ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 4/16

Proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras do programa de incentivos á creación de emprego e incremento da estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

I. ANTECEDENTES

O día 26 de abril de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras do programa de incentivos á creación de emprego e incremento da estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, no marco establecido no artigo 40 da Constitución española, na Lei 56/2003, do 16 de decembro, de Emprego, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de Autonomía de Galicia, e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, un dos obxectivos prioritarios é que a sociedade galega acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, para o que é preciso adoptar políticas activas de emprego que favorezan o emprego dos colectivos máis desfavorecidos desde a perspectiva laboral.

Na presente orde recóllense unha serie de incentivos á contratación por conta allea coa finalidade de favorecer o emprego estable e facilitar a empregabilidade e ocupabilidade das persoas traballadoras con maiores dificultades de inserción laboral, a través dunha serie de programas.


Este proxecto normativo someteuse a ditame no ano 2009, e posteriormente as axudas disgregáronse, regulándose en distintas ordes. Do seu contido pode destacarse o seguinte:

As axudas que regula este proxecto nomativo financiaranse con cargo a un crédito que, no seu conxunto, ascende a 1.536.818 euros (artigo 2).

O prazo para presentar as solicitudes das axudas comezará ao día seguinte ao da publicación deste proxecto de orde e rematará o 30 de setembro de 2016 (artigo 6), mentres que o prazo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses, a contar desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a tramitación (artigo 10).

Neste proxecto recóllense catro programas distintos:

Os dous primeiros establecen incentivos á contratación indefinida inicial (Capítulo IV) e á transformación de contratos temporais en indefinidos (Capítulo V).

Ambos os dous programas figuraban xa na Orde de incentivos á contratación das persoas traballadoras para o ano 2014 (DOG do 4 de xuño de 2014), que foi obxecto do Ditame 17/2014.

Respecto dos incentivos á transformación de contratos temporais en indefinidos, hai que ter en conta que os únicos contratos subvencionables ao abeiro deste programa son os contratos de prácticas, para a formación e a aprendizaxe, de revezamento ou de substitución por anticipación da idade de xubilación (artigo 27).

O Capítulo VI dedícase ao Programa de incentivos á contratación temporal, que subvenciona os contratos temporais realizados coas persoas desempregadas que esgotasen as prestacións por desemprego e coas persoas desempregadas maiores de 30 anos (artigo 36).

Finalmente, o Capítulo VII recolle o Programa de incentivos á contratación (tanto temporal como indefinida) de persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social, cuxo contido coincide substancialmente co do proxecto de Orde de incentivos á contratación das persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social para o ano 2016, que foi obxecto do Ditame 46/2015 e que non foi publicado.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras do programa de incentivos á creación de emprego e incremento da estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016” consta de: Exposición de motivos, cincuenta artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 11 de maio de 2016 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e dezaoito específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime: dúas consideracións xerais e catro específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e catro específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).



DITAME 4/2016





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras do programa de incentivos á creación de emprego e incremento da estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de maio de 2016, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Este Comité considera que esta orde debería prever a posibilidade de que os postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade poidan requirir medidas de adaptación, polo que podería establecerse algún tipo de axuda para estes casos.
Segunda.
Este Comité observa que existen erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente na utilización do masculino xenérico (por exemplo, “desempregados” no terceiro parágrafo da exposición de motivos), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, polo que se propón unha revisión do texto do proxecto normativo.
Terceira.
Neste proxecto normativo faise referencia aos boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social (TC2). Estes boletíns xa non existen, polo que é preciso facer referencia aos xustificantes correspondentes ás cotizacións da Seguridade Social (RLC e RNT, Sistema de liquidación directa Proxecto Creta).




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. Exposición de motivos.

No quinto parágrafo da exposición de motivos faise referencia aos “axentes sociais”. Este Comité considera máis apropiado o uso da expresión “interlocutores sociais”.

Segunda.- Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión.

