ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 5/03

DICTAME SOBRE O BORRADOR DA ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES QUE REXEN AS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA O EXERCICIO DE 2003 DA CONSELLERÍA DE FAMILIA, PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE PARA A CONTRATACIÓN POR PARTE DAS ENTIDADES LOCAIS DE TRABALLADORES DESEMPREGADOS BENEFICIARIOS DO PROGRAMA “LABORA: XUVENTUDE CON EXPERIENCIA” PARA A REALIZACIÓN DE OBRAS OU SERVICIOS DE INTERESE XERAL E SOCIAL E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA

En relación coa solicitude de dictame sobre o borrador da Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2003 do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego (ILES) e iniciativas de emprego rural (IER), remitida pola Dirección Xeral de Fomento do Emprego da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude o 27 de decembro de 2002, con rexistro de entrada neste Consello na mesma data, a efecto de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2.b) da Lei 7/1988, de 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o 8 de xaneiro de 2003, acordou face-las seguintes consideracións, DE CARÁCTER UNÁNIME, que se reproducen a continuación:

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente Dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2003.


Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME Ó BORRADOR DA ORDE MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E MAILA CIG.


As organizacións sindicais S.N. de CC.OO. de Galicia e maila CIG con presencia no Consello Galego de Relacións Laborais fan consta-la súa protesta polo feito de que o Comité Autonómico de Emprego que, de acordo co establecido no Artigo 2.1, 2 e 5 do Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral é o organismo encargado de coñecer, participar  e informa-la planificación das políticas activas de emprego e da programación das distintas medidas das políticas activas de emprego, non mantivo a reunión acordada no mes de setembro, cara ó cumprimento das súas mencionadas funcións. Os dictames que ten que facer o Consello Galego de Relacións Laborais a cada unha das normas, precisan da visión do conxunto da planificación de medidas activas polo que ó carecer desta, os informes a cada unha das normas carecen desa perspectiva. Consideran que a norma remitida para o seu dictame debeu de ser obxecto de tratamento e debate neste órgano consultivo previamente á petición ó Consello Galego de Relacións Laborais da emisión do dictame. Por todo elo, non entran a valorar o contido desta norma, pospoñendo o seu dictame ata que, o Comité Autonómico de Emprego coñeza, participe e emita informe sobre a planificación das políticas activas de emprego e fixe os criterios de reparto das axudas e subvencións, tendo en conta que, en contra do que ven sucedendo ata agora,  debe ser proporcional ó número de parados existentes en cada área funcional.

ANEXO II
CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME Ó BORRADOR DA ORDE MANIFESTADAS POLA CEG.

Primeira.- Reprodúcense as consideracións e propostas de modificación feitas por unanimidade no dictame 21/2002 do borrador da Orde reguladora destas axudas, emitido en data 21 de xuño de 2002, relativas ós artigos: 7º.1. Resolución; art. 10º. Incentivo á mobilidade xeográfica e art. 14º.3 Requisitos e criterios para a selección de obras ou servicios.

Segunda.- Consideración de carácter xeral.-
Ó examinar tanto o contido da Exposición de Motivos como algún dos artigos da presente Orde, obsérvase que se está a mencionar ó decreto 148/2002, do 18 de abril, regulador do Programa “Labora: xuventude con experiencia”. Para maior seguridade xurídica, sería adecuado que a modificación do decreto sexa publicada antes que esta orde e referenciar no seu texto a norma que modifica o decreto 148/2002.

Terceira.- Artigo 4º.2. Contía.
O apartado 2 deste precepto establece que “a retribución dos traballadores que se incorporen a estes programas será, de conformidade co disposto no artigo 15º.1d) do Real decreto lexislativo 1/1995, de 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da lei do Estatuto dos Traballadores, na súa redacción dada pola Lei 12/2001, do 9 de xullo, a que se acorde entre as partes sen que poida ser inferior á establecida, se é o caso, para os contratos de inserción no convenio colectivo aplicable.”
A CEG considera inapropiada e equívoca a inclusión deste apartado, no que se está a falar de obrigas da entidade beneficiaría das axudas, dentro dun artigo que, como indica o seu propio título, regula a contía das subvencións.
En consecuencia a CEG PROPÓN que este apartado se inclúa no artigo 11º, que establece as incompatibilidades e obrigas dos beneficiarios, como un inciso h).