tiveron en conta formuladas no ditame 24/2014, respecto do proxecto de Decreto polo que se institúen os premios RSE Galicia, e solicita a modificación do devandito decreto.

Segunda.
Este Comité considera recomendable que exista unha modalidade de premio en función do tamaño da empresa en materia de Responsabilidade Social Empresarial e ademais mencións especiais para recoñecer publicamente o labor desenvolvido polas empresas galegas en calquera das dimensións ou ámbitos laboral-económico, ambiental, de acción social e de igualdade de xénero.

Terceira.
Este Comité propón que no proxecto normativo se regulen as especificidades dos grupos de empresas a efectos da súa participación nestas distincións. Sería necesario definir, ademais, que se entende por “grupo de empresas” no contexto desta orde.

Cuarta.
Este Comité considera que, para a súa mellor comprensión, a denominación RSE Galicia debería transcribirse como Responsabilidade Social Empresarial Galicia, polo que propón a súa substitución ao longo do proxecto normativo.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS.

Primeira.- Artigo 4. Prazo.
Segundo o apartado 1 deste artigo, o prazo para presentar as solicitudes é dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación da orde.

Este Comité considera o prazo moi curto, polo que propón que sexa de dous meses.

Segunda.- Artigo 5. Categorías.
Este precepto clasifica ás empresas en pequena, mediana e grande en función do número de persoas traballadoras.

Este Comité propón que se modifique esa clasificación e se substitúa pola máis comunmente empregada, de xeito que quede como segue:

Categoría a), pequena empresa: para empresas que ocupen menos de 50 persoas.
Categoría b), mediana empresa: para empresas que ocupen entre 50 e 250 persoas inclusive.
Categoría c), grande empresa: para empresas que ocupen máis de 250 persoas.

Terceira.- Artigo 6. Modalidades ou recoñecementos.
En coherencia co manifestado na consideración xeral segunda, este Comité entende que as modalidades de mencións especiais que figuran neste precepto deberían denominarse:
a) Laboral- económico, b) Medio ambiental , c) De acción social e d) Igualdade de xénero.

Así mesmo, este Comité propón que en cada orde anual de convocatoria dos premios se concreten os aspectos en cada unha das modalidades que se establezan.

Cuarta.-  Artigo 10. Recoñecemento no ámbito da conciliación laboral, familiar e persoal e promoción da igualdade de xénero.
Neste artigo empréganse as letras j e k na clasificación, impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas que correspondan.

Igual consideración formúlase respecto do artigo 16.

Quinta.-  Artigo 19. Consentimento e autorizacións.
En relación co apartado 1, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa interesada de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que as solicite no seu nome.

O mesmo se observa respecto do apartado 3.

Sexta.- Disposición derradeira (sic) única.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figura unha disposición derradeira que debería denominarse disposición final para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CCOO DE GALICIA E UGT-GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG).

As organizacións sindicais UGT-Galicia e o SN de CCOO de Galicia e máis a CEG propoñen incluír no segundo parágrafo da exposición de motivos a referencia ao Acordo a prol da Responsabilidade Social Empresarial en Galicia, polo que propón incluir a seguinte redacción neste segundo parágrafo:

“A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, no seu interese por promover e difundir o concepto da responsabilidade social e empresarial, de conformidade co establecido no Acordo a prol da Responsabilidade Social Empresarial en Galicia, asinado o abeiro do proceso de diálogo social en Galicia o 5 de febreiro de 2007 dentro do Acordo sobre un novo marco de relacións laborais en Galicia, ...”.

ANEXO II


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG).

Artigo 2.- Requisitos das entidades candidatas.
O apartado 2 deste precepto establece que para optar aos premios RSE Galicia as entidades candidatas non poden ter sido sancionadas, con carácter grave ou moi grave, en calquera dos ámbitos descritos nesta orde, nos tres anos anteriores a esta convocatoria.

A CEG considera que para excluír á entidade debería tratarse dunha sanción firme.

Igualmente, debería modificarse o establecido no Anexo I, relativo á declaración responsable da entidade “Non ter sido sancionada en firme con carácter grave ou moi grave”.