ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 5/16

Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para o fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

I. ANTECEDENTES

O día 26 de abril de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para o fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación e se procede á súa convocatoria para o ano 2016. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.


Segundo a exposición de motivos, a competencia en materia de políticas activas de emprego correspóndelle á Consellería de Economía, Emprego e Industria, segundo o disposto no Decreto
116/2015, do 4 de outubro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia e no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, no marco das políticas activas de emprego, xestiona os programas de apoio aos emprendedores e á economía social, xa que o autoemprego estase a amosar unha fórmula eficaz para a incorporación ou a reincorporación ao mercado de traballo das persoas desempregadas.

O programa  fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación que se regula na presente orde ten por finalidade apoiar ás persoas emprendedoras que, constituíndo pequenas empresas, actúan como axentes dinamizadores da economía e do emprego en Galicia, especialmente aquelas empresas que se implantan nos territorios rurais e, pola súa vez, xeren emprego para a nosa mocidade e para as mulleres en desemprego. Nas medidas dirixidas ao fomento de empresariado feminino teranse en conta de xeito preferente ás mulleres emprendedoras con especiais dificultades de inserción laboral ou en situacións marcadas pola desvantaxe social.

A Comunidade Autónoma galega considera de importancia o retorno e a incorporación laboral da súa poboación no exterior, polo que nesta liña se pretende tamén chegar á poboación galega, laboralmente activa, que reside fóra de Galicia.


Este proxecto normativo non se tramitou en 2015. Do seu contido pode destacarse o seguinte:

En canto ao obxecto e finalidade (artigo 1. apartado 2) deste programa é xerar emprego estable para persoas desempregadas, principalmente entre a mocidade, os homes maiores de 45 anos e as mulleres, co apoio e dinamización do desenvolvemento de novas iniciativas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, con especial atención aos concellos do rural galego.

As axudas que regula este proxecto normativo financiaranse cun crédito que ascende a 3.000.000 € (artigo 4).

As axudas previstas (artigo 7) consisten en: a) Subvención á xeración de emprego estable, b) Subvención para formación, c) Subvención para o inicio da actividade e d) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.

En materia de resolución e recursos (artigo 19), establecese que as resolucións deberán ser sempre motivadas e ditaranse e notificaranse nun prazo de cinco meses, contado desde a data da entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, a solicitude entenderase rexeitada e cabe interpor recurso contencioso-administrativo e, con carácter potestativo, recurso de reposición.

Finalmente, en materia de incompatibilidades e concorrencia (artigo 21) disponse que en ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 80% do custo da actividade que vaia desenvolver a entidade beneficiaria.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras do programa para o fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación e se procede á súa convocatoria para o ano 2016” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinteoito artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.


O día 11 de maio de 2016 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e quince específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, unha consideración xeral e unha específica de carácter non unánime manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia e SN de CCOO de Galicia e a CIG (Anexo I) e unha consideración xeral e unha específica de carácter non unánime manifestadas pola CEG (Anexo II).





DITAME 5/2016


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para o fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación e se procede á súa convocatoria para o ano 2016, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de maio de 2016, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.
Obsérvase que no texto do proxecto normativo persisten algunhas incorreccións en materia de xénero, como o uso do masculino xenérico, por exemplo, “os administradores” no artigo 25.2.d), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, polo que se propón unha revisión do texto do proxecto normativo.
Ademais, de cara a unha boa interpretación, este Comité suxire especificar, no apartado 2 do artigo 1, que a referencia aos maiores de 45 anos alude a homes maiores de 45 anos.
Segunda.
Este Comité considera que esta orde debería prever a posibilidade de que os postos de traballo ocupados por persoas con  discapacidade poidan requirir medidas de adaptación, polo que podería establecerse algún tipo de axuda para estes casos.
Terceira.
Este Comité propón que, para evitar problemas de índole fiscal e contable, sexan as persoas físicas afectadas as beneficiarias directas da subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar que se regula no artigo 11 do proxecto normativo.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.- Artigo 5. Definicións.
Segundo a letra h) deste artigo, considérase un concello rural aquel que teña unha poboación de menos de 20.000 habitantes.
Este Comité estima que, aínda que para definir un concello como rural se podería considerar como criterio o número de habitantes, é preciso engadir algún outro, pois existen concellos de menos de 20.000 residentes nos que predomina maioritariamente a tipoloxía urbana.
Segunda.- Artigo 5. Definicións.
Obsérvase que no apartado 2 deste artigo empréganse as letras j e k na clasificación.
Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas que correspondan.
Terceira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
Este Comité considera que se debería revisar a redacción  deste artigo, xa que pode levar a confusión. Non quedan claros os motivos da exclusión  das sociedades cooperativas e laborais no primeiro apartado, e a súa inclusión no segundo se teñen a cualificación de ILE.
Cuarta.- Artigo 14. Solicitudes e prazo de presentación.
No segundo apartado deste artigo establécese que o prazo xeral para a presentación de solicitudes das axudas deste programa finalizará o 30 de setembro de 2016.
Este Comité considera que este prazo xeral é moi curto, e que sería máis apropiado estendelo ao longo dunha anualidade completa.
Quinta.- Artigo 14. Solicitudes e prazo de presentación.
No segundo parágrafo do segundo apartado deste artigo faise referencia erroneamente ao artigo 8.4 (figura coma artigo 8.5).
Sexta.- Artigo 15. Consentimentos e autorizacións.
En relación cos apartados 1 e 3, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.
Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 18.2 a).
Sétima.- Artigo 19. Resolución e recursos.
Este Comité considera que o prazo para resolver e notificar debería ser de 3 meses en lugar de 5.
Oitava.- Artigo 20. Xustificación e pagamento.
O apartado 8 deste precepto establece que non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa ou entidade beneficiaria sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro. Este Comité considera que para excluír á empresa debería tratarse dunha resolución declarativa firme.

Novena.- Artigo 21. Incompatibilidades e concorrencia.

No apartado 3 figura erroneamente nomeada a Consellería de Economía, Emprego e Industria.




Décima.- Artigo 22. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.

No apartado 1 e) deste artigo establécese como obriga das persoas ou entidades beneficiarias “estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda.”

Este Comité propón que se que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “outra débeda”, en tanto en canto pode non ser coñecedora da súa existencia.

Décimo primeira.- Artigo 22. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
No apartado 1 g) deste artigo establécese obriga das persoas ou entidades beneficiarias “conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.”

Este Comité considera que o precepto debería ser máis concreto. Neste sentido, sería preciso especificar o tempo durante o que se deben conservar os documentos, tal e como figura no proxecto normativo ditaminado este mesmo día, que regula o programa de incentivos á creación de emprego e incremento da estabilidade laboral que, no seu artigo 13.e), establece un prazo dos tres anos seguintes á data de certificación dos gastos á Comisión Europea, que será publicada no DOG.

Décimo segunda.- Artigo 22. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.

Este Comité considera que se deberían concretar as “medidas adecuadas de difusión” ás que se refire o apartado 1 h) deste artigo.
Décimo terceira.- Artigo 27. Axudas baixo condicións de minimis.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.
Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos nun parágrafo separado.
Décimo cuarta. Disposicións adicionais.
Obsérvase que as catro disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].
Décimo quinta. Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.



ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA.

Consideración Xeral.
As organizacións sindicais que integramos o Consello Galego de Relacións Laborais consideramos que, na medida en que as axudas previstas no artigo 7.a) deste proxecto normativo poden ser utilizadas pola persoa beneficiaria para a contratación estable de terceiras persoas, é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido escasos resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais. A cativa diminución da precariedade contractual relativa non é produto dun avance na calidade do emprego, senón que resulta do efecto estatístico da expulsión da actividade laboral de persoas traballadoras con contrato non estable, que se ten acentuado como consecuencia da crise económica.
Xa que logo, eses recursos públicos e máis nestes momentos de rigor orzamentario, deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.

Consideración específica.
Artigo 8. Subvención á xeración de emprego estable
En relación co establecido no apartado 2 deste artigo e sen prexuízo do sinalado na consideración xeral, enténdese que o custo máximo subvencionable debería ser o custo de Seguridade Social da persoa contratada.


ANEXO II
CONSIDERACIÓNS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

CONSIDERACIÓN XERAL:
A CEG valora positivamente o proxecto de Orde, especialmente en canto ao alcance das entidades beneficiarias desta, ao fomentar e estimular o emprego nas pequenas empresas de nova creación calquera que sexa a forma xurídica que adopten.

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA:
Artigo 24. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro
Regúlase neste artigo a perda do dereito ao cobramento da axuda e o reintegro. No seu número catro, con respecto ao cálculo da contía a reintegrar parcialmente no suposto de efectuar a substitución fora do prazo regulado no proxecto de Orde, estipúlase  que o mes no que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día de dito mes no que aquela se realice.
En opinión da CEG, o sistema de cálculo do reintegro parcial debería considerar a  parte do mes na que o posto estivo vacante e non considerar todo o mes como de incumprimento.