No apartado 3 deste artigo establécese que, por tratarse de subvencións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, será de aplicación a normativa estatal en materia de subvencionalidade dos gastos.

Este Comité considera que se debería especificar de que normativa se trata e incluir a súa data de publicación.

Formúlase a mesma consideración respecto dos artigos 32.3, 40.3 e 48.3.

Terceira.- Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión.

No apartado 4 b) figura erroneamente nomeada a Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Cuarta.-  Artigo 2. Orzamentos.
Este Comité considera redundante que os orzamentos que financian estas axudas se regulen no apartado 2 deste artigo cando xa figuran no artigo 1 ao enumerar cada programa.
Quinta. Artigo 3. Definicións.
Obsérvase que no apartado 2 deste artigo empréganse as letras j e k na clasificación.
Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas que correspondan.
Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 4.3 polo uso da letra j.
Sexta. Artigo 3. Definicións.
Segundo o apartado 2 deste artigo, considérase un concello rural aquel que teña unha poboación de menos de 20.000 habitantes.
Este Comité estima que, aínda que se podería considerar o número de habitantes como un criterio para definir un concello como rural, é preciso engadir algún outro, pois existen concellos de menos de 20.000 residentes nos que predomina maioritariamente a tipoloxía urbana.
Sétima. Artigo 7. Consentimentos e autorizacións.
En relación cos apartados 1 e 2, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.
Oitava. Artigo 9. Procedemento de concesión, instrución e tramitación.
Este Comité considera oportuno revisar a redacción do apartado 4 deste artigo. Debería preverse a posibilidade de substitución, e non establecer o desistimento automático da empresa, cando a baixa se produza por causas alleas á esta.
Novena. Artigo 10. Resolución e recursos.
Este Comité considera que o prazo para resolver e notificar debería ser de 3 meses en lugar dos cinco meses que establece o apartado 2 deste artigo.
Décima. Artigo 10. Resolución e recursos.
Este Comité considera que no apartado 6 deste artigo deberíase suprimir o que figura en último lugar: “en especial os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución.”
Décimo primeira. Artigo 14. Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.
No apartado 2 a) deste artigo faise referencia aos “lugares de realización da actuación”. Este Comité considera que esta expresión é demasiado ampla. Suxírese que se modifique a redacción para adaptala á natureza da subvención.
Décimo segunda. Artigo 14. Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.
Segundo o apartado 2 b) deste artigo deberanse “realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións”. Este Comité considera que se debería concretar no texto do precepto o significado de “actuacións precisas” e “información suficiente”.
Décimo terceira. Artigo 18. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.
Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos nun parágrafo separado.
Décimo cuarta. Artigo 19. Ámbito temporal de aplicación e contratacións subvencionables.
Segundo o primeiro apartado deste artigo, serán subvencionables ao abeiro do programa de incentivos á contratación indefinida inicial, as contratacións que se formalicen desde o día seguinte á data de publicación desta orde ata o 30 de setembro de 2016.
Este Comité considera que o prazo establecido é moi curto, e que sería máis apropiado que o prazo para formalizar as contratacións abarcase un exercicio completo.
Formúlase a mesma consideración respecto dos artigos 27.1, 35 e 43.1, nos que se regulan os restantes programas.
Décimo quinta. Artigo 22. Exclusións.
No apartado 3 deste artigo menciónanse os grupos de empresas. Este Comité considera necesario definir que se entende por “grupo de empresas” no contexto desta orde.
Décimo sexta. Artigo 24. Xustificación e pagamento.
No apartado 1 e) obsérvase un erro de concordancia de xénero na expresión “documento acreditativa”.
Décimo sétima. Disposicións adicionais.
Obsérvase que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].
Décimo oitava. Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:


CONSIDERACIÓNS XERAIS:

Primeira.
As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido escasos resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais. A cativa diminución da precariedade contractual relativa non é produto dun avance na calidade do emprego, senón que resulta do efecto estatístico da expulsión da actividade laboral de persoas traballadoras con contrato non estable, que se ten acentuado como consecuencia da crise económica.
Xa que logo, eses recursos públicos e máis nestes momentos de rigor orzamentario, deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.
Segunda.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que nunha orde destinada a favorecer a contratación estable das persoas traballadoras (agás no suposto do colectivo de persoas en risco de exclusión social), non se deberían incentivar os contratos temporais de persoas desempregadas, senón fomentar exclusivamente a súa contratación indefinida.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:
Primeira.- Artigo 20. Requisitos.
O apartado 3 desta disposición establece que para o cómputo do cadro de persoal fixo non se terán en conta as baixas producidas por propia vontade da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que non se teñan en conta para o cómputo do persoal fixo as baixas por propia vontade da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.
Formúlase a mesma consideración respecto dos artigos 28.1, 36.3 e 44.3 deste proxecto normativo.

Segunda.- Artigo 21. Contías dos incentivos.
Sen prexuízo do sinalado na consideración xeral primeira, enténdese que o custo máximo subvencionable debería ser o custo de Seguridade Social da persoa contratada.
Formúlase a mesma consideración respecto dos artigos 29.3 e 37.2.


Terceira.- Artigo 22. Exclusións.
O apartado 4 deste artigo recolle, entre as exclusións, o suposto das persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, con algunha excepción.
As organizacións sindicais entenden que esta inclusión opera como cautela, o que fai que ese prazo de tres meses resulte escaso, considerando que se debería ampliar sensiblemente.
Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 38.4.

Cuarta .- Artigo 25. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este precepto, no seu apartado 1, obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde durante un período de dous anos a computar desde a data de realización da contratación. Igualmente, nos seus apartados 2 e 3, alúdese de novo a un período de dous anos.
As organizacións sindicais consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se perverta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras, xa que se da o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar sensiblemente inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar ata cinco anos o referido período.
Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 33 e dos seus apartados 1, 2 e 3.

ANEXO II



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 20. Requisitos.
Nestes artigos figura como requisito de acceso aos incentivos o de incrementar o emprego neto da empresa no ámbito territorial de Galicia respecto aos tres meses anteriores ao mes de realización da contratación pola que se solicita subvención. En opinión da CEG este requisito, no suposto de contratacións indefinidas, debera eliminarse pois penaliza a aquelas empresas que polas circunstancias da súa actividade tivesen empregados contratados temporalmente que finalizasen a súa relación laboral no período dos tres meses anteriores. A CEG considera suficiente o requisito do incremento do persoal fixo da empresa en aras a conseguir un maior impacto da medida de incentivación da contratación indefinida inicial.
Formúlase a mesma consideración respecto dos artigos 28 e 44.
Segunda.- Artigo 26. Reintegro.
Estipúlase con respecto ao cálculo da contía a reintegrar parcialmente no suposto de efectuar a substitución fora do prazo regulado no proxecto de Orde, que o mes no que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día de dito mes no que aquela se realice.
En opinión da CEG, o sistema de cálculo do reintegro parcial debería considerar a  parte do mes na que o posto estivo vacante e non considerar todo o mes como de incumprimento.
Formúlase a mesma consideración respecto dos artigos 34 e 50.
Terceira.- Artigo 29. Contía dos incentivos.
Neste artigo, incluído no capítulo V (programa de incentivos á transformación de contratos temporais en indefinidos), incentívase a transformación de contratos temporais en indefinidos cunha contía de  2.000 euros. No caso de contratacións indefinidas iniciais as contías dos incentivos estipúlanse entre 5.400 euros a 6.600 euros, dependendo da persoa contratada e da porcentaxe de persoal indefinido da empresa. Apréciase unha diferenza importante entre os incentivos á contratación indefinida inicial e os incentivos á transformación, en opinión da CEG, para conseguir un maior impacto da medida de estímulo ás transformacións, deberan incrementarse as contías establecidas